Edicto de Milán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Constantino I, un dos impulsores do edicto polo que se declara a liberdade de culto.

O Edicto de Milán (coñecido tamén como A tolerancia do cristianismo) foi promulgado en Milán no ano 313. Estableceu a liberdade de relixión no Imperio Romano, dando fin ás persecucións dirixidas polas autoridades contra certos grupos relixiosos, particularmente os cristiáns. O edicto foi asinado por Constantino I e Licinio, dirixentes respectivamente dos imperios romanos de Occidente e Oriente.

No momento da promulgación do edicto existían no Imperio cerca de 1.500 sés episcopais, e entre 5 e 7 millóns de habitantes dos 50 que compuñan o imperio profesaban o cristianismo[1]. Logo da aprobación iniciouse a Paz da Igrexa, como é coñecida polos historiadores cristiáns.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Anteriormente, no ano 311, o emperador Galerio emitira na cidade un edicto coñecido como o Edicto de Tolerancia de Nicomedia. Nel concedíase indulxencia ós cristiáns, recoñecéndose a súa existencia legal e a liberdade para celebrar reunións e construír templos para o seu Deus, polo que a persecución dos mesmos finalizaría.

"Habendo recibido esta indulxencia, eles orarán ó seu Deus pola nosa seguridade, pola da República, e pola propia, que a república continúe intacta, e para que eles poidan vivir tranquilamente nos seus fogares."(Emperador Galerio)

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Nun intento por reintegrar o imperio romano baixo unha soa autoridade, Licinio armouse contra Constantino. Como parte do seu esforzo para gañarse a lealdade do exército, Licinio eximiu ó exército e ós funcionarios públicos da práctica da política de tolerancia que impuña o edicto, permitíndolles continuar a persecución de cristiáns. Como consecuencia desta orde, algúns cristiáns perderon as súas propiedades e mesmo a vida. Desde entón sobrevive a lenda que conta que 40 cristiáns en Sevaste, ó negarse a ofrendar viño ós deuses pagáns, foron torturados e encarcerados. Ó rexeitar aínda participar no rito, foron obrigados a manterse de pé nús sobre o xeo do inverno ata a conxelación. Uns cantos cederon e aceptaron renunciar ó cristianismo con tal de acompañar ós soldados nos lumes, á vez que un número semellante de soldados decidiron confesar a súa ata entón secreta devoción ó cristianismo, uníndose a aqueles no xeo. Conta a tradición que descenderon do ceo anxos que colocaron coroas nas cabezas dos mártires.

No ano 324 volve a guerra entre ambos imperios. Constantino logra vencer o 3 de xullo dese ano ó exército de Licinio na batalla de Adrianópole cercándoo dentro das murallas de Bizancio. Por outro lado, mercede á vitoria que consegue o primoxénito de Constantino, Flavio Xulio Crispo, sobre a flota de Licinio, obriga a este a retirarse a Bitinia, onde perde o seu último posto o 18 de setembro durante a batalla de Crisópole. Constantino entón logra o poder absoluto sobre o imperio, e ordena que Licinio sexa internado en Tesalónica, onde intenta alzarse en armas e é executado por traizón.

Características[editar | editar a fonte]

O edicto ou constitución imperial foi aprobado entre outra serie de medidas tomadas en conxunto polos emperadores romanos de oriente e occidente en xuño de 313. No mesmo establecíase o seguinte:

"Habendo advertido hai xa moito tempo que non debe ser cohibida a liberdade de relixión, senón que ha de permitirse ó arbitrio e liberdade de cada cal se exercite nas cousas divinas conforme ó parecer da súa alma, sancionamos que, tanto tódolos demais, canto os cristiáns, conserven a fe e observancia da súa seita e relixión... "...que ós cristiáns e a tódolos demais se conceda libre facultade de seguir a relixión que a ben teñan; a fin de que quenquera que fose o nume divino e celestial poida ser propicio a nós e a tódolos que viven baixo o noso imperio. Así, pois, promulgamos con saudable e rectísimo criterio esta nosa vontade, para que a ningún se negue en absoluto a licenza de seguir ou elixir a observancia e relixión cristiá. Antes ben sexa lícito a cada un dedicar a súa alma a aquela relixión que estimar convirlle".
Copias das constitucións imperiais de Constantino e Licinio, traducidas do latín ó grego

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O edicto de Milán non só significou o recoñecemento oficial dos cristiáns, senón que trouxo como consecuencia profundos cambios dentro do Imperio Romano, así como o comezo da expansión da Igrexa Católica. O exercicio do edicto devolveu ós cristiáns ós seus antigos lugares de reunión e culto, así como outras propiedades que foran confiscadas polas autoridades romanas e vendidas a particulares: as propiedades haberán de ser devoltas ós cristiáns sen esixir pago ou recompensa de ningún tipo, e sen admitir ningún tipo de fraude ou engano. Isto brindoulle ó cristianismo (e a calquera outra relixión) un status de lexitimidade xunto co paganismo, e en efecto, depuxo ó paganismo como a relixión oficial do imperio romano e dos seus exércitos.

Aínda non se recuperaron rexistros en pedra do edicto. As citas que se coñecen proveñen dos capítulos 35 e 48 do documento histórico De mortibus persecutorum (latín: Sobre a morte dos perseguidores), escrito polo sacerdote católico Lactancio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan de Isasa, Historia de la Iglesia 1. Colección Flash, Editorial Acento. Madrid, 1998. (citado en Historia Antigua.doc)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]