Xoán I de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xoán I de Inglaterra
Rei de Inglaterra e Señor de Irlanda
King John.jpg

Reinado6 de abril de 1199 - 18/19 de outubro de 1216
Nacemento24 de decembro de 1166
Oxford, Inglaterra Inglaterra
Falecemento18/19 de outubro de 1216
Newark-on-Trent, Inglaterra Inglaterra
PredecesorRicardo I de Inglaterra
SucesorHenrique III de Inglaterra
Cónxuxe/sIsabel de Gloucester
Isabel de Angulema
Casa realCasa de Plantagenet
ProxenitoresHenrique II de Inglaterra
Leonor de Aquitania

Escudo de Xoán I de Inglaterra

Xoán I de Inglaterra, nado o 24 de decembro de 1166 e finado 19 de outubro de 1216, tamén coñecido como Xoán sen Terra (en anglonormando: Johan sanz Terre)[1], foi rei de Inglaterra desde o 6 de abril de 1199 ata a súa morte en 1216. Xoán perdeu o Ducado de Normandía fronte ao rei Filipe II de Francia, o que provocou a perda da maior parte do Imperio anxevino e o subsecuente aumento de poder da dinastía dos Capetos durante o século XIII. A revolta dos baróns ao final do reinado de Xoán levou á sinatura da Carta Magna, un documento que se considera ás veces o primeiro paso na evolución da constitución do Reino Unido.

Xoán foi o máis novo dos cinco fillos do rei Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania, e nun primeiro momento non se esperaba que herdase unha gran cantidade de terras. Trala errada revolta dos seus irmáns máis vellos entre 1173 e 1174, Xoán pasou a ser o favorito do rei. Recibiu en 1177 o Señorío de Irlanda así como unha gran cantidade de terras en Inglaterra e no continente. Os irmáns de Xoán, Guillerme, Henrique e Godofredo morreron novos; nese momento Ricardo I ascendeu ao trono en 1189, e Xoán pasou a ser o potencial herdeiro. Mentres o seu irmán Ricardo participaba na Terceira Cruzada, Xoán liderou un intento de rebelión contra o administrador real. Porén, trala morte de Ricardo en 1199, Xoán foi proclamado rei de Inglaterra e chegou a un acordo con Filipe II de Francia polo que o francés recoñecía as posesións continentais de Xoán polo tratado de Le Goulet do ano 1200.

A guerra con Francia estoupou de novo en 1202. Xoán obtivo varias vitorias, pero a escaseza de recursos militares e o seu trato aos nobres normandos, bretóns e de Anjou fixo que perdese as súas posesións do norte de Francia en 1204. Xoán pasou a maior parte da seguinte década tratando de recuperar esas terras, reformando o exército e refacendo as alianzas continentais. As reformas xudiciais de Xoán tiveron un importante impacto no sistema inglés da common law, así como un grande aumento dos ingresos. O rei foi excomungado en 1209 debido a unha disputa co papa Inocencio III, aínda que o problema se resolveu no 1213. Os intentos de Xoán de derrotar o rei de Francia en 1214 fracasaron debido á vitoria francesa sobre os aliados de Inglaterra na batalla de Bouvines. Cando regresou a Inglaterra, Xoán tivo que afrontar unha rebelión de moitos dos seus baróns, que estaban descontentos pola súa política fiscal e o seu trato á nobreza. Como resultado desta rebelión Xoán acordou asinar a Carta Magna en 1215, aínda que ningún dos dous bandos cumpriu coas condicións. A primeira guerra dos baróns estoupou pouco despois, coa axuda de Luís de Francia. Axiña a guerra entrou nunha situación de estancamento. Xoán morreu de disentería, durante a campaña no leste de Inglaterra en 1216; os partidarios do seu fillo Henrique lograron a vitoria sobre Luís e os baróns ao ano seguinte.

Os cronistas contemporáneos foron moi críticos coas actuacións de Xoán como rei, e o seu reinado foi obxecto de debate e revisión polos historiadores desde o século XVI. O historiador Jim Bradbury resumiu a opinión histórica actual das cualidades positivas de Xoán, observando que hoxe en día segue a ser considerado como un "bo administrador, un bo home e un bo xeneral".[2] Porén, a historiografía moderna está de acordo en que tamén cometeu moitos erros como rei, incluíndo o que Ralph Turner describe como "unha personalidade de mal gusto, incluso perigosa", con trazos de crueldade.[3] Estas cualidades negativas deron suficiente material á literatura da época vitoriana, e Xoán continúa sendo visto como un infame na cultura popular, principalmente por historias como a de Robin Hood.

Primeiros anos (1166–89)[editar | editar a fonte]

Infancia e herdanza anxevina[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio anxevino.
Un mapa a color da Francia medieval, mostrando os territorios anxevinos no oeste, os territorios do rei de Francia ao leste, e o ducado de Tolosa ao sur.
O Imperio continental anxevino (en laranxa) a finais do século XII.

Xoán naceu o 24 de decembro de 1166 froito do matrimonio de Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania.[4] Henrique herdara unha considerable cantidade de territorios na costa atlántica –Anjou, Normandía e Inglaterra– e expandiu o seu imperio conquistando a Bretaña.[5] Henrique casara coa poderosa Leonor de Aquitania, quen reinaba sobre o Ducado de Aquitania, e tiña dereitos sobre Toulouse e Auvernia, situadas ao sur de Francia, ademais de ser a ex-muller de Luís VII de Francia.[5] O resultado desta unión foi o Imperio Anxevino, nomeado así pola liña paterna de Henrique dos condes de Anjou e, máis concretamente pola súa sede en Angers.[nb 1] O Imperio, porén, era moi fráxil: aínda que as terras eran leais a Henrique, cada unha tiña a súa propia historia, costumes e estruturas de goberno.[7][8] Canto máis ao sur, pasando por Anjou e Aquitania, o poder de Henrique diminuía considerablemente, e en pouco se asemellaba ao concepto moderno de imperio. Algúns lazos tradicionais entre as partes do imperio, como Normandía e Inglaterra, acabaron por esfarelarse ao cabo do tempo.[9] Non estaba claro qu sucedería co imperio trala morte de Henrique. A pesar de que o sistema de herdanza por primoxenitura se estaba estendendo xa pola Europa do tempo, non era moi popular entre os reis normandos de Inglaterra.[10] Moitos crían que Henrique dividiría o imperio e que lle daría a cada fillo unha porción considerable de terras, e esperaban que estes continuasen traballando xuntos como aliados trala morte do rei.[11] Para complicar aínda máis a situación, unha gran parte do imperio anxevino estaba baixo o control de Henrique, pero como vasalo do Rei de Francia, da dinastía rival dos Capetos. Henrique aliouse en varias ocasións co Sacro Imperio Romano Xermánico en contra do rei francés, facendo que a relación feudal fose máis tensa entre os dous.[12]

Ao pouco de nacer Xoán recibiu os coidados da ama de leite, unha práctica tradicional entre as familias nobres.[13] A nai, Leonor, deixou Inglaterra para ir a Poitiers, a capital de Aquitania, e enviou a Xoán e a súa irmá Xoana á abadía de Fontevrault.[14] Isto puido ter o obxectivo de encarreirar o fillo máis novo, que podería quedar sen herdanza, cara á carreira eclesiástica.[13] A nai, Leonor, pasou os seguintes anos conspirando contra o seu home, Henrique, e ningún dos dous xogou un papel importante na mocidade de Xoán.[13] A Xoán asignóuselle probablemente, como aos irmáns, un titor mentres estaba en Fontevrault, un titor encargado da súa educación e que controlase aos servintes da casa. Máis tarde Xoán pasaría a recibir as ensinanzas de Ranulph Glanville, un importante administrador inglés.[13][14] O príncipe Xoán pasou algún tempo como membro da casa do seu irmán máis vello, Henrique o Rei Novo, onde probablemente recibiu instrución nas técnicas militares e de caza.[14]

Xoán creceu ata os 1,68 m de altura, un home relativamente baixo, cun "corpo rexo e forte" e cabelos rubios escuros; para os seus contemporáneos semellaba un habitante de Poitou.[15] Gozaba coa lectura, e algo pouco habitual daquela, construíndo unha biblioteca de seu.[16] Adoitaba xogar a xogos de azar, en especial ao backgammon, e foi un apaixonado da caza incluso para os estándares da época.[17][18] Gustáballe a música, pero non as cancións.[18] Chegou a ser un gran "coñecedor de xoias", das que reuniu unha gran colección, e fíxose famoso pola súas opulentas vestimentas e, segundo os cronistas franceses, pola súa debilidade polo o viño malo.[19][18][20] A medida que ía crecendo, Xoán fíxose coñecido polos seus cambios de humor que unhas veces o facían amigable, xeneroso e enxeñoso, e outras celoso, propenso aos ataques de rabia ou a morder as unllas.[21][22][nb 2]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Os pais de Xoán, Henrique II e Leonor de Aquitania.

Durante a mocidade de Xoán, Henrique tratou de resolver a cuestión da súa sucesión. A Henrique o Rei Novo coroárano rei de Inglaterra en 1170, pero non recibiu ningún poder máis de parte do seu pai; tamén lle prometeron que recibiría Normandía e Anjou como parte da súa futura herdanza. Ricardo foi nomeado conde de Poitou co control de Aquitania, mentes que Godofredo recibiu o ducado da Bretaña.[23][24] Neste momento parecía pouco probable que Xoán recibira unha importante cantidade de terras, e foi alcumado cariñosamente polo pai como sen Terra.[25]

Henrique II quería protexer as fronteiras do sur de Aquitania e decidiu prometer a Xoán con Alais, a filla e herdeira de Humberto III de Savoia.[26] Como parte do acordo a Xoán aseguráronlle que herdaría Savoia, Piamonte, Maurienne, e outras posesións do conde Humberto.[26] Pola súa banda, na potencial alianza matrimonial, Henrique II deulle a Xoán os castelos de Chinon, Loudun e Mirebeau. Como Xoán so tiña cinco anos daquela, o seu pai continuou controlando estas terras por motivos prácticos.[26] Henrique o Rei Novo quedou sorprendido por isto, porque a pesar de que xa tiña control dalgún castelo no seu novo reino, estes de Chinon, Loudun e Mirebeau formaban parte do que el entendía que debía ser a súa futura propiedade e llos entregaran a Xoán sen consultalo.[26] A prometida Alais cruzou os Alpes e uniuse á corte de Henrique II, mais finou antes de casar con Xoán, de xeito que este quedou de novo sen herdanza.[26]

En 1173 os irmáns máis vellos de Xoán, apoiados por Leonor, reveláronse contra o rei na breve rebelión de 1173. Irritado pola súa posición subordinada a Henrique e a preocupación de que Xoán puidese recibir terras a súa costa,[23][24] Henrique o Rei Novo viaxou a París e aliouse co rei Luís VII.[23] Leonor, irritada polas persistentes inxerencias do seu home en Aquitania, animou a Ricardo e Godofredo a se uniren ao seu irmán en París.[23] Henrique II saíu vitorioso fronte á coalición dos fillos, pero foi xeneroso con eles no tratado de paz asinado en Montlouis.[26] A Henrique o Rei Novo permitíuselle viaxar por Europa canda os seus cabaleiros, Ricardo recibiu de novo Aquitania, e Godofredo puido volver á Bretaña. Tan só Leonor quedou prisioneira polo seu papel na revolta.[27]

Xoán pasou o conflito viaxando canda o pai, e recibiu numerosas posesións por todas as rexións do reino como parte do tratado de paz. Dende aquela foi o favorito do pai, a pesar de ser o menos beneficiado na cuestión sucesoria.[26] Henrique II comezou a buscar novas terras para Xoán, moitas delas detraéndollas á nobreza. En 1175 apropiouse dos estados do defunto Reginald de Dunstanville e entregoullas a Xoán.[26] Ao ano seguinte Henrique desherdou as irmás de Isabel de Gloucester, contra o costume legal, e prometeu a Xoán coa adiñeirada Isabel.[28] En 1177, no Consello de Oxford, Henrique retirou o Señorío de Irlanda a William FitzAldelm e nomeou a Xoán, de dez anos, novo señor da illa.[28]

Pintura do século XIII de Henrique II e os irmáns de Xoán, de esquerda a dereita: Guillerme, Henrique, Ricardo, Matilda, Godofredo, Leonor, Xoana e Xoán.

Henrique o Reio Novo librou nunha breve guerra contra o seu irmán Ricardo, en 1183, por Inglaterra, Normandía e Aquitania.[28] O rei Henrique II púxose da parte de Ricardo, e Henrique o Rei Novo finou de disentería ao final da campaña.[28] Coa perda do seu principal herdeiro, Henrique reorganizou as partillas da sucesión: Ricardo sería rei de Inglaterra, aínda que sen ningún poder ata que el morrese; Godofredo quedaría coa Bretaña, mentes que Xoán pasaría a ser o novo duque de Aquitania no lugar de Ricardo.[28] Ricardo rexeitou deixar Aquitania,[28] e iso enfureceu a Henrique II, que lle ordenou a Xoán que, coa axuda de Godofredo, marchase ao sur para recuperar o ducado pola forza.[28] O bando dos dous irmáns atacou a capital de Poitiers, e Ricardo respondeu atacando Bretaña.[28] A guerra terminou nun punto morto e cunha tensa reconciliación familiar en Inglaterra a finais do ano 1184.[28]

No 1185 Xoán fixo a súa primeira visita a Irlanda, xunta con 300 cabaleiros e un equipo de administradores.[29] Henrique procurou que Xoán fose nomeado oficialmente rei de Irlanda, mais o papa Lucio III rexeitou esa opción.[30] O primeiro período de goberno de Xoán en Irlanda non foi frutuoso. A illa acababa de ser conquistada polas forzas anglonormandas, e aínda había tensións entre Henrique II, os novos poboadores e os nativos.[31] Xoán ofendeu os líderes locais irlandeses facendo burlas das súas longas barbas, non logrou aliarse cos novos colonos anglo-normados, e comezou a perder terreo militarmente fronte aos irlandeses, polo que regresou a Inglaterra ese mesmo ano, e culpou o vicerrei do fracaso.[31]

Os problemas na familia de Xoán continuaron en aumento. O irmán de Xoán, Godofredo, morreu nun torneo no ano 1186, deixando un fillo póstumo, Artur, e unha filla, Leonor.[32] A morte de Godofredo achegou a Xoán de xeito significativo ao trono de Inglaterra.[32] Medrou o desconcerto polo que sucedería trala morte de Henrique. Ricardo tiña ganas de comezar unha nova cruzada mais temía que mentres estivese lonxe de alí o pai nomease a Xoán sucesor.[33] [34]

Ricardo comezou as conversas pola posible alianza con Filipe II en París durante 1187. Ao ano seguinte homenaxeou o rei francés por apoialo na guerra contra Henrique II.[35] Ricardo e Filipe uníronse de novo contra Henrique II, e para o verán do 1189 chegaran a un acordo de paz co monarca que lle aseguraba a Ricardo a sucesión.[34] Ao principio do conflito Xoán permaneceu do lado do pai, mais mudou de bando cando parecía claro que Ricardo ía a gañar a batalla.[34] Ao pouco Henrique II morreu.[34]

Reinado de Ricardo (1189–99)[editar | editar a fonte]

Cando Ricardo chegou ao trono en setembro de 1189, xa fixera públicas as súas intencións de unirse á Terceira Cruzada.[34] Ricardo recadou as grandes sumas de diñeiro que necesitaba para a expedición coa venda de terras, títulos e nomeamentos, e tratou de asegurar que non habería unha revolta mentres estivese fóra do seu imperio.[36] A Xoán nomeouno conde de Mortain, arranxoulle o matrimonio con Isabel de Gloucester e deulle valiosas terras en Lancaster e os condados de Cornualles, Devon, Dorset, Nottingham e Somerset, todo para comprarlle a lealdade mentres Ricardo estaba na Cruzada.[37] Ricardo mantivo o control de castelos clave neses condados, para que Xoán non obtivese moito poder militar e político, e durante ese tempo, o rei nomeou o seu sobriño Artur da Bretaña herdeiro ao trono.[38][39] Pola súa banda, Xoán prometeu non visitar Inglaterra durante os seguintes tres anos, o tempo que estaba previsto que Ricardo lle dedicase á Cruzada, para que así Ricardo regresase do Levante sen temor a que Xoán apañase moito poder.[40] Ricardo legou a autoridade política en Inglaterra de forma conxunta ao bispo Hugo de Puiset e a Guillerme Mandeville, e nomeou como chanceler o bispo de Ely William Longcham.[39] Mandeville finou ao pouco tempo, e Longchamp ocupou o cargo vacante xunto a Puiset, nunha unión que resultou pouco eficaz.[40] Leonor, a raíña nai, convenceu a Ricardo de que deixase a Xoán volver a Inglaterra na súa ausencia.[40]

A situación política en Inglaterra axiña comezou a deteriorarse. Longchamp rexeitou traballar con Puiset e fíxose impopular entre a nobreza inglesa e entre o clero.[41] Xoán utilizou esta impopularidade para presentarse como un gobernante alternativo coa súa propia corte, completa cun xustiza, chanceler e outros postos de importancia, e estaba contento de que o visen como un rexente alternativo, e posiblemente o novo rei.[42] O conflito armado estalou entre Xoán e Longchamp, e para outubro de 1191 Longchamp xa estaba illado na Torre de Londres e Xoán controlaba a cidade grazas ás promesas que lles fixera aos cidadáns en agradecemento polo seu recoñecemento como herdeiro de Ricardo ao trono.[43] Neste momento, Walter de Coutances, o arcebispo de Rouen, regresou a Inglaterra enviado por Ricardo para restaurar a orde.[44] A popularidade de Xoán quedou eclipsada pola de Coutances, e polas novas de que Ricardo contraera matrimonio en Chipre, o que abría a posibilidade a que dese matrimonio nacesen fillos herdeiros lexítimos.[45]

Xoán durante unha cacería de cervos.

Os problemas políticos continuaron. Xoán comezou a explorar a posibilidade dunha alianza co rei de Francia, que acababa de regresar da Cruzada. Esperaba conseguir Normandía, Anjou e outros territorios en Francia que Ricardo recibira en compensación pola súa alianza con Filipe.[45] Leonor de Aquitania logrou convencelo de que non o fixese.[45] Longchamp, quen abandonara Inglaterra trala intervención de Coutances, regresou, e protestou que o relevaran inxustamente do seu posto como xustiza.[46] Xoán interveu, e acalmou as reclamacións de Longchamp en troques da promesa de que o apoiase na administración real, incluída a consolidación da súa posición como herdeiro ao trono.[46] Aínda Ricardo non regresara da cruzada, e Xoán comezara a difundir que o seu irmán morrera ou que estaba desaparecido.[46] De feito, Ricardo fora capturado na súa viaxe de regreso a Inglaterra polo duque Leopoldo de Austria, e entregado ao emperador Henrique VI, quen o retivera a cambio dun rescate.[46] Xoán aproveitou a oportunidade e viaxou a París, onde formou unha alianza co rei Filipe. Acordaron que Xoán abandonaría a muller e casaría coa irmá de Filipe, Adela, en pagamento polo apoio de Filipe.[47] Isto fixo que se desencadease en Inglaterra a loita entre as forzas leais a Ricardo e os leais a Xoán.[47] A posición militar de Xoán era débil e acordaron unha tregua; a comezos de 1194 o rei finalmente regresou a Inglaterra, e as forzas de Xoán foron finalmente derrotadas.[48] O príncipe Xoán retirouse ata Normandía, onde Ricardo o atopou a finais dese ano.[48] O rei Ricardo declarou publicamente que o seu irmán máis novo –a pesar de ter xa 27 anos– era tan só "un neno con conselleiros malvados" e perdoouno, devolvéndolle todas as terras agás Irlanda.[49]

Durante o resto do reinado de Ricardo, Xoán apoiou o seu irmán no continente de xeito aparentemente leal.[50] A política de Ricardo no continente centrouse no intento de recuperar as fortalezas e castelos que perdera fronte a Filipe II de Francia durante a Cruzada. Aliouse cos líderes de Flandres, Bolonia e o Sacro Imperio Romano para acurralar a Filipe desde Alemaña.[51] No ano 1195 Xoán dirixiu un ataque rápido e sitiou e tomou o castelo de Évreux, co que mellorou así as defensas de Normandía fronte a Filipe.[50] Ao ano seguinte Xoán tomou a cidade de Gamaches e chegou a tan só 80 km de París, capturando o bispo de Beauvais.[50] En compensación polos seus servizos, Ricardo retirou a malevolentia (mala vontade) de Xoán, e restauroulle os condados de Gloucestershire e de Mortain.[50]

Primeiros anos de reinado (1199–1204)[editar | editar a fonte]

Ascenso ao trono, 1199[editar | editar a fonte]

A torre da homenaxe de Château Gaillard. A perda deste castelo sería desastrosa para as posicións militares de Xoán en Normandía.

Trala morte de Ricardo o 6 de abril de 1199, había dous posibles herdeiros ao trono anxevino: Xoán, que baseaba o seu dereito ao trono en ser o único fillo vivo de Henrique II, e o duque Artur I da Bretaña, que ocupaba a posición do finado do pai, Godofredo.[52] Aparentemente Ricardo comezara a recoñecer a Xoán como herdeiro nos anos que precederon a súa morte, pero non quedara claramente definido. O dereito medieval non axudaba moito tampouco a resolver a cuestión sucesoria.[10][53] Segundo as leis normandas, Xoán debía ser rei por ser o único fillo aínda vivo do defunto rei Henrique II, mais segundo as leis anxevinas era Artur o herdeiro, por ser o único fillo do fillo máis vello de Henrique. A situación pronto chegou ao conflito.[10] Xoán recibiu o apoio dunha parte da nobreza inglesa e normanda e foi coroado en Westminster, acompañado da súa nai Leonor de Aquitania. Artur recibiu o apoio da nobreza da Bretaña, de Maine e Anjou e mais o apoio de Filipe II de Francia, quen seguía coa intención de acabar co dominio anxevino no continente.[54] Co exército de Artur facendo presión no val do Loira cara a Angers, e as forzas de Filipe avanzando cara a Tours, as posesións continentais de Xoán estaban en perigo de dividírense en dous.[55]

A guerra en Normandía non podía progresar moito polo potencial defensivo dos castelos e polo incremento do custo das campañas.[56] As fronteiras normandas aproveitaban defensas naturais, pero ademais foran moi reforzadas con castelos, coma o castelo Gaillard, que estaban situados en puntos estratéxicos, construídos e mantidos a un alto prezo.[57][58] Era difícil para un comandante avanzar dentro do territorio sen protexer as súas liñas de comunicación coa captura destas fortalezas, que freaban o progreso de calquera ataque.[59] Os exércitos da época estaban formados tanto por mercenarios como milicias feudais.[60] Os gravames feudais só podían elevarse por un curto período de tempo antes de que a tropa regresase a casa ao remate das campañas. Pola súa banda, as forzas mercenarias, a miúdo chamadas brabaçons por mor do Duque de Brabante, pero recrutados por todo o norte de Europa, podían operar durante todo o ano e proporcionaban opcións máis estratéxicas para continuar as campañas, pero o custo era moito maior có das milicias feudais.[61] Como resultado, os comandantes foron aumentando o número de mercenarios.[62]

Trala súa coroación, Xoán viaxou a Francia coas súas forzas militares e adoptou unha postura defensiva nas fronteiras do sur e do leste de Normandía.[52][63] Ambas as dúas partes fixeron unha tregua para unhas negociacións, pero fracasou a tregua e renudouse a guerra. A posición de Xoán era agora máis forte, grazas á confirmación de que os condes Balduíno IX de Flandres e Renaudo de Bolonia renovaran a súa alianza anti-francesa que xa contraeran con Ricardo.[54] Ao poderoso nobre de Anjou, William des Roches, persuadiírono para mudar de bando e apoiar a Xoán. De repente, a balanza parecía abalar cara ao lado de Xoán.[64] Ningún dos bandos quería continuar co conflito, e grazas a unha tregua papal, os dous nobres líderes reuníronse en xaneiro de 1200 para negociaren os termos do acordo de paz.[64] Xoán procuraba darlle unha estabilidade ao control das súas posesións continentais e ter unha paz duradeira con Filipe. Xoán e Filipe negociaron o Tratado de Le Goulet en maio de 1200. Por este tratado, Filipe recoñecía a Xoán como lexítimo herdeiro de Ricardo I de Inglaterra e respectaba as súas posesións en Francia, e abandonaba temporalmente as aspiracións do seu vasalo, Artur.[65][nb 3] Xoán, pola súa banda abandonaba a vella política de contención contra Filipe por medio das alianzas con Flandres e Bolonia, e aceptaba o dereito do lexítimo señorío feudal de Filipe sobre as súas posesións en Francia.[66] A súa política proporcionoulle o alcume de O Brando que lle deron os cronistas ingleses, que criticaban o seu comportamento en comparación á agresividade que amosara o seu irmán Ricardo.[67]

O tratado de Le Goulet, 1200–1202[editar | editar a fonte]

A tumba de Isabel de Angulema, segunda muller de Xoán, na Abadía de Fontevraud en Francia.

A paz non durou máis de dous anos. A guerra comezou de novo logo da decisión de Xoán de casar con Isabel de Angulema en agosto do ano 1200. Para poder casar de novo, Xoán tiña que separarse da condesa Isabel de Gloucester, a súa primeira muller. Logrou o seu propósito argumentando que o matrimonio non era válido pois non contaba coa dispensa papal necesaria para casar coa condesa Isabel por seren primos.[65] Non está claro por que escolleu a Isabel de Angulema como segunda esposa. Os cronistas da época afirmaron que quedara profundamente namorado dela, e que desexaba unha muller máis bela e nova.[65] Por outra banda, as terras ligadas a Isabel de Angulema eran estratexicamente vitais para Xoán posto que adquiría a ruta principal por terra entre Poitou e Gascuña, o que fortalecía a súa posición en Aquitania.[68][nb 4]

Por desgraza, Isabel xa estaba comprometida con Hugo de Lusiñán, un importante membro da nobreza de Poitou e irmán do conde Raúl I de Lusiñán, quen tiña terras arredor da complicada fronteira normanda.[65] Xoán pretendía beneficiarse do matrimonio con esta segunda Isabel, o que puña en perigo os intereses da dinastía de Lusiñán, cuxas terras eran nese momento unha ruta para bens da coroa e tropas a través de Aquitania.[70] En lugar de negociar unha compensación, Xoán tratou a Hugo con desprezo, o cal acabou por desembocar no alzamento de Lusiñán, rapidamente esmagado polo inglés, que á súa vez interveu para sorprender a Raúl en Normandía.[68]

Aínda que Xoán era o conde de Poitou e polo tanto o verdadeiro señor feudal dos lusiñanos, estes podían protestar as accións de Xoán en Francia ante o seu propio señor, o rei Filipe de Francia[68]. Iso foi o que fixo Hugo en 1201 e Filipe convocou a Xoán para que acudise á corte de París en 1202, citando o tratado de Le Goulet para apoiar o caso.[68] Xoán non estaba disposto a debilitar a súa posición na Francia occidental, e argumentou que non necesitaba asistir á corte de Filipe debido á súa condición de duque de Normandía, que o eximía por tradición da obriga de asistir á corte francesa.[68] Filipe respondeulle que non convocaba a Xoán como duque de Normandía, senón como conde de Poitou, que carecía de ningún tratamento especial.[68] Cando Xoán se negou a asistir, Filipe declarouno en rebeldía das súas responsabilidades feudais, asignoulle a Artur todas as terras francesas que foran de Xoán para que estivesen baixo o poder da Coroa de Francia –coa excepción de Normandía, que gardou para si– e comezou unha nova guerra contra Xoán.[68]

A perda de Normandía, 1202–04[editar | editar a fonte]

A campaña de 1202, que rematou coa vitoria de Xoán na batalla de Mirebeau. As frechas vermellas indican os movementos do rei de Inglaterra, as azuis indican os movementos das tropas dos aliados bretóns e lusiñáns de Filipe II.

Xoán adoptou inicialmente unha postura defensiva similar á adoptada en 1199: evitou a batalla en campo aberto e defendeu os castelos importantes.[63] As súas operacións comezaron a virar máis caóticas a medida que avanzaba a contenda, e Filipe fixo progresos no leste.[63] Para xullo, as forzas de Artur ameazaban a Leonor de Aquitania no castelo de Mirebeau. Acompañado por Guillerme de Roches, o seu senescal en Anjou, Xoán pivotou o seu exército de mercenarios para axudar a nai.[63] As súas forzas colleron a Artur por sorpresa e capturaron a tódolos líderes rebeldes na batalla de Mirebeau.[63] Co flanco sur debilitado, Filipe veuse forzado a retroceder cara ao leste e dirixirse cara ao sur para conter o exército de Xoán.[63]

A posición de Xoán en Francia viuse considerablemente reforzada trata vitoria en Mirebeau, pero o trato de Xoán aos seus novos prisioneiros e ao seu aliado, William de Roches, pronto eclipsou a situación. De Roches era un poderoso nobre de Anjou, pero Xoán ignorábao continuamente, o que foi interpretado por este como unha grande ofensa. Asemade o rei mantiña os líderes rebeldes presos nunhas condicións tan pésimas que vinte e dous deles morreron.[71] Neste tempo, a maior parte da nobreza mantiña vínculos coa realeza, e o comportamento de Xoán cos seus parentes resultáballes inaceptable.[72] William de Roches e outros aliados de Xoán na rexión de Anjou e a Bretaña desertaron ao bando de Filipe, e a Bretaña alzouse nunha revolta.[72] Filipe desfrutaba dunha considerable, aínda que non suficiente, vantaxe de recursos sobre Xoán.[73][74][75][76][nb 5] A situación económica de Xoán era difícil debido a factores como o custo dos materiais militares e dos soldados.

A comezos de 1203 houbo máis desercións de aliados locais, o que reduciu a capacidade de manobrar de Xoán na rexión.[72] Xoán tratou de convencer o papa Inocencio III para que intervise no conflito, pero resultou inútil.[72] A medida que a situación empeoraba para Xoán, o rei decidiu mandar asasinar a Artur, co obxectivo de eliminar o seu principal rival e minguar as forzas do movemento rebelde na Bretaña.[72] Artur foi preso inicialmente en Falaise, e logo trasladárono a Rouen. O destino de Artur en Rouen non está claro, mais a historiografía moderna cre que foi asasinado por Xoán.[72] Os anais da abadía de Margam suxiren que "Xoán capturou a Artur e o mantivo con vida en prisión durante un tempo, no castelo de Rouen" e que "cando Xoán estaba bébedo matou a Artur coas súas mans e atoulle unha rocha ao corpo para despois guindalo ao Sena".[78][nb 6] Os rumores sobre a morte de Artur reduciron aínda máis os apoios de Xoán na rexión.[79] A irmá de Artur, Leonor, quen tamén fora capturada en Mirebeau, permaneceu en prisión durante anos, se ben en mellores condicións.[79]

A invasión de Filipe II do Ducado de Normandía en 1204. As frechas azuis sinalan os movementos das tropas francesas e as azul claro as dos seus aliados bretóns.

A finais de 1203 Xoán tratou de liberar o castelo Gaillard que, malia estar baixo o sitio de Filipe, continuaba a protexer o flanco oriental de Normandía.[80] Xoán intentou unha operación sincronizada que incluía tropas de terra e mar –considerado por moitos historiadores actuais como unha concepción imaxinativa, pero moi complexa para levar a cabo coas tropas da época–.[80] A operación de liberación de Xoán bloqueárona as forzas de Filipe, e o inglés viuse obrigado a repregarse na Bretaña nun intento de atraer a Filipe e afastalo de Normandía.[80] Xoán devastou unha gran parte da Bretaña, pero non logrou apartar a Filipe de Normandía.[80]

A situación de Xoán comezou a deteriorarse rapidamente. A fronteira oriental de Normandía estivo amplamente cultivada por Filipe e os seus predecesores durante moitos anos, mentres que as autoridades anxevinas no sur quedaron reducidas trala entrega de varios castelos por parte de Ricardo algúns anos antes.[81] O uso de mercenarios nas rexións centrais acabou co apoio restante nesa zona tamén, o que supuxo un avance no colapso do poder anxevino.[82][nb 7] Xoán repregouse a través do Canal da Mancha en decembro, enviando ordes de establecer unha nova liña defensiva ao oeste do castelo Gaillard.[80] En marzo de 1204 Gaillard caeu. A nai de Xoán, Leonor, finou un mes máis tarde.[80] Isto supuxo non só un duro golpe para Xoán, senón un golpe nas fráxiles alianzas deste no sur de Francia.[80] Filipe marchou cara ao sur arredor da nova liña defensiva e golpeou no corazón do ducado, encontrando pouca resistencia.[80] Para agosto Filipe xa tomara Normandía e avanzaba cara ao sur para ocupar Anjou e Poitou.[84] A única posesión que Xoán conservaba no continente era o Ducado de Aquitania.[85]

Xoán como rei[editar | editar a fonte]

Administración do reino[editar | editar a fonte]

Un pipe roll, parte do sofisticado sistema de goberno durante o século XIII.

A natureza do goberno baixo os monarcas anxevinos foi mal definida e incerta. Os predecesores de Xoán gobernaron utilizando o principio de vis e voluntas, ou "forza e vontade", tomando decisións executivas ás veces arbitrarias, a miúdo xustificadas na base de que o rei estaba por riba da lei.[86] Tanto Henrique II como Ricardo I afirmaban que os reis posuían a cualidade da "maxestade divina". Xoán continuou esta tendencia e reclamou un "status case imperial" para el como gobernante.[86] Durante o século XII houbo opinións enfrontadas sobre a natureza da monarquía, e moitos escritores contemporáneos crían que os monarcas debían gobernar en concordancia coa costume e a lei, recibindo os consellos dos membros máis importantes do reino.[86] Non había un precedente aínda sobre o que pasaría se un rei rexeitaba gobernar deste xeito.[86] A pesar da súa reclamación como única autoridade sobre Inglaterra, Xoán ás veces xustificou as súas accións na base de que tomou o consello dos baróns.[86] Os historiadores modernos continúan divididos na crenza de se Xoán sufría dun caso de "esquizofrenia real" na súa chegada ao goberno, ou se simplemente reflectía o complexo sistema da monarquía anxevina a comezos do século XIII.[87][88]

Xoán herdou un sofisticado sistema de administración en Inglaterra, con un abano de axentes reais respondendo ante a Casa Real: a chancelería mantiña rexistros escritos e comunicacións, a tesourería e o erario trataban cos ingresos e os gastos respectivamente, e despregáronse varios xuíces para repartir xustiza polo reino.[89] Grazas aos esforzos de homes como Hubert Walter, esta tendencia a mellorar os rexistros continuou durante o seu reinado.[90] Como os reis anteriores, Xoán dirixiu unha corte peripatética que viaxaba arredor do reino, tratando tanto asuntos nacionais como locais durante os traxectos.[91] Xoán estivo moi activo na administración de Inglaterra e tratou de estar presente en tódolos asuntos do goberno.[92] En certo modo, estaba continuando a tradición de Henrique I e Henrique II, pero para o século XIII o volume de traballos administrativos crecera de xeito considerable, poñendo así máis presión sobre o rei.[92] Xoán estivo en Inglaterra durante períodos máis longos que os seus predecesores, o que converteu o seu reinado en máis persoal, particularmente naquelas áreas, como as do norte, que foran previamente ignoradas.[92][93]

A administración de xustiza tivo unha grande importancia para Xoán. Introducíronse varios procesos novos á lei inglesa baixo o goberno de Henrique II, incluíndo o do Assize of novel disseisin, que consistía nunha acción para recuperar as terras das que lle foran quitadas ao demandante, ou o Assize of mort d'ancestor, que era unha acción na que o demandante alegaba que o acusado entrara nun dominio pertencente ao demandante logo da morte dun dos seus familiares.[94] Estes procesos significaron que os xulgados reais tiñan un papel máis significativo nos casos de dereito locais, que anteriormente era administrados polos señores locais.[95] Xoán aumentou a profesionalidade dos sarxentos e alguacís locais, e estendeu o sistema de forenses introducido por Hubert Walter en 1194, creando unha nova clase de forenses municipais.[96][97] O rei tamén traballou duramente para asegurase que o novo sistema funcionaba correctamente a través dos xuíces que el nomeaba, fomentando aos especialistas e expertos legais, así como intervindo el mesmo nos casos.[98] Tamén continuou tratando os casos menores, incluso durante as crises militares.[99] Lewis Warren considera que Xoán executou "as súas tarefas reais outorgando xustiza ... cun celo e insaciabilidade aos cales o dereito común inglés está en gran débeda".[98] Desde un punto de vista máis crítico, Xoán semella que estivo motivado polo potencial dos procesos legais a subir as tarefas, en lugar dun desexo de subministrar xustiza; o sistema legal establecido por el só se aplicaba aos homes libres, en lugar de a toda a poboación.[96] Porén, estes cambios foron populares, adquirindo un sistema legal moito máis fiable que podía esquivar aos baróns[100] As reformas de Xoán foron menos populares entre os baróns, sobre todo porque eles permaneceron baixo a subxectiva e ás veces vingativa xustiza real.[100]

Economía[editar | editar a fonte]

Un penique de prata do rei Xoán, un dos primeiros acuñados en Dublín.

Un dos principais retos de Xoán consistiu en conseguir as grandes cantidades de diñeiro que necesitaba para levar a cabo as súas campañas para reclamar Normandía.[101] Os monarcas anxevinos tiñan principalmente tres fontes de ingresos: os ingresos das súas terras, ou herdades, o que recibían a través dos seus dereitos como señores feudais, e os ingresos por impostos. O ingreso da herdade real era inflexible e foi diminuíndo lentamente desde a conquista normanda. Esta tarefa non resultou doada trala venda, por parte de Ricardo I de moitas das propiedades reais en 1189, e os impostos xogaban un papel menos importante nos ingresos reais que nos séculos anteriores. Os monarcas ingleses tiñan un amplo abano de dereitos feudais dos que podían facer uso para xerar ingresos, incluíndo o sistema de escuaxe, polo cal se evitaba o servizo militar mediante o pagamento dunha suma de diñeiro ao rei. Tamén obtiñan ingresos das multas, tributos da corte e pola venda de concesións e outros privilexios.[102] Xoán intensificou os seus esforzos para maximizar tódalas posibles fontes de ingreso, ata o extremo que chegou a ser descrito como "avaricioso, agarrado, chantaxista e miserable".[103] Xoán tamén utilizou a obtención de ingresos como unha forma de exercer control político sobre os baróns: as débedas coa coroa dos partidarios de Xoán eran perdoadas, mentres que as dos inimigos se perseguían firmemente.

Un penique de prata do reinado de Xoán.

O resultado foi unha secuencia de innovadoras e impopulares medidas financeiras.[nb 8] Xoán impuxo pagamentos de escuaxe en once ocasións durante os seus once anos de reinado, a mesma cantidade que o total dos tres monarcas anteriores.[105] En moitos casos estes impoñíanse en ausencia de campañas militares, o que ía na contra da idea orixinal do imposto, pensado para evitar o servizo militar.[105] Xoán maximizou o seu dereito a exixir pagamentos nas herdanzas de castelos e terras, algúns dos cales constituían elevadas sumas, moi por riba das posibilidades de pago dos baróns.[105] Aproveitando o éxito obtido na venda dos postos de sheriff en 1194, Xoán iniciou unha nova rolda de nomeamentos in 1194, na que os novos aspirantes patrocinaban o seu nomeamento con elevadas tarifas e sancións, particularmente nos bosques.[106] Outra innovación de Ricardo e que foi expandida durante o reinado de Xoán, consistía en incrementar as cargas impostas ás viúvas que desexaran permanecer solteiras.[106]

Xoán continuou vendendo concesións para as novas cidades, incluída Liverpool, e estas vendíanse para os mercados por todo o reino e Gascuña[107][108][nb 9] O rei introduciu novos impostos e ampliou os xa existentes. Os xudeus, que tiñan unha posición vulnerable na Inglaterra medieval, e estaban protexidos só polo rei, foron obxecto de grandes impostos: recadáronse 44 000 libras esterlinas da comunidade polo imposto da talla de 1210, do cal unha gran suma pasou as mans dos cristiáns que tiñan débedas con prestamistas xudeus.[106][nb 10] Xoán creou un novo imposto para os ingresos e bens mobles en 1207 –unha versión do imposto moderno– que produciu 60 000 libras. Creou tamén un novo abano de aranceis de importacións e exportacións que recadaba directamente a coroa.[109] Estas medidas permitiron ao rei recadar máis recursos a través da confiscación das terras dos baróns que non podían pagar ou se negaron a facelo.[110]

Ao comezo do reinado de Xoán houbo un repentino cambio nos prezos, xa que as malas colleitas e a alta demanda de alimentos resultaron nunha suba no prezo do gran e os animais. Esta inflación continuou ao longo de todo o século XIII e tivo consecuencias a longo prazo en Inglaterra.[111] As presións sociais resultantes complicáronse polas deflacións que continuaron ás campañas militares de Xoán.[112] Nesta época era habitual que o rei recadase os impostos en prata. Esta era recuñada en novas moedas, que eran enviadas en barrís aos castelos reais ao longo do país, e utilizábanse para pagar aos mercenarios ou sufragar outros gastos.[113] Mentres Xoán preparaba a súa campaña en Normandía, por exemplo, retiráronse grandes cantidades de prata da circulación e foron almacenadas durante meses, o que provocou períodos nos que resultaba difícil conseguir este tipo de moedas, e dificultades para adquirir créditos comerciais, así como unha deflación sobre a economía, resultando en disturbios políticos ao longo do país.[114] Xoán tratou de enfrontarse a algúns dos problemas coa moeda inglesa en 1204 e en 1205 levando a cabo un cambio radical nas moedas, mellorando a súa calidade e consistencia.[115]

Corte e ira et malevolentia[editar | editar a fonte]

O rei Xóan presentando unha igrexa. Obra de Matthew Paris en Historia Anglorum 1250-1259.

A corte de Xoán baseouse en varios grupos de seguidores. Un grupo formábano os familiares regis, os amigos máis próximos ao rei e aqueles cabaleiros que viaxaban polo país ao seu carón. Tamén ocupaban un importante papel na organización e dirección das campañas militares.[116][117] Outra sección de seguidores reais era a dos curia regis; estes eran os oficiais e axentes máis veteranos do rei e supoñían un piar esencial no seu goberno diario.[118] Ser membro destes círculos máis próximos ao monarca traía grandes vantaxes, posto que era máis doado obter favores do rei, presentar demandas, casar cunha herdeira adiñeirada ou obter perdón polas débedas.[119] En tempos de Henrique II, estes postos cubríanse con "homes novos" que proviñan de rangos distintos aos dos baróns. Isto intensificouse durante o reinado de Xoán, con varios membros da baixa nobreza chegando do continente para ocupar postos na corte, moitos dos cales eran líderes mercenarios de Poitou.[120] Tamén incluían soldados que serían infames en Inglaterra polo seu comportamento incivilizado, como por exemplo Falkes de Breauté, Geard d'Athies, Engelard de Cigongé e Philip Marc.[121] Moitos baróns percibiron a corte de Xoán como o que Ralph Turner describiu como "unha camarilla estreita que desfrutaba dos favores do rei a costa dos baróns e ocupada por homes de baixo status social".[120]

Esta tendencia do rei de confiar nos seus propios homes a costa dos baróns foi exacerbada pola tradición anxevina da ira et malevolentia –"ira e mala vontade"– e a propia personalidade do rei.[122] Desde Henrique II en adiante, a ira et malevolentia pasou a describir o dereito do rei a expresar a súa ira e desgusto particularmente cos baróns e o clero, construído sobre o concepto normando de malevolentia.[62][123] Durante o período normando, sufrir a mala vontade do rei significaba dificultades para obter subsidios, honras e peticións. Henrique II expresou de xeito infame a súa ira e mala vontade contra Thomas Becket, o que finalmente resultaría na morte deste.[62][123] Xoán ademais tiña a habilidade de "paralizar os seus vasalos" nunha escala significante usando as súas novas medidas económicas e xudiciais, o que facía que enfrontarse á ira real resultase un asunto máis complicado.[124]

Xoán mantivo unha profunda sospeita sobre os baróns, particularmente naqueles con suficiente poder e riqueza para enfrontarse a el.[124] Moitos dos baróns sufriron a malevolentia do rei, incluído William Marshal, un famoso cabaleiro e barón que normalmente foi considerado exemplo de lealdade.[125] O caso máis infame, que foi máis aló do aceptable na época, resultou ser o de William de Braose, un poderoso señor das marcas galesas con terras en Irlanda.[124][3] De Braose foi suxeito de varias demandas punitivas por cartos, e cando rexeitou pagar a suma de 40 000 marcos (equivalente a 26 666 libras da época),[nb 11] a súa muller e un dos seus fillos foron aprisionados por Xoán, o que resultou nas súas mortes.[125][126] De Braose morreu no exilio en 1211, e os seus netos permaneceron en prisión ata 1218.[125][126] As sospeitas e celos do rei supuxeron que en rara ocasión mantivese unha boa relación incluso cos máis leais baróns.[127]

Vida privada[editar | editar a fonte]

Unha pintura do século XIII de Xoán xunto aos seus fillos lexítimos: Henrique, Ricardo, Isabella, Leonor e Xoana.

A vida privada de Xoán afectou en gran medida ao seu reinado. Os cronistas contemporáneos afirmaban que o rei era pecaminosamente luxurioso e falto de piedade.[128] Durante este período era habitual que os reis e os nobres tivesen amantes, pero os cronistas queixábanse de que estas amantes estivesen casadas con membros da nobreza, o cal consideraban inaceptable.[128] O rei tivo polo menos cinco fillos con estas amantes durante o seu matrimonio con Isabel de Gloucester, e dúas desas amantes sabíase que pertencían á nobreza.[128][129] O comportamento de Xoán durante o seu matrimonio con Isabel de Angoulême resulta, porén, menos claro. Non tivo ningún fillo ilexítimo despois de volver casar, e non existen probas documentais que proben o adulterio neste momento, aínda que por suposto o rei gozou da amizade de varias mulleres da corte durante esta etapa.[129] As acusacións realizadas contra o rei durante as revoltas dos baróns considéranse xeralmente como invencións para xustificar a revolta. Porén, moitos dos contemporáneos de Xoán parecían ter unha mala opinión sobre o seu comportamento sexual.[109][nb 12]

O carácter da relación de Xoán coa súa segunda muller, Isabel de Angoulême, non está claro. Xoán casou con Isabel cando esta era relativamente nova. Non se coñece con exactitude a súa data de nacemento, e estimase que puido casar con como moito 15 anos e máis probablemente preto dos 9 anos no momento da voda.[132][nb 13] Incluso para os estándares da época, Isabel casou moi nova.[133] Xoán non deu unha gran cantidade de diñeiro polas propiedades da súa muller e non transferiu moitos dos ingresos das súas terras, o que levou ao historiador Nicholas Vincent a describilo como "realmente malo" con Isabel.[134] Vincent chegou á conclusión de que o matrimonio non foi especialmente "amigable".[135] Outros aspectos do seu matrimonio suxiren unha relación máis achegada e positiva. Os cronistas rexistraron que Xoán estaba "profundamente namorado" de Isabel e que, en efecto, a parella mantivo relacións polo menos entre 1207 e 1215, durante as cales naceron cinco fillos.[65][135] En contraste coa opinión de Vincent, o historiador William Chester Jordan concluíu que a relación era a "dunha parella sociable" que tiña un matrimonio xeitoso para os estándares da época.[136][137]

A falta de convicción relixiosa de Xoán foi notoria para os seus cronistas contemporáneos e os posteriores historiadores, con certas sospeitas sobre a súa impiedade, e incluso ateísmo, un asunto moi serio para a época.[138] Os seus contemporáneos catalogaron os seus hábitos ant-relixiosos, incluída a súa negación a tomar a comuñón, o seu ton blasfemo, e a súas enxeñosas pero á vez escandalosas bromas sobre a doutrina da igrexa.[18][138] O historiador Frank McLynn suxire que os primeiros anos de Xoán en Fontevrault, combinados coa súa relativamente avanzada educación, puido influílo para volvelo na contra da igrexa.[18] Outros historiadores foron máis cautelosos na interpretación deste material, en especial os cronistas resaltaron o especial interese do rei na vida de san Wulfstan de Worcester e a súa amizade con varios membros do clero, especialmente con Hugh de Lincoln, quen máis adiante sería declarado santo.[139] Os rexistros financeiros mostran que a casa real mantivo unha observancia normal das festividades tradicionais e piadosas, aínda que con moitos rexistros mostran as ofrendas de Xoán aos pobres para expiar rutineiramente as normas da igrexa.[139][140] O historiador Lewis Warren argumentou que os rexistros dos cronistas mostraban un considerable tendenciosos e que o rei era "polo menos convencionalmente devoto", citando as súas peregrinacións e interese na escritura e comentarios relixiosos.[141]

Últimos anos (1204–14)[editar | editar a fonte]

Políticas no continente[editar | editar a fonte]

Debuxo de comezos do século XIII de Matthew Paris mostrando a guerra contemporánea, incluíndo o uso de castelos, bestas e cabaleiros.

Durante o resto do seu reinado, Xoán centrouse en intentar recuperar Normandía.[142] Os feitos suxiren que non aceptou a perda do ducado como permanente.[142] Estratexicamente, Xoán tivo que afrontar varios retos:[143] Inglaterra tiña que estar protexida contra unha posible invasión francesa,[143] as rutas mariñas cara a Bordeos tiñan que protexerse debido á perda da ruta por terra ata Aquitania, e as súas restantes posesións en terra aquitana debían protexerse debido á morte da súa nai, Leonor, en abril de 1204.[143] O plan de Xoán pasaba por utilizar Poitou como base de operacións, e avanzar polo val do Loira cara a París, derrotar ao exército francés e romper as liñas de comunicación internas dos franceses antes de desembarcar no ducado normando.[143] O seu plan beneficiaríase do enfrontamento que Flandres e Boloña terían con Francia polo leste –volvendo así a estratexia de Ricardo I de aplicar presión sobre Francia desde Alemaña–.[143] Todo isto requiría dunha gran suma de cartos e soldados.[144]

O rei pasou a maior parte de 1205 protexendo Inglaterra da posible invasión francesa.[142] Como medida de emerxencia, Xoán recreou unha versión do Edicto de Armas de 1181, no cal cada condado debía crear unha estrutura para mobilizar os impostos locais.[142] Cando desapareceu a ameaza de invasión, Xoán reuniu unha gran forza militar en Inglaterra pensada para Poitou, e unha gran frota con soldados baixo o seu propio comando pensada para Normandía.[144] Para lograr isto, creou a contribución feudal para as súas campañas, cun sistema máis flexible baixo o cal un cabaleiro de cada dez sería mobilizado, pero estaría apoiado financeiramente polos outros nove. Estes cabaleiros servirían por un período indeterminado.[144] Tamén reuniu un gran número de enxeñeiros para os asedios e un gran número de besteiros.[145] O rei estaba apoiado por baróns con experiencia militar, incluído William Longespée, William de Pembroke, Roger de Lacy e, ata que perdeu o seu favor, William de Braose.[145]

Xoán xa comezara a mellorar as súas forzas no canal da Mancha antes da perda de Normandía e rapidamente mellorou a súa frota trala perda do ducado. A maior parte dos seus barcos estaban en Cinque Ports, pero a base naval de Portsmouth tamén foi ampliada.[146] A finais de 1204 tiña dispoñibles 50 galeras, e outros 54 barcos foron construídos ente 1209 e 1212.[142][146] William de Wrotham foi nomeado "gardián das galeras", isto é almirante da frota.[142] Wrotham foi o responsable de unir as galeras de Xoán, os buques de Cinque Ports e os barcos mercantes capturados nunha única frota plenamente funcional.[142] Xoán ordenou adoptar melloras no deseño dos barcos, incluíndo un novo tipo de barcos de transporte chamados "buisses" e castelos de proa extraíbles para o uso en combate.[146]

William o Mariscal (esq.), un dos líderes militares de Xoán.

O descontento da nobreza inglesa detivo os planes da expedición de 1205, e só unha pequena forza liderada por William Longespée partiu cara a Poitou.[144] En 1206 Xoán marchou cara a Poitou, pero foi obrigado a desviarse cara ao sur para contrarrestar as ameazas de Afonso VIII de Castela sobre Gascuña.[144] Tralo éxito da campaña contra Afonso, Xoán dirixiuse ao norte, tomando a cidade de Angers.[144] Filipe de Francia marchou cara ao sur para se reunir con Xoán. As campañas dese ano remataron nunha tregua de dous anos asinada polos dous monarcas.[147]

Durante a tregua de 1206-1208 Xoán centrouse en mellorar os seus recursos financeiros e militares en preparación para outro intento de recuperar Normandía.[148] Utilizou parte do seu diñeiro para sufragar novas alianzas nas fronteiras orientais de Francia, onde o poder da dinastía capetiana comezaba a intimidar aos veciños de Francia.[148] Para 1212 Xoán logrou aliarse co seu sobriño Otón, pretendente ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico, así como cos condes Renaud de Bolonia e Fernando de Flandres.[148] Os plans da invasión de 1212 quedaron pospostos debido ao descontento da nobreza polo seu servizo en Poitou.[148] Filipe tomou a dianteira en 1213, enviando o seu fillo Luís a invadir Flandres coa intención de avanzar cara a Inglaterra.[148] Xoán viuse forzado a pospoñer os seus plans para facer fronte a esta agresión. Enviou a súa flamante frota a atacar aos franceses no porto de Damme.[149] O ataque foi un éxito, destruíronse os barcos de Filipe e calquera posibilidade de invasión de Inglaterra ese ano.[149] Xoán esperaba poder explotar a súa vantaxe invadindo Francia a finais de 1213, pero de novo o descontento da nobreza atrasou os seus plans ata comezos de 1214, na que sería a súa última campaña no continente.[149]

Escocia, Irlanda e Gales[editar | editar a fonte]

Unha representación do século XIII de Xoán xunto a dous cans de caza.

A finais do século XII e comezos do XIII, as relacións fronteirizas e políticas entre Inglaterra e Escocia estaban en disputa, cos reis de Escocia reclamando partes do que hoxe é o norte de Inglaterra. O pai de Xoán, Henrique II, forzou a Guillerme o León a xurarlle fidelidade no tratado de Falaise no ano 1174.[150] Este foi rescindido por Ricardo I a cambio dunha compensa económica no 1189, pero as relacións continuaron sendo complicadas.[151] Xoán comezou o seu reinado restablecendo a súa soberanía sobre os territorios disputados do norte. Rexeitou as demandas de Guillerme polo señorío de Northumbria, pero non interveu en Escocia e centrouse nos seus problemas continentais.[152][153] Os dous monarcas mantiveron unha relación amistosa, reuníndose en 1206 e 1207,[154] ata que en 1209 xurdiron rumores de que Guillerme trataba de aliarse con Filipe II de Francia.[152][155] Xoán invadiu Escocia e obrigou a Guillerme a asinar o tratado de Norham, polo que Xoán recibía o control sobre as fillas deste e un pagamento de 10 000 libras.[152] Isto danou o poder de Guillerme na fronteira norte de Inglaterra, e no ano 1212 Xoán tivo que intervir militarmente para apoiar o rei escocés contra os seus rivais internos.[152][nb 14] Xoán non intentou reinstaurar o tratado de Falaise, porén, tanto Guillerme como Alexandre a cambio permaneceron como monarcas independentes, apoiados, pero sen deber vasalaxe a Xoán.[157]

Xoán continuou sendo o Señor de Irlanda durante o seu reinado. Utilizou o país como fonte de recursos para a loita na súa guerra contra Filipe no continente.[158] O conflito continuou en Irlanda entre os colonos anglonormandos e os xefes irlandeses indíxenas, con Xoán manipulando ambos os dous grupos para expandir as súas riquezas e poder no país.[158] Durante o goberno de Ricardo Xoán aumentou o tamaño das súas terras en Irlanda, e continuou a súa política cando chegou ao trono.[159] En 1210 o rei cruzou a Irlanda cun grande exército para enfrontarse cunha rebelión liderada polos señores anglonormandos; reasegurou o control sobre o país e impuxo unha nova carta para asegurar o cumprimento das leis e costumes inglesas en Irlanda.[160] Xoán deixou pronto de impoñer activamente a carta aos reinos nativos de Irlanda. Porén, o historiador David Carpenter sospeita que no caso de que chegase a facelo, non intervería no conflito cos baróns en Inglaterra. As tensións cos líderes locais irlandeses continuaron incluso despois de que Xoán regresase a Inglaterra.[161][162]

O poder real en Gales foi aplicado de xeito desigual, co país dividido entre os señores das marcas ao longo das fronteiras, os territorios reais en Pembrokeshire e os máis independentes señores nativos ao norte de Gales. Xoán prestou grande interese por Gales e coñeceu ben o país, visitándoo cada ano entre 1204 e 1211 e casando a súa filla ilexítima Xoana, co príncipe galés Llywelyn o Grande.[163] O rei utilizou os señores das marcas e os nativos galeses para aumentar o seu propio territorio e poder, cunha secuencia de acordos precisos amparados polo poder militar real cos gobernantes locais.[164] En 1211 enviou unha expedición real de maior tamaño para fortalecer estes acordos, despois de que Llywelyn intentase facer estoupar a inestabilidade causada pola retirada de William de Braose, durante o alzamento de Gales de 1211.[165] A invasión de Xoán, golpeou no corazón das terras galesas, resultando un éxito. Llywelyn chegou a un acordo que incluía a expansión do poder de Xoán polo país, aínda que de xeito temporal.[165]

Disputa co papa[editar | editar a fonte]

O papa Inocencio III, quen excomungou a Xoán no 1209.

Tras a morte do arcebispo de Canterbury Hubert Walter o 13 de xullo de 1205, Xoán veuse envolto nunha disputa co papa Inocencio III que rematou coa excomuñón do rei. Os reis normandos e anxevinos exerceron tradicionalmente un gran repartimento do poder sobre a igrexa nos seus territorios. Desde a década de 1040 en adiante, porén, os sucesivos papas fixeron fincapé na importancia de que a igrexa fose "gobernada de forma máis coherente e centralizada" e estableceron "a súa propia esfera de autoridade e xurisdición, separada e independente da regra laica", en palabras do historiador Richard Huscroft.[166] Despois da década de 1140, estes principios foran longamente aceptados pola igrexa inglesa, aínda que con certo concernemento sobre centralizar o poder en Roma.[167][168] Estes cambios puxeron os dereitos consuetudirnarios dos gobernantes laicos, como os nomeamentos de Xoán de cargos eclesiásticos, en cuestión.[167][168] O papa Inocencio era, segundo o historiador Ralph Turner, un "ambicioso e agresivo" líder relixioso, insistente nos seus dereitos e responsabilidades sobre a Igrexa.[169]

Xoán quería que John de Gray, o bispo de Norwich e un dos seus partidarios, fose nomeado arcebispo de Canterbury trala morte de Walter. Porén o cabido da catedral de Canterbury reclamou o dereito exclusivo de nomear o seu sucesor, favorecendo ao sub prior Reginald.[170] Para complicar máis o asunto, os bispos da provincia de Canterbury tamén reclamaron o dereito a nomear o seguinte arcebispo.[170] O cabido elixiu a Reginald en segredo e este viaxou a Roma para ser confirmado. Os bispos desafiaron o nomeamento e o asunto foi levado ante Inocencio.[171] Xoán forzou o cabido de Canterbury a mudar o seu apoio a John de Gray, e enviaron un mensaxeiro a Roma para informar ao pontífice da nova decisión.[172] Inocencio desautorizou tanto a Reginald como a John de Gray, e propuxo o seu propio candidato, Stephen Langton. Xoán rexeitou a petición de Inocencio, pero o papa consagrou a Langton en xuño de 1207.[172]

Indignado polo que percibía como unha abrogación do seu dereito consuetudinario como monarca para influír na elección,[172] Xoán queixouse da elección de Langton, percibíndoo como demasiado influenciado pola corte dos Capetos en París.[173] Prohibiu a Langton entrar en Inglaterra e ocupou as terras do arcebispado e outras posesións papais.[173] Inocencio, pola súa banda, estableceu unha comisión intentando convencer a Xoán de que cambiase de parecer, pero resultou en balde. Tras isto o papa interpuxo un interdito sobre Inglaterra en marzo de 1208, prohibindo ao clero dirixir os servizos relixiosos, coa excepción do bautismo para os máis novos, e as confesións e absolucións para os que ían morrer.[174][175]

O castelo de Rochester, unha das moitas propiedades posuídas polo disputado arcebispo de Canterbury, e unha importante fortificación nos anos finais do reinado de Xoán.

Xoán recibiu o interdito como o "equivalente a unha declaración papal de guerra".[174] Respondeu intentando castigar a Inocencio en persoa e abrir unha brecha entre os clérigos que podían apoialo e aqueles que se situaban firmemente no lado da autoridade romana.[174] Xoán ocupou as terras daqueles clérigos que non estaban dispostos a dirixir os servizos relixiosos, así como aquelas propiedades directamente relacionadas con Inocencio. Arrestou as concubinas que moitos clérigos tiñan durante este período, liberándoas só tralo pagamento dunhas multas. Ocupou tamén as terras dos membros da igrexa que abandonaron Inglaterra, e prometeu protección para aqueles clérigos que permaneceran fieis á autoridade real.[174] En moitos casos, as propias institucións foron capaces de negociar os termos polos cales as súas propiedades serían dirixidas, así como o mantemento da produción nas súas terras.[176] Para 1209 a situación non mostraba signos de mellora, e Inocencio ameazou con excomungar a Xoán se non cedía ante o nomeamento de Langton.[177] Cando a súa ameaza fallou, Inocencio excomungou ao rei en novembro dese ano.[177] Malia que isto supoñía unha diminución na lexitimidade de Xoán, parece que non preocupou demasiado ao rei.[177] Dous dos aliados máis próximos a Xoán, o emperador Otón IV e o conde Raymond VI de Tolosa, xa sufriran o mesmo castigo, e a relevancia da excomuñón estaba dalgún modo desvalorizada.[177] Xóan limitouse a endurecer as súas medidas e acumulou unhas sumas significativas de ganancias dos ingresos das sés baleiras e as abadías: unha estimación do ano 1213, por exemplo, suxería que a igrexa perdera case 100 000 marcos (equivalentes a 66 666 libras da época) en favor de Xoán.[178] As fontes oficiais suxiren que arredor do 14 % dos ingresos anuais da igrexa de Inglaterra pasaba cada ano ás mans de Xoán.[179]

Inocencio deu varias dispensas e a crise progresou.[175] Permitiuse ás comunidades monásticas celebrar misas en privado desde 1209 en adiante, e en 1212 autorizouse a comuñón para os moribundos.[180] As regras dos enterramentos e camiños de acceso as igrexas semella que foron constantemente eludidas.[175] Malia que o interdito supuxo unha carga para a maior parte da poboación, non resultou nunha rebelión contra Xoán. En 1213, porén, Xoán comezou a preocuparse polas ameazas de invasión francesas.[181] Algúns cronistas contemporáneos suxeriron que en xaneiro Filipe II de Francia recibira o encargo de depoñer a Xoán en nome do pontífice. Porén, semella que Inocencio simplemente preparou unhas cartas en segredo en caso de que necesitase dar crédito as súas reclamacións en caso de que Filipe invadira Inglaterra.[182][181]

Baixo toda esta presión política, Xoán veuse forzado a negociar os termos da reconciliación, e os termos papais para a submisión foron aceptados na presenza do legado papal Pandulf Verraccio en maio de 1213 na Igrexa do Temple de Dover.[181][183] Como parte do trato, Xoán ofreceu a rendición do Reino de Inglaterra ao papado por un servizo feudal de 1000 marcos anuais, equivalentes a 666 libras da época: 700 marcos (466 libras) por Inglaterra e 300 marcos (200 libras) por Irlanda, así como unha compensación polas perdas causas á igrexa durante a crise.[181][184] O acordo formalizouse mediante a Bulla Aurea. Esta resolución produciu varias respostas. Aínda que algúns cronistas percibiron que Xoán quedara humillado pola secuencia dos sucesos, houbo pouca reacción pública.[185] Inocencio beneficiouse da resolución do longo problema inglés, pero Xoán gañou probablemente máis, posto que o papa pasou a ser un firme apoio durante o resto do seu reinado, apoiándoo nos asuntos domésticos, así coma na súa política continental.[186] Inocencio volveuse inmediatamente na contra de Filipe, reclamándolle que deixase de lado os seus plans de invadir Inglaterra e reclamando a paz.[186] Xoán pagou parte da compensación prometida á igrexa, pero para finais de 1214 deixou de facelo, deixando dous terzos do acordado sen pagar. Porén, semella que Inocencio esqueceu convenientemente esta débeda polo ben dunha mellor relación.[184]

Fracaso en Francia e Primeira Guerra dos Baróns (1215–16)[editar | editar a fonte]

A vitoria francesa na batalla de Bouvines acabou cos plans de Xoán de recuperar Normandía en 1214 e provocou a primeira guerra dos baróns.

Tensións e descontento[editar | editar a fonte]

As tensións entre Xoán e a nobreza creceron durante varios anos, como quedou demostrado no complot contra o rei de 1212.[187] Moitos dos nobres descontentos viñan do norte de Inglaterra, e foron coñecidos polos seus contemporáneos como "os norteños". Este nobres rara vez participaron no conflito en Francia, e moitos deles debían grandes sumas de diñeiro a Xoán. A revolta caracterizouse como unha rebelión dos debedores do rei.[100][188] Moitos membros da casa militar do rei uníronse á revolta, en especial aqueles ós que Xoán dera cargos administrativos por Inglaterra. Os seus vínculos locais e lealdades superaron á súa propia lealdade ao rei.[189] A tensión tamén aumentou no norte de Gales, onde a oposición ao tratado de 1211 entre Xoán e Llywelyn converteuse nun conflito aberto.[190] Para algúns o nomeamento de Peter de Roches como xustiza foi un importante factor, xa que era considerado como un estranxeiro por moitos dos nobres.[191] O fracaso da campaña de Xoán en Francia en 1214 foi, probablemente, a chispa final que precipitou a revolta dos nobres durante os últimos anos de Xoán como rei. James Holt describiu a traxectoria cara a guerra civl como "directa, breve e inevitable" trala derrota de Bouvines.[187][192]

Fracaso da campaña francesa de 1214[editar | editar a fonte]

En 1214 Xoán comezou a súa campaña final para recuperar Normandía. O rei era optimista, xa que lograra aliarse co emperador Otón, Renaud de Bolonia e o conde Fernando de Flandres. Desfrutaba ademais do favor do papa, e reuniu fondos suficientes para sufragar os gastos dun exercito con experiencia.[193] Porén, cando Xoán partiu cara a Poitou en febreiro de 1214, moitos dos nobres rexeitaron axudalo. Os mercenarios tiveron que cubrir as baixas.[194] Os plantes de Xoán para dividir as forzas de Filipe consistían en avanzar ao nordeste desde Poitou cara a París, mentres que Otón, Renaud e Fernando, apoiados por William Longespée, avanzaban cara ao sur desde Flandres.[194]

A primeira parte da campaña resultou un éxito. Xoán superou en astucia as forzas lideradas polo delfín Luís, e reconquistou o condado de Anjou a finais de xuño.[194][195] Asediou o castelo de Roche-au-Moine, que resultaba estratéxico, forzando que Luís entrara en combate co gran exército de Xoán.[196] Os nobres anxevinos locais rexeitaron avanzar xunto ao rei, provocando unha lixeira desvantaxe e o repregamento das tropas de Xoán a La Rochelle.[196] Pouco despois Filipe gañou a batalla de Bouvines no norte contra Otón e o resto de aliados de Xoán, acabando así coas esperanzas deste de recuperar Normandía.[197] O tratado de paz, previsto cunha duración de seis anos, devolvía Anjou a Francia e obrigaba a Xoán a pagar unha compensación.[197] Xoán regresou a Inglaterra en outubro.[197]

Tensións antes da guerra e a Carta Magna[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Carta Magna.
Unha versión orixinal da Carta Magna, acordada por Xoán e os baróns en 1215

Aos poucos meses do retorno de Xoán, os baróns rebeldes ao norte e leste de Inglaterra estaban organizando a resistencia ao seu poder.[198] Xoán reuniu un consello en Londres en xaneiro de 1215 para discutir as potenciais reformas e patrocinou discusións en Oxford entre os seus axentes e os rebeldes durante a primavera.[199] Semella que Xoán estivo buscando tempo ata que o papa Inocencio III puidese enviarlle as cartas nas que lle outorgaba o seu favor pontificio. Isto era particularmente importante para Xoán, unha forma de facer presión aos baróns pero tamén unha forma de controlar a Stephen Langton, o arcebispo de Canterbury.[200] Mentres tanto, Xoán comezou a recrutar a forzas mercenarias de Poitou, aínda que algunhas foron enviadas de regreso para evitar dar a impresión de que o rei estaba fomentando o conflito.[199] O rei anunciou a súa intención de converterse en cabaleiro cruzado, un movemento que lle outorgou maior protección política desde o dereito da Igrexa.[201]

As cartas de apoio do papa chegaron en abril, pero para entón os baróns rebeldes xa estaban organizados. Congregáronse en Northampton en maio e renunciaron aos seus vínculos feudais con Xoán, sinalando a Robert fitz Walter como o seu líder militar.[198][200] Este auto-proclamado Exército de Deus marchou sobre Londres, tomando a capital así coma Lincoln e Exeter.[202] Os esforzos de Xoán para parecer moderado e conciliador tiveron moito éxito, pero unha vez que os rebeldes ocuparon Londres atraeron unha nova onda de detractores da facción realista.[202] O rei instou a Langton para que organizase as conversas de paz coas forzas rebeldes.[202]

Xoán reuniuse cos líderes rebeldes en Runnymede, preto do castelo de Windsor, o 15 de xuño de 1215.[202] Os esforzos de Langton na mediación crearon unha carta na que se recollía a proposta de acordo para a paz; que máis tarde sería coñecida como Carta Magna, ou Gran Carta.[203] A carta foi máis lonxe de abordar simplemente as queixas dos baróns, e recolleu unha ampla proposta de reforma política, aínda que centrándose nos dereitos dos homes libres, sen abordar a servidume e os traballos forzados.[204] Prometía a protección dos dereitos da Igrexa, protección ante o aprisionamento ilegal, acceso a unha xustiza rápida, a creación de novos impostos só se contaban co consentimento dos barón e límites no escuaxe e outros pagamentos feudais.[205] Crearíase un consello de vinte e cinco baróns para controlar e asegurar que o rei cumpría co acordado na carta, mentres que o exército rebelde se retiraría de Londres e renderíase ante o rei.[206]

Nin Xoán nin os baróns rebeldes trataron de implantar o acordo de paz.[206] Os baróns sospeitaban que o consello proposto sería inaceptable para Xoán e que retaría á legalidade da carta; encheron o consello cos baróns máis intransixentes e rexeitaron desmobilizar as súas forzas ou render Londres como acordaran.[207] A pesar das súas promesas, Xoán chamou ao papa na súa axuda, remarcando que a carta comprometía os dereitos pontificios baixo o acordo de 1213 no que se nomeaba señor feudal de Xoán.[208] Inocencio agradecido, declarou a carta "non só vergoñenta e degradante, tamén ilegal e inxusta" e excomungou os baróns rebeldes.[208] O fracaso dos acordos levaron rapidamente ao estoupido da Primeira Guerra dos Baróns.[208]

A guerra cos baróns[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Primeira Guerra dos Baróns.
A campaña de Xoán desde setembro de 1215 ata marzo de 1216.

Os rebeldes fixeron o primeiro movemento na guerra, apoderándose do estratéxico castelo de Rochester, propiedade de Langton pero deixado case sen vixilancia polo arcebispo.[209] Xoán estaba ben preparado para o conflito. Tiña suficiente diñeiro acumulado para pagar aos mercenarios e asegurouse o apoio dos poderosos señores mercadores coas súas propias forzas feudais, como William Marshal e Ranulf de Chester.[210] Os rebeldes carecían da experiencia en enxeñaría e equipo pesado necesarios para asaltar a rede de castelos reais que separaban os baróns do norte e os do sur.[210][211] A estratexia de Xoán consistía en illar aos rebeldes en Londres, protexer as súas propias liñas de subministración e a súa principal fonte de mercenarios en Flandres, prevendo aos franceses de asaltar as costas do sueste, e despois gañar a guerra a través do lento desgaste.[209] O rei pospuxo as negociacións debido á mala situación no norte de Gales, onde Llywelyn o Grande dirixía a rebelión contra o acordo de 1211.[212]

A campaña de Xoán comezou ben. En novembro, o rei reconquistou o castelo de Rochester das mans do barón William d'Aubigny nun sofisticado asalto. Un cronista non vira "un asedio con tanta presión e fortemente resistido", mentres que o historiador Reginald Brown o describe como "unha das maiores operacións [de asalto] en Inglaterra ata ese momento".[209][213][214] Tras gañar o sueste, Xoán dividiu as súas forzas, enviando a William Longespée a conquistar a parte norte de Londres e East Anglia, mentres que o propio Xoán dirixiuse ao norte a través de Nottingham para atacar as posesións dos baróns do norte.[214] Ambas as dúas operacións resultaron un éxito, e a maioría dos rebeldes que quedaron foron inmobilizados en Londres.[214] En xaneiro de 1216, Xoán marchou contra Alexandre II de Escocia, quen estaba aliado coa causa rebelde.[215] Xoán recuperou as posesións de Alexandre ao norte de Inglaterra nunha rápida campaña e empuxouno ata Edimburgo nun período de dez días.[215]

Os rebeldes responderon invitando ao príncipe francés Luís de Francia a dirixilos: Luís tiña unha reclamación sobre o trono inglés en virtude do seu matrimonio con Branca de Castela, neta de Henrique II.[216] Filipe puido outorgarlle apoio pero rexeitou apoiar publicamente a Luís, quen foi excomungado por Inocencio III por tomar parte na guerra en contra de Xoán.[216] A chegada de Luís a Inglaterra presentaba un significativo problema para Xoán, xa que o príncipe traería consigo os seus barcos e instrumentos de asedio que resultaban esenciais para os rebeldes.[217] Unha vez que Xoán logrou conter a Alexandre en Escocia, marchou ao sur para enfrontarse ao reto da inminente invasión.[215]

O príncipe Luís tratou de desembarcar no sur de Inglaterra en maio de 1216, e Xoán enviou a súa forza naval para interceptalo.[214] Desafortunadamente para o rei, a súa frota quedou dispersada debido ás tormentas e o francés desembarcou sen problema no condado de Kent.[214] Xoán desistiu e decidiu non atacar a Luís de xeito inmediato, ben polos riscos dunha batalla en campo aberto, ben polas preocupacións acerca da lealdade dos seus homes.[214] Luís e os baróns rebeldes avanzaron ao oeste e Xoán retirouse, pasando o verán reorganizando as súas defensas ao longo do resto do reino.[218] Xoán viu como varios dos seus líderes militares desertaron aos rebeldes, incluíndo o seu medio irmán William Longespée. Para o final do verán, os rebeldes ocupaban o sueste de Inglaterra e algunhas partes do norte.[218]

Morte[editar | editar a fonte]

A tumba do rei Xoán na catedral de Worcester.

En setembro de 1216 Xoán comezou un importante ataque. Marchou desde Cotswolds, finxiu unha ofensiva para liberar o sitiado castelo de Windsor, e atacou polo leste arredor de Londres ata Cambridge para dividir as áreas ocupadas polos rebeldes de Lincolnshire and East Anglia.[218][219] Desde alí viaxou cara ao norte para poñer fin ao sitio de Lincoln e de novo ao leste cara a King's Lynn, probablemente para solicitar máis axuda do continente.[219][nb 15] En King's Lynn, Xoán contraeu a disentería, o que resultaría fatal.[219] Mentres Alexandre II invadía de novo o norte de Inglaterra, tomando Carlisle en agosto para máis tarde marchar cara ao sur para dar unha homenaxe ao príncipe Luís polas súas posesións en Inglaterra. Xoán case interceptou a Alexandre durante o camiño.[218][219][215] As tensións entre Luís e os baróns ingleses comezaron a aumentar, o que levou a un aumento no número de desercións, incluíndo ao fillo de William Marshal e a William Longespée, que volveron ao bando de Xoán.[220][219]

O rei regresou ao oeste pero perdeu parte da súa equipaxe durante o camiño.[221] Roger de Wendover deu a visión máis gráfica deste episodio, suxerindo que as pertenzas do rei, incluídas as xoias da coroa, se perderon mentres cruzaba os estuarios que desembocan en The Wash, quedando atrapadas nas areas movedizas.[221] Varios cronistas deron conta do incidente de diferente maneira e o lugar do incidente nunca quedou confirmado.[222][217] Os historiadores modernos aseguran que para outubro de 1216, Xoán estaba nun "punto morto" e "nunha situación militar comprometida pola derrota".[223][224]

A enfermidade de Xoán empeorou e ao tempo de chegar ao castelo de Newark resultoulle imposible continuar coa viaxe. Xoán finou a noite do 18/19 de outubro.[4][225] Numerosas testemuñas –probablemente ficticias– circularon sobre a súa morte de que fora envelenado.[226] O seu corpo foi escoltado ao sur por unha compañía de mercenarios e enterrado na catedral de Worcester fronte ao altar de san Vulstano.[227][228] No 1232 fíxose un novo sarcófago coa súa efixie, no cal descansan os seus restos dende entón.[229]

Legado[editar | editar a fonte]

Como resultado da morte de Xoán, William Marshal foi nomeado protector de Henrique III, quen por entón tiña só nove anos.[228] A guerra civil continuou ata as vitorias realistas nas batallas de Lincoln e Dover en 1217. O rei francés deixou de lado a súa reclamación ao trono inglés e asinou o tratado de Lambeth.[228] O errado acordo da Carta Magna foi recuperado pola administración de Marshal e restablecido nunha edición de 1217 como a base para o futuro goberno.[230][231] Henrique III continuou cos intentos de reclamar Normandía e Anjou ata 1259, pero as perdas no continente de Xoán e o aumento do poder dos Capetos durante o século XII resultaron ser "un punto de inflexión na historia de Europa".[232]

A primeira muller de Xoán, Isabel, condesa de Gloucester, foi liberada da súa prisión en 1214; volveu casar en dúas ocasións e finou en 1217. En canto á súa segunda muller, Isabella de Angulema, deixou Inglaterra para regresar a Angulema axiña da morte do rei, converténdose nunha poderosa líder rexional, pero abandonando aos fillos que tivera con Xoán.[233] O seu fillo máis vello, Henrique III, gobernou durante a maior parte do século XIII. Ricardo foi un importante líder europeo e chegou a ser elixido como Rei de romanos no Sacro Imperio Romano Xermánico.[234] Xoana casou con Alexandre II de Escocia e foi a súa raíña consorte.[152] Isabella casou co Sacro Emperador Romano Federico II.[235] A súa filla máis nova, Leonor, casou co fillo de William Marshal, tamén chamado William, e máis adiante co famoso rebelde inglés Simon de Montfort.[236] Xoán tivo tamén varios fillos ilexítimos concibidos por varias amantes, incluíndo nove varóns –Richard, Oliver, John, Geoffrey, Henry, Osbert Gifford, Eudes, Bartholomew e probablemente Philip – e tres mulleres – Xoana, Maud e probablemente Isabel.[237] Destes, Xoana foi a máis coñecida, tras casar co príncipe Llywelyn o Grande de Gales.[238]

Historiografía[editar | editar a fonte]

Matthew Paris, un dos primeiros historiadores do reinado de Xoán.

As interpretacións históricas sobre Xoán foron mudando ao longo dos anos. Os cronistas medievais redactaron as primeiras visións contemporáneas historias do reinado deste monarca. Un grupo de cronistas comezou a facelo durante os primeiros anos da súa vida, ou ben no momento do seu ascenso ao trono, entre os que estaban Richard of Devizes, William of Newburgh, Roger of Hoveden e Ralph de Diceto.[239] Estes historiadores mostráronse polo xeral contrarios ao comportamento de Xoán durante o reinado de Ricardo I, pero algo máis positivos durante os primeiros anos do seu propio reinado.[240][241] As fontes fiable de mediados e finais do reinado de Xoán son máis limitadas, destacando as obras de Gervase of Canterbury e Ralph of Coggeshall. Ningún deles mostrouse positivo sobre as actuacións de Xoán como rei.[242][243] Moita da mala reputación deste rei quedou establecida por dous cronistas trala súa morte, Roger of Wendover e Matthew Paris. Paris chegou a afirmar que Xoán tratou de converterse ao islam a cambio de obter axuda militar do líder almohade Muhammad al-Nasir -o cal se considera falso polos historiadores modernos–.[244]

No século XVI os cambios políticos e relixiosos alteraron a actitude dos historiadores cara a Xoán. Os historiadores da época dos Tudor inclinábanse de xeito favorable cara a el, resaltando a súa oposición ao papado e a súa promoción dos dereitos especiais e prerrogativas dun rei. As historias revisionistas escritas por John Foxe, William Tyndale e Robert Barnes mostraban a Xoán como un heroe protestante temperán, e John Foxe incluíu ao rei no seu Libro dos Mártires.[245] O libro de John Speed, Historie of Great Britaine de 1632 abalaba o "gran renome" de Xoán como rei, culpando aos cronistas medievais da súa mala reputación.[241]

O Libro dos Mártires de John Foxe, oficialmente titulado Acts and Monuments, amosaba unha imaxe positiva do reinado de Xoán.

Durante a época vitoriana no século XIX, os historiadores inclináronse por seguir o xuízo dos cronistas e centrarse na personalidade moral do rei. Kate Norgate, por exemplo, afirmou que a perda de poder de Xoán non se debeu aos seus erros na guerra ou na súa estratexia, senón a súa "maldade case sobrehumana", mentres que James Ramsay culpou o seu contorno familiar e a súa cruel personalidade como a causa disto.[246][247] Os historiadores da corrente "Whig" ou liberal, centrados en documentos como o Domesday Book e a Carta Magna, trazan unha visión progresiva e universalista do desenvolvemento político e económico de Inglaterra durante o período medieval.[248][249] Estes historiadores adoitan inclinarse por ver o reinado de Xoán, e en concreto a súa sinatura da Carta Magna, como un paso positivo no desenvolvemento constitucional de Inglaterra, a pesar dos propios defectos do rei.[248][249] Winston Churchill, por exemplo, suxeriu que "cando se agregue o longo reconto, verase que a nación británica e o mundo de fala inglesa lle deben moito máis aos vicios de Xoán que ás labores de soberanos virtuosos".[250]

Durante a década de 1940 xurdiron novas interpretacións sobre o reinado deste monarca, baseadas nas probas documentais do seu reinado, como os pipe rolls, cédulas, documentos da corte e outras fontes primarias. En particular, un traballo de Vivian Galbraith de 1945 propoñía unha "nova aproximación" para entender ao gobernante.[251][252] O uso de probas documentadas combinouse cun incremento do escepticismo sobre dous dos cronistas máis coñecidos do reinado de Xoán, Roger de Wendover e Matthew Paris.[253] En moitos casos, os detalles aportados por estes cronistas, ambos escritos trala morte de Xoán, quedaron en dúbida polos historiadores modernos.[254] As interpretacións da Carta Magna e o papel dos baróns rebeldes en 1215 foi revisado de xeito significativo: a pesar do valor constitucional e simbólico da carta para as xeracións posteriores é incuestionable, no contexto do reinado de Xoán moitos historiadores considérana un errado acordo de paz entre dúas faccións "partisanas".[255][256] Tamén houbo un intenso debate sobre a natureza das políticas do rei en Irlanda. Os especialistas na historia medieval irlandesa, como Sean Duffy, enfrontáronse coa narrativa convencional establecida por Lewis Warren, suxerindo que Irlanda era menos estable en 1216 do que se supoñía con anterioridade.[257]

A maioría dos historiadores modernos, incluídos Ralph Turner e Lewis Warren, suxiren que Xoán foi un fracaso como monarca, pero que os seus erros foron esaxerados polos cronistas dos séculos XII e XIII.[2] Jim Bradbury fala do consenso actual sobre que Xoán foi un "administrador, un home e xeneral eficiente", porén, como suxire Turner, cuns "trazos de personalidade desagradables e incluso perigosos", incluíndo a mesquindade, crueldade e rencor.[2][3] John Gillingham, autor dunha das biografías de Ricardo I, tamén vai por esta liña, aínda que considera a Xoán como un xeneral menos eficiente do que consideran Turner e Warren, e o describe como "un dos peores reis que gobernaron Inglaterra en toda a súa historia".[258] Bradbury toma unha liña máis moderada, pero suxire que nos anos recentes os historiadores foron excesivamente indulxentes cos numerosos erros de Xoán.[259] O historiador Frank McLynn mantén unha perspectiva contra-revisionista de Xoán, afirmando que a moderna reputación do rei é "rara", e que como monarca Xoán "falla en todos [os test] que poden realizarse lexitimamente".[260]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

As representacións populares do rei Xoán comezaron a aparecer durante o período dos Tudor, reflectindo as historias revisionistas da época.[245] A obra anónima The Troublesome Reign of King John retrataba ao rei como un "mártir proto-protestante", similar ao mostrado na obra moral de John Bale, Kynge Johan, na cal Xoán trata de salvar a Inglaterra dos "malvados axentes da Igrexa de Roma".[261][262] En contraste, a obra de Shakespeare, King John, é unha obra relativamente anti-católica baseada en The Troublesome Reign, ofrece unha visión máis "equilibrada, cun dobre punto de vista dun monarca complexo que foi tanto vítima proto-protestante das maquinacións de Roma así como un gobernante débil e egoísta".[261][263][264] A obra de Anthony Munday, The Downfall and The Death of Robert Earl of Huntington mostra varios dos aspectos negativos de Xoán, pero adopta unha interpretación positiva da postura do rei contra a Igrexa católica romana, en liña coa visión contemporánea dos Tudor.[265] A mediados do século XVII, apareceron obras como a de Robert Davenport, King John and Matilda, porén baseadas en gran medida nos traballos da época isabelina, que transfire o papel de líder protestante aos baróns e focalízase nos aspectos máis negativos e tiránicos do comportamento de Xoán.[266]

As representacións ficticias de Xoán durante o século XIX tiveron unha grande influencia do romance histórico de Sir Walter Scott, Ivanhoe, que presenta unha "imaxe totalmente desfavorable" do rei. O traballo baseouse nas historias da época vitoriana e a obra de Shakespeare.[267] O traballo de Scott influíu na obra do escritor de contos infantís Howard Pyle, The Merry Adventures of Robin Hood, na cal se retratou a Xoán como o principal vilán dentro da narrativa tradicional de Robin Hood.[268] Durante o século XX Xoán apareceu reflectido nos libros de ficción e nas películas xunto a Robin Hood. O papel de Sam De Grasse como Xoán no filme en branco e negro de 1922 Robin Hood mostra o rei cometendo numerosas atrocidades e actos de tortura.[269] Claude Rains representou a Xoán na versión de 1938 xunto a Errol Flynn, comezando así a tendencia nos filmes de representar ao rei como "efeminado... arrogante e covarde"[270] O personaxe de Xoán serve tanto para resaltar as virtudes do rei Ricardo, ou como contraste co Sheriff de Nottingham, quen a miúdo é o "vilán de capa e espada" contra Robin.[270] Unha versión extrema desta visión pode atoparse na versión animada de 1973 dos estudios Disney, na cal se representa Xoán como un "león covarde que chupa o polgar".[271] Os traballos populares que representan Xoán xunto a Robin Hood, como o filme de James Goldman, The Lion in Winter, ambientado en 1183, adoitan presentar o rei como un "débil", en este caso contrasta co máis masculino Henrique II, ou como un tirano, como no poema para nenos de A. A. Milne, "King John's Christmas".[272][273]

Devanceiros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O termo Imperio anxevino creouno a historiadora vitoriana Kate Norgate.[6]
  2. Henrique II tamén mordía as unllas; a rabia extrema está considerada por moitos historiadores como un trazo dos monarcas anxevinos.[21][22]
  3. O tratado ofreceu a Artur certa protección como vasalo de Xoán[66]
  4. Angulema e Limoges eran condados situados estratexicamente que tradicionalmente gozaron dunha gran autonomía. Formaron unha ruta esencial para as comunicacións entre Anjou e Gascuña. Moitos dos detalles que rodeaban estes condados durante a época non están claros e son obxecto de debate histórico, pero parece que tanto as dinastías inglesa como francesa intentaron influír nas alianzas coas familias da rexión durante os anos posteriores ao 1202.[69]
  5. Esta interpretación é de John Gillingham, cuxo punto de vista é que Ricardo, ao contrario de Xoán, logrou defender Normandía cun nivel de recursos similar.[77]
  6. Aínda que tódolos biógrafos modernos de Xoán cren que matou a Artur, os detalles da abadía de Margan poden ser cuestionables. Como sinala Frank McLynn, os monxes galeses parecen "curiosamente ben informados" sobre os detalles do incidente en Francia.[78]
  7. David Carpenter proporciona un resumo sobre o colapso de Normandía.[83]
  8. O grao ata o cal Xoán era un innovador en materia financeira, en lugar de simplemente abrazar a conveniencia, foi respondido. Frank Barlow, por exemplo, argumenta que o rei exerceu unha política de conveniencia en lugar dunha reforma xenuína.[104]
  9. Unha consecuencia disto foi a expansión do comercio de viño co continente. En 1203, os cidadáns e mercadores de Bordeos, estaban exentos do Grande Coutume, que era o principal imposto nas súas exportacións. A cambio, as rexións de Bordeos, Baiona e Dax o apoiaban en contra da coroa de Francia. Os portos desbloqueados deron aos comerciantes de Gascuña acceso directo ao mercado de viño inglés por primeira vez. O ano seguinte, Xoán garantiu as mesmas excepcións a La Rochelle e Poitou.[108]
  10. As figuras financeiras do medievo non teñen un equivalente moderno, debido ao diferente papel do diñeiro na economía.
  11. Tanto o marco como a libra esterlina foron unidades de pagamento nesa época. Un marco equivalía aproximadamente dous terzos dunha libra.
  12. A proba máis notable dos amoríos do rei atópase nun pergamiño de Nadal de 1204, no cal aparece a muller de Hugh de Neville. Esta entrada sinala que a muller de Neville ofreceu ao rei 200 galiñas se podía pasar unha noite co seu marido, Hugh. Este pasaxe interpretouse convenientemente como que a muller mantiña unha relación co rei, pero que neste caso ela desexaba manter relacións sexuais co seu marido –por iso a simpática sanción. Unha interpretación alternativa suxire que ela estaba cansada de que Hugh fose enviado ao exterior en servizo ao rei e a sanción era unha forma alegre de convencer a Xoán de que o seu marido permanecese na corte por unha noite.[130][131]
  13. Estas estimacións baséanse nas contas do cronista, a data da voda dos pais de Isabel e a data de nacemento do seu primeiro fillo.[132]
  14. O fillo de Guillerme, Alexandre II, afirmaría máis adiante que foi prometido en 1212 coa filla de Xoán, Xoana. Os investigadores actuais considera que a reclamación de Alexandre era falsa.[152][156]
  15. A vila de King's Lynn chamouse simplemente Lynn durante o século XIII.
Referencias
  1. Norgate 1902, p. 1-12.
  2. 2,0 2,1 2,2 Bradbury 2007, p. 353.
  3. 3,0 3,1 3,2 Turner 2009, p. 23.
  4. 4,0 4,1 Fryde et al. 1996, p. 37.
  5. 5,0 5,1 Warren 1991, p. 21.
  6. Norgate 1887, p. 169.
  7. Barlow 1999, p. 275.
  8. Warren 1991, p. 23.
  9. Barlow 1999, p. 284.
  10. 10,0 10,1 10,2 Barlow 1999, p. 305.
  11. Warren 1991, p. 27.
  12. Barlow 1999, p. 281.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Turner 2009, p. 31.
  14. 14,0 14,1 14,2 Warren 1991, p. 26.
  15. McLynn 2007, p. 22,77.
  16. Warren 1991, p. 140.
  17. Warren 1991, p. 139-140.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 McLynn 2007, p. 78.
  19. Warren 1991, p. 139.
  20. Danziger & Gillingham 2003, p. 26.
  21. 21,0 21,1 McLynn 2007, p. 78, 94.
  22. 22,0 22,1 Turner 2009, p. 30.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Carpenter 2004, p. 223.
  24. 24,0 24,1 Turner 2009, p. 35.
  25. McLynn 2007, p. 36.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 26,6 26,7 Turner 2009, p. 36.
  27. Carpenter 2004, p. 243.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 28,5 28,6 28,7 28,8 Turner 2009, p. 37.
  29. Warren 1991, p. 135.
  30. Warren 1991, p. 35.
  31. 31,0 31,1 Warren 1991, p. 36.
  32. 32,0 32,1 Warren 1991, p. 37.
  33. Turner 2009, p. 39.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 Warren 1991, p. 38.
  35. Turner 2009, p. 38.
  36. Warren 1991, p. 38-39.
  37. Warren 1991, p. 30-40.
  38. Barlow 1999, p. 293.
  39. 39,0 39,1 Warren 1991, p. 39.
  40. 40,0 40,1 40,2 Warren 1991, p. 40.
  41. Warren 1991, p. 2411.
  42. Warren 1991, p. 40-41.
  43. Inwood 1998, p. 58.
  44. Warren 1991, p. 42.
  45. 45,0 45,1 45,2 Warren 1991, p. 43.
  46. 46,0 46,1 46,2 46,3 Warren 1991, p. 44.
  47. 47,0 47,1 Warren 1991, p. 45.
  48. 48,0 48,1 Warren 1991, p. 46.
  49. Warren 1991, p. 46-47.
  50. 50,0 50,1 50,2 50,3 Warren 1991, p. 47.
  51. Fryde 2007, p. 336.
  52. 52,0 52,1 Carpenter 2004, p. 264.
  53. Turner 2009, p. 48.
  54. 54,0 54,1 Warren 1991, p. 53.
  55. Warren 1991, p. 51.
  56. Barrett 2000, p. 91.
  57. Warren 1991, p. 57-58.
  58. Barlow 1999, p. 280.
  59. Warren 1991, p. 57.
  60. Warren 1991, p. 59.
  61. Huscroft 2005, p. 169-170.
  62. 62,0 62,1 62,2 Huscroft 2005, p. 170.
  63. 63,0 63,1 63,2 63,3 63,4 63,5 Turner 2009, p. 100.
  64. 64,0 64,1 Warren 1991, p. 54.
  65. 65,0 65,1 65,2 65,3 65,4 Turner 2009, p. 98.
  66. 66,0 66,1 Warren 1991, p. 55.
  67. Warren 1991, p. 63.
  68. 68,0 68,1 68,2 68,3 68,4 68,5 68,6 Turner 2009, p. 99.
  69. Vincent 2007, p. 168-182.
  70. Turner 2009, p. 98-99.
  71. Turner 2009, p. 100-101.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 72,4 72,5 Turner 2009, p. 101.
  73. Holt 1984, p. 94.
  74. Turner 2009, p. 94.
  75. Bradbury 1998, p. 159.
  76. Moss 2007, p. 119.
  77. Gillingham 1994, p. 76.
  78. 78,0 78,1 McLynn 2007, p. 306.
  79. 79,0 79,1 Warren 1991, p. 83.
  80. 80,0 80,1 80,2 80,3 80,4 80,5 80,6 80,7 Turner 2009, p. 102.
  81. Power 2007, p. 135-136.
  82. Power 2007, p. 135.
  83. Carpenter 2004, p. 264-265.
  84. Turner 2009, p. 102-103.
  85. Turner 2009, p. 103.
  86. 86,0 86,1 86,2 86,3 86,4 Turner 2009, p. 149.
  87. Warren 1991, p. 178.
  88. Turner 2009, p. 156.
  89. Warren 1991, p. 127.
  90. Bartlett 2000, p. 200.
  91. Warren 1991, p. 130.
  92. 92,0 92,1 92,2 Warren 1991, p. 132.
  93. Huscroft 2005, p. 171.
  94. Huscroft 2005, p. 182.
  95. Huscroft 2005, p. 184.
  96. 96,0 96,1 McLynn 2007, p. 336.
  97. Hunnisett 1961, p. 1-3.
  98. 98,0 98,1 Warren 1991, p. 143-144.
  99. Warren 1991, p. 144.
  100. 100,0 100,1 100,2 Carpenter 2004, p. 273.
  101. Turner 2009, p. 79.
  102. Lawler & Lawler 2000, p. 6.
  103. McLynn 2007, p. 288.
  104. Barlow 1999, p. 331.
  105. 105,0 105,1 105,2 Turner 2009, p. 87.
  106. 106,0 106,1 106,2 Carpenter 2004, p. 272.
  107. Hodgett 2006, p. 57.
  108. 108,0 108,1 Johnson 1989, p. 142.
  109. 109,0 109,1 Turner 2009, p. 95.
  110. Turner 2009, p. 148.
  111. Danziger & Gillingham 2003, p. 44.
  112. Bolton 2007, p. 32-33.
  113. Stenton 1976, p. 163.
  114. Bolton 2007, p. 40.
  115. Barlow 1999, p. 329.
  116. Turner 2009, p. 144-145.
  117. Church 1999, p. 133.
  118. Turner 2009, p. 144.
  119. Turner 2009, p. 147.
  120. 120,0 120,1 Turner 2009, p. 145.
  121. Barlow 1999, p. 326.
  122. Huscroft 2005, p. 70.
  123. 123,0 123,1 Mason 2008, p. 128.
  124. 124,0 124,1 124,2 Warren 1991, p. 184.
  125. 125,0 125,1 125,2 Warren 1991, p. 185.
  126. 126,0 126,1 Turner 2009, p. 169.
  127. Turner 2009, p. 139.
  128. 128,0 128,1 128,2 Turner 2009, p. 166.
  129. 129,0 129,1 Vincent 2007, p. 193.
  130. Vincent 2007, p. 197.
  131. Orixinal atribuído a Sir James Holt.
  132. 132,0 132,1 Vincent 2007, p. 174-175.
  133. Vincent 2007, p. 175.
  134. Vincent 2007, p. 184.
  135. 135,0 135,1 Vincent 2007, p. 196.
  136. Jordan 1991, p. 12.
  137. Turner 2009.
  138. 138,0 138,1 McLynn 2007, p. 290.
  139. 139,0 139,1 Turner 2009, p. 120.
  140. Carpenter 2004, p. 276.
  141. Warren 1991, p. 171-172.
  142. 142,0 142,1 142,2 142,3 142,4 142,5 142,6 Turner 2009, p. 106.
  143. 143,0 143,1 143,2 143,3 143,4 Turner 2009, p. 106-107.
  144. 144,0 144,1 144,2 144,3 144,4 144,5 Turner 2009, p. 107.
  145. 145,0 145,1 Barlow 1999, p. 336.
  146. 146,0 146,1 146,2 Warren 1991, p. 123.
  147. Turner 2009, p. 107-108.
  148. 148,0 148,1 148,2 148,3 148,4 Turner 2009, p. 108.
  149. 149,0 149,1 149,2 Turner 2009, p. 109.
  150. Carpenter 2004, p. 224.
  151. Carpenter 2004, p. 255.
  152. 152,0 152,1 152,2 152,3 152,4 152,5 Carpenter 2004, p. 277.
  153. Duncan 2007, p. 251.
  154. Duncan 2007, p. 252.
  155. Duncan 2007, p. 260.
  156. Duncan 2007, p. 264.
  157. Duncan 2007, p. 268.
  158. 158,0 158,1 Carpenter 2004, p. 278.
  159. Carpenter 2004, p. 278-279.
  160. Carpenter 2004, p. 280-281.
  161. Carpenter 2004, p. 282.
  162. Duffy 2007, p. 242-243.
  163. Carpenter 2004, p. 282-283.
  164. Carpenter 2004, p. 283.
  165. 165,0 165,1 Carpenter 2004, p. 284.
  166. Huscroft 2005, p. 190.
  167. 167,0 167,1 Huscroft 2005, p. 189.
  168. 168,0 168,1 Turner 2009, p. 121.
  169. Turner 2009, p. 119.
  170. 170,0 170,1 Turner 2009, p. 125.
  171. Turner 2009, p. 125-126.
  172. 172,0 172,1 172,2 Turner 2009, p. 126.
  173. 173,0 173,1 Turner 2009, p. 127.
  174. 174,0 174,1 174,2 174,3 Turner 2009, p. 128.
  175. 175,0 175,1 175,2 Harper-Bill 2007, p. 304.
  176. Poole, pp.446–7.
  177. 177,0 177,1 177,2 177,3 Turner 2009, p. 131.
  178. Harper-Bill 2007, p. 306.
  179. Harper-Bill 2007, p. 307.
  180. Harper-Bill 2007, p. 304-305.
  181. 181,0 181,1 181,2 181,3 Turner 2009, p. 133.
  182. Bartlett 2000, p. 404-405.
  183. Lloyd 1972, p. 213.
  184. 184,0 184,1 Harper-Bill 2007, p. 308.
  185. Turner 2009, p. 133-134.
  186. 186,0 186,1 Turner 2009, p. 134.
  187. 187,0 187,1 Turner 2009, p. 173-174.
  188. Holt 1961.
  189. Church 1999, p. 154.
  190. Rowlands 2007, p. 284-285.
  191. Carpenter 2004, p. 287.
  192. Holt 1961, p. 100.
  193. Barlow 1999, p. 335.
  194. 194,0 194,1 194,2 Carpenter 2004, p. 286.
  195. Warren 1991, p. 221.
  196. 196,0 196,1 Warren 1991, p. 222.
  197. 197,0 197,1 197,2 Warren 1991, p. 224.
  198. 198,0 198,1 Turner 2009, p. 174.
  199. 199,0 199,1 Turner 2009, p. 178.
  200. 200,0 200,1 Turner 2009, p. 179.
  201. Warren 1991, p. 223.
  202. 202,0 202,1 202,2 202,3 Turner 2009, p. 180.
  203. Turner 2009, p. 180-182.
  204. Turner 2009, p. 182.
  205. Turner 2009, p. 184-185.
  206. 206,0 206,1 Turner 2009, p. 189.
  207. Turner 2009, p. 189-190.
  208. 208,0 208,1 208,2 Turner 2009, p. 190.
  209. 209,0 209,1 209,2 Turner 2009, p. 192.
  210. 210,0 210,1 Turner 2009, p. 191.
  211. Barlow 1999, p. 354.
  212. Rowlands 2007, p. 286-287.
  213. Brown 1989, p. 10–11.
  214. 214,0 214,1 214,2 214,3 214,4 214,5 Turner 2009, p. 193.
  215. 215,0 215,1 215,2 215,3 Duncan 2007, p. 267.
  216. 216,0 216,1 Turner 2009, p. 191-192.
  217. 217,0 217,1 Barlow 1999, p. 356.
  218. 218,0 218,1 218,2 218,3 Turner 2009, p. 194.
  219. 219,0 219,1 219,2 219,3 219,4 Warren 1991, p. 253.
  220. McLynn 2007, p. 455.
  221. 221,0 221,1 Warren 1991, p. 254.
  222. Warren 1991, p. 284-285.
  223. Turner 2009, p. 195.
  224. Barlow 1999, p. 357.
  225. Warren 1991, p. 254-255.
  226. Given-Wilson 1996, p. 87.
  227. Warren 1991, p. 255.
  228. 228,0 228,1 228,2 McLynn 2007, p. 460.
  229. Danziger & Gillingham 2003, p. 270.
  230. Danziger & Gillingham 2003, p. 271.
  231. Huscroft 2005, p. 151.
  232. Carpenter 2004, p. 270.
  233. Vincent 2007, p. 206.
  234. Carpenter 1996, p. 226.
  235. Carpenter 2004, p. 344.
  236. Carpenter 2004, p. 306.
  237. Richardson 2004, p. 9.
  238. Carpenter 2004, p. 328.
  239. Gillingham 2007, p. 2.
  240. Holt 1963, p. 19.
  241. 241,0 241,1 Gillingham 2007, p. 4.
  242. Gillingham 2007, p. 15.
  243. Warren 1991, p. 7.
  244. Warren 1991, p. 11, 14.
  245. 245,0 245,1 Bevington 2002, p. 432.
  246. Norgate 1902, p. 286.
  247. Ramsay 1903, p. 502.
  248. 248,0 248,1 Dyer 1958, p. 4.
  249. 249,0 249,1 Coss 2002, p. 81.
  250. Churchill 1958, p. 190.
  251. Galbraith 1945, p. 128-130.
  252. Gillingham 2007, p. 1.
  253. Turner 2009, p. 22-23.
  254. Warren 1991, p. 11-16.
  255. Huscroft 2005, p. 174.
  256. Barlow 1999, p. 353.
  257. Duffy 2007, p. 221, 245.
  258. Gillingham 2001, p. 125.
  259. Bradbury 2007, p. 361.
  260. McLynn 2007, p. 472-473.
  261. 261,0 261,1 Curren-Aquino 1989, p. 19.
  262. Harris 1940, p. 91.
  263. McEachern 2002, p. 329.
  264. Bevington 2002, p. 454.
  265. Potter 1998, p. 70.
  266. Maley 2010, p. 50.
  267. Tulloch 1988, p. 497.
  268. D'Ammassa 2009, p. 94.
  269. Aberth 2003, p. 166.
  270. 270,0 270,1 Potter 1998, p. 210.
  271. Potter 1998, p. 218.
  272. Elliott 2011, p. 109-110.
  273. Seel 2012, p. 7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

GL-QR Xoán I de Inglaterra.png

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Xoán I de Inglaterra
Nacemento: 24 de decembro de 1166 Falecemento: 19 de outubro de 1216


Títulos Reais
Precedido por
Ricardo


Rei de Inglaterra
Duque de Aquitania
Señor de Irlanda
Sucedido  por
Henrique III