Saltar ao contido

Colonia, Alemaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaColonia, Alemaña
Köln (de)
Kölle (ksh) Editar o valor en Wikidata
Vista nocturna
Imaxe

EpónimoColonia Claudia Ara Agrippinensium (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 50°56′32″N 6°57′28″L / 50.9422, 6.9578
EstadoAlemaña
Estado federadoRenania do Norte-Westfalia - Nordrhein-Westfalen
Rexión administrativaColónia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Contén a división administrativa
Chorweiler (en) Traducir
Cologne-Innenstadt (en) Traducir
Ehrenfeld (en) Traducir
Kalk (en) Traducir
Lindenthal (pt) Traducir
Mülheim (en) Traducir
Nippes (en) Traducir
Porz (en) Traducir
Rodenkirchen (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.084.831 (2022) Editar o valor en Wikidata (2.678,53 hab./km²)
Xeografía
Superficie405,01 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porRío Rin Editar o valor en Wikidata
Altitude52 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Santo padrónPedro Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Lord Mayor of Cologne (en) Traducir Editar o valor en WikidataHenriette Reker (2015–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativocity council of Cologne (en) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal51149, 50667, 50668, 50670, 50672, 50674, 50677, 50676, 50678, 50679, 50765, 50767, 50733, 50735, 50737, 50739, 50823, 50825, 50827, 50829, 50833, 50858, 50859, 50931, 50935, 50937, 50939, 50968, 50969, 50996, 50997, 50999, 51061, 51063, 51065, 51067, 51069, 51103, 51105, 51107, 51109, 51143, 51145 e 51147 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico221, 2232, 2233, 2234, 2236 e 2203 Editar o valor en Wikidata
Código NUTSDEA23 Editar o valor en Wikidata
Clave de rexión en Alemaña053150000000 Editar o valor en Wikidata
Número de municipio alemán05315000 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
Jiaozuo (pt) Traducir
Pequín
Tel Aviv Editar o valor en Wikidata../... 25+

Páxina webstadt-koeln.de Editar o valor en Wikidata
Facebook: stadt.koeln50 Twitter: Koeln Instagram: stadt.koeln LinkedIn: stadt-koeln Youtube: UC1aXiUqUBeUpDC5ipyBj70g BNE: XX5471666 Editar o valor en Wikidata

Colonia[1] (en alemán: Köln, en kölsch: Kölle) é a cuarta cidade máis grande de Alemaña despois de Berlín, Hamburgo e Múnic, e é a maior cidade no Estado Federal de Renania do Norte-Westfalia, con 1.087.863 habitantes no ano 2019. É unha das máis antigas cidades de Alemaña, xa que foi fundada polos romanos no ano 30 AC. Colonia recibiu o status de "cidade" romana no ano 50 DC.

Colonia está bañada polo Rhin. Na súa coñecida catedral, de estilo neogótico, (Kölner Dom) ten a súa sede o Arcebispado de Colonia. A Universidade de Colonia (Universität zu Köln) é unha das máis antigas de Europa e é internacionalmente recoñecida polo seu departamento de económicas. Tamén é importante para a cidade a cervexa Kölsch.

A historia de Colonia ten como preámbulo as campañas de César no limes setentrional do imperio. Axudado polos ubios, que habitaban na beira oriental do Rin, exterminou os eburóns da beira occidental[2]. Tempo despois, no ano -19 (e non no -38 como se pensaba), Agripa accedeu a que os ubios se asentasen nesa beira (a esquerda), nun lugar elevado a salvo das crecidas: un poboado por iso nomeado Oppidum Ubiorum [3].

Campamento romano

[editar | editar a fonte]

Semella que entre o ano -16 e o -12, un campamento (posiblemente unha lexión) situouse a carón e o lugar foi compartido polos romanos coma base da conquista de Xermania. Cruzamento ademais de vías na rexión con porto na illa de diante do oppidum, de seguida foi tamén un centro relixioso coa erección en volta do cambio de era do Ara Ubiorum (Altar de Roma e Augusto ou dos ubios) e que así mesmo vai nomear á vila.

Colonia Claudia Ara Agripinensium

[editar | editar a fonte]

Acontecemento decisivo, en 50 foi elevada a colonia romana co nome de Colonia Claudia Ara Agripinensium (polo desexo da emperatriz Agripina que nacera, filla de Xermánico, no Oppidum Ubiorum en 15). Despois, no ano 83, foi designada capital da provincia da Xermania Inferior.

Colonia (C C A A), reconstrución no século IV.

De planta regular reticulada (1km2) e amurallada (seica no 89), converteuse nunha importante cidade, a maior ao norte dos Alpes, centro comercial cos territorios xermánicos, que albergaba uns 30.000 habitantes [4]. Posuía Capitolio arredor dun templo octóstilo, construíuse un novo Pretorio e asemade un gran acueduto e o porto da frota romana do Rin (Altenburg, uns quilómetros ao sur), mentres o porto da cidade tiña horrea (almacéns) na illa do Rin, que a poucos foi unida a terra firme. O apoxeo da vila mantívose no século II ata a crise do imperio na terceira centuria da nosa era [5].

Capital dun efémero imperio gálico a metade do século III, semella que pouco despois foron refeitas as murallas e recibiu un asalto dos francos (276). O emperador Constantino construíu a primeira ponte permanente sobre o Rin (seica desaparecida xa no século X) cunha fortaleza na beira oposta (Divitia, 310). Os saqueos francos sucedéronse durante o século IV ata que a vila caeu definitivamente no seu poder en 459.

A formación da cidade episcopal

[editar | editar a fonte]

Aínda residencia real dos francos merovinxios (rexia no Pretorio), os carolinxios a trasladaron a Aquisgrán. Porén, no mesmo tempo, Colonia foi elevada a arcebispado (795) consolidando así un novo poder na cidade. Os arcebispos serán Príncipes Electores do Sacro Imperio e nos cinco séculos seguintes as fundacións relixiosas baixo a éxida episcopal van conformar un organismo urbano único, urdido cunha coroa de ata trece grandes igrexas e conventos, pequenas cidades de seu dentro da cidade [6][7].

Bispado xa dende 313 o primeiro bispo coñecido, Materno, erixira unha primitiva igrexa coma modesta catedral no límite nordeste da Colonia Agripina, xunto á muralla (seica no lugar dun templo romano, hoxe baixo o coro do Domo actual). Tamén de orixe na época romana son as igrexas de San Severino, San Xereón e Sta. Úrsula (primitivos martyria en cemiterios fóra de murallas). A temperá cristianización dos merovinxios (o rei Clodoveo I en 496) favoreceu o enriquecemento daquelas (baptisterio na catedral e outros anexos) e a creación de novas institucións relixiosas coma San Kuniberto (tamén fóra de murallas ao norte), Santa María no Capitolio (sobre os cimentos do antigo templo romano) e San Xurxo (a carón da porta sur da muralla).

S.Pantaleón, fachada (Westwerk).

Despois da elección de Hildebold coma primeiro arcebispo foi erixida unha verdadeira primeira catedral (s. IX, carolinxia) e novos templos foron construídos (Santos Apóstolos ao oeste da muralla, Santo André na porta norte e Santa Cecilia sobre as termas romanas). O saqueo viquingo do 882, tralo que as murallas foron reconstruídas, daba conta da debilidade do Sacro Imperio no final do período carolinxio.

Evo. das murallas (ata 1108 laranxa).

Pero na época otoniana o esforzo construtor recuperouse. O arcebispo Bruno (irmán do emperador Odón I) restaurou a catedral, erixiu a igrexa de San Pantaleón e iniciou a de San Martiño o Grande. Precisamente a área de S. Martiño, a antiga illa do Rin, fora consolidada na época carolinxia coma zona suburbana, fundamentalmente de comerciantes asociada ao porto (a Rheinvorstadt). Cun tecido moito máis denso de rúas paralelas ao río, arredor de 950/60, tamén durante a éxida de Bruno, a muralla amplíase ata a beira do Rin incorporando así as dúas prazas de mercado que contiña, Alter Mark e Heumarkt (o mercado vello e o do feo) [8]. Na beira oposta, no arrabalde de Deutz (onde Constantino erixira a fortaleza Divitia) outro arcebispo, Heriberto, fundou en 1003 a abadía do seu nome.

Os comerciantes e burgueses comezaron a sublevarse contra o poder episcopal en 1074 e coa axuda do emperador Henrique IV, en 1106 acadaron certa autonomía. De resultas e contra o desexo arcebispal, novas murallas foron levantadas en 1108 incluíndo os arrabaldes que tiñan crecido arredor das igrexas extramuros ao norte (Sta. Úrsula e S. Kuniberto), sur (S. Xurxo), e oeste (Santos Apóstolos)[9][10]. A primeira mención do concello de Colonia data de 1135 (a Rathaus situouse sobre as fundacións do Pretorio romano, nas costas do mercado vello e S. Martiño, cunha praza de diante no canto do gueto xudeu que foi destruído).

Esplendor medieval

[editar | editar a fonte]

En 1288, tralo exilio dos arcebispos a Bonn, Colonia conseguiu a plena autonomía municipal coma cidade imperial libre de feito (de dereito en 1475). Nos dous séculos precedentes baixo o báculo arcebispal todas as grandes igrexas da cidade foron ampliadas ou reconstruídas compoñendo un dos conxuntos arquitectónicos románicos máis excepcionais [11].

Stos. Apóstolos.
S. Xereón, cúpula do decágono.

Como remate (novamente contra a vontade do arcebispo), entre 1180 e 1220 os diferentes burgos amurallados foron unificados dentro dun único novo cinto de fortificacións que comprendía máis de 400 Ha, o maior de Europa (9 km con 12 portas). Tan extenso que esa configuración distintiva da urbe (media lúa) vaise manter ata o século XIX [12].

Situada estratexicamente no cruzamento de rutas entre leste e oeste coa ampla vía comercial que o Rin significaba entre o sur e o norte, dende o século X a cidade prosperara da man do tráfico no seu porto. En 1260 Colonia uniuse á Liga Hanseática selando o florecemento futuro.

En 1248, aínda o arcebispo puxera a primeira pedra da nova catedral gótica. Pero ía ser o patriciado burgués o que tentaría levantar un templo que daría a imaxe da ambición e puxanza da vella cidade, un dos edificios máis impoñentes do medievo. O relativo fracaso da empresa (rematouse no final do XIX) sinala tamén os fracasos políticos e económicos de Colonia durante a idade moderna.

Panorámica de Colonia dende o Rin; Anton Woensam (1531): dende S. Severino (esq.) ata S. Kuniberto (der.); no centro S. Martiño e a Catedral en construción.

Estancamento

[editar | editar a fonte]
Mapa de Colonia, M. Merian 1646 (N á dereita).

Só a torre do concello (1414) e a igrexa dos xesuítas foron as únicas construcións monumentais nos cinco séculos seguintes. O coro da catedral fora consagrado en 1322 pero pouco a pouco abandonáronse as obras e no 1560 suspendéronse definitivamente por razóns financeiras. Despois, durante trescentos anos, as grúas sobre a estrutura foron o símbolo visible do estancamento da cidade. A puxanza comercial crecente dos Países Baixos na foz do Rin e a paralela perda de relevancia da Liga Hanseática, ademais dos conflitos permanentes cos arcebispos desterrados e os protestantes labraron o estancamento económico de Colonia (non contares con corte na época do humanismo e absolutismo privou de renacemento e barroco destacables á cidade). A Guerra dos Trinta Anos (1618-48) puxo a puntilla ó declive.

Precisamente a causa da guerra as murallas foron reforzadas cun sistema de baluartes nun amplo glacis. Tamén neste período (dende 1560) efectuáronse obras de canalización das beiras do Rin (en Deutz) para previr inundacións.

No oeste da vila, ao final do decumanus romano e a carón dos Santos Apóstolos, foise configurando un espazo aberto ao que o concello trasladou o mercado de gando. A praza Neumarkt rematou no século XVIII coma lugar de paseo e lecer dos cidadáns.

Século XIX: Neustadt

[editar | editar a fonte]

Trala breve ocupación napoleónica a cidade pasou a poder do estado prusiano (1815). Un inicio de industrialización levou ó primeiro crecemento de poboación (dende que na época romana e medieval se estabilizara entre 30.000 e 50.000 habitantes; se en 1822 aínda tiña 56.000 en 1855 xa tiña 107.000). De resultas, tamén se puxo en marcha un primeiro plan de ordenación, renovación (a vila estaba nun estado de abandono) e planificación do desenvolvemento (J.P.Weyer, 1822-44). Liberou os monumentos, creou prazas e zonas verdes, novas rúas nas amplas áreas sen urbanizar e un novo eixo leste-oeste entre a catedral e un parque fóra da muralla (Stadtgarten).

Dito eixo foi continuado ata a outra beira coa construción, despois de séculos, dunha ponte sobre o Rin (Dombrücke, 1859; substituída en 1911 pola Hohenzollerbrücke). Ponte ferroviaria que, nunha controvertida decisión, situou a estación central preto da catedral. O ferrocarril trouxo un aumento do tráfico de mercancías que reactivou o porto (novo peirao na ribeira sur, sacando partido a unha illa do río que alí había, Rheinauhafen, en 1898). Despois da guerra franco-prusiana de 1871 o forte pulo da industrialización levou ó crecemento da poboación ata os 640.731 habitantes en 1913.

Panorámica de Colonia dende o suroeste: a cidade histórica (Altstadt) e o ensanche (Neustadt) nos seus inicios; no medio o anel de bulevares (Kölner Ringe) no canto das murallas medievais. No glacis, parques e ferrocarrís; ao fondo a primitiva ponte da Catedral (Dombrücke); J. Scheiner, 1880-90.

Signo da nova prosperidade, a catedral foi rematada (1842-80) ao tempo que as murallas medievais derrubadas (1881). No seu lugar e o do glacis, un plan de ensanche (J. Stüben, 1883 [13]) cunha disposición radioconcéntrica (Ring ou anel de bulevares en dez seccións con inspiración nos modelos de Viena e París) ditada pola configuración semicircular da cidade histórica (que vaise repetir nos desenvolvementos futuros [14]). E ao igual que os seus modelos, esta Neustadt foi asento da nova burguesía frorecente [15].

Século XX: Reconstrución

[editar | editar a fonte]

No período de entreguerras (o da República de Weimar), con Konrad Adenauer coma alcalde, levouse a cabo o plan para a creación de cintos verdes (Grüngürtel) arredor da cidade consolidada do tempo (aproveitando a esixencia do Tratado de Versailles de desmantelamento dos últimos baluartes defensivos que rodeaban a vila máis aló da Neustadt [16][17]). Neste período a vila foi tamén modélica en construción de vivenda social.

A ribeira medieval de Colonia na actualidade: San Martiño o Grande en primeiro termo; ao fondo a Catedral e á dereita apunta a torre da Rathaus.

Na segunda guerra mundial, a cidade histórica de Colonia foi devastada polos bombardeos. As labouras de reconstrución duraron toda a segunda metade do século XX sendo as vellas igrexas románicas unha prioridade. A tabula rasa na que se convertera a Alstadt foi aproveitada para a introdución de grandes arterias para o automóbil (que xa foran planificadas na época nazi). Sobre todo no eixo leste-oeste destruíron un tanto a beleza da Praza do Feo, aberta agora cunha ponte cara a Deutz [18]).

Nas últimas décadas a fronte medieval sobre o Rin ten sido convertido en parque coa transformación do primitivo porto en peirao de lecer. Por outra parte, o Rheinauhafen do fin do XIX ten sido obxecto dunha reconversión urbana transformándose en área de oficinas e residencial [19]. O porto moderno foi desenvolvéndose con novos peiraos augas abaixo do río.

Aínda que a capitalidade de Renania do Norte-Westfalia foi situada en Düsseldorf e a federal na próxima Bonn (ata 1990), a Colonia contemporánea desenvolveuse coma centro cultural, da industria editorial e medios de comunicación. O Media Park (nunha antiga praia de vías férreas no NO da Neustadt, a carón do Stadtgarten) foi deseñado coma área de innovación para o século XXI. Tamén en Deutz, na beira oriental, estase a levar a cabo un ambicioso centro loxístico (estación do ferrocarril de alta velocidade), dotacional e comercial.

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. "Cómic didáctico sobre as orixes de Colonia". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2012. 
  3. "Planta esquemática do Oppidum Ubiorum". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2012. 
  4. Planta de Colonia Agripina; aliñados fronte ao Rin: Templo do Capitolio no sur, no centro Altar dos Ubios (diante do Foro) e Pretorio a carón polo norte [1] Arquivado 02 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
  5. "Reconstrución de Colonia Agripina en 3D; Escola de Deseño de Köln". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2011. Consultado o 20 de maio de 2013. 
  6. "Páxina exhaustiva sobre as grandes igrexas románicas de Colonia". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 07 de marzo de 2012. 
  7. As cidades episcopais, "Urbanismo occidental" páx 24 e sig., W.Braunfels.
  8. Planta esquemática das murallas romanas e as novas de 950 arrodeando a Rheinvorstadt coas dúas prazas de mercado (xunto a S. Martiño a vella, embaixo a longa do feo) [2] Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  9. Planta de Colonia coas murallas de 1108 e os grandes templos (o recinto exterior é o de 1180) [3] Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  10. Idem coa evolución do caserío no século X e XI[Ligazón morta]
  11. Ver nota 5
  12. Vista cenital de Colonia (maqueta?) nas murallas de 1180[Ligazón morta]
  13. Planta do plan de ensanche (Neustadt) de Colonia, Josef Stübben
  14. A estrutura radioconcéntrica da Colonia contemporánea
  15. Mapa de Colonia en 1891: o anel de bulevares (diferentes seccións do Ring) e novo peirao Rheinauhafen no porto [4]
  16. "Páxina sobre os cintos verdes de Colonia". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 16 de xuño de 2012. 
  17. Mapa moderno do centro de Colonia coas diferentes seccións da historia da cidade ben diferenciadas: a Alstadt, o anel de bulevares (Ring), a Neustadt e o cinto verde (Grüngürtel) interior de 1922; nótese no río o peirao Rheinauhafen de 1898 [5] Arquivado 12 de setembro de 2014 en Wayback Machine.
  18. "O centro actual de Colonia nunha perspectiva de cómic". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 27 de xullo de 2013. 
  19. Plan de rexeneración do Rheinauhafen, na ribeira sur da cidade histórica[6] Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Listaxe Cidade Estado Pob. Listaxe Cidade Estado Pob.

Berlín

Hamburgo

Múnic
1 Berlín Berlín 3 531 201 11 Leipzig Saxonia 531 809
2 Hamburgo Hamburgo 1 810 698 12 Dresden Saxonia 529 781
3 Múnic Baviera 1 378 176 13 Hannover Baixa Saxonia 525 875
4 Colonia Renania do Norte-Westfalia 1 017 155 14 Nürnberg Baviera 510 602
5 Frankfurt Hessen 691 518 15 Duisburgo Renania do Norte-Westfalia 488 005
6 Stuttgart Baden-Württemberg 613 392 16 Bochum Renania do Norte-Westfalia 373 976
7 Düsseldorf Renania do Norte-Westfalia 592 393 17 Wuppertal Renania do Norte-Westfalia 349 470
8 Dortmund Renania do Norte-Westfalia 580 956 18 Bonn Renania do Norte-Westfalia 327 913
9 Essen Renania do Norte-Westfalia 573 468 19 Bielefeld Renania do Norte-Westfalia 323 395
10 Bremen Bremen 548 319 20 Mannheim Baden-Württemberg 314 931
Datos do censo de 2011