Hermann David Weber

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hermann David Weber
Retrato e sinatura de
Hermann David Weber
Datos persoais
Nacemento30 de decembro de 1823.
Lugar Holzkirchen.
Alemaña Alemaña
Falecemento11 de novembro de 1918. (94 anos)
Lugar Londres.
Inglaterra.
NacionalidadeAlemá e británica.
CónxuxeMatilda Gruning (1854).
FillosHilda Weber, Alwine Meta Weber, [Hermanna] Frida Weber, Frederick Parkes Weber e Col. [William Hermann] Frank Weber
Actividade
CampoMedicina e numismática.
Alma máter Universidade de Marburgo.
Contribucións e premios
Coñecido porSíndrome de Weber.
Premios(1905): Medalla da RNS.
editar datos en Wikidata ]

Hermann David Weber, nado en Holzkirchen o 30 de decembro de 1823 e finado en Londres o 11 de novembro de 1918, foi un médico e numismático xermano-británico, que lle dá nome á "síndrome de Weber".[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Hermann Weber naceu na pequena poboación de Holzkirchen, ao norte de Baviera, o 30 de decembro de 1923. A súa nai, apelidada Ruperti, era de ascendencia italiana e o seu pai, procedente de Bielefeld, era o administrador dunha propiedade con granxa en Holzkirchen onde Hermann se criou nos seus primeiros anos en contacto coa natureza.[2][3][4]

Cursou o seu ensino primario nunha escola privada de Würzburg e en 1838 comezou a súa educación secundaria no gymnasium de Fulda. En 1844 comezou a carreira de Medicina na Universidade de Marburgo e continuouna na Universidade de Bonn, onde se graduou en 1848.[2][3][4]

Medicina[editar | editar a fonte]

O Hospital Alemán de Londres (1864).

Na súa etapa como estudante en Bonn tomou contacto con membros da ampla colonia británica nesa cidade, entre eles o cirurxián escocés James Simpson, introdutor do cloroformo como analxésico en 1847.[2][3][4]

Estes contactos favorecéronlle o acceso en 1851 a un posto en Inglaterra como médico residente no Hospital Alemán de Londres. Finalizado este contrato, practicou durante un tempo a medicina privada en Londres e descartou o seu regreso a Alemaña.[2][3][4]

Xa nacionalizado británico e casado cunha muller inglesa (Matilda Grüning) en 1854 comezou un período de formación no Guy's Hospital co propósito de acceder á cualificación profesional inglesa e un ano máis tarde ingresou no Real Colexio Médico de Inglaterra.[2][3][4]

Weber foi un defensor das virtudes do exercicio físico e da importancia dos factores climatolóxicos nas doenzas, en particular da tuberculose, e foi un pioneiro no tratamento desta doenza ao aire libre. Recomendaba aos seus pacientes pasar tempadas en zonas de montaña e está considerado como o fundador da climatoterapia.[3] En recoñecemento destes progresos foi nomeado cabaleiro pola raíña Vitoria en 1899.[5] Ese mesmo ano foi designado por Eduardo, daquela Príncipe de Gales, como delegado británico no congreso de Berlín sobre a prevención da tuberculose.[4][6]

Hermann David Weber
por Hubert von Herkomer (1902)

A Hermann Weber débeselle a descrición, en 1863, da coñecida como síndrome de Weber, unha síndrome alterna do tronco cerebral asociada a unha parálise oculomotora dun lado e unha hemiplexía do lado oposto.[7][8]

Numismática[editar | editar a fonte]

Paralelamente á súa carreira como médico, Weber foi un gran coleccionista de moedas. Comezou a súa colección a finais da década de 1870, con particular interese pola moeda da Antiga Roma e, sinaladamente, pola da Antiga Grecia, e enriqueceuse con constantes viaxes a lugares como Grecia, Asia Menor, Sicilia, Tunisia, Exipto, Turquía e Palestina.[9][10] Eminentes numismáticos europeos do momento, como W. H. Waddington, F. Imhoof-Blumer, J. P. Six ou B. V. Head, figuraban entre os seus máis próximos amigos e conselleiros.[5]

En 1883 ingresou na Royal Numismatic Society, de Londres, e entre 1889 e 1906 formou parte do seu consello de dirección, en cinco ocasións como vicepresidente. Esta entidade premiouno coa súa medalla de ouro en 1905.[10] Na súa revista, Numismatic Chronicle, foi onde Weber publicou os seus artigos sobre numismática.[5][9]

A "colección Weber"[editar | editar a fonte]

Inicialmente, a colección conformada por Hermann Weber estaba constituída por moedas anglosaxoas, británicas, romanas e gregas. A parte da colección relativa a Gran Bretaña foi vendida en poxa pública en xuño de 1885 e a correspondente á moeda romana en xuño de 1893.[11]

Uncia de bronce da Campania (ca. 216-211 a. C.), catalogada por Forrer co número 295 da "colección Weber".[12]

A colección de moeda grega de Hermann Weber estaba entre as máis importantes nas mans dun particular, con algunhas pezas únicas ou de singular rareza. Logo da súa morte, foi adquirida íntegra aos seus herdeiros pola compañía de poxas numismáticas Spink & Son Limited para a súa venda posterior por lotes. Leonard S. Forrer levou a cabo a catalogación completa da colección, que foi publicada entre 1922 e 1929:[2]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Hermann Weber tivo dous fillos: un deles, Frederik Parkes Weber, foi tamén médico e numismático;[3][4][10] o outro, o menor, foi tenente coronel das Forzas Armadas británicas.[5]

Xubilouse como médico de hospital en 1890 mais continuou coa práctica médica ata os 80 anos en diversas institucións, entre elas a Embaixada de Alemaña en Londres. Aínda así, mantivo a súa colaboración con diversas publicacións médicas ata o momento do seu falecemento na súa casa de Londres, con 94 anos, na mañá do 11 de novembro de 1918.[3][4][13]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis significativas dos publicados por Weber ao longo da súa carreira:[15][16]

Medicina[editar | editar a fonte]

Numismática[editar | editar a fonte]

Os seus artigos sobre numismática foron publicados na revista Numismatic Chronicle, da Royal Numismatic Society:[5][9]

  • (1892). "On some unpublished or rare Greek coins. I". En Numismatic Chronicle. Vol. 12.
  • (1896). "On some unpublished or rare Greek coins. II". En Numismatic Chronicle. Vol. 16.
  • (1898). "Coins of Mende". En Numismatic Chronicle. Vol. 18.
  • (1898). "A small find of coins of Mende, &c.". En Numismatic Chronicle. Vol 18.
  • (1899). "On finds of archaic Greek coins in Lower Egypt". En Numismatic Chronicle. Vol 19.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Forrer, L. S. (1922). "Introduction" En The Weber Collection. Volume I. Spink & Son, Londres. Páxinas XI-XVI.
  • Hill, G. F. (1918). "Sir Hermann Webber". En The Numismatic Chronicle. 4ª serie. Vol. 18. Páxina 270.
  • Weber, F. P. (ed.) (1919). "Autobiographical reminiscences of Sir Hermann Weber written privately for the family : with annotations and a list of his medical writings". J. Bale, sons & Danielsson, Londres.