William Greenwell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
William Greenwell
Datos persoais
Nacemento23 de marzo de 1820.
LugarLanchester, Durham.
Flag of England.svg Inglaterra.
Falecemento27 de xaneiro de 1918 (97 anos).
LugarCoat of Arms of The City of London.svg Durham.
Flag of England.svg Inglaterra.
NacionalidadeBritánica.
RelixiónAnglicanismo.
Actividade
CampoArqueoloxía e numismática.
Alma máterUniversity College, Durham.svg University College.
Durham shield.png Universidade de Durham.
Contribucións e premios
Premios(1898): Medalla da RNS.
editar datos en Wikidata ]

William Greenwell, nado en Lanchester o 23 de marzo de 1820 e finado en Durham o 27 de xaneiro de 1918, foi un sacerdote anglicano, arqueólogo e numismático inglés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

William Greenwell naceu o 23 de marzo de 1820 na propiedade coñecida como Greenwell Ford próxima a Lanchester, no condado de Durham, Inglaterra. Era o fillo maior de William Thomas Greenwell (1777-1856) e de Dorothy Smales,[1] e tiña tres irmáns (Francis, Alan e Henry Nicholas) e unha irmá, Dorothy (1821-1882) que publicou obra poética baixo o nome de Dora Greenwell.[2][3]

A súa primeira educación correu a cargo do reverendo George Newby e logo acudiu á Durham School, onde coincidiu como compañeiro con Henry Baker Tristram, que chegou a ser crego, coma el, e un célebre ornitólogo.

En outubro de 1836 ingresou no University College, da Universidade de Durham, na que acadou a súa graduación como Bachelor of Arts en xuño de 1839. Ademais comezou a formarse como barrister no Middle Temple, en Londres, mais por mor da súa mala saúde abandonou e regresou ao University College en 1841, onde completou a licenciatura en Teoloxía en 1842[4] e, un ano despois, recibiu o título de Master of Arts. No University College, Durham exerceu tamén como ecónomo entre 1844 e 1847.[5]

Carreira relixiosa[editar | editar a fonte]

Greenwell foi ordenado diácono polo bispo Edward Maltby o 30 de xuño de 1844, e sacerdote o 28 de xuño de 1846. En tal condición ocupou diferentes destinos parroquiais e en 1852 foi nomeado director do Neville Hal, un albergue para estudantes do colexio de Medicina de Newcastle, onde traballou entre as vítimas do andazo de cólera desa cidade en 1853.[4]

Desde 1854 ata a súa morte ocupou o posto de cóengo da catedral de Durham, polo que a partir dese momento pasou a ser coñecido como "Cóengo Greenwell".[6] En 1855 foi nomeado capelán e censor do colexio Bishop Cosin's Hall, da Universidade de Durham, onde permaneceu ata 1863,[5] cando accedeu ao posto de bibliotecario da catedral de Durham, e alí continuou o labor de catalogación dos fondos iniciada por Joseph Stevenson.[4]

Arqueólogo e numismático[editar | editar a fonte]

Fragmento da muralla do forte romano de Longovicium.

Greenwell Ford, a propiedade familiar, abranguía no seu interior o antigo forte romano de Longovicium e sendo uns nenos, el e o seu irmán Francis adoitaban remover a terra que cubría o campamento, o que lles espertou o interese pola arqueoloxía.

Greenwell foi membro fundador do Club de Campo de Naturalistas de Tyneside en 1846, e ese mesmo ano realizou unha viaxe por Alemaña e Italia. En agosto de 1852 presentou un relatorio no Instituto Arqueolóxico Alemán.[5] Na década de 1860 foi cando fixo as súas primeiras escavacións arqueolóxicas; entre elas, en marzo de 1864, catorce túmulos en Dane Graves, un depósito da cultura de Arras da Idade de Ferro británica.[7] En 1868 Greenwell escavou 76 soterramentos no cemiterio anglo de Uncleby.[8] Xa no bienio 1897-1898, iniciou unha escavación a grande escala de 53 túmulos no sitio arqueolóxico de Danes Graves, xunto ao arqueólogo John Robert Mortimer.[9] Greenwell tamén acadou sona no ambiente arqueolóxico con outros traballos, como o levado a cabo no complexo mineiro neolítico de Grimes Graves, ou os seus tratados sobre a cuñaxe de moedas de electro da ceca de Cízico e a catalogación dos achados da Idade de Bronce tardía da cova de Heathery Burn.[10]

Parte da amplísima colección de antigüidades que Greenwell foi conformando ao longo da súa traxectoria, moitas das cales datan do Neolítico e da Idade de Bronce británica, pasou a formar parte dos fondos do Museo Británico, grazas ao altruísmo do banqueiro estadounidense J. P. Morgan, que as adquiriu con este propósito por 10.000 libras esterlinas.[11] En 1895, Greenwel vendeulle a súa colección de utensilios de sílex a W. Allan Sturge, e a súa colección de moedas da Antiga Grecia foi adquirida por un descoñecido señor Warren, de Boston, Massachusetts, quen posteriormente lla doou ao Museo de Belas Artes de Boston. Co diñeiro logrado mediante a venda das súas coleccións, William Greenwell puido recomprar unha antiga casa rural da súa familia, Greenwell Ford, que foi herdada por un sobriño logo do seu falecemento.[12]

Greenwell foi presidente da Sociedade Arquitectónica e Arqueolóxica de Durham desde 1865 ata a súa morte, e vicepresidente da Sociedade de Anticuarios de Newcastle a partir de 1890.[4] En 1868 foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres.[5] En 1898 foi galardoado coa medalla de ouro da Royal Numismatic Society, de Londres.[13]

Á parte da súa carreira relixiosa e académica, Greenwell foi elixido xuíz de paz en 1870 e concelleiro en Durham en 1904.[4]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos traballos monográficos dos publicados por William Greenwell ao longo da súa traxectoria:[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Burke, B. (1871). A genealogical and heraldic dictionary of the landed gentry of Great Britain & Ireland. Volume 1 (5ª ed.). Harrison. Páxina 543.
  2. Green, D. (1889). Poems by Dora Greenwell (selected). W. Scott, Londres.
  3. Dorling, W. (1885). Memoirs of Dora Greenwell. J. Clarke. Páxina 1.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Burns, A. (2004).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Fowler, J. T. (1904). Durham University: Earlier Foundations and Present Colleges. Robinson & Co., Londres. Páxinas 150-158.
  6. Graves, P. (2005). "Canon William Greenwell and his contemporaries: the history of British archaeology in the nineteenth and early twentieth centuries". En Bulletin of the history of archaeology. 15 (2). Páxinas 45-49.
  7. Stead. I. (1979). Arras Culture. Yorkshire Philosophical Society, York. Páxina 16.
  8. Hansen, A. (2017). The Revival of Uncleby: An antiquarian excavation of an Anglian Cemetery (tese). University of York.
  9. Stead. I. (1979). Páxina 17.
  10. Greenwell, W. (1894). "Antiquities of the Bronze Age found in the Heathery Burn Cave, County Durham". En Archaeologia. 4. Páxinas 87-114.
  11. "Rev William Greenwell". The British Museum.
  12. "In Memoriam". The Durham University Journal. 21. Durham University. páxina 427.
  13. 13,0 13,1 "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  14. "Greenwell, William 1820-1918". WorldCat Identities.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

"About William Greenwell". The Greenwell Project