Alberto Pradeau Avilés
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de maio de 1894 Guaymas, México (pt) |
Morte | 29 de xullo de 1980 (85 anos)) Os Ánxeles. California. Estados Unidos. |
País de nacionalidade | Mexicano. |
Educación | Universidade de California do Sur. |
Q89547790 | Estudos sobre Sonora e sobre a moeda mexicana. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, historiografía e odontoloxía. |
Ocupación | escritor |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | - Mary Ann Zellars (1937). - Martha Carolina Miller (1951). |
Premios | |
- (1945): Medalla Huntington (ANS). - (1969): Medalla ao mérito (ANA). | |
Alberto Francisco Pradeau Avilés, nado o 15 de maio de 1894 en Guaymas, Sonora, e finado o 29 de xullo de 1980 nos Ánxeles, California, foi un odontólogo, numismático, historiador e académico mexicano, especializado na historia do estado de Sonora e considerado unha das máximas autoridades da numismática mexicana.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Alberto Pradeau naceu en Guaymas, Sonora, o 15 de maio de 1894, fillo de pai francés, Albert Antoine Pradeau (1866-1939), e de nai de Álamos, Sonora, Guadalupe Avilés Rochin (1870-1935).[2][3]
Pradeau cursou o ensino primario en Guayma e en Álamos, e o ensino secundario nesta última localidade. En 1916 desprazouse aos Estados Unidos para continuar coa súa formación superior nos Ánxeles e en 1923 graduouse en Odontoloxía e especializouse en patoloxía bucal na Universidade de California do Sur, onde posteriormente acadou o doutoramento en Ciencias. A partir do propio ano 1923 comezou a exercer tamén na mesma universidade a docencia de Terapéutica, Materia Médica e Farmacoloxía.[2][3][4]
En 1931 acadou a condición de cidadán dos Estados Unidos.[2]
Pradeau mantivo durante moitos anos unha clínica de odontoloxía preto dos Ánxeles e entre os seus pacientes estiveron diversos artistas de Hollywood, o que lle proporcionou notoriedade e solvencia económica.[2] Parte deste diñeiro investiuna a partir dos anos 20 nunha colección de moedas. A súa paixón pola numismática levouno a investigar e a publicar varios libros que se converteron en referencia na historia da moeda da zona norte de México, sinaladamente os catro volumes da súa Historia Numismática de México de 1823 a 1950, publicados entre 1957 e 1961.[4]
O seu interese pola numismática serviulle como vía para se achegar ao coñecemento da historia, particularmente a do Estado de Sonora, e publicou tamén varios traballos significativos acerca da conquista espiritual xesuíta no noroeste da Nova España.[2] En 1960 ingresou na Academia Mexicana da Historia, cunha conferencia titulada Breves datos sobre el noroeste de la Nueva España, centrada nos conquistadores e nos primeiros misioneiros de Sonora.[4][5]
En condición de experto numismático, en 1976 foi comisionado para a autenticación e a taxación do tesouro do galeón Nuestra Señora de Atocha, afundido na costa de Florida en 1622 e achado en 1971.[2]
Como coleccionista compuxo unha importante colección de moedas mexicanas, que doou á localidade sonorense de Hermosillo coa única condición de que se dispuxese nun lugar axeitado.[4]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]Alberto Pradeau contraeu matrimonio en dúas ocasións; a primeira o 16 de novembro de 1937, con Mary Ann Zellars, e en segundas nupcias con Martha Carolina Miller, o 7 de xaneiro de 1951.[2]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1920): Medalla de Ouro do Colexio de Odontoloxía da Universidade de California do Sur.[3][4]
- (1945): Medalla Huntington, da American Numismatic Society, de Nova York.[6]
- (1969): Medalla ao mérito da American Numismatic Association, de Colorado Springs.[7]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis sobranceiros de Alberto Pradeau:[8]
- (1932). Apuntes biograficos historicos de Don José Francisco Osorno. Os Ánxeles.
- (1934). The Mexican Mints of Alamos and Hermosillo. American Numismatic Society, Nova York.
- (1938). Numismatic History of Mexico from the Precolumbian Epoch to 1823. México.
- (1947). A study of the Coinage of the mexican independece Leader Morelos. American Numismatic Association, Colorado Springs.
- (1953). Don Antonio de Mendoza y la Casa de Moneda de México en 1543. Antigua Librería Robredo, México.
- (1957-1961). Historia numismática de México de 1823 a 1950 (4 vol.). Sociedad Numismática de México, México.
- (1959). La expulsión de los jesuitas de las provincias de Sonora, Ostimuri y Sinaloa en 1767. Antigua Librería Robredo, México.
- (1959). Sonora y sus casas de moneda: Álamos y Hermosillo. Gobierno del Estado de Sonora, México.
- (1962). Mexican patriots and their part in numismatics. American Numismatic Association, Colorado Springs.
- (1963). Los tlacos y pilones mexicanos. Sociedad Numismática de Puebla, Puebla.
- (1970). Emperor Maximilian I of Mexico: the French Intervention, its History and that of its Coinage, 1864-1867. Maximilian Numismatic & Historical Society, México.
- (1972). Henequen plantation tokens of the Yucatan peninsula, Mexico (con E. C. Leslie). ? Organization of International Numismatists.
- (1975). Los jesuitas en Sonora y el alzamiento Pima de 1751.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Alberto Pradeau Avilés Arquivado 09 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". En Freejournal.org
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Alberto Francisco Pradeau Collection: Biographical Note". Arizona Archives Online.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Discurso de ingreso (...). Contestación del Sr. Dr. Don Alberto María Carreño". Academia Mexicana de la Historia. 13 de xuño de 1960. Páxinas 23-27.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 González y González, L. "Miembros de la Academia: Alberto Pradeau Alvilés". Academia Mexicana de la Historia.
- ↑ "Discurso de ingreso por don Alberto Francisco Pradeau". Academia Mexicana de la Historia. 13 de xuño de 1960.
- ↑ "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "Past Award Recipients". Páxina 25. American Numismatic Association.
- ↑ "Pradeau, Alberto Francisco 1894-". WorldCat Identities.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kalinin, V. (2005). "Vsevolod M. Potin (1918-2005) Arquivado 26 de agosto de 2016 en Wayback Machine.". En Compte rendu, 52. International Numismatic Council. Páxinas 45-49.
- Smirnova, N. (2006). "Vsevolod M. Potin" (28.03.1918-12.09.2005)". En International Numismatic e-Newsletter. Nº 4. Páxina 12.