Gilbert Kenneth Jenkins

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gilbert Kenneth Jenkins
Datos persoais
Nacemento2 de xullo de 1918
Lugar Bristol
Inglaterra
Falecemento22 de maio de 2005 (86 anos)
LugarRichmond upon Thames
Surrey
Inglaterra
Nacionalidade Británica
CónxuxeCynthia Scott (1939)
Actividade
CampoNumismática
Alma máterUniversidade de Oxford
Contribucións e premios
Coñecido por- Conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico.
- Estudos de moeda grega, cartaxinesa e ibérica.
Premios· 1966: Medalla Akbar.
· 1973: Premio Lhotka (RNS).
· 1975: Medalla da RNS.
· 1976: Huntington (ANS).
· 1991: Premio literario (AINP).
editar datos en Wikidata ]

Gilbert Kenneth Jenkins, nado en Bristol, no condado inglés homónimo, o 2 de xullo de 1918, e finado en Richmond upon Thames, no condado de Surrey, o 22 de maio de 2005, foi un numismático británico e unha das figuras máis senlleiras da numismática do século XX. Na literatura numismática cítase adoito como G. Kenneth Jenkins.[1][2][3][4]

Jenkins foi conservador do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e está considerado como o maior experto en moeda da Antiga Grecia da xeración de numismáticos posterior á segunda guerra mundial.[1][2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Formación e actividade antes da guerra[editar | editar a fonte]

Jenkins recibiu a súa educación secundaria na escola pública Bloxham School, en Oxfordshire, e posteriormente cursou os seus estudos universitarios na Universidade de Oxford. A súa vinculación coa numismática comezou durante a súa etapa universitaria en Oxford, a finais da década de 1930, cando estudaba Estudos Clásicos no Corpus Christi College desa institución académica. De aí accedeu a colaborar como investigador co gabinete numismático Heberden, do Museo Ashmolean, da man de insignes numismáticos como Humphrey Sutherland.[1][2][3]

En 1939 casou Cynthia Scott (falecida en 1985), con quen tivo un fillo e dúas fillas.[1][3][5]

Os seus estudos e as súas investigacións suspendéronse durante a segunda guerra mundial, na que participou como oficial de Artillaría entre 1944 e 1946 no Sueste asiático. Ao final da contenda regresou a Oxford, onde se graduou en 1946, antes de comezar a súa etapa no seo do Museo británico, que durou máis de tres décadas, ata a súa xubilación en 1978.[1][2][3]

Jenkins no Museo Británico[editar | editar a fonte]

Pouco despois do seu ingreso no British Museum, Jenkins coñeceu e trabou amizade cun investigador de orixe india, A. K. Narain, da Escola de Estudos Orientais e Africanos, que estaba a redactar a súa tese de doutoramento acerca das moedas dos reinos gregos antigos dos territorios dos modernos Afganistán, Paquistán e a India. A implicación de Jenkins nese proxecto foi o que, finalmente, o levou a unha carreira ascendente dentro da institución. O seu primeiro libro (The Coin Types of the Saka-Pahlava Kings of India -1957- ) versaba sobre estes temas, e a el seguírono diversos artigos acerca das emisións monetarias indo-escitas e bactrianas, polos que foi recoñecido en 1966 coa medalla Akbar da Sociedade Numismática da India.[1][3][6]

Durante a primeira década de Jenkins no Museo Británico, traballando en conxunto con numismáticos da relevancia de Robert Carson, a súa reputación foi consolidándose grazas ao desenvolvemento que lles deu ás coleccións, a través de novas adquisicións, de maneira que en 1947 accedeu ao posto de axudante de conservador, en 1956 ao de conservador adxunto e, finalmente, en 1965 ao de conservador do Departamento de Moedas e Medallas.[2][3][4]

A súa segunda década trasladou o centro do seu interese investigador cara aos límites occidentais do mundo grego, en concreto as cuñaxes de Sicilia, España e África do norte.[1][3]

En 1957 publicou o estudo dun tesouro de moedas cartaxinesas atopado no sur de Francia. George Miles, encargado de moeda oriental da American Numismatic Society, de Nova York, introduciuno no estudo da moeda ibérica. Logo dunha serie de artigos curtos acerca destes temas, Jenkins acometeu un proxecto investigador de gran calado sobre os metais preciosos de Cartago (en conxunto con R. B. Lewis), a partir do que se estableceu unha cronoloxía firme das emisións cartaxinesas.[3][6]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1992, Jenkins foi homenaxeado, xunto con Robert Carson, polos seus compañeiros do Departamento de Moedas e Medallas do Mueso Británico coa publicación dun volume na súa honra titulado Essays in Honour of Robert Carson and Kenneth Jenkins (Spink & Son. ISBN 978-0907605386), que tivo como editores a Martin Price, Andrew Burnett e Roger Bland.[3]

Publicacións[editar | editar a fonte]

A obra científica de Jenkins é moi abundante. Nela destacan monografías sobre emisións de Camarina, Gela (un dos seus libros máis salientables), a Sicilia cartaxinesa e as cuñaxes cartaxinesas de ouro e de electro. Publicou tamén un bo número de catálogos de coleccións públicas e privadas de toda Europa, numerosos artigos, e contribucións moi significativas en seminarios internacionais, convencións e congresos.[1][3][12][13]

Tamén é salientable o seu labor como editor de libros sobre o seu obxecto de interese, así como colaborador ou co-editor de revistas como Journal of Hellenic Sudies (1950-1955) ou Numismatic Chronicle (1964-1955).[3][7]

Escolma de monografías[editar | editar a fonte]

  • (1957): The Coin Types of the Śaka-Pahlava Kings of India. Numismatic Society of India. Varanasi.
  • (1963): Carthaginian Gold and Electrum Coins. Con R. B. Lewis. Royal Numismatic Society. Special Publications, 2. Londres.
  • (1966): Coins of Greek Sicily. British Museum. Londres
  • (1966): The coinage of Abdera (540-345 B.C.). Con J. M. F. May e C. M. Kraay. Royal Numismatic Society. Special Publications, 3. Londres.
  • (1968): Essays in Greek coinage, presented to Stanley Robinson. Con C. M. Kraay. Oxford.
  • (1970): The Coinage of Gela. De Gruyter. Berlín.
  • (1971): A catalogue of the Calouste Gulbenkian collection of Greek coins. Vol. I: Italy, Sicily, Carthage. Con M. de Castro Fundação Calouste Gulbenkian. Lisboa.
  • (1972): Ancient Greek Coins. Putnam. Nova York.
  • (1980): The Coinage of Kamarina. Con U. Westermark. Special Publications, 9. Royal Numismatic Society, Londres.
  • (1983): Terina. Con R. Ross Holloway. Ed. Arte e Moneta. Bellinzona.
  • (1989): A catalogue of the Calouste Gulbenkian collection of Greek coins. Vol. II: Greece to East. Con M. de Castro. Fundação Calouste Gulbenkian. Lisboa.
  • (1997): Coins of punic Sicily. Schweizerische Numismatische Gesellschaft. Zúrich.

Sylloge Nummorum Graecorum[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sylloge Nummorum Graecorum.

Jenkins foi un dos colaboradores no proxecto internacional Sylloge Nummorum Graecorum da Academia Británica, concibido inicialmente para a publicación dos catálogos das moedas da Antiga Grecia presentes tanto nas coleccións públicas como nas privadas de Gran Bretaña e posteriormente ampliado a diferentes países do mundo.[14] A esta serie corresponden dous dos seus libros:[3]

  • (1969): The royal collection of coins and medals. Danish National Museum. [42] North Africa. Munksgaard. Copenhague.
  • (1979): The royal collection of coins and medals. Danish National Museum. [43] Spain-Gaul. Con A. Kromann. Munksgaard. Copenhague. ISBN 9788716028921

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Morcom, John (2005).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Arnold-Biucchi, Carmen (2005) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Páxina 41.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 Cribb, Joe (2015).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Gilbert Kenneth Jenkins (Biographical details)". The British Museum.
  5. Arnold-Biucchi, Carmen (2005) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Páxina 44.
  6. 6,0 6,1 Arnold-Biucchi, Carmen (2005) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Páxina 42.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Arnold-Biucchi, Carmen (2005) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Páxina 43.
  8. "The Lhotka Memorial Prize". The Royal Numismatic Society.
  9. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  10. "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
  11. "IAPN-Book Prize Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  12. Arnold-Biucchi, Carmen (2005) Arquivado 03 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Páxina 42-43.
  13. "Jenkins, G. K. (Gilbert Kenneth) 1918-2005". WorldCat.
  14. "Sylloge Nummorum Graecorum - Project". No sitio web do SNG británico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]