Saltar ao contido

Sophia Kremydi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSophia Kremydi
Biografía
País de nacionalidadeGrecia Grega.
EducaciónUniversidade Aristóteles de Tesalónica.
Q89547790Estudos de Numismática grega e romana.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Premios
2021: Medalla Huntington, da ANS.

Sophia D. Kremydi Sicilianou é unha numismática grega vinculada á Fundación Nacional de Investigación Helénica, experta na moeda da Antiga Grecia e da Antiga Roma.

Kremydi foi galardoada coa prestixiosa Medalla Huntington, da American Numismatic Society, en 2021.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Logo de concluír a súa educación secundaria en Atenas en 1979, Sophia Kremydi cursou estudos superiores de Historia e Arqueoloxía na Universidade Aristóteles de Tesalónica, onde se graduou en 1984. En 1993 acadou o doutoramento no departamento de Historia e Arqueoloxía da mesma universidade,[1] cunha tese dedicada ás emisións monetarias da colonia romana de Dion.[2]

Durante os seus estudos doutorais participou en diversas escavacións en Macedonia, realizou estadías como investigadora no Museo Numismático de Atenas e exerceu como profesora de ensino secundario.[1]

Entre 1996 e 1999 mantivo unha colaboración co Alpha Bank, de Atenas, que culminou na publicación dun estudo e catálogo da colección numismática deste banco, que forma parte da serie internacional Sylloge Nummorum Graecorum.[1][3]

En 2000, Kremydi ingresou como investigadora axudante no Instituto de Antigüidade Grega e Romana da Fundación Nacional de Investigación Helénica, de Atenas, fusionado posteriormente co Instituto de Investigación Histórica. Logo de dirixir varios programas neste organismo, desde 2017 ocupa o cargo de directora de investigación e desde 2919 tamén o de coordinadora do Departamento de Antigüidade Grega e Romana.[1][2]

O foco das súas investigacións céntrase sinaladamente na antiga Macedonia e na relación entre identidade e a moeda provincial romana cuñada nesa área.[2][4]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Sophia Kremydi publicou ao longo da súa carreira académica máis de 50 artigos en diversas revistas científicas de todo o mundo.[1][2][5] Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis significativos.[5][6]

  • (1996). The coinage of the Roman Colony of Dion. Hellenic Numismatic Society, Atenas. ISBN 9789608552241
  • (2000). The Alpha Bank Collection [Sylloge Nummorum Graecorum, Greece III]. Alpha Bank, Atenas. ISBN 9789608531369
  • (2004). Multiple concealments from the sanctuary of Zeus Olympios at Dion: three roman provincial coin hoards. Centre for Greek and Roman Antiquity, Atenas. ISBN 9789607905154
  • (2018). "Autonomous" coinages under the late Antigonids. National Hellenic Research Foundation, Atenas. ISBN 9789609538695
  • (2019). Les Alexandres après Alexandre: histoire d'une monnaie commune (con M-C. Marcellesi). Fondation nationale de la recherche scientifique, Grecia. ISBN 9789609538961
  1. 1 2 3 4 5 "Sophia Kremydi Arquivado 05 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". Institute of Historical Research. NHRF.
  2. 1 2 3 4 5 "The ANS Honors Dr. Sophia D. Kremydi with 2021 Huntington Award Arquivado 05 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". American Numismatic Society.
  3. Véxase (2000) en "Publicacións".
  4. 1 2 "Kremydi receives ANS award for Macedonia work". En Coin World. 8 de xuño de 2022.
  5. 1 2 "Kremydi-Sicilianou, Sophia Arquivado 05 de xullo de 2022 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  6. "Kremydē-Sisilianou, Sophia". WorldCat Identities.