Druída

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os druídas eran unha elevada clase social dentro das tribos celtas, desempeñaban funcións relixiosas, médicas e de ensino. Os privilexios dos que gozaban (non tomaban parte nas guerras e estaban exentos do pagamento dos impostos) atraían moitos rapaces da nobreza gala para tomaren o ensino necesario e convertérense en druídas. Os coñecementos transmitíanse oralmente durante unha aprendizaxe de vinte anos na que estudaban a natureza e os rituais celtas.

Historia[editar | editar a fonte]

Xulio César é a principal fonte primaria sobre os druídas, na súa obra Comentarios sobre a guerra das Galias, pero pode ser que recibise o algúns datos do filósofo estoico Posidonio, cuxo relato se confirma coas sagas irlandesas medievais temperás. A descrición de César da asemblea anual dos druidas e a elección dun archidruida ou arquidruída tamén está confirmada por unha saga irlandesa.[1]

A romanización e posteriormente o cristianismo perseguiron os druídas até que acabaron por disolver a relixión celta, da cal os druídas eran os principais depositarios.

Romanización[editar | editar a fonte]

Coa conquista romana das rexións celtas da Europa continental e das Illas Británicas, iniciouse un proceso de romanización que implicou cambios políticos, militares, culturais e relixiosos. A administración romana tendía a integrar as elites locais coa poboación indíxena procurando unha gobernanza máis efectiva, o que levou a unha certa asimilación cultural e relixiosa. Os druídas, como líderes espirituais e culturais, atopáronse en crecente desacordo coa novo orde, e foron reprimidos na Galia polos romanos baixo Tiberio (emperador entre o ano 14 e o 37) e probabelmente en Britania un pouco máis tarde.[1][2]

Impacto do cristianismo[editar | editar a fonte]

Coa chegada do cristianismo, aumentou aínda máis a presión sobre a estrutura relixiosa celta. Os druídas, cuxas prácticas e crenzas diferían substancialmente das cristiás, foron vistas como pagás e incompatíbeis coa nova fe. Isto levou a unha persecución e ao declive da súa influencia e prácticas.[3][4]

Herdanza e legado[editar | editar a fonte]

A pesar da súa desaparición como unha clase influente, a herdanza dos druídas sobrevive na cultura celta a través da mitoloxía, da literatura e das tradicións orais. En Irlanda perdieron as súas funcións sacerdotais após a chegada do cristianismo e sobreviviron como poetas, historiadores e xuíces (filid, senchaidi e brithemain). Algúns eruditos cren que os brahmanas hindús en Oriente e os druídas celtas en Occidente foron supervivencias laterais dun antigo sacerdocio indoeuropeo.[1]

Na cultura popular, os druídas son frecuentemente retratados como sabios místicos ou magos, especialmente en personaxes de bandas deseñadas como Panoramix de Asterix, e en videoxogos e literatura de fantasía, onde son asociados coa natureza, a maxia e a curación.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Descoñécese a etimoloxía da palabra "druída", mais Plinio o Vello relacionábaa co termo grego drus (aciñeira); non obstante, actualmente os historiadores cren que o máis probable é que proceda do termo celta dru-uid-es, que significa "os moi sabios".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Druid". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-01-14. 
  2. Hutton, Ronald (2009-01-01). Blood and Mistletoe: The History of the Druids in Britain (en inglés). Yale University Press. ISBN 978-0-300-14485-7. 
  3. Harney, Lorcan (2017). "Christianising pagan worlds in conversion-era Ireland: archaeological evidence for the origins of Irish ecclesiastical sites". Proceedings of the Royal Irish Academy: Archaeology, Culture, History, Literature 117C: 103–130. ISSN 0035-8991. doi:10.3318/priac.2017.117.07. 
  4. Murphy, Sinead (2017-11-13). "The History and Religious Practices of the Irish and Celtic Druids." (en inglés). Consultado o 2024-01-14. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]