Historia de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gran Bretaña prerromana ou prehistórica[editar | editar a fonte]

Os primeiros habitantes de Inglaterra foron pequenas tribos de cazadores. Durante a Idade de Pedra chegaron vagas de novos pobos á illa (contra o ano 4000 a. C.). Estes desenvolveron unha cultura agrícola no sur e construíron os enormes monumentos de Stonehenge e Avebury. A partir do ano 800 a. C., durante a Idade de Bronce, os celtas invadiron Inglaterra. Grazas ao seu superior armamento someteron aos habitantes indíxenas. Por un lado, introduciron o gaélico e o bretón, que aínda se fala hoxe en rexións das illas británicas. E por outro lado, introduciron mudanzas no arado e no cultivo. Os seus sacerdotes, os druídas, dominaban a sociedade.

Britania romana[editar | editar a fonte]

A Muralla de Hadriano, no norte da Inglaterra.

Roma invadiu a illa no ano 43 d.C., e só tardou sete anos en vencer a resistencia dos indíxenas e controlar a maior parte do territorio. As tribos escocesas e galesas foron os pobos máis resistentes á conquista, e para os conter construíuse a Muralla de Hadriano no norte de Inglaterra (123 d. C.). Os romanos levaron estabilidade, calzadas pavimentadas, e o cristianismo. Aínda así, a romanización só se manifestou nalgunhas cidades, o resto do campo mantivo a cultura celta. Contra o 409, Roma abandonou Britania, no ocaso do seu imperio. Os anglosaxóns, que ocuparon o país tras a retirada romana, ignoraron as cidades, illaron o cristianismo en Gales e deron os seus propios nomes ás vías romanas.

Invasións anglosaxoas[editar | editar a fonte]

Debido á falta de administradores romanos, os xefes britanos, nominalmente cristiáns, gobernaron pequenos e inestables reinos e mantiveron algunhas das tradicións romanas de goberno. Xa a partir do século V, tribos de bárbaros anglos, xutos e saxóns comezaron a introducirse no baleiro deixado polos romanos, absorbendo aos celtas. Nesa época desenvolvéronse unha serie de reinos de taifas anglosaxóns. Cara o século VII había sete reinos xermánicos: Northumbia, Mercia, East Anglia, Essex, Wessex, Sussex e Kent, que comezaban a ter unha vaga noción de nacionalidade conxunta. As lendas posteriores sobre un heroe chamado Arturo sitúanse neste convulso período.

Heptarquía anglosaxoa[editar | editar a fonte]

Invasión normanda[editar | editar a fonte]

Guillermo de Normandía chegou ás costas do sur de Inglaterra en 1066 cun exército de 12.000 homes. Na batalla de Hastings derrotou o seu rival polo trono e proclamouse rei, fundando a dinastía normanda. O feudalismo normando converteuse na base da redistribución da terra entre os conquistadores e na Inglaterra xurdiu unha nova aristocracia e unha renovada estrutura social e política. Con Esteban de Blois (1135-1154) finalizou a dinastía normanda. Este período caracterizouse polas loitas con Francia e pola alianza de poder coa Igrexa.

Dinastía Plantagenet[editar | editar a fonte]

Durante aquel caótico período as relacións internacionais estiveron presididas polas constantes guerras con Francia e Escocia, e malia a conquista de Irlanda por Henrique II (1172) e a anexión de Aquitania trala súa voda coa princesa Leonor, Henrique III, primeiro rei Plantagenet, sumiu o país na ruína co seu ambicioso soño de dominar Sicilia e Alemaña. A nobreza, encabezada por Simón de Monfort, conde de Leicester, limitaron aínda máis a súa autoridade, e só despois da derrota da nobreza en Evesham puido recobrar privilexios e retornar a estrutura da "Carta Magna".

O reino de Escocia, influído por normandos e noruegueses, era vasalo dos reis ingleses e coñeceu un longo período de paz. Mais trala morte da raíña Margarida de Noruega (1286-1290), o rei inglés Eduardo I (1272-1290) arbitrou a sucesión a favor de Xoán Baliol; este, empurrado polo seu pobo, rebelouse. Eduardo invadiu Escocia (1296) e desterrou a Xoán. Até a súa morte, Eduardo sufocou todo tipo de insurrección escocesa (William Wallace foi apresado e condenado a morte en 1305). Robert Bruce, que se proclamara rei de Escocia en 1306, refuxiouse nas montañas e venceu na batalla de Bannockburn (1314) a Eduardo II (1307-1327), proclamando a independencia de Escocia.

Por outra parte, a longa loita pola conquista de Gales xa concluíra (Eduardo I) en 1284, ano en que os Estatutos de Gales, dividido en condados, sancionaron o sometemento do país, creándose o título de "Príncipe de Gales" para o herdeiro da coroa inglesa.

Guerra dos Cen Anos[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de Eduardo III (1327-1377), realizouse con toda virulencia o enfrontamento con Francia, eterno rival que alimentaba desde había tempo o seu rancor polos enfrontamentos do pasado e pola dominación inglesa da coroa de Francia trala morte sen descendencia de Carlos IV (rama dos Capeto).

A guerra durou cento vinte anos e coñeceu distintas fases. Ao principio os ingleses obtiveron grandes vitorias e anexionaron Calais, o condado de Poiton e fixéronse coa plena soberanía de Aquitania. Pero, axiña os franceses aproveitaron a intervención de Eduardo, a favor de Pedro o Cruel, no conflito interno do reino de Castela e León e recuperaron os territorios perdidos, agás Calais, Baiona e Bordeos.

Guerra das Rosas[editar | editar a fonte]

Cronoloxía dos reis de Inglaterra[editar | editar a fonte]