Igrexa de Santa Sofía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Santa Sofía

Santa Sofía (en turco Ayasofya e en grego Άγια Σοφία) sita en Istambul considérase a obra máis importante da época Bizantina. Foi empregada como igrexa durante 916 anos, dende a súa construción no ano 537 ata a conquista da cidade no ano 1453. Dende esta data ata 1934, durante 481 anos, foi empregada como mesquita. Logo de pasar unha restauración cumprida por orde de Mustafa Kemal Atatürk, fundador da república Turca, en febreiro de 1935, foi inaugurada como museo.

Santa Sofía rompeu moldes. Responde á idade de ouro da arte bizantina e á dinámica de construción de grandes edificios que implantou o cristianismo. É unha síntese entre a tradición clásica grecolatina e a tradición construtiva oriental; a primeira presentada pola planta basilical, os piares de carga principais, e a grande escala do conxunto; e a segunda polo espazo central coroado por unha cúpula. Santa Sofía legoulle á posteridade o emprego do sistema de pechinas a escala monumental pasa pasar da forma cadrada da base á circular da cúpula; futura constante da arquitectura bizantina e, máis adiante, da occidental. Tamén lle deu o impulso definitivo ao mosaico, a técnica que mellor permitía explota-las posibilidades da luz e da cor no interior das igrexas bizantinas.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira Igrexa[editar | editar a fonte]

Anacos de pedra da segunda igrexa
Anacos de mármore pertencentes á segunda igrexa

Hoxe en día non quedan restos da primeira igrexa construída nesta localización, coñecida en grego como (Megál Ekklsí, «Gran Igrexa»), ou en latín Magna Ecclesia.

Como a miúdo pasaba naqueles tempos, o actual emprazamento de Santa Sofía foi seleccionado pola existencia previa dun templo pagán. A igrexa foi construída preto da área onde se estaba construíndo o palacio imperial e ao carón dunha igrexa máis pequena Hagia Irene, que facía de catedral no tempo no que Santa Sofia atopábase en construción. Santa Sofia foi inaugurada polo emperador Constantino II o 15 de febreiro do 360. As dúas igrexas formaban parte das igrexas principais do Imperio Bizantino.

Socrates de Constantinopla (380-440) fixo a crónica desta igrexa, afirmando que fora construída por Constantino I. Santa Sofía foi construída como unha basílica tradicional latina con galerías e un teito de madeira e precedida por un adro. Naqueles tempos xa era considerada como un dos monumentos máis excepcionais do mundo.

O alcume de "Megálē Ekklēsíā" seguiuse empregando durante moito tempo, e non se mudou polo nome de Santa Sofia ata logo da conquista bizantina de 1453.

A segunda igrexa[editar | editar a fonte]

O 20 de xuño do 404 o patriarca de Constantinopla, Xoán Crisostomo foi mandado ao exilio despois de entrar en conflito coa emperatriz Aelia Eudoxia, muller do emperador Arcadio. A partir do anterior feito, producíronse unha serie de liortas e revoltas durante as cales a antiga igrexa foi queimada. A construción dunha segunda igrexa foi ordenada por Teodosio II, quen a inaugurou o 10 de outubro do 405. Os lumes xurdidos a partir da Revolta de Nika tiveron como consecuencia a destrución da segunda Santa Sofía, queimada entre o 13 e o 14 de xaneiro do ano 532. Tan só algúns anacos de mármore sobreviviron ata a actualidade, estes atópanse expostos no xardín da Santa Sofía actual. Estes anacos de mármore foron atopados por A.M. Schneider en 1935, durante as escavacións que levou a cabo no patio oeste da igrexa, estes formaban parte dunha grande entrada da igrexa que se atopaba no lugar.

Terceira e derradeira igrexa[editar | editar a fonte]

A súa construción foi encargada ós arquitectos Antonio de Tralles e Isidoro de Mileto e comezada no ano 532 durante o reinado do emperador Xustiniano I sendo rematada no 537.