Jan Pieter Six

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jan Pieter Six
Datos persoais
Nacemento6 de novembro de 1824
LugarWapen van Amsterdam.svg Amsterdam.
Flag of North Holland.svg Holanda Setentrional.
Países Baixos Países Baixos
Falecemento17 de xullo de 1899
LugarCoat of arms of Hilversum.svg Hilversum.
Flag of North Holland.svg Holanda Setentrional.
Países Baixos Países Baixos
NacionalidadeNeerlandesa.
CónxuxeCatharina Teding van Berkhout
FillosJan Six e Willem Six van Wimmenum
Actividade
CampoNumismática e arte.
Alma máterUtrecht University Logo.JPG Universidade de Utrecht.
Contribucións e premios
Coñecido porEstudos de numismática antiga.
editar datos en Wikidata ]

Jan Pieter Six van Hillegom, nado o 6 de novembro de 1824 en Ámsterdam e finado o 17 de xullo de 1899 en Hilversum, (Holanda Setentrional) foi un numismático e coleccionista de arte, antigüidades e de obxectos arqueolóxicos neerlandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e formación[editar | editar a fonte]

Jan Pieter Six era fillo de Hendrik Six (1790-1847)[1] e de Lucretia Johanna van Winter (1785- 1845)[2][3]. Tratábase dunha familia acomodada de coleccionistas de arte, que pasaba os invernos en Ámsterdam, as primaveras nunha propiedade nas aforas da cidade e os veráns nunha casa de campo en 's-Graveland.[4]

A súa primeira educación correu a cargo dun diplomático francés, que lle inculcou o seu interese pola lectura dos poetas clásicos franceses e neerlandeses. Os seus estudos superiores transcorreron no Institutuut Noorthey, en Leidschendam, entre 1838 e 1842. Coñeceu as linguas clásicas e comezou a admirar e a estudar particularmente a Plauto e a Varrón, e a adquirir libros de autores clásicos, de filoloxía e de arqueoloxía.[5]

Entre 1842 e 1847, ano en que faleceu o seu pai, estudou Dereito na Universidade de Utrecht.[5] Logo regresou a Ámsterdam e continuou a súa formación no Amsterdam Athenaeum, onde o seu tío, D. J. van Lennep, o introduciu no coñecemento das antigüidades e da numismática. Aínda que en 1846 xa adquirira algunhas moedas antigas, a partir de 1848 as súas adquisicións foron máis regulares e Six comezou a organizar unha colección numismática.[6]

Interese pola historia, a arte e a arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Jan Pieter Six interesouse tamén pola arte e as exposicións históricas, e colaborou en mostras de mestres da arte en 1867 e en 1872, e en exposicións arqueolóxicas en 1858, 1873 e 1877. A súa participación na exposición de 1869 con motivo do 600 aniversario da cidade de Ámsterdam foi particularmente significativa.[6]

Foi cofundador da Real Sociedade de Anticuarios (Koninklijk oudheidkundig Genootschap) en 1858, xunto con D. Van Kellen e L. M. Beels van Heemstede.[6] En 1875 fundou tamén un pequeno museo de arte con fondos en parte cedidos por el, que finalmente pasou a integrarse no Rijksmuseum. Tamén amosou a súa preocupación pola conservación dos monumentos e edificios históricos e coleccionou obxectos tan diversos como debuxos, estampas, retratos, selos, incunables, vidros, etc., a maioría dos cales acabaron sendo doados a museos públicos.[7]

Tamén tivo participación na vida pública, como membro do consello provincial entre 1858 e 1877.[7]

Jan Pieter Six numismático[editar | editar a fonte]

Como numismático, o seu máximo interese radicou na moeda da Antigüidade, comezando polos denarios e outras moedas da Antiga Roma, e a partir de 1848 comezou a coleccionar e a estudar a moeda da Antiga Grecia, moeda celta da Galia, moeda tolemaica, etc. A partir destes estudos fixo diversas publicacións e impartiu conferencias periódicas na Sociedade de Artes e Ciencias de Utrecht (Utrechtsch Genootschap van Kunsten en Wetenschappen), na que ingresou en 1863.[8]

Entre as súas escasas visitas a coleccións numismáticas estranxeiras salientan as do Gabinete de Moedas e Medallas de París, a primeira en 1856 e as outras dúas, da man de Ernest Babelon, en 1881 e en 1884. Tamén mantivo contacto con outros numismáticos europeos, como o británico Barclay V. Head ou o suízo Friedrich Imhoof Blumer, con quen mantivo unha relación non só científica senón tamén de amizade.[9]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

En 1856, Six casou con Catherina Teding van Berkhout (1834-1887).[7][10] Un dos seus fillos, Jan Six (1857-1926) foi un recoñecido historiador da arte.[11]

Jan Pieter Six finou o 17 de xullo de 1899 na súa casa, en Hilversum.[12]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

A produción científica de Jan Pieter Six produciuse maioritariamente en forma de artigos publicados nas revistas numismáticas máis significativas da súa época; porén, algúns destes artigos foron publicados tamén por estas revistas como separatas independentes.[14][15][16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Geert, M. (2018). De levens van Jan Six : een familiegeschiedenis. ISBN 978-90-450-3619-9
  2. "Winter, Lucretia Johanna van (1785-1845)". Digitaal Vrouwenlexicon van Nederland.
  3. "Genealogie Familie Six » Hendrik Six (1790-1847)". GenealogieOnline.nl
  4. H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 183.
  5. 5,0 5,1 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 184-185.
  6. 6,0 6,1 6,2 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 185.
  7. 7,0 7,1 7,2 H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 186.
  8. H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 187-188.
  9. H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxinas 189-190, 192.
  10. "Genealogie Familie Six » Jan Pieter Six (1824-1899)". GenealogieOnline.nl
  11. "Six, Jan, Jhr.". En Dictionary of Art Historians.
  12. H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). Páxina 193.
  13. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  14. "Six, Jan Pieter 1824-1899". Digital Library Numis.
  15. "Six, J. P.". WorldCat Identities.
  16. "Jan Pieter Six (1824-1899)". Bibliothèque nationale de France.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • H.J. de Dompierre de Chaufepié (1902). "Levensbericht van J. P. Six". En Levensberichten der afgestorven medeleden van de Maatschappij der Nederlandsche letterkunde te Leiden. E. J. Brill, Leiden. Páxinas 183-193