Saltar ao contido

Museo Ashmolean

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Museo Ashmolean
Ashmolean Museum
Entrada do Museo Ashmolean
PaísReino Unido Reino Unido
Cidade Oxford
DirectorAlexander Sturgis
Construción1683
Inauguración1685
Visitantes882.494 (2018)[1]
Na rede
https://www.ashmolean.org/
Facebook: ashmoleanmuseum Twitter: AshmoleanMuseum Instagram: ashmoleanmuseum Youtube: UCutXrmbI2rMjB0SGgB0pUZQ Pinterest: ashmoleanmuseum BNE: XX108227 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Museo Asmolean, formalmente: Museo Ashmolean de Arte e Arqueoloxía (en inglés: Ashmolean Museum of Art and Archaeology) sito na rúa Beaumont da cidade inglesa de Oxford, é o primeiro museo universitario do mundo, vinculado á Universidade de Oxford.[2][3]

A súa primeira sede foi construída entre 1678 e 1683 para albergar o "gabinete de curiosidades" que Elias Ashmole lle doou á Universidade de Oxford en 1677. O edificio actual ergueuse entre 1841 e 1845.[3]

O museo reabriu as súas portas en 2009 logo dunha fonda renovación. En novembro de 2011 inauguráronse novas galerías especializadas no Antigo Exipto e en Nubia, e en maio de 2016 abríronse outras dedicadas á arte do século XIX.

Sede en Broad Street

[editar | editar a fonte]

O museo comezou a súa andaina o 24 de maio de 1683, co naturalista Robert Plot como primeiro conservador.[4] A construción daquel edificio, situado na rúa Broad e que deu en coñecerse como o Vello Ashmolean, atribúeselle ás veces a Christopher Wren ou a Thomas Wood.[5]

Elias Ashmole adquiríralle a colección á familia de Xardineiros, viaxeiros e coleccionistas composta por John Tradescant, o Vello, e o seu fillo John Tradescant, o Novo. Aquela colección inicial abranguía moedas antigas, libros, gravados e pezas xeolóxicas e zoolóxicas; unha destas últimas era o corpo do derradeiro dodo visto en Europa, aínda que acabou tan devorado pola couza que en 1755 houbo que destruílo, coa excepción da súa cabeza e unha gadoupa.[6]

Sede en Beaumont Street

[editar | editar a fonte]
Gravado do edificio do Museo Ashmolean ca. 1856

O edificio actual, na rúa Beaumont, construíuse entre 1841 e 1845. Foi deseñado para as galerías universitarias de Oxford polo arquitecto Charles Cockerell, nun estilo clásico. Unha ala do edificio, na esquina entre as rúas Beaumont e St Giles, está ocupada pola Taylor Institution, que é a Facultade de Linguas Modernas da Universidade. Esta ala foi deseñada por Cockerell utilizando a orde xónica da arquitectura grega.[7]

Arthur Evans (1851-1941), que foi nomeado conservador e que exerceu o seu labor desde 1884 ata o seu retiro en 1908, foi un dos responsables de que o museo chegase a se converter no que hoxe é.[8] Evans descubriu que algúns dos anteriores conservadores e directivos da entidade fixeran unha mala xestión que levara a perder case a metade das pezas da colección. El emprendeu unha serie de reformas e recibiu a doazón da colección de antigüidades de Charles Drury Edward Fortnum (1820-1899)[9]. Esta doazón viña acompañada da suma de 10.000 libras, que lle permitiu a Evans construír unha extensión das galerías universitarias e trasladar alí a colección Ashmolean en 1894. En 1908, a colección Ashmolean e as galerías universitarias fusionáronse no que se denominou Museo Ashmolean de Arte e Arqueoloxía.[10] Ademais, o museo converteuse nun depósito dalgúns dos importantes achados arqueolóxicos das escavacións de Evans en Creta.

The Great Bookcase, exposto na sala de arte vitoriana do Museo Ashmolean.

Despois de que varios obxectos da colección fosen trasladados a novos museos, o edificio do Vello Asmolean utilizouse para as oficinas do Oxford English Dictionary. En 1924 estableceuse nel o Museo de Historia da Ciencia, entre cuxas exposicións se inclúen instrumentos científicos doados á Universidade de Oxford por Lewis Evans (1853-1930), o irmán máis novo de Arthur Evans. Destaca entre estes instrumentos a colección de astrolabios máis grande do mundo.[11]

Charles Buller Heberden (1849-1921) foi outro dos grandes benefactores da institución. Doou 1.000 libras á Universidade que foron usadas para a sala do gabinete de moedas e medallas do museo, que, na súa honra, tomou o nome de Sala Heberden.[12]

En 2012, a Fundación Andrew W. Mellon, con sede en Nova York, concedeulle ao Museo Ashmolean 1.100.000 dólares para a posta en marcha do Programa de Participación Universitaria. Este programa desenvólveno tres conservadores docentes e un director co obxectivo de utilizar as coleccións do museo na actividade didáctica e investigadora da Universidade de Oxford.[13]

Renovación e ampliación

[editar | editar a fonte]
Parte central do Museo Ashmolean, renovada en 2009

O interior do Ashmolean modernizouse considerablemente nos últimos anos e agora inclúe un restaurante e unha tenda de regalos.[14]

En 2000 abriuse na entrada do edificio a Galería de Pintura chinesa, deseñada polo estudio londiniense de arquitectura van Heyningen & Hawards. Esta colección alberga a propia colección de Ashmole e tamén se utiliza ocasionalmente para as exposicións temporais de préstamos doutros museos e de obras de artistas chineses contemporáneos.[15]

A biblioteca Sackler, onde se conservan as coleccións de libros máis antigas do Museo Ashmolean, abriu en 2001 e posibilitou a expansión desa colección orixinal, especializada en obras sobre as civilizacións clásicas, a arqueoloxía e a historia da arte.[16]

Entre 2006 e 2009, o museo sufriu unhas reformas de expansión deseñadas polo arquitecto Rick Mather, co apoio económico do Heritage Lottery Fund. Esta ampliación, que tivo un orzamento de 98,2 millóns de dólares, consistiu na reconversión dos tres andares iniciais en cinco alturas, co que se duplicou o espazo de exposición e se equipou un centro educativo. O museo renovado reabriu as súas portas ao público o 7 de novembro de 2009.[17][18][19][20]

O 26 de novembro de 2011, o Ashmolean inaugurou as novas galerías do Antigo Exipto e de Nubia. Esta segunda fase da renovación fai posible a exposición de obxectos que estiveran almacenados durante décadas, entre eles máis do dobre de cadaleitos e de momias. Rick Mather dirixiu o redeseño e o novo espazo expositivo, que anteriormente estaba dividido en catro salas.[21]

En maio de 2016, o museo abriu novas galerías dedicadas á exposición da súa colección de arte vitoriana.[22] Isto permitiu o regreso ao Ashmolean do Great Bookcase ("o grande estante"), un moble de libraría deseñado por William Burges e descrito como "to exemplo máis importante de moble pintado da época vitoriana".

Coleccións

[editar | editar a fonte]
Anverso, reverso e detalle da Xoia de Alfredo
Máscara funeraria de Oliver Cromwell
O Relevo Metrolóxico
Táboa de Kish, datada no 3500 a. de C.

A sección principal do museo contén grandes coleccións de pezas arqueolóxicas e de belas artes. Atópanse aí unha das mellores coleccións de pinturas prerrafaelistas, cerámica de Maiólica e prata inglesa. O departamento de arqueoloxía alberga o legado de Arthur Evans e ten unha colección excelente de cerámica grega e minoica, así como unha extensa colección de antigüidades do Antigo Exipcio e do Sudán. No seo do museo inscríbese tamén o Instituto Griffith para o avance da exiptoloxía.

Entre as pezas máis sobranceiras do Museo Ashmolean pódense salientar as seguintes:

Legados e adquisicións recentes salientables

[editar | editar a fonte]
Portrait de Mademoiselle Claus, de Édouard Monet (1868)
  • En 2017, o museo adquiriu un retrato grupal de William Dobson pintado en Oxford arredor de 1645, durante a guerra civil inglesa.[26][27]
  • En 2017 produciuse a adquisición un tesouro viquingo que fora descuberto en South Oxfordshire en 2015, composto por máis de 200 moedas anglosaxoas, moitas delas de extremada rareza.[28][29]
  • En 2015 o Ashmolean recadou o diñeiro necesario para a adquisición dun cadro importante de J. M. W. Turner, co apoio do Fondo da Lotaría do Reino Unido e diversas subvencións públicas. Trátase do único óleo do autor dunha paisaxe urbana: The High Street, Oxford (1810).[30]
  • En outubro de 2014 comprouse unha obra de John Constable titulada Willy Lott's House from the Stour.[31][32]
  • En outubro de 2014, os coleccionistas Micheál e Elizabeth Feller entregaron ao museo Ashmolean unha colección de bordados históricos ingleses, composta por 61 pezas que abranguen todo o século XVII.[33]
  • A finais de 2013, o historiador da arte e coleccionista Michael Sullivan legou a súa colección de máis de 400 obras de arte, entre as que destacan pinturas de mestres chineses. A colección foi considerada unha das maiores de arte chinesa do mundo. O museo ten unha sala dedicada a Sullivan e a súa muller, Khoan.[34]
  • En 2013 o museo recibiu a escultura Taichi Arch, do artista taiwanés Ju Ming, que se instalou na explanada principal do edificio.[35]
  • En 2012 o museo asumiu unha colección de 500 obxectos de ouro e prata, entre elas algunhas renacentistas ensambladas polo anticuario Michael Welby.[36][37]
  • En 2012 adquiriuse o Retrato de Mademoiselle Claus, de Édouard Manet, pintado en 1868, logo dunha campaña pública para recadar 7,83 millóns de libras.[38]

Persoas relacionadas co Museo Ashmolean

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Categoría: Persoas relacionadas co museo Ashmolean

Conservadores

[editar | editar a fonte]
Arthur Evans, conservador do Museo Ashmolean (1884-1908)

Esta é unha listaxe dos conservadores do Museo Ashmolean desde 1683 aos nosos días:[39][40][41][42]

  • Robert Plot (1683-1690).
  • Edward Lhuyd (1690-1709).
  • David Parry (1709-1714).
  • John Whiteside (1714-1729).
  • George Shepheard (1730-1731).
  • Joseph Andrews (1731-1732).
  • George Huddesford (1732-1755).
  • William Huddesford (1755-1772).
  • William Sheffield (1772-1795).
  • William Lloyd (1796-1815).
  • Thomas Dunbar (1815-1822).
  • John Shute Duncan (1823-1829).
  • Philip Bury Duncan (1829-1854).
  • John Phillips (1854-1870).
  • John Henry Parker (1870-1884).
  • Sir Arthur Evans (1884-1908).
  • David George Hogarth (1909-1927).
  • Edward Thurlow Leeds (1928-1945).
  • Sir Karl Parker (1945-1962).
  • Robert W. Hamilton (1962-1972).

Directores

[editar | editar a fonte]

A partir de 1973, o posto de conservador foi substituído polo de director:[42]

  • David Piper (1973-1985).
  • Christopher White (1985-1997).
  • Roger Moorey (1997-1998).
  • Christopher Brown (1998-2014).[17]
  • Alexander Sturgis (desde 2014).

Conservadores actuais por área

[editar | editar a fonte]
  • Christopher Howgego, conservador da Sala Heberden de Moedas e Medallas.
  • Mallica Kumbera Landrus, conservadora de Arte Oriental.
  • Paul Roberts, conservador de Antigüidades.
  • Catherine Whistler, conservadora de Arte Occidental.

Antigos membros senlleiros

[editar | editar a fonte]
  • Nicholas Mayhew, exdirector adxunto do museo, encargado das coleccións.
  • Michael Metcalf, exconservador da Sala Heberden de Moedas e Medallas.
  • Humphrey Sutherland, exconservador da Sala Heberden de Moedas e Medallas (1957-1975).
  • Gilbert Kenneth Jenkins, exinvestigador da Sala Heberden de Moedas e Medallas.
  • Lyce Jankowski, exinvestigadora da Sala Heberden de Moedas e Medallas.
  • Joan Crowfoot Payne, arqueóloga e catalogadora das coleccións de Exipto e Nubia (1957-1979).
  • Jon Whiteley, exconservador asistente de Arte Occidental.
  • Susan Sherratt, exconservadora asistente e investigadora asistente honoraria do arquivo de Arthur Evans.
  • Andrew Sherratt, exconservador asistente de Antigüidades.
Paysage d'Auvers-sur-Oise, de Paul Cézanne, o cadro roubado

O 31 de decembro de 1999, durante os fogos artificiais que acompañaron as celebracións da fin do milenio, uns ladróns utilizaron estadas nun edificio adxacente para subir ao tellado do museo e roubaron un cadro cunha paisaxe de Cézanne titulado Paysage d'Auvers-sur-Oise, valorado en tres millóns de libras.[43]

Dado que os ladróns ignoraron outras obras da mesma sala e que o cadro non foi ofrecido á venda, especúlase que foi roubado por encarga dun coleccionista.[44][45]

Galería de obras e obxectos

[editar | editar a fonte]
  1. Visits made in 2018ALVA. Association of Leading Visitor Attractions.
  2. "Ashmolean Museum". En Collins Dictionary.
  3. 3,0 3,1 MacGregor, A. (2001).
  4. "Ashmolean Museum". Pitt Rivers Museum.
  5. "The Old Ashmolean Museum". En Salter, H. E.; Lobel, M. D. (1954). A History of the County of Oxford: Volume 3, the University of Oxford. Londres. Páxinas 47-49. British History Online
  6. Nowak-Kemp, M.; Hume, J. (2016). "The Oxford Dodo. Part 1: the museum history of the Tradescant Dodo: ownership, displays and audience". En Historical Biology. Marzo. Páxinas 1-14.
  7. Alden's Oxford Guide. Oxford. Alden & Company. 1946. Páxinas 103, 105.
  8. Evans, J. (1943). Time and Chance: The story of Arthur Evans and his forebears. Londres. Longmans.
  9. MacGregor, A. (2001). Páxina 56.
  10. "The Ashmolean Museum Conservation Plan Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Xuño de 2012. Universidade de Oxford.
  11. Johnston, S. (2015). "Astrolabes in Medieval Jewish Society". The Warburg Institute. University of London, School of Advanced Study.
  12. Kraay, C. M.; Sutherland, C. H. V. (1972). The Heberden Coin Room: Origin and Development. Oxford. Ashmolean Museum.
  13. "The Ashmolean is first and foremost a University museum". Ashmolean.org
  14. "Café and restaurant Arquivado 19 de maio de 2020 en Wayback Machine.". Ashmolean.org
  15. "Chinese Painting Gallery, Ashmolean Museum, Oxford". van Heyningen & Haward Architects.
  16. Park, E. (2009). "Ashes to Ashmolean Arquivado 13 de marzo de 2010 en Wayback Machine.". En Oxonian Review of Books. 9 de novembro.
  17. 17,0 17,1 Vogel, C. (2013). "Director of Ashmolean Museum at Oxford to Step Down". En The New York Times. 20 de xuño.
  18. "The reopening of The Ashmolean, review". En The Telegraph. 2 de novembro de 2009.
  19. "Ashmolean Museum opens to public". BBC News. 7 de novembro de 2009.
  20. "Transforming: Transformed- Ashmolean Museum". Ashmolean.org
  21. "Transforming: Egypt- Ashmolean Museum". Ashmolean.org. 26 de novembro de 2011.
  22. "Great Boockase". Ashmolean.org
  23. "Messiah Violin, By Stradivari". Ashmolean.org
  24. "Wilshere Collection of Early Christian and Jewish Antiquities". National Heritage Memoruial Found.
  25. "Sumerian King List". Ashmolean.org
  26. "Ashmolean acquires great Civil War portrait by William Dobson". Blog de Alain R. Truong.
  27. "New Ashmolean portrait by William Dobson reveals Oxford's civil war role". En Oxford Mail. 15 de maio de 2017.
  28. "Funds raised to acquire the Hoard of King Alfred". Gardens, Libraries & Museums.
  29. "Watlington hoard: Relics purchased for £1.35m by Ashmolean Museum". En BBC News. 1 de febreiro de 2017.
  30. "The Ashmolean has raised the money needed to acquire a major painting by JMW Turner". En Art Daily.
  31. "John Constable painting transferred to public ownership in lieu of £1m tax". En The Guardian. 28 de outubro de 2014.
  32. "Constable painting donated to the nation". En BBC News. 28 de outubro de 2014.
  33. "Museum gets hooks into butcher’s £500k collection". En Oxford Mail. 27 de setembro de 2014.
  34. "Ashmolean acquires major Chinese art collection". En BBC News. 13 de decembro de 2013.
  35. "Taichi Arch". Ashmolean.org
  36. "Metalwork, jewellery and watches". Ashmolean.org
  37. "Ashmolean museum in Oxford bequeathed £10m hoard". En The Guardian. 31 de xaneiro de 2013.
  38. "Manet portrait of Mademoiselle Claus stays in Oxford". En The Guardian. 8 de agosto de 2012.
  39. "History of the British Collections: The Seventeenth Century". British Archaeology at the Ashmolean Museum.
  40. "History of the British Collections: The Eighteenth Century". British Archaeology at the Ashmolean Museum.
  41. "History of the British Collections: The Nineteenth Century". British Archaeology at the Ashmolean Museum.
  42. 42,0 42,1 "History of the British Collections: The Twentieth Century". British Archaeology at the Ashmolean Museum.
  43. "Museum's £3m Cezanne stolen. En The Guardian. 2 de xaneiro de 2000.
  44. Lyal, S. (2000). "Art World Nightmare: Made-to-Order Theft; Stolen Works Like Oxford's Cezanne Can Vanish for Decades". En The New York Times. 3 de febreiro.
  45. "How art treasures are stolen to order". The Guardian. 8 de xaneiro de 2000.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • MacGregor, A. (2001). The Ashmolean Museum. A brief history of the museum and its collections. Ashmolean Museum & Jonathan Horne Publications. Londres. ISBN 978-1854441492

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]