Tiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tiro (árabe صور Ṣūr, fenicio Ṣur, hebreo צור Tzor, acadio Ṣurru, grego Τύρος Týros) é unha cidade situada ao sur do Líbano, a 21 km de Israel. Chámase hoxe Sur.

Con 117.100 habitantes, Tiro atópase na costa oriental do mar Mediterráneo, uns 37 km ao norte de Acre, e 32 km ao sur de Sidón. O nome da cidade significa "rocha"[1] Aos seus habitantes chámaselles tirios.

A cidade foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984, polos seus vestixios arqueolóxicos de diversas civilizacións.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa do Líbano. Tiro está preto do bordo sur.

A antiga Tiro áchase na Fenicia meridional a pouco máis de 70 km ao sur de Beirut e a 35 km ao sur de Sidón, case á metade do camiño entre Sidón ao norte e Acre ao sur, e a algúns quilómetros ao sur do río Litani, o Leontes das fontes clásicas.

Tiro tiña dúas zonas, unha insular e a outra continental. A illa estaba situada sobre un montículo, de nome SR, que significa «a rocha» en fenicio. A cidade estaba separada do continente por un estreito de 500 a 700 metros de ancho, posteriormente unida a zona continental por un istmo artificial, obra de Alexandre Magno, construído cando cercou a cidade en -332. A illa estaba dotada de dous portos, un ao norte, o porto sidonio, e outro ao sur, o porto exipcio.

Partindo de Tiro para o norte, en dirección a Sidón, pásase preto da fonte 'Ain Babouq, despois preto da fonte termal 'Ain Habrian, e por fin chégase a Naher el Qasmiyé que é a parte sur do Nahr el Litani. Este río constituía a fronteira norte entre o reino de Tiro e o de Sidón cando se separaron, pero a fronteira norte adiantouse a este río moitas veces e se estendeu ata Sarepta e incluso un pouco máis a veces.

Para o sur, partía de Tiro unha estrada costeira moi importante que pasaba por Tell el Rachidieh e Ras el 'Ain. Algúns historiadores especialistas, identificaron esta última con Paleotiro ou Ushu, pero esta identificación non excluíu as outras posibilidades. A estrada franqueaba Ras el Abyad que, á esquerda levaba a Oum el Amed, situada sobre un outeiro a unha decena de metros sobre a estrada costeira que, para o sur, pasaba por Akzib, Acre e a súa planicie, para chegar finalmente a Haifa e o monte Carmelo que constituía a fronteira sur do reino de Tiro.

Historia[editar | editar a fonte]

Tiro foi a máis importante das cidades de Fenicia, fundada ao mesmo tempo que Sidón (hoxe Saida), Biblos (hoxe Djebail) e Beritos (hoxe Beirut), no III milenio adC.

"A situación da cidade de Tiro non ofrece dúbidas, está no lugar coñecido como Sur." Tiro orixinalmente consistía en dous distintos centros urbanos, un nunha illa e o outro na costa adxacente (aproximadamente 30 estadios aparte ou 5,6 km segundo Estrabón en seu Xeografía xvi, 2), antes de que Alexandre Magno conectase a illa coa costa durante o seu asedio da cidade. Era unha cidade fortemente fortificada en medio do mar (con muros defensivos de 45 m de alto)[2] e a máis antiga, orixinalmente chamada Ushu (Palaetiro, para os gregos) era en realidade máis unha liña de suburbios que unha cidade e foi usada principalmente como unha fonte de auga e madeira para a cidade da illa [3]. Xosefo indica que ata incluso loitaron entre eles, aínda que a maior parte do tempo se aliaron debido á riqueza da cidade polo seu comercio marítimo e os seus bosques de madeira de cedro, e auga potábel da zona continental.

Fundación[editar | editar a fonte]

Tiro xorde sobre -1300, aínda que segundo Herodoto, foi fundada arredor do -2700 Filón de Biblos (en Eusebio) cita a Sanchuniathon quen comenta que primeiro estivo ocupada por Hypsuranius. Na obra de Sanchuniathon dise que estaba dedicada a "Abibalus, rei de Beritos" (posibelmente Abibaal, o que foi rei de Tiro) [4].

Historia temperá[editar | editar a fonte]

Teatro rectangular en Al Mina

O comercio do mundo antigo era almacenado en Tiro. "Os comerciantes tirios foron os primeiros que se aventuraron a navegar nas augas mediterráneas; Foi un porto importante de Fenicia, acadando gran prosperidade económica; del saíron barcos para fundar numerosas colonias a beiras do Mediterráneo co propósito de dominar o comercio marítimo, fundando colonias nas costas e illas próximos do mar Exeo, en Grecia, a costa norte de África, Cartago, Sicilia, Córsega, na ibérica Tartessos, e mesmo máis alá das columnas de Hércules, en Gadeira (Cádiz)" (Driver's Isaiah).

Os hebreos chamárona Tsor e os mesmos tirios chamábana Sor ou Sur que quere dicir "Rocha". Os gregos substituíron o "S" inicial por un "T", e este nome foi adoptado polos romanos, que non obstante tamén a chamaron Sara ou Sarra.

A cidade foi poboada desde o III milenio adC, e no século –XVI foi conquistada por Tutmosis I. No século –XIV aliouse con Exipto, independizándose de Sidón. Estivo en mans dos exipcios ata a época de Ramsés II (século –XIII). Sobre -1190 foi repoboada por xente de Sidón. No século –IX someteu á súa antiga metrópole, para logo pasar a ser tributaria de Asiria.

En tempos de David (c. -1000), estableceuse unha alianza entre os hebreos e tirios, que tempo atrás eran gobernados polos seus reis nativos.

A cidade de Tiro foi célebre pola produción dun tipo único de tintura púrpura, coñecido como púrpura tiria. Esta cor era, en moitas culturas da antigüidade, reservado para uso exclusivo da realeza ou, polo menos, da nobreza.

A partir do século -X exerceu a hexemonía sobre as cidades fenicias, que durou ata o século -VI O seu apoxeo foi baixo o rei Hiram I (que embeleceu a cidade na parte insular), pero hai que mencionar tamén a Ithobaal (-887--856) a filla do cal se casou co rei Acab de Israel, o rei Pigmalión (-821 a -774) en tempos do cal algúns colonos dirixidos por Dido marcharon a fundar Cartago (-814).

A influencia asiria notouse no século -VIII e especialmente no século -VII. Nesta época Tiro e Sidón foron un único reino, pero despois separáronse. En -672 foi asediada por Esarhaddon, e en -668--667 por Assurbanipal, pero non puideron conquistala.

Foi atacada por Exipto a miúdo, cercada por Salmanasar V, que foi axudado polos fenicios de terra firme, durante cinco anos.

A cidade (a parte da costa) foi asediada e ocupada por Nabucodonosor II de Babilonia, durante trece anos sen éxito, aínda que un acordo de paz foi feito no cal Tiro pagou imposto aos babilonios; feito do que hai un relato do profeta Ezequiel [5] (-574.).

A cidade estendíase entón ata o río Leontes ao norte e a fonte de Ras al-Ain ao sur, é dicir, un espazo duns 10 ou 12 km, formado por unha fértil planicie. A cidade na illa foi de fundación posterior, seguramente despois de Nabucodonosor. Parece que chegou a ter uns corenta mil habitantes. Na illa, en especial, cabe mencionar unha gran praza pública que os gregos chamaron Eurycoros, construída por Hiram I. Dous portos servían á poderosa mariña de Tiro, o do norte e o do sur.

Despois da conquista de Babilonia adoptou a forma republicana de goberno. En -538 pasou a depender do Imperio Aqueménida. En -345 rebelouse, pero foi conquistada por Artaxerxes III de Persia.

Asediada por Alexandre Magno a finais do -333., este construíu un istmo artificial coas pedras da cidade vella de Tiro e outros materiais facilmente ao alcance; foi laborioso porque as tormentas destruían a miúdo parte da construción, e cando xa estaba preto da illa, eran os soldados de Tiro os que con frechas e proxectís impedían os traballos; os macedonios construíron unhas torres de madeira, pero os tirios incendiáronas e destruíron nunha saída das súas naves e ao final unha gran tormenta destruíu todo o traballo; Alexandre decidiu comezar de novo, facer un istmo máis amplo e en diagonal suroeste, e ademais recrutou unha flota en Sidón, Soli, Mallos e outras cidades (toda Fenicia estaba xa en mans de Alexandre); mentres se facía o istmo fixo unha incursión en Celesiria e capturou árabes que enviou a cortar madeira ás montañas do Líbano; cando Alexandre volveu ao istmo xa estaba moi avanzado e os intentos dos tirios por destruílo, a pesar de algún éxito parcial, fracasaran. Os tirios enviaron as mulleres, anciáns e nenos a Cartago e pecharon as bocas dos seus dous portos. Alexandre levou máquinas de guerra. Despois dunha loita feroz, Alexandre ocupou a cidade. Os tirios resistiron casa por casa, e Alexandre fixo matar a oito mil defensores. Trinta mil foron vendidos como escravos e dous mil crucificados como vinganza pola morte dalgúns macedonios. O rei e os maxistrados foron respectados. O asedio durou sete meses e a cidade caeu en xullo do -332 A cidade foi repoboada con colonos de Caria.

A cidade foi outra vez asediada por Antígono I Monoftalmos en -315 [6], quen a tomou un ano máis tarde [7].

Formou parte do Imperio Seléucida (-198). En -126, Tiro recuperou a súa independencia [8] dos seléucidas e lle foi permitido permanecer libre cando a área circundante se converteu na provincia romana de Siria (-64 [9].

Historia posterior[editar | editar a fonte]

O arco do triunfo de Tiro, realizado o século II

Unha congregación foi fundada trala morte de Santo Estevo, e Paulo de Tarso, ao regresar da súa terceira viaxe misioneira, residiu unha semana para poder conversar cos discípulos de lugar. Segundo Ireneo de Lyon en "Adversus Haereses", a compañeira de Simón o Mago viño de Tiro.

En 395 foi parte do imperio bizantino ata que en 638 foi ocupada polos árabes. En 1098 caeu en poder dos turcos selxúcidas, e en 1124 dos Cruzados, en mans dos cales permaneceu ata 1291. Entón entrou en decadencia ata rexurdir lixeiramente en tempos do emir libanés Fakhr al-Din, no século XVII. Despois da primeira guerra mundial pasou a Francia, dentro do mandato de Siria, logo dentro do Gran Líbano, despois simplemente do Líbano.

Foi capturada en 1124 tras a primeira Cruzada e foi unha das máis importantes cidades do Reino de Xerusalén. Formou parte do dominio real, aínda que tamén había colonias comerciais autónomas de comerciantes italianos. A cidade foi sede do Arcebispo de Tiro, dependente do Patriarcado Latino de Xerusalén; os seus arcebispos, a miúdo, accederon ao patriarcado. O máis notábel dos arcebispos latinos foi o historiador Guillerme de Tiro.

Trala caída de Xerusalén, a mans de Saladino en 1187, a capital do reino trasladouse a Acre, pero se mantiveron en Tiro as cerimonias de coroamento. No século XIII, Tiro foi separada do dominio real como un señorío cruzado. En 1291, foi volto a capturar polos mamelucos que foron seguidos por un goberno otomán antes de que fose declarado o moderno estado de Líbano en 1920.

Despois de 1920[editar | editar a fonte]

Ataque aéreo israelí sobre a cidade libanesa de Tiro o 26 de xullo de 2006.

Tiro foi gravemente danada a finais dos anos 70 (Operación Litani) e os 80, durante a Guerra do Líbano de 1982 entre Israel e a Organización para a Liberación de Palestina (OLP). A cidade foi utilizada como base militar pola OLP, e bombardeada pola artillería israelí [10]. En novembro de 1983, a cidade foi novamente bombardeada polos israelitas destruíndo numerosos edificios e ocasionando ducias de mortos. Nese mesmo ano, un Coche bomba estoupou en Tiro; Israel e Estados Unidos culparon a Irán e a Hezbollah, pero eles negaron haber ocasionado a explosión.

Durante a Guerra do Líbano de 2006, localizábanse nas periferia da cidade varios lanzamísiles de Hezbollah para atacar Israel [11]. Polo menos unha localidade preto da cidade foi bombardeada por Israel, causando varias mortes civís e prexudicando a subministración alimentario a Tiro. [12]. Os comandos navais israelís atacaron por mar aos brancos de Hezbollah dentro da cidade. [13]

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

  • No século XIX en Gran Bretaña, Tiro foi tomada moitas veces como exemplo da mortalidade do gran poder e o estado - por John Ruskin nas primeiras palabras de As pedras de Venecia (1851-1853), e por Rudyard Kipling no seu poema Recesión.
  • Bob Dylan alude aos "Reis de Tiro" na súa balada de 1966, Sad Eyed Lady of the Lowlands.
  • No seu poema "Atlántida", Hart Crane evoca imaxes de Tiro, xunto con outras gran cidades da antigüidade, en comparación á cidade mítica na súa epopea visionaria, "The Bridge".
  • Tiro é mencionada por Ned Flanders xunto con Sidón como unha das "cidades xemelgas de Terra Santa" no episodio de "A miña irmá, a miña ama" de The Simpsons.
  • Tiro tamén aparece na obra dramática de Shakespeare, Pericles, Príncipe de Tiro.
  • A Tiro refírese tamén moitas veces o poeta Tíbulo nos tres libros da poesía titulados "Elexías".
  • Oscar Wilde fai referencia a Tiro na súa poesía "...A miña galera tiria espera para ti..."

Cidades Irmandadas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (Bikai, P., "The Land of Tyre," in Joukowsky, M., The Heritage of Tyre, 1992, chapter 2, p. 13)
  2. [1]
  3. TYRE (Phoen. and Hebr - Online Information article about TYRE (Phoen. and Hebr
  4. Vance, Donald R. (March 1994) "Literary Sources for the History of Palestine and Syria: The Phœnician Inscriptions" The Biblical Archaeologist 57(1) , pp. 2-19
  5. Antigo Testamento, Libro de Ezequiel, 26.7.8
  6. [2]
  7. [3]
  8. [4]
  9. [5]
  10. A peaxe de tres cidades, O economista 19 de xuño de 1982. p.26
  11. Butcher, Tim. Os rebeldes estaban listos para o ataque. Sydney Morning Herald 27 de xuño de 2006
  12. Engel, Richard. Desesperación en Tiro, Líbano. MSNBC 25 de xullo de 2006
  13. Os comandos navais israelís atacaron Tiro BBC 5 de agosto de 2006

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tiro