Século de Pericles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Pericles coa inscripción "Pericles, fillo de Xanthippus, ateniense”. Mármore, copia romana do orixinal grego do ca. 430 D.C.

O século de Pericles é o termo que se designa o período histórico comprendido entre o sitio de Samos por parte dos atenienses (-439) e a derrota dos gregos en Queronea ante o exército macedonio de Filipo II (-338). Pericles -estratego, político e orador ateniense que soubo rodearse das personalidades máis excelentes do momento, homes que destacaban en política, filosofía, arquitectura, escultura, historia, literatura, etc- fomentou as artes e as letras e deulle a Atenas un esplendor que non se volveu a repetir ao longo da súa historia. Realizou tamén grandes obras públicas e mellorou a calidade de vida dos cidadáns. Por iso é polo que esta importante figura lle legou o seu nome ao Século de ouro ateniense, cénit da Grecia clásica.

O goberno[editar | editar a fonte]

Neste século, Atenas estaba gobernada por 10 estrategos (ou xenerais) que eran elixidos cada ano polas 10 tribos cidadás. Estes estrategos tiñan ao seu cargo o preparar as expedicións guerreiras, recibir aos enviados dos demais pobos e dirixir a política. Durante o mandato do estratego Efialtes como xefe do partido demócrata, Pericles foi o seu axudante. A Efialtes asasinárono os seus inimigos persoais e foi entón cando o substituíu Pericles a quen nomearon estratego no ano -445, cargo no que se mantivo ata a súa morte no -429, sempre por elección popular da Asemblea.

Pericles foi un grande orador, calidade esta que lle permitiu ter grandes éxitos coa súa palabra na Asemblea, expoñendo a súa visión da política. Un dos seus maiores acertos foi conseguir que se permitise o acceso aos cargos de funcionario público aos cidadáns atenienses chamados tetes (ou thetes), que eran aqueles que carecían de riquezas. Outro grande acerto do seu goberno foi a institución da mistoforia (μισθoφoρια, que significa literalmente función asalariada); é dicir, un salario especial para os cidadáns funcionarios que asistisen á Asemblea. Deste xeito estes cidadáns non perdían nada aínda que se tivesen que dedicar por completo a estes cargos públicos. Con este sistema conseguiu Pericles que a Asemblea estivese sempre chea de asistentes. Como gobernador de Atenas conseguiu que esta cidade chegase a ser a primeira e a máis importante do mundo grego, adquirindo unha cultura resplandecente e unhas institucións democráticas.

O pobo soberano gobernábase a si mesmo, sen intermediarios, decidindo os asuntos de Estado na Asemblea. Os cidadáns atenienses eran libres e só debía obediencia ás súas leis e respecto aos seus deuses. Conseguiron a igualdade de palabra na Asemblea; o mesmo valía a dun pobre que a dun rico. Non desapareceron as clases censoriais pero o seu poder foi máis limitado; repartían os cargos fiscais e militares pero xa non tiñan o poder de distribuír os privilexios.

O principio de igualdade outorgado a todos os cidadáns tiña o perigo de constituír unha fraude xa que moitos deles eran incapaces de exercer os dereitos políticos debido á súa extrema pobreza ou á súa ignorancia. Para evitar isto, a democracia ateniense aplicouse a tarefa de axudar aos máis pobres deste xeito:

  • Concesión de salarios aos funcionarios públicos.
  • Buscar e proporcionar traballo aos pobres.
  • Outorgar terras aos campesiños desposuídos.
  • Asistencia pública para os inválidos, orfos e indixentes.
  • Outras axudas sociais máis.

Estas normas deberon cumprirse en gran medida pois nos chegou o testemuño (entre outros) do historiador grego Tucídides (c. -460 --400), que comenta: Todo aquel que é capaz de servir á cidade non atopa impedimento algún, nin a pobreza, nin a condición cidadá.

As Institucións[editar | editar a fonte]

Os maxistrados[editar | editar a fonte]

Os maxistrados eran aquelas persoas que ocupaban un cargo público, aqueles que formaban a Administración do Estado; estaban sometidos a un rigoroso control popular. Os maxistrados eran elixidos a sorte, polo sistema das fabas. Dispúñase dunhas fabas brancas e outras negras e segundo a faba que a persoa sacase da caixa así obtiña ou non o cargo. Era unha forma de eliminar toda influencia das persoas ricas e as posíbeis intrigas. Só había dous cargos que non eran elixidos por este sistema senón pola Asemblea do pobo: o de estratego (xeneral) e o de maxistrado das finanzas. Supúñase que para exercer estes dous cargos había que ter unhas determinadas e importantes calidades. Os cargos dos maxistrados non duraban máis dun ano na mesma persoa, incluídos os estrategos, por iso o nomeamento de Pericles ano tras ano constitúe unha excepción. Ao cabo do ano cada maxistrado tiña que dar contas da súa administración e en que estado quedaba o patrimonio.

Os maxistrados máis honorables eran os antigos arcontes, que no pasado foron os xefes da cidade ateniense e que no século de Pericles perderon a súa grande influencia e poder. Eran quen presidían os tribunais.

Os estrategos (xenerais) foron os maxistrados máis importantes polo seu labor como militares, mariños e diplomáticos. Elixíaos sempre a Asemblea do pobo en número de 10.

Había tamén máis de 40 funcionarios da facenda, e máis de 60 policías, encargados da vixilancia das rúas, do mercado, dos pesos e medidas e de verificar os arrestos e as execucións.

A Asemblea do pobo[editar | editar a fonte]

A Asemblea (en grego dicían εκκλησια, é dicir, asemblea por convocatoria), foi o primeiro órgano da democracia. En teoría debíanse reunir en asemblea todos os cidadáns de Atenas, pero o número máximo que se chegou a congregar estímase que foi de 6.000 participantes. O lugar de reunión era nun espazo situado no outeiro chamado Pnyx, fronte á acrópole. As sesións duraban ás veces desde o amencer á tardiña. Reuníanse cunha frecuencia de 40 veces ao ano.

A Asemblea decidía as leis e os decretos que eran propostos pero apoiándose sempre nas leis antigas que levaban un bo tempo en vigor. Os proxectos de lei votábanse en dúas etapas; primeiro decidía a propia Asemblea e despois o Consello ou Bulé, que era quen definitivamente daba o visto bo.

O Consello ou Bulé[editar | editar a fonte]

O Consello ou Bulé estaba formado por 500 membros, 50 por cada unha das tribos. Estas persoas eran elixidas sacando os seus nomes a sorte, polo sistema das fabas descrito anteriormente, por iso é polo que se lles daba familiarmente o nome de conselleiros da faba; oficialmente eran coñecidos como prítanes (πρυτανις, que significa xefe ou mestre).

Os conselleiros examinaban e estudaban os proxectos de lei e, ademais, vixiaban aos maxistrados e ocupábanse de que os detalles da administración cotiá fosen polo bo camiño, así como dos asuntos exteriores. Este organismo era como unha prolongación da Asemblea.

Reuníanse tamén na outeiro Pnyx, nun lugar expresamente preparado para o evento. Os 50 prítanes en exercicio colocábanse nunhas gradas talladas na roca. Había dúas plataformas de pedra ás que se accedía por medio dunha pequena escalinata de tres chanzos. Na primeira plataforma situábanse os secretarios e amanuenses. Na segunda se subía o orador.

As finanzas[editar | editar a fonte]

Reprodución dun tetradracma ateniense coa efixie de Palas Atenea -protectora da cidade- no anverso e o seu moucho -símbolo da sabedoría- no reverso (circa -490)

Os recursos económicos do Estado ateniense non eran demasiado folgados. Toda a grandeza de Atenas no século de Pericles, as súas construcións, obras públicas, edificios relixiosos, esculturas etc. non poderían levarse a cabo sen o gran recurso do tesouro da Confederación de Delos.

Outros ingresos menores proviñan dos dereitos de aduana e das multas. En tempo de guerra agregábase un imposto especial que debían pagar os cidadáns ricos. Estes cidadáns tiñan ao seu cargo de xeito permanente outros impostos que beneficiaban á cidade; era o chamado sistema de liturxias. Debían pagar para levar a cabo a construción e mantemento das naves trirremes que tanto poder naval deron a Atenas, e pagar e manter un coro necesario para as grandes festas relixiosas.

A vida dos atenienses no século de Pericles[editar | editar a fonte]

Os atenienses vivían modestamente e sen grandes luxos. Eran moi poucas as grandes fortunas. A economía baseábase sobre todo no comercio marítimo. Tamén era importante a agricultura pero a produción era insuficiente para o consumo da poboación e había que importar xénero alimentario. Existía, ademais, unha industria artesanal de produtos de calidade e moi solicitada polos propios habitantes e polos estranxeiros.

O Estado ocupábase de ofrecer ao pobo as grandes festas relixiosas. A máis importante era a festa das Panateneas ofrecida á deusa Atenea, unha procesión de ritual que se celebraba en maio cada ano e en xullo cada catro anos, na que o pobo presentaba aos deuses o novo veo (chamado peplum) que sería ofrecido á antiga estatua de Atenea Poliade, feita en madeira. Fidias inmortalizou no friso do Partenón esta procesión das panateneas. Na actualidade (século XXI) consérvanse no Museo Británico. Nas panateneas de xullo celebradas cada catro anos (Magnas Panateneas) organizábanse grandes competicións con probas ximnásticas e hípicas e os vencedores recibían como premio unhas ánforas cheas de aceite obtido de oliveiras sagradas. A outra festa importante era a que se celebraba en honor do deus Dioniso.

A educación[editar | editar a fonte]

A educación do neno comezaba na propia casa ata os sete anos en que tiñan que acudir á escola. Na escola tiñan varios mestres que ensinaban a ler e escribir, cálculo matemático e música. Os nenos tiñan, ademais, obrigación de asistir ás clases de educación física onde se lles ía preparando para un futuro servizo militar por medio da loita, as carreiras, o salto e a ximnasia. Aos 18 anos servían no exército e aprendían a manexar as armas. A educación física era moi intensa e moitos dos raparigos acababan os estudos sendo verdadeiros atletas. Ademais destes ensinos obrigatorios tiñan a oportunidade de conversar e aprender dos grandes filósofos, gramáticos e oradores.

A Muller[editar | editar a fonte]

A muller ateniense dedicábase unicamente ao coidado do fogar. As casas das familias acomodadas tiñan un lugar especial para elas chamado xineceo onde a facían pasar o día xunto cos seus serventas e os seus fillos pequenos. A sociedade ateniense era un patriarcado no que os homes tiñan todos os dereitos e todas as vantaxes e só eles se beneficiaban do acceso á educación e ao poder.

Con todo, existían as hetairas que eran mulleres que recibían unha educación esmerada para satisfacer aos homes con conversas máis elaboradas e menos familiares, entre estas destaca Aspasia de Mileto, de quen se di que era amiga de Pericles e chegou a debater co mesmo Sócrates.

As artes e as letras[editar | editar a fonte]

Vista da Acrópole

Os historiadores consideran os séculos V e IV adC atenienses como os séculos de Ouro da escultura e a arquitectura. Neste período, os elementos decorativos e a técnica empregada non variaron en absoluto respecto do anterior; o que a caracteriza é a cantidade de obras executadas e o refinamento e perfección dos traballos realizados. Trátase de obras de carácter relixioso, é dicir, santuarios e templos. Velaquí algúns exemplos que mellor poden representar este período:

  • Reconstrución do templo de Zeus en Olimpia.
  • Reconstrución do templo de Apolo en Delfos, que fora destruído por un terremoto.
  • Construción da Acrópole, a cidade dos mármores para gloria dos deuses. O lugar sufrira un incendio provocado polos persas e atopábase en ruínas desde facía máis de 30 anos. Pericles impulsou a súa reconstrución ao grandioso, con mármore branco, traído da próxima e famosa canteira do Pentélico. Formouse un equipo cos mellores arquitectos, escultores e obreiros atenienses. Os cidadáns de Atenas tiveron asegurado o traballo durante máis de 20 anos grazas a esta grande empresa. Foi o conxunto monumental máis vasto e perfecto da historia da arte grega e puido levarse a cabo grazas ao financiamento dos tesouros da Confederación de Delos.

Os escultores[editar | editar a fonte]

Considérase a Fidias como o máis grande de todos eles. É o autor de dúas inmensas estatuas criselefantinas (chámanse así por estaren compostas de marfil, xeralmente cara e mans, e de láminas de ouro; de chrysós=ouro) que foron moi celebradas e admiradas no seu tempo: Atenea, situada no interior do Partenón, cuxo resplandor chegaba ata os fieis a través das portas abertas, e Zeus no Santuario de Olimpia, considerada na súa época e en épocas posteriores como unha das marabillas do mundo. Os atenienses aseguraban que logo de contemplar esta estatua era imposíbel sentirse desgraciado nunca máis.

Segundo a "Historia Natural" de Plinio, para poder conservar o marfil destas esculturas, colocábanse nos templos recipientes con aceite para que o marfil non se agretase.

Os outros grandes escultores deste século foron Mirón e Policleto

A cerámica[editar | editar a fonte]

Durante este século, a produción de pezas de cerámica foi moi abundante. Ata os nosos días (século XXI) chegaron moitas, todas de gran calidade, que son o testemuño da categoría do artista que traballaba minuciosamente e dedicaba o tempo necesario a cada obxecto. Son, ademais, o testemuño de que existía unha clientela dentro e fóra de Grecia moi esixente en canto a perfección e terminado da obra.

Sábese, así mesmo, que houbo moitos e moi bos pintores, pero as súas obras perdéronse, tanto os frescos como os cadros.

O teatro[editar | editar a fonte]

O teatro alcanzou o seu grande apoxeo no século -V. Pericles impulsouno e favoreceu cunha serie de medidas prácticas e económicas. As familias máis ricas tiñan a obrigación de coidaren e sosteren os coros e os actores. Deste xeito Pericles ocupábase de manter a tradición segundo a cal as pezas de teatro servían para educar moral e intelectualmente ao pobo.

Atenas chegou a ser a gran cidade do teatro grego. Ata ese século existían soamente teatros levantados en pedra, pero no século de Pericles organizábanse as representacións nuns teatros provisionais, feitos de madeira, que só se mantiñan os dez días que duraban as representacións. Estas sesións dábanse durante oito horas seguidas e eran unha especie de concurso que tiña o seu xurado encargado de proclamar un vencedor. Os mellores escritores dramáticos da época acudían a estes certames e estreaban alí as súas obras. O decorado destes teatros era moi simple. Debían actuar, como máximo, tres actores que levaban a máscara que os identificaba co personaxe que representaban, acompañaban aos actores un coro que cantaba e os recitadores.

Os escritores dramáticos desta época foron:

  • Esquilo (-525-456), cuxos temas eran sobre mitoloxía.
  • Sófocles, cuxas obras eran unha crítica acerba sobre os problemas relixiosos e políticos.
  • Aristófanes, que dominou o teatro cómico recorrendo ás críticas e caricaturas.

Os grandes pensadores e escritores[editar | editar a fonte]

Demócrito (c. -460-370), foi quizais o máis interesante de todos, coa súa teoría atómica do Universo (imaxinou o Universo como unha inmensa combinación de átomos).

Na segunda metade do século V deuse o nome de sofistas (do grego sophós, experto, mestre, home de sabedoría) aos mestres que daban unha instrución sobre diversas ramas da ciencia e o coñecemento a cambio dun salario.

Atenas foi neste século a "escola de Grecia". Pericles e a súa esposa Aspasia rodeáronse e tiveron como hóspedes non só a grandes homes atenienses senón a grandes personaxes forasteiros, os máis cultivados de Grecia e de fóra de Grecia. Frecuentaron a súa casa o filósofo Anaxágoras, o historiador Herodoto e o arquitecto Hipódamo de Mileto, que foi quen reestruturou O Pireo.

Destacaron os historiadores Herodoto (484-425), que describiu as Guerras médicas, Tucídides (460-395) que deixou escrita a obra máis grande da Antigüidade: Guerra do Peloponeso e Xenofonte (427-335), escritor parcial e mal documentado pero que en opinión dos estudosos, deixou unha obra útil para consulta sobre os primeiros anos do século IV a.C..

Atenas foi tamén a capital da elocuencia. Desde finais do século V a elocuencia elevouse á categoría de arte. Existían os así chamados 'logógrafos', que escribían os discursos e que crearon unha forma literaria nova caracterizada pola claridade e pureza da linguaxe. Chegou a ser unha profesión lucrativa. Sábese que o logógrafo Lisias (-460-380), fixo unha gran fortuna grazas á súa profesión. Máis tarde, xa no século IV a.C. fixéronse famosos os oradores Isócrates e Demóstenes.

Fin do século de Pericles[editar | editar a fonte]

Pericles gobernara Atenas ao longo do século V adC e fíxoa alcanzar un esplendor e un nivel de vida nunca coñecido. No réxime interno todo marchaba ben pero o descontento das cidades da Confederación de Delos ía en aumento. A política exterior seguida por Atenas non deu os mellores resultados; os membros da Liga ou Confederación estaban bastante descontentos. Atenas era a cidade-estado que dominaba e subxugaba ao resto de Grecia e os cidadáns sometidos querían a independencia.

Anteriormente, no -550, fundouse unha liga similar entre as cidades do Peloponeso, dirixida e dominada por Esparta. Aproveitando o descontento xeral das cidades gregas, a Liga do Peloponeso empezou a enfrontarse a Atenas. No ano -431 saltou a faísca que derivou nunha serie de guerras cruentas como non as tivera Grecia en séculos pasados. O motivo foi porque a illa de Corcira (Corfú) andaba en disputa con Corinto, cidade aliada de Esparta e Atenas meteuse por medio ofrecendo axuda a devandita illa. Así comezou a guerra do Peloponeso que durou 27 anos. As cidades gregas entraron no conflito aínda que o peso da guerra recaeu sobre as dúas cidades rivais: Atenas e Esparta. Atenas mostrou a súa superioridade por mar mentres que Esparta demostrou que por terra era case invencíbel. Os espartanos invadiron a Ática, territorio que pertencía a Atenas. Pericles tivo que protexer á súa xente detrás das grandes murallas onde, amoreados e con malas condicións hixiénicas, se desencadeou unha epidemia de peste por mor da cal morreron miles de persoas, entre elas o propio Pericles (ano -429).

A Pericles non o substituíu ningún grande estadista que puidese continuar o seu labor. Nicias e Cleón pasaron sen pena nin gloria e máis tarde o político e xeneral Alcibíades (sobriño de Pericles), levou unha política pouco afortunada, entre guerras contra Esparta e traizóns a Atenas, a súa cidade. Foi enxalzado e destituído do mando varias veces e finalmente refuxiouse en Frixia onde morreu asasinado.

O período clásico de Atenas chegaba ao seu fin. A devastadora guerra do Peloponeso que deu a vitoria a Esparta, fixo estragos na cidade ateniense que perdeu definitivamente a súa independencia no -338, cando o rei de Macedonia Filipo II venceu aos gregos e os someteu ao seu poder.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MELEAU, Maurice: Egypte, Orient, Grèce. Bordas, s/l, 1963.
  • SEIGNOBOS, Charles: Historia Universal Oriente y Grecia. Daniel Jorro, Madrid, 1930.

Outros artigos[editar | editar a fonte]