Saltar ao contido

Aleixo I Comneno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAleixo I Comneno

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Ἀλέξιος Κομνηνός Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1048 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Morte15 de agosto de 1118 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedoenza Editar o valor en Wikidata
Emperador bizantino
4 de abril de 1081 – 15 de agosto de 1118
← Nicéforo IIIXoán II Comneno → Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónEmperador Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloEmperador Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía Ducas-Comneno Editar o valor en Wikidata
CónxuxeIrene Ducaina (1078 (Gregoriano)–) Editar o valor en Wikidata
FillosBarbara Komnena (disputado), Ana Comnena, Maria Comnena (filha de Aleixo I), Xoán II Comneno, Andrônico Comneno, Isaac Comneno, Eudocia Comneno, Teodora Comnena Angelina Editar o valor en Wikidata
PaisJoão Comneno (doméstico das escolas) Editar o valor en Wikidata  e Ana Dalassena Editar o valor en Wikidata
IrmánsIsaac Comneno (irmão de Aleixo I)
Adriano Comneno
Manuel Komnenos
Nikephoros Komnenos
Theodora Komnene
Maria Komnene
Eudokia Komnene Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética (1926—1947)
Enciclopedia de Otto
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1227487 WikiTree: Komnenos-1

Aleixo I Comneno, nado en 1048 e finado o 15 de agosto de 1118, foi o emperador bizantino entre 1081 e 1118.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi o terceiro fillo de Xoán Comneno, sobriño á súa vez de Isaac I Comneno, emperador entre 1057 e 1059. O pai de Aleixo rexeitou o trono cando Isaac abdicou, e entre 1059 e 1081 reinaron catro emperadores pertencentes a dinastías diferentes. Durante o reinado dun deles, Romano IV Dióxenes (1067-1071), Aleixo serviu con honores no exército combatendo contra os seléucidas. Posteriormente, baixo Miguel VII Parapinaces (1071-1078) e Nicéforo III Botaniates (1078-1081), combateu, xunto co seu irmán máis vello, Isaac, aos rebeldes en Asia Menor, Tracia e Epiro.

Os éxitos dos Comnenos provocaron os celos de Botaniates e os seus ministros. Os irmáns tomaron as armas contra o emperador, e entraron en Constantinopla. Botaniates foi forzado a abdicar e recluído no mosteiro de Peribleptos. Isaac renunciou á coroa en beneficio do seu irmán, e Aleixo foi coroado solemnemente polo patriarca de Constantinopla Cosme Hierosolimites o 4 de abril de 1081, á idade de 33 anos.

Aleixo era por entón amante da emperatriz María Bagrationi, filla do rei Bagrat IV de Xeorxia, que fora esposa primeiro de Miguel VII Ducas e logo de Botaniates, e era famosa pola súa beleza. Aleixo e María non disimulaban a súa relación, e vivían xuntos no Palacio de Mangana. O novo fillo de María con Miguel VII, o príncipe Constantino Ducas, foi adoptado por Aleixo e proclamado o seu herdeiro. Isto procurou a Aleixo certa lexitimidade dinástica, pero pronto a nai do emperador, Anna Dalassena, consolidaría a conexión coa familia Ducas arranxando a voda do seu fillo con Irene Ducas, neta do césar Xoán Ducas, cabeza da poderosa familia feudal e principal valedor do antigo emperador Miguel VII.

A relación de Aleixo con María continuou, con todo. Pouco logo do seu nacemento, a primeira filla de Aleixo e Irene, Ana Comnena, foi prometida en matrimonio ao herdeiro Constantino Ducas, e trasladouse a vivir ao Palacio Mangana, cos dous amantes. No entanto a situación cambiou drasticamente cando Irene tivo un fillo neno, Xoán: desfíxose o compromiso matrimonial entre Ana e Constantino, quen perdeu a súa condición de herdeiro imperial; a princesa foi levada ao palacio principal para vivir xunto á súa nai e a súa avoa e Aleixo rompeu a súa relación con María. Pouco tempo despois morreu o xove Constantino, e María foi recluída nun convento.

O longo reinado de Aleixo I Comneno (preto de 37 anos) estivo cheo de problemas. Nos seus inicios, tivo que afrontar o ataque dos normandos Roberto Guiscardo e o seu fillo Bohemundo, quen conquistaron Dyrrhachium e Corfú, e puxeron sitio a Larissa, en Tesalia. O perigo normando foi providencialmente conxurado pola morte de Roberto Guiscardo en 1085, e os territorios perdidos foron recuperados polo Imperio.

Posteriormente viuse obrigado a repeler en Tracia as invasións dos pechenegos e os cumanos, con quen fixeran causa común os bogomilos, seita maniquea. En terceiro lugar, debeu enfrontarse ao crecente poder dos selxúcidas en Asia Menor.

A crise máis difícil que tivo que afrontar Aleixo foi a causada pola chegada dos cabaleiros da Primeira cruzada, organizada a consecuencia da petición dos seus propios embaixadores ante o papa Urbano II no Concilio de Piacenza de 1095. Pero Aleixo pedira simplemente forzas mercenarias para combater aos infieis, e non as inmensas hostes que empezaron a chegar. O primeiro continxente de cruzados, guiado por Pedro o Ermitán, foi habilmente desviado por Aleixo cara a Asia Menor, onde foi masacrado polos turcos en 1096. O segundo continxente era unha forza moito máis organizada, e estaba conducido por Godofredo de Bouillon. Aleixo enviounos tamén a Asia, comprometéndose mediante xuramento a auxilialos en caso de necesidade. Os cruzados recobraron para o Imperio Bizantino varias cidades e illas, como Nicea, Quíos, Rodas, Esmirna, Éfeso, Filadelfia, Sardis, e a práctica totalidade de Asia Menor.

A habilidade de Aleixo cos cruzados é considerada pola súa filla, a historiadora Ana Comnena, un exemplo de diplomacia, en tanto que os historiadores occidentais que relatan os feitos da Primeira Cruzada consideran ao emperador un exemplo de falsidade e traizón. Os cruzados creron que quebrantara o seu xuramento ao non habelos axudado durante o asedio de Antioquía; Bohemundo, autoproclamado príncipe de Antioquía, declarou a guerra ao emperador, pero terminou por aceptar converterse no seu vasalo no tratado de Devol, en 1108.

Durante os últimos vinte anos da súa vida, perdeu gran parte da súa popularidade. Estes anos estiveron marcados pola persecución dos herexes paulicianos e bogomilos -unha das súas últimas decisións foi a de queimar a Basilio o Médico, líder dos bogomilos, co que mantivera unha controversia teolóxica-, así como por novos enfrontamentos cos turcos (1110-1117). Ademais, desatáronse intrigas por sucedelo: a súa esposa, Irene Ducas, e a súa filla Ana conspiraron para que nomease sucesor ao marido de Ana, Nicéforo Brienio.

A nai de Aleixo, Anna Dalassena, política sabia e inmensamente capaz, tivo unha grande influencia sobre o seu fillo. Foi coroada como Emperatriz Augusta en lugar da súa nora Irene, a quen correspondía lexitimamente o título. Dalassena foi a verdadeira administradora do Imperio durante as longas ausencias do seu fillo para realizar campañas militares, tivo varios enfrontamentos coa súa nora e asumiu a responsabilidade sobre a educación da súa neta, Ana Comnena.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Imperio Bizantino

Segue a:
Nicéforo III
Aleixo I Comneno
Precede a:
Xoán II Comneno
Dinastía Ducas-Comneno