Henry Symonds

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Henry Symonds
Datos persoais
Nacemento30 de xaneiro de 1859
Lugar Birmingham
Inglaterra
Falecemento11 de febreiro de 1933 (44 anos)
LugarWeston-super-Mare, Somerset.
Inglaterra
Nacionalidade Británica
CónxuxeFlorence Annie Whitfield .
Actividade
CampoNumismática
Alma máterLincoln's Inn, Londres.
Contribucións e premios
Coñecido porEstudos de moeda británica.
Premios1924: Medalla da RNS.
editar datos en Wikidata ]

Henry Symonds, nado en Birmingham, o 30 de xaneiro de 1859 e finado o 11 de febreiro de 1933, foi un numismático británico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Henry naceu o 30 de xaneiro de 1859 no distrito de Edgbaston, en Birmingham, fillo de Mary Leekey, natural de Milverton, Somerset, e de Henry Symonds, natural de Broadwinsor, Dorset.[1][2][3]

Cursou o seu ensino secundario na Rugby School en Rugby, e posteriormente formouse en Dereito no Lincoln's Inn, en Londres, e ingresou no Real Colexio de Avogados como barrister en 1886.[2][3]

Durante a súa estadía en Londres era un visitante asiduo do Museo Británico e dos Arquivos Nacionais, onde estudaba e investigaba sobre dous dos seus grandes intereses: a numismática e a xenealoxía.[3]

O achado de 200 denarios romanos o 21 de maio de 1885 en Leamington, Warwickshire, onde daquela residía, foi o motivo do seu primeiro artigo sobre numismática, en 1886, na revista Numismatic Chronicle, da Royal Numismatic Society, e a este seguiron máis de vinte artigos na mesma revista entre 1887 e 1926, fundamentalmente sobre a moeda británica e de xeito destacado sobre as emisións dos Tudor.[2][4]

O 8 de novembro de 1915 ingresou no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, en Londres, como axudante do seu conservador, George F. Hill e en substitución de C. F. Keary, apartado do labor por problemas de saúde.[2][3]

Porén, o 12 de febreiro de 1916 deixou o posto no British Museum e abandonou Londres, na procura das súas raíces en Somerset e en Dorset. Este interese xenealóxico levouno a ser o editor, entre 1913 e 1916, de Proceedings of the Dorset Natural History and Antiquarian Field Club.[3] Pouco despois, incorporouse á Sociedade de Arqueoloxía e Historia Natural de Somersetshire, de cuxo consello formou parte desde 1918 e da que foi secretario honorario entre 1920 e 1925.[2][5][6] En 1933 publicouse postumamente a súa investigación sobre as orixes xenealóxicas da familia Symonds.[7]

Á parte da súa faceta académica, Symonds tamén tivo a súa propia colección de moedas británicas, iniciada a finais da década de 1880. Esta colección acabou dispersa, logo de ser vendida en diversas poxas a partir de 1973.[8]

Entre outras entidades asociativas e académicas, Symonds foi membro da Sociedade Numismática de Londres desde 1885 e, logo duns anos de baixa, reincorporouse á entidade en 1909, xa convertida en Royal Numismatic Society, e permaneceu nela ata a súa morte.[9] En 1913 accedeu á súa vicepresidencia e en 1924 foi honrado coa medalla de ouro da sociedade.[10] Tamén foi membro da Sociedade de Anticuarios de Londres (1911).[2][3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Henry Symonds casou con Florence Annie Whitfield (1862-1941), de Edgebaston, Birmingham.[1] Un dos seus fillos foi o crego anglicano, profesor e conservacionista Henry Herbert Symonds (1885-1958).[6][11]

Symonds faleceu o 11 de febreiro de 1933 na vila-balneario de Weston-super-Mare, en Somerset, onde pasaba o seu retiro.[6]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Numismática[editar | editar a fonte]

Henry Symonds publicou seis artigos no British Numismatic Journal, da British Numismatic Society (BNS), e outros vinte e catro en Numismatic Chronicle, da Royal Numismatic Society (RNS). Esta é unha escolma destas contribucións:[3][12]

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "“The Family Register” of Henry and Mary E. Symonds, married 15th Oct. at Milverton, Somersetshire, 1857". En Symonds, H. (1933). Memoir of the family of Symonds in Somerset and Dorset. Wessex Press, Taunton.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Challis, C. E. (2003). Páxina 116.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Bothamley, C. H. (1934). Páxina 73 Arquivado 16 de novembro de 2021 en Wayback Machine..
  4. 4,0 4,1 "Proceedings of the Royal Numismatic Society". En Numismatic Chronicle. Serie 4ª. Vol. 4 (1924). Páxinas 22-23.
  5. Proceedings of the Somersetshire Archaeological and Natural History Society. LXVI. Serie 4ª, Vol. VI. Pt. I. Páxinas xii, xiv.
  6. 6,0 6,1 6,2 Bothamley, C. H. (1934). Páxina 74 Arquivado 16 de novembro de 2021 en Wayback Machine..
  7. Véxase (1933) en "Bibliografía".
  8. Challis, C. E. (2003). Páxina 118.
  9. "Members of the Numismatic Society of London". En Carson, R. A. G.; Pagan, H. (1986). A History of the Royal Numismatic Society, 1836-1986. Royal Numismatic Society, Londres. Páxina 73.
  10. 10,0 10,1 "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  11. "Symonds, Rev. Henry Herbert". En Who Was Who. Oxford University Press.
  12. "Symonds, Henry 1859-1933 Arquivado 16 de novembro de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  13. Ficha da publicación. WorldCat.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]