Muro de Berlín

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Muro de Berlín.
Muro de Berlín (1989).

O Muro de Berlin foi unha construción civil que supuxo un símbolo vivo da división física da Alemaña da posguerra en dúas entidades, a República Federal Alemá e a República Democrática Alemá. Este muro, alén de dividir a cidade de Berlín ao medio, simbolizaba a división do mundo en dous bloques ou partes: o Bloque Occidental, constituído polos países capitalistas encabezados polos Estados Unidos de América, e o Bloque de Leste, ou Soviético, constituído polos países comunistas, que tiñan á súa fronte a Unión Soviética.

Características[editar | editar a fonte]

Comezou a construírse na madrugada do 13 de agosto de 1961. Estaba formado por 66,5 km de valado metálico, 302 torres de observación, 127 redes metálicas electrificadas con arame, 255 pistas para feros cans de garda. Este muro provocou a morte a 80 persoas identificadas (Chris Gueffroy foi a derradeira), 112 ficaron feridas e millares detidas nas diversas tentativas de o atravesar.

A construción do muro marcou o inicio do illamento da parte occidental da cidade de Berlín, illada territorialmente do resto de Alemaña Occidental e provocou unha crise na que os EUA crearon unha ponte aérea para o fornecemento da cidade, por decisión do presidente John F. Kennedy.

O Muro de Berlín caeu o 9 de novembro de 1989, no que foi o acto inicial da reunificación das dúas Alemañas, que formaron finalmente a República Alemá e rematando tamén a división do mundo en dous bloques. Moitos sinalan este momento tamén como a fin da Guerra fría.