Saxóns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Inglaterra saxoa de acordo coa crónica saxoa

Os saxóns[1] (en latín: Saxones, en inglés antigo: Seaxe, en saxón antigo: Sahson, en baixo alemán: Sassen, en alemán: Sachsen, en danés: Saksen) foron o pobo xermánico que invadiu e emigrou á illa de Gran Bretaña no século V xunto cos anglos e os xutos. Fortemente emparentados cos anglos, debían ó seu nome ás armas que usaban, unhas espadas curvas chamadas sax[2]. Estaban fortemente relacionados cos anglos e os frisios.

Os saxóns vivían daquela nunha área que comprendía dende o leste dos actuais Países Baixos ata o itsmo da península de Xutlandia, abranguendo o que hoxe en día é o estado alemán de Baixa Saxonia. Do saxón antigo derivan o actual baixo saxón e o inglés.

Os saxóns que emigraron a Gran Bretaña estableceron tres reinos: Essex, Sussex e Wessex, este último o máis poderoso dos tres. Foron o pobo máis numeroso dos invasores, e tamén o máis cruel segundo as crónicas; crese que chegando a facer limpezas étnicas da poboación indíxena britano-romana.

Os saxóns que ficaron en Alemaña foron sometidos por Carlomagno séculos despois, para logo ser un dos estados importantes do Sacro Imperio Romano-Xermánico, xa ocupando o ducado de Saxonia, que abranguía o actual estado de Saxonia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saxón.
  2. Hervás y Panduro, Lorenzo (1802). Catálogo de las lenguas. p. 105.