Pacto Ribbentrop-Molotov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pacto Molotov-Ribbentrop")
Sinatura do pacto. Molotov está a piques de asinar. Ribbentrop está detrás del, con Stalin á súa esquerda.

O Pacto Ribbentrop-Molotov, ou pacto de non agresión, foi asinado entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética en Moscova polos ministros de Asuntos Exteriores da Alemaña e da Unión Soviética, Joachim von Ribbentrop e Viacheslav Molotov respectivamente.

O pacto rubricouse o 23 de agosto de 1939, pouco antes de iniciarse a Segunda Guerra Mundial.

Os acordos[editar | editar a fonte]

O tratado contiña cláusulas de non agresión mutua, así como de comprometerse á unha solución pacífica das controversias entre ambos os estados, e cunha intención de estreitar unións económicas e comerciais, así como de axudarse un ao outro. Ademais, o tratado contiña tamén unhas disposicións secretas que só coñecían os xerarcas do ambos os gobernos, mais non reveladas ao público, onde o Terceiro Reich e a Unión Soviética definían case literalmente as partillas da Europa do leste e central, fixando os límites da influencia alemá e soviética mediante mutuo acordo, determinando que Polonia ficaría como zona de influencia de ambos os dous estados, e logrando a Unión Soviética que Alemaña recoñecesen a Estonia, Letonia e Lituania como zonas de interese soviético. Tamén se comprometían a consultarse mutuamente sobre asuntos de interese común e a non participar en ningunha alianza formada en contra de algún dos estados asinantes.

Efectos[editar | editar a fonte]

Mapa das fronteiras acordadas no pacto Ribbentrop-Molotov, e mapa das fronteiras de 1939.

A sinatura deste pacto incomodou moito no resto de Europa, aínda que Stalin estivera intentando negociar unha alianza con Gran Bretaña e Francia durante varios meses. Para moitas persoas resultaba incomprensíbel que dúas potencias tan enfrontadas puidesen pórse de acordo nun pacto de non agresión amigábel en tan pouco tempo. Especial foi o caso dos fascistas que odiaban a ideoloxía comunista e vían isto como un pacto co demo, ao igual que os simpatizantes da Unión Soviética, que vían o réxime nazi como o inimigo a bater.

A consecuencia directa foi a invasión conxunta de Polonia por Alemaña e a URSS en setembro de 1939 e o ataque a Finlandia por parte da URSS pouco despois. Baixo este pacto en 1940 os soviéticos anexiónanse Estonia, Lituania e Letonia, e territorios de Romanía.

Despois da vitoria da Wehrmacht na batalla de Francia en xuño de 1940 e unha vez comezada xa a Segunda Guerra Mundial, as relacións xermano-soviéticas tornáronse cada vez máis tensas. Hitler consideraba o pacto asinado como unha solución temporal, pois andaba cavilando en expandir o territorio alemán cara ao Este. Nunha conferencia secreta celebrada o 31 de xullo de 1940, os alemáns tomaron a decisión de invadir a Unión Soviética na primavera de 1941, nun plan que tiña o nome de Operación Barbarroxa. As relacións entre ambos os países empezaron e poñerse moi negras ante a presenza da maquinaria bélica alemá en Finlandia e Romanía, e tamén a unha visita do soviético Molotov a Berlín no novembro de 1940, onde dixo en voz moi alta que estaba preocupado polo enorme poderío militar da Alemaña. Os preparativos para a Operación Barbarroxa realizáronse rapidamente, e a decisión de invadir a URSS foi confirmada nunha asemblea de guerra o 18 de decembro de 1940.

Caricatura polaca do 8 de setembro de 1939. Ribbentrop rende cortesía a Stalin.

Alemaña atacou a Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, ao invadir o territorio polaco anexionado pola URSS en setembro de 1939, nunha campaña militar que non rematou até o 1945, coa derrota final alemá.

Os documentos oficiais do Terceiro Reich alusivos ao Pacto, incluíndo as "cláusulas secretas"", foron descubertos tras a fin da guerra polo exército británico, sendo eventualmente revelados ao público. Durante décadas, a política oficial da Unión Soviética foi negar a existencia de tales cláusulas secretas do Pacto e admitir como reais só os acordos relacionados á mutua non agresión. Non foi senón tras a gran manifestación denominada Cadea báltica, en agosto de 1989, coa que se creou unha comisión especial na Unión Soviética para investigar a súa existencia, concluíndo os seus traballos afirmativamente. Como resultado, o goberno soviético presidido por Gorbachov, no marco da súa política de glasnost (apertura) emitiu unha declaración oficial admitindo como verdadeiro o contido deste tratado respecto á partilla nazi-soviética da Europa Oriental e condenando o Pacto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Flag-map of Russia.svg
A Galipedia ten un portal sobre:
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pacto Ribbentrop-Molotov

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]