Holoceno
O Holoceno (do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro" e καινός kainós, "novo", "recente", isto é, "a era totalmente recente"), é unha época da escala temporal xeolóxica, a última e actual época xeolóxica do período cuaternario. Comprende os últimos 11 700 anos da historia do noso planeta,[1][2] desde a fin da última glaciación (a glaciación de Würm).
É un período interglaciar no que a temperatura se fixo máis suave e a capa de xeo fundiu, o que provocou un ascenso do nivel do mar, que fixo que, por exemplo, Indonesia, Xapón e Taiwán se separasen de Asia; Gran Bretaña, da Europa continental e Nova Guinea e Tasmania, de Australia. Ademais, produciu a formación do estreito de Bering.
Dentro do cadro da escala dos tempos xeolóxicos sitúase no período cuaternario da era cenozoica, do eón fanerozoico, sucedendo a época do plistoceno. O límite con esta época (o plistoceno) definiuse sobre a base da desintegración do 14C (un isótopo radioactivo do carbono) e coincide aproximadamente co final da última glaciación. Por convención, o límite púxose 10 000 anos antes do 1950 (a súa duración, expresada en millóns de anos, é de 0,01143 ± 0,00013 Ma.
A única especie humana que viviu nesta época foi o Homo sapiens, que durante estes últimos milenios desenvolveu a agricultura e a civilización, ocasionando importantes cambios nos ecosistemas.
Paleoxeografía
[editar | editar a fonte]A deriva continental ao longo destes case 12 000 anos foi de menos de 1 km, o que é case irrelevante. Porén, o xeo fundiuse causando que o nivel do mar ascendese uns 35 m durante esta época e 120 m desde o último máximo glaciar, hai ao redor de 20 000 anos.[3] O aumento do nivel non se produciu de forma uniforme ao longo deste tempo, senón que houbo varios períodos de rápido desxeo, alternados por outros de desxeo progresivo. A maior parte do aumento do nivel do mar produciuse antes de 6 000 anos atrás.[4]
- O primeiro período (denominado MWP-1A0) tivo lugar hai 19 000 anos, durante o comezo do episodio do plistoceno coñecido como Dryas Antigo. En menos de 500 anos, o nivel do mar subiu uns 10–15 m, a un ritmo de 50 m/ano.
- O segundo período de desxeo (denominado MWP-1A) produciuse desde hai 14 600 a 13 500 anos durante a primeira parte do quentamento Bølling-Allerød. Durante 500 anos o nivel subiu 16–24 m a un ritmo de 40 m/ano.
- O ritmo de desconxelación diminuíu entre 12 800 e 11 500 anos atrás durante o episodio frío coñecido como Dryas Recente. Este foi un evento de cambio climático abrupto que ocorreu hai 12 800 anos durante o que a Terra volveu case ás condicións glaciais, permanecendo neste estado durante 1 300 anos. Crese que puido deberse á parada da circulación termohalina producida pola descarga de auga doce no Atlántico norte debido ao desxeo.[5] Ao final deste período tivo lugar outro de desxeo (MWP-1B) entre 11 500 e 11 000 anos atrás. O nivel do mar subiu uns 25 m.
- Un cuarto período (MWP-1C) produciuse entre 8 200 e 7 600 anos atrás. Puido ser o resultado da drenaxe dos lagos Agassiz e Ojibwa e produciu unha elevación pequena do nivel do mar, sobre 1 m. Hai uns 6 000 anos, os períodos de desxeo cesaron, sendo desde entón a elevación do nivel mar moito máis gradual.
Desde hai 3 000 anos até o comezo do século XIX, o nivel do mar tivo un aumento case constante de 0,1 a 0,2 m/ano.[6] Desde 1900, o nivel do mar aumentou de 1 a 2 m/ano; desde 1993, as medidas de altimetría por satélite TOPEX/Poseidon indican unha taxa de aumento de 3,1 ± 0,7 m/ano.[7]
Entre as terras que estaban conectadas cando o nivel do mar era máis baixo están:
- Siberia e Alasca. O estreito de Bering ten unha anchura de 85 km e unha profundidade de 30 a 50 m.
- As Illas Británicas co continente. O canal da Mancha ten unha anchura mínima de 34 km e unha profundidade mínima de 26 m. O mar do Norte é un mar moi pouco profundo, pois ten unha profundidade mínima de 25 m e media de 95 m.
- Indonesia e Indochina. Por exemplo, o estreito de Malaca entre Malaisia e Sumatra ten unha anchura mínima de 2,8 km e unha profundidade mínima de 25 m. O Estreito de Sonda entre as illas de Xava e Sumatra ten unha anchura mínima de 24 km e unha profundidade mínima de tan só 20 m.
- Xapón e Siberia. Por exemplo, o estreito de La Pérouse entre a illa de Hokkaido e a illa de Sakhalin ten unha anchura mínima de 43 km e unha profundidade de 20 a 40 m. O estreito de Tartaria entre a illa de Sakhalin e Siberia ten unha anchura de 7,3 km no seu punto máis angosto e unha profundidade de entre 51 e 118 m.
- Australia con Nova Guinea e Tasmania. O estreito de Torres entre Australia e Nova Guinea mide aproximadamente 150 km de ancho e ten unha profundidade de 30–50 m ao leste e de 10–15 m ao oeste. O estreito de Bass entre Australia e Tasmania ten aproximadamente 240 km de ancho no seu punto máis estreito e unha profundidade próxima aos 50 m.
En moitas zonas por riba dos 40º de latitude N, o terreo fora deprimido polo peso dos glaciares, polo que ao producirse o desxeo do plistoceno tardío subiron até 180 m, elevación que continúa incrementándose na actualidade. A elevación do nivel do mar e a depresión temporal da Terra permitiu a incursión temporal do mar en zonas que agora están lonxe da costa. Do holoceno mariño coñécense fósiles de Vermont, Quebec, Ontario e Míchigan. Os depósitos mariños en costas de latitudes máis baixas son raros porque o aumento do nivel do mar foi superior a calquera probábel elevación de orixe non glaciar. Na rexión de Escandinavia deu lugar á formación do mar Báltico. A rexión segue elevándose a unha taxa de 1 cm ao ano, causando débiles terremotos no norte de Europa estimándose que aínda subirá outros 100 m. O equivalente norteamericano é a baía de Hudson que, ao elevarse, reduciu a súa extensión desde o máximo da última fase posglaciar até os seus límites actuais.
Clima
[editar | editar a fonte]O holoceno comezou despois de que finalizase o episodio de arrefriamento do Dryas Recente, a partir do cal as temperaturas se fixeron máis suaves. O Óptimo climático do holoceno foi un período cálido que se produciu durante o intervalo comprendido aproximadamente entre 9 000 e 5 000 anos atrás. O clima mundial era moi probabelmente entre 0,5 e 3 °C máis cálido do que é actualmente. Porén, o quecemento probabelmente non foi uniforme en todo o mundo. Este período terminou hai ao redor de 5 500 anos, cando as primeiras civilizacións humanas en Asia e África empezaron a florecer. A continuación, comezou o Neoglacial, no cal as temperaturas diminuíron progresivamente até a actualidade (en períodos cíclicos de quentamento/arrefriamento), con probábeis excepcións como o Óptimo climático romano (séculos I a IV) ou o Óptimo climático medieval (séculos X a XIV). O punto culminante do arrefriamento foi a Pequena Idade de Xeo, con tres máximos: sobre 1650, 1770 e 1850.[8][9]
O holoceno é un período interglaciar e non hai ningunha razón para crer que represente o fin dos ciclos de glaciacións. Porén, o actual quentamento global pode facer que a Terra se quente máis que no anterior período interglaciar, Riss-Würm, que chegou ao máximo hai aproximadamente 125 000 anos con temperaturas máis cálidas que na actualidade. Este fenómeno denomínase ás veces un súper-interglaciar. En comparación coas condicións glaciares no interglaciar as zonas habitábeis expandíronse cara ao norte, alcanzando o seu punto máis setentrional durante o Óptimo climático do holoceno. A maior humidade nas rexións polares causou a desaparición das praderías boreais.
Paleobioloxía
[editar | editar a fonte]A vida animal e vexetal non evolucionou moito durante o curto holoceno, pero se produciron importantes cambios na distribución dos seres vivos. Un gran número de animais, incluídos os mamuts, mastodontes, Smilodon e Homotherium, os chamados "dentes de sable", e os Megatherium (preguiceiros xigantes) desapareceron en Norteamérica. Neste continente tamén se extinguiron animais que sobreviviron noutras partes, incluíndo cabalos e camelos. Esta extinción da megafauna americana coincide coa chegada do ser humano hai 12 000 anos, ao igual que as extincións anteriores de grandes marsupiais en Australia hai 40 000 (como o Diprotodon) ou as posteriores de aves non voadoras en Nova Zelandia contra o ano 1300 d. C. (como os moas).
As extincións de plantas e animais continúan hoxe en día. A taxa de extinción acelerouse de maneira espectacular nos últimos 50 anos. En xeral, o evento de extinción do Holoceno caracterízase por deberse a factores relacionados coa presenza humana e por producirse nun tempo xeolóxico moi curto (decenas de miles de anos) en comparación coa maioría dos outros eventos de extinción. Ás veces denomínase a sexta extinción, pois anteriormente houbo cinco grandes episodios de extinción masiva.
-
Moa † (Nova Zelandia)
-
Dodo † (illa Mauricio)
-
Pomba viaxeira † (EUA)
Entre as especies notábeis extinguidas pola acción humana nos últimos mil anos cóntanse:
- Europa: uro; tarpán (Equus ferus ferus, un cabalo salvaxe eurasiático); arao xigante (Pinguinus impennis); pica sarda (Prolagus sardus, un coello de Sardeña); íbex dos Pireneos (Capra pyrenaica pyrenaica, a cabra montesa española).
- Asia: delfín de río chinés (Lipotes vexillifer); Hydrodamalis gigas.
- África: Quagga (Equus quagga quagga, unha especie de cebra).
- Norteamérica: Conuropsis carolinensis; pomba viaxeira (Ectopistes migratorius).
- Suramérica: coquí dourado (Eleutherodactylus jasperi, unha ra de Porto Rico), Neomonachus tropicalis.
- Australia: lobo de Tasmania (Thylacinus cynocephalus).
- Nova Zelandia: moas (aves non voadoras de 3 m de altura e 250 kg de peso); aguia de Haast (Harpagornis moorei, (unha enorme aguia que pesaba entre 9 e 15 kg); Aptornis (xénero de gruiformes con dúas especies).
- Illas do Pacífico: moa-nalo, Mekosuchinae (crocodilos do Pacífico); megápodo de Nova Caledonia.
- Madagascar: Aepyornis (o paxaro elefante, de 3 m de altura e 450 kg de peso); ai-ai xigante (Daubentonia robusta); Archaeoindris (un lémure xigante de 200 kg), Palaeopropithecus; tartaruga xigante; hipopótamo pigmeo.
- Illas do Índico: tigre balinés (Panthera tigris balica); dodo (ave da illa Mauricio); solitario de Rodrigues (Pezophaps solitaria, ave da illa de Rodrigues); solitario da Reunión (Threskiornis solitarius, ave da illa de Reunión).
A seguinte táboa recolle o número de especies extintas desde o ano 1500 e as que se encontran en perigo de extinción segundo a Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).[10]
Taxon | Extintas | Existentes | En perigo | % En perigo |
---|---|---|---|---|
Mamíferos | 70 | 5.416 | 1.094 | 20,2 % |
Aves | 135 | 9.956 | 1.217 | 12 % |
Réptiles | 22 | 8.240 | 422 | 5 % |
Anfibios | 34 | 6.199 | 1.808 | 29 % |
Peixes | 80 | 30.000 | 1.201 | 4 % |
Moluscos | 289 | 81.000 | 978 | 1,2 % |
Artrópodos | 66 | 1 000 000 | 1.083 | 0,1 % |
Plantas | 87 | 297.326 | 8.447 | 3 % |
Desenvolvemento humano
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Mesolítico e Neolítico.
Os cambios no ambiente provocaron unha serie de alteracións na economía dos cazadores-recolectores, que desembocarían no mesolítico, ao desaparecer a megafauna do plistoceno. Domesticouse o lobo, convertendo o can nun auxiliar fundamental para a caza menor. Adoptáronse tamén o arco e as frechas, e os arpóns, así como a machada, o coitelo e o lanzador de venabres.
Daquela os humanos vivían en pequenas tribos que se albergaban en cavernas ou pequenas choupanas de madeira ou de terra; normalmente existían edificios ou paraxes naturais con uso exclusivamente relixioso, nos cales sucedían danzas máxicas, enterramentos colectivos e dedicábaselle culto aos mortos. En pleno mesolítico desenvolvéranse instrumentos máis evolucionados, como aparellos de pesca, aixolas ou piraguas. Co paso ao neolítico, a poboación humana sufriu un poderoso cambio, desenvolvéndose lentamente unha alta variabilidade cultural. Parece ser que a cultura neolítica xurdiu en Oriente Próximo, e chegou á illa de Creta, ao Delta do Nilo, ao Danubio, ao mar Caspio e a Macedonia aproximadamente contra o 5000 a. C.
Breve historia
[editar | editar a fonte]Ao longo de máis do 90 % da súa historia, o Homo sapiens viviu en pequenos grupos nómades de cazadores-recolectores. Cando a súa linguaxe adquiriu máis complexidade, a capacidade de recordar e transmitir a información deu lugar a unha nova clase de replicador: o meme. As ideas podían intercambiarse rapidamente e pasaron de xeración en xeración. A evolución cultural superou rapidamente á evolución biolóxica.
Entre 8500 e 7000 a. C., os seres humanos do Oriente Medio fértil comezaron de maneira sistemática a cría de animais e o cultivo de plantas: gandaría e agricultura. Estas prácticas estendéronse ás rexións veciñas —aínda que tamén se desenvolveron independentemente noutros lugares—, até que a maioría dos Homo sapiens adoptaron a vida sedentaria en asentamentos permanentes, como agricultores.
Non todas as sociedades abandonaron o nomadismo, en especial as que estaban en zonas illadas do planeta pobres en especies de plantas cultivábeis, tales como Australia. Porén, entre estas civilizacións que adoptaron a agricultura, a seguridade e a produtividade crecente proporcionada cultivando permitiu que a poboación aumentase.
A agricultura tiña un impacto importante; os seres humanos comezaron a modificar os ecosistemas terrestres e mariños como nunca antes o fixeran. Os excedentes de alimentos e a crecente división do traballo permitiron que xurdisen as castas gobernantes e as sacerdotais. Isto conduciu ás primeiras grandes civilizacións, como a Sumeria en Oriente Medio, entre 4000 e 3000 a. C., a do Antigo Exipto no val do Nilo ou a do val do río Indo.
Contra 3000 a. C., o hinduísmo, unha das relixións máis antigas, que aínda se practica hoxe en día, comezou a tomar forma. Xurdiron máis relixións e varias foron perseguidas ou prohibidas, como a do Antigo Exipto.
A invención da escritura permitiu organizarse mellor a sociedades cada vez máis complexas: o mantemento de rexistros e os seus arquivos serviron como almacén de información incrementando a transmisión da súa cultura, coñecementos e o seu control. Os seres humanos xa non tiñan que utilizar todo o seu tempo en velar pola súa supervivencia, e a educación propiciou a busca do coñecemento e a sabedoría. Xurdiron diversas disciplinas, incluíndo as ciencias, aínda que en forma incipiente. Novas civilizacións apareceron, comerciando pacificamente entre elas ou participando en guerras pola conquista de territorios e recursos. Xurdiron os primeiros imperios no Medio Oriente, Exipto, a India e a China. Posteriormente en Grecia, Roma e Bizancio.
En Europa, tras a escuridade da Idade Media, xurdiu o Renacemento en Italia (século XIV) achegando grandes avances á arte e á ciencia. Houbo importantes cambios relixiosos (Reforma protestante).
A comezos da década dos anos 1500, a civilización europea comezou a experimentar os cambios que conduciron á revolución científica e á industrial: os europeos comezaron a exercer unha dominación política e cultural sobre as sociedades humanas de todo o planeta.
De 1914 a 1918 e de 1939 a 1945 a maioría das nacións do mundo estiveron envoltas nas guerras mundiais. Creada despois da primeira guerra mundial, a Sociedade de Nacións foi un primeiro paso cara a un goberno mundial; despois da segunda guerra mundial foi substituída pola ONU. En 1992, varios países europeos asociáronse para formaren a Unión Europea.
Coa mellora do transporte e as telecomunicacións, a economía e os asuntos políticos das nacións de todo o mundo fixéronse cada vez máis interdependentes. Esta globalización produciu con frecuencia a discordia ou periódicas crises económicas multinacionais, aínda que tamén un maior intento de colaboración internacional.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Global Boundary Stratotype Section and Point (GSSP) of the International Commission of Stratigraphy, Status on 2009.
- ↑ International Stratigraphic Chart, 2008
- ↑ Yokoyama, Y. (2000): Timing of the Last Glacial Maximum from observed sea-level minima, Nature 406: 713-716.
- ↑ Gornitz, V. (2007): Sea Level Rise, After the Ice Melted and Today Arquivado 20 de maio de 2017 en Wayback Machine., NASA.
- ↑ Keigwin, L. D. e E. A. Boyle (2000): Detecting Holocene changes in thermohaline circulation Arquivado 07 de marzo de 2008 en Wayback Machine., PNAS, vol. 97, nº 4, 1343-1346.
- ↑ Houghton, J. T. (ed.). "Long-term mean sea level accelerations". Climate Change 2001: The Scientific Basis (Informe). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2008. Consultado o 08 de novembro de 2012.
- ↑ Bindoff, N. L.; et al. "Observations: Oceanic Climate Change and Sea Level" (PDF). Climate Change 2007: The Physical Science Basis. Contribution of Working Group I to the Fourth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change. Cambridge University Press (Informe). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de maio de 2017. Consultado o 08 de novembro de 2012.
- ↑ NASA Earth Observatory Glossary: "Little Age of Ice" Arquivado 28 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ Climate Change 2001: Working Group I: The Scientific Basis: "2.3.3 Was there a 'Little Ice Age' and a 'Medieval Warm Period'?" Arquivado 29 de maio de 2006 en Wayback Machine..
- ↑ IUCN Red List of Threatened Species, 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Holoceno |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mackay, A. W.; Battarbee, R. W.; Birks, H. J. B. et al., eds. (2003): Global change in the Holocene. Londres: Arnold. ISBN 0-340-76223-3.
- Roberts, Neil (1998): The Holocene: an environmental history 2nd ed. Malden, MA: Blackwell. ISBN 0-631-18637-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Sixth Extinction (en inglés) consultada o 15/11/2012.
- The 8.2ka event (en inglés) consultada o 15/11/2012.
- Homo extintor Unha reflexión desde a sexta extinción masiva do holoceno (en castelán) consultada o 15/11/2012.
- Cenozoic Era (en inglés) consultada o 15/11/2012.