Charles Roach Smith

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCharles Roach Smith

Retrato e sinatura de
Charles Roach Smith
Biografía
Nacemento20 de agosto de 1807
Shanklin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte2 de agosto de 1890 (82 anos)
Strood, Medway.
Inglaterra
Datos persoais
País de nacionalidade Británica
EducaciónMuseum of London Antiquities.
Actividade
Campo de traballoAntigüidades, numismática, arqueoloxía.
Ocupaciónantropólogo , arqueólogo , numismático Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Premios
(1883): Medalla da RNS.


Charles Roach Smith, nado o 20 de agosto de 1807 na Illa de Wight e finado o 2 de agosto de 1890 en Strood, condado de Kent, foi un anticuario, arqueólogo afeccionado e numismático inglés, pioneiro no estudo estatístico dos achados de moedas romanas.[1]

Pertenceu a diversas sociedades científicas, como a Sociedade de Anticuarios de Londres ou a Sociedade Numismática de Londres, e foi fundador da Asociación Arqueolóxica Británica.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Familia e formación[editar | editar a fonte]

Roach Smith naceu en Landguard Manor, Shanklin, na Illa de Wight, o máis novo dos fillos do granxeiro John Smith, e da súa muller, Ann, filla de Henry Roach, de Arreton Manor. O seu pai morreu cando Charles era un neno e desde aquela pasou a vivir na casa do seu avó materno, en Arreton. A súa nai morreu cara a 1824.[2]

Roach Smith asistiu a unha pequena escola en Swaythling, Southampton, e cando o seu mestre foi destinado a St. Cross, preto de Winchester, Charles marchou con el. Arredor de 1820, continuou a súa educación nunha escola meirande en Lymington, Hampshire.[2]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

En 1821 traballou durante uns meses no despacho do avogado Francis Worsley, en Newport, Illa de Wight, e en 1822 comezou a traballar como aprendiz cun químico de Chichester, West Sussex, con quen permaneceu seis anos. En 1834 estableceu o seu propio negocio como químico en Lothbury, na Cidade de Londres, e entre 1840 e 1860 trasladouse a Finsbury Circus, na mesma cidade.[2]

Xa desde a súa infancia, Roach Smith sentiu interese por coleccionar antigüidades, e foi apoiado polo anticuario Alfred John Kempe nesta afección. Durante vinte anos seguiu de preto as escavacións producidas en Londres e o dragado do río Támese, tanto como coleccionista como para o seu estudo, e en 1854 publicou un estudo sobre as antigüidades aloxadas no daquela existente Museo de Londres, procedentes das escavacións da cidade.[3] Estes obxectos foron incorporados anos máis tarde ao Museo Británico, onde formaron o núcleo da colección nacional de antigüidades romano-británicas.[1][2]

Roach Smith pasou a ser considerado axiña como a primeira autoridade do Londres romano. Foi un innovador ao lles prestar atención aos sitios arqueolóxicos urbanos, e a súa obra Illustrations of Roman London (1859) foron o traballo principal neste tema ata 1909.[2][4]

Sociedades científicas[editar | editar a fonte]

Roach Smith pertenceu a moi diversas sociedades científicas, tanto británicas como do estranxeiro. Foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres en 1836. Pertenceu tamén á Real Sociedade de Anticuarios do Norte e ás Sociedades de Anticuarios de Francia, de Normandía, de Picardía, do Oeste, e de Morini. Así mesmo, durante moitos anos correu a cargo do artigo mensual da sección Antiquarian Notes na revista The Gentleman's Magazine.[2][5]

Durante máis de cincuenta anos foi moi activo nas actividades da London Numismatic Society (antecedente da Royal Numismatic Society), da que foi un dos seus secretarios entre 1841 e 1844. Tamén foi autor de numerosas contribucións á súa revista Numismatic Chronicle.[2]

Xunto co tamén anticuario Thomas Wright, fundou a Asociación Arqueolóxica Británica en 1843, e participou activamente no seu xornal. En 1855 foi membro fundador da Sociedade Arqueolóxica de Londres e Middlesex. Logo do seu retiro en Strood, asistiu con regularidade ás actividades da Sociedade Arqueolóxica de Kent e contribuíu con numerosos artigos en Archaeologia Cantiana.[2]

Foi tamén membro honorífico das sociedades arqueolóxicas de Madrid, Wiesbaden, Mayence, Treyes, Chester, Cheshire e Lancashire, Suffolk, e Surrey, así como da Real Sociedade de Literatura, da Sociedade de Anticuarios de Escocia e da Société d'émulation d'Abbeville.[2][5][6]

Derradeiros anos[editar | editar a fonte]

Logo de diminuír a súa dedicación á actividade académica, adquiriu, para vivir a súa xubilación, unha pequena propiedade en Strood, Kent, con algún terreo de horta. Aí dedicouse fundamentalmente á pomoloxía e á obtención de viño. Sobre isto publicou un opúsculo en 1863 titulado On the Scarcity of Home-grown Fruits in Great Britain, previamente aparecido como artigo en Proceedings of the Historical Society of Lancashire and Cheshire, do que se distribuíron mil copias en Francia e en Alemaña.[7] Roach Smith avogaba pola conveniencia da plantación do terreo baleiro nas beiras das vías do ferrocarril con maceiras ananas e outras clases de árbores froiteiras, e esta foi unha suxestión amplamente adoptada noutros países e dun xeito máis limitado en Inglaterra.[2]

Roach Smith non casou. Logo dunha curta convalecencia de seis días, faleceu o 2 de agosto de 1890 e foi soterrado no cemiterio de Frindsbury.[2]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Monografías[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Charles Roach Smith". The British Museum.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Prideaux Courtney, W. (1898). Páxinas 26-27.
  3. Véxase (1854) en "Publicacións".
  4. Véxase (1859) en "Publicacións".
  5. 5,0 5,1 Véxase (1854) En "Publicacións". Portada e páxinas iii, iv e v.
  6. Scott, S. (2017).
  7. Véxase (1863) en "Publicacións".
  8. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]