Real Club Celta de Vigo: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Imxavitooh (conversa | contribucións)
Sen resumo de edición
Liña 424: Liña 424:
{{Fs player|no=-|nat=ESP|name=[[Carlos David Moreno Hernández|Carlos David]]|pos=DEF}}
{{Fs player|no=-|nat=ESP|name=[[Carlos David Moreno Hernández|Carlos David]]|pos=DEF}}
{{Fs player|no=38|nat=ESP|name=[[Oriol Riera]]|pos=DIA}}
{{Fs player|no=38|nat=ESP|name=[[Oriol Riera]]|pos=DIA}}
{{Fs player|no=-|nat=GAL|name=[[Toni]]|pos=DIA}}
{{Fs end}}
{{Fs end}}



Revisión como estaba o 19 de maio de 2010 ás 14:33

R. C. Celta de Vigo
NomeReal Club Celta de Vigo S.A.D.[1]
Alcume(s)Celtiñas, celtistas
Fundación23 de agosto de 1923 (85 anos)[1]
EstadioBalaídos,
Vigo, Pontevedra [2]
Inauguración30 do decembro do 1928[2]
Capacidade31.800[2]
PresidenteGalicia Manuel Carlos Mouriño Atanes
AdestradorEspaña Eusebio Sacristán
LigaSegunda división española
Temp. 2008-0916º
VestimentaUmbro
PatrocinadorCitroën e Estrella Galicia
Na rede
http://www.celtavigo.net
Facebook: realclubcelta Twitter: rccelta Instagram: rccelta Youtube: UCCJLVZYqRb_85b2Flpg04cg TikTok: rccelta Editar o valor em Wikidata
Titular
Alternativo

O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol fundado na cidade de Vigo en 1923 por unión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado en 1928.

Disputou 46 tempadas en Primeira división, sendo o equipo galego con máis tempadas na máxima categoría. Actualmente ocupa o posto 12 da Clasificación histórica de Primeira, por detrás do Deportivo da Coruña.

Entre os seus logros cabe destacar 3 subcampionatos da Copa do Rei, unha Copa Intertoto, 7 clasificacións para a Copa da UEFA e unha para a Liga de Campións na tempada 2003-04, na que caeu eliminado en oitavos de final polo Arsenal FC.

Actualmente xoga na Segunda división, desde o seu último descenso na tempada 2006-07 tras quedar 18º.

É o 10º equipo en número de afeccionados en España (2,2%), segundo unha enquisa do CIS de maio de 2007.[3]

Historia

Protocelta

A tradición futbolística en Galicia data de comezos do século XX. Foi en Vigo onde esta modalidade deportiva tivo as súas primeiras manifestacións: comezou a practicarse nos xa desaparecidos peiraos da cidade, coincidindo coas primeiras exhibicións dos ingleses do cable e das tripulacións dos escadróns británicos que frecuentaban o porto.

Daquela constituíronse en Vigo dous clubs de fútbol de primeira categoría: o Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Dende sempre ámbolos dous equipos se revelaron coma rivais de potencia semellante, e os seus enfrontamentos xeraban grandes movementos de masas de seareiros. O seu prestixio adquiriu ampla dimensión en todo o país, e a preponderancia foi tan notoria que a partires de 1906 e ata 1923 algún dos dous equipos vigueses foi sempre sen interrupción gañador do título de campión rexional.

O 10 de agosto de 1923 e co gallo de afortalar a categoría do fútbol vigués, os dous equipos fusionáronse creando deste xeito ó Club Celta da man de Manuel de Castro "Handicap" e Juán Baliño Ledo, os principais promotores do proxecto. Elixiuse Celta de Vigo, entre outras propostas como por exemplo Breogán, como nome do equipo e a cor celeste para a indumentaria xa que o obxectivo da creación do equipo era ser o estandarte do fútbol en Galicia. Desta maneira nace a historia do Real Club Celta de Vigo que nun primeiro momento contaría coa impresionante cifra de 64 xogadores e con Manuel Bárcena de Andrés, Conde de Torrecedeira como primeiro presidente do club.

Comezos coma equipo

Para a dirección no novo equipo elixiuse ao adestrador británico Frank Cuggy. A presentación do equipo foi no campo de Coia o 16 de setembro de 1923 nun encontro entre os própios xogadores do club aproveitando o amplo plantel do que dispoñía o equipo.

O primeiro encontro fronte a outro club foi o 23 de setembro fronte ó Boavista portugués. A aliñación inicial do Celta foi: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino, Torres, Reigosa, Gerardito, Chicha, Polo e Pinilla. O enfrontamento concluíu con 8-2 a favor do equipo vigués. Posteriormente enfrontaríase ao Cracovia, campión polaco, obtendo tamén a vitoria.

Na tempada 1923-1924 o Celta interveu por primeira vez na liga. Naquel entón só había ligas rexionais e a correspondente a Galicia era o Campionato de Galicia. O Celta rematou líder contendendo co Eiriña de Pontevedra, Racing de Ferrol e o Unión Sporting de Vigo. Esta mesma tempada debutou na Campionato de España sendo eliminado na primeira rolda polo Athletic de Bilbao, que era o vixente campión. No descanso de verán organizouse un encontro amigábel entre Celta e a uruguaia aproveitando o paso por Vigo da debandita selección, que ía rumbo á Olimpíada de París na que gañou a medalla de ouro.

En 1924-1925 volven os celtiñas a gañar o Campionato Galego. Na mesma tempada ten lugar no campo de Coia unha nova contenda internacional. Nesta ocasión é a Selección de Arxentina a que se enfronta ó combinado vigués; o Celta aliña a: Ruíz, Juanito, Rey, Cancela, Balbino, Hermida I, Reigosa, Hermida II, Chicha, Polo e Casal; mentres que arxentinasalta ó campo con Tesorieri,Bidoglio, Muttis, Médice, Vaccaro, Ellis, Tarasconi, Cerrotti, Garassini, Seoane e Onzari. A afección volcouse co equipo abarrotando o campo de Coia vivindo unha xornada festiva. Ó remate do encontro a vitoria caeu do lado arxentino. Os celtiñas completaron o labor do seu fútbol vigoroso e enérxico empatando ó pouco tempo nun novo enfrontamento cos uruguaios, xa daquela campións olímpicos.

En 1927-1928 o Celta conquista novamente o título de campión da súa división, que abrangaba as rexións de Galicia, Asturias e Castela-León. Seguidamente emprende unha xira onde loitou con varios equipos arxentinos e uruguaios. Nese mesmo ano inaugúrase o novo estadio de Balaídos. O primeiro equipo céltico que pisou o céspede deste terreo estaba formado por: Lilo, Cabezo, Pasarín, Pareditas, Cárdenes, Vega, Reigosa, Chicha, Rogelio, Polo e Gracilia. Como rival tivo naquela ocasión ó Real Unión de Irún, un dos grandes do fútbol español da época, que porén, caeron fronte aos vigueses, nunha tarde inspiradísima celeste, por sete goles a nada.

A tempada 1928-1929 foi a primeira do campionato que se disputa na actualidade e que comprende a totalidade de España. Ao Celta de Vigo corresponderíalle xogar na primeira división por herdanza dos títulos dos clubs fundadores, Vigo Sporting e Fortuna, xa que o primeiro dos nomeados acadou o subcampionato da Copa de España en 1908. A pesar de todo, o Celta tivo que comezar a historia ligueira na segunda división. Ó final da tempada o Celta remata na posición 9 dun total de 10 equipos consumando o primeiro e único descendendo á terceira división xa que daquela non se creara aínda a segunda B por non ser necesaria debido ao baixo número de equipos existentes na época. Ó ano seguinte volveuse á segunda división.

En 1931-1932 o Celta gaña outra vez o título de campión galego; desta vez en loita co Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol, o Eiriña, o Burgas e o CD Ourense. Posteriormente chegou ás semifinais da Copa de España, sendo eliminado polo Fútbol Club Barcelona. En 1933-1934, nesta tempada o Celta rematou en cuarto lugar da Segunda División de liga.

Na temporada 1934-1935 o Celta queda campión do grupo 1 da segunda división pero non se chegou a conseguir o ascenso á primeira división xa que na liguiña de promoción, na que se enfrontaron os 2 primeiros de cada un dos catro grupos da división de prata e na cal ascendían os dous primeiros clasificados, o club vigués quedou terceiro a tan só un punto do CA Osasuna. Na seguinte tempada, conseguiuse o ansiado ascenso tras quedar primeiro de grupo e campión de liga grazas ó primeiro posto acadado na liguiña de ascenso. O debut en primeira tivo que aplazarse 3 anos a causa da guerra civil.

Franquismo

En 1939 o Celta debuta na máxima categoría. A primeira tempada o club consegue manterse grazas a gañar o partido de promoción pola permanencia. A seguinte tempada tampouco foi boa e o club sálvase da promoción por un punto de diferencia. Nas tempadas 1941-1942 e 1942-1943 acádase un meritorio 5º posto. O ano seguinte o equipo consuma o descenso tras quedar na derradeira posición e comeza un ciclo de ascensos e descensos.

A partires de 1947 o equipo viviu unha época de esplendor, adestrado polo mítico gardametas internacional Ricardo Zamora. Na tempada 1947-1948 concluíu o campionato nacional de liga de primeira división na cuarta posición, a 6 puntos do campión, o F.C. Barcelona, ao que conseguira derrotar por 3-2 nun Balaídos que converteu en feudo inexpugnábel, no que tamén caeron goleados o Athletic Club (5-1), o Valencia (5-2) e o Real Madrid (que colleitou aquela tempada senllas derrotas por 4-1 fronte os celestes, tanto en Vigo como en Chamartín). Pahiño, que con 23 goles alzouse co título de pichichi do campionato, e Hermidita, con 14, foron os máximos anotadores nunha plantilla na que formaron tamén Simón, Mesa, Cabiño, Gaitos, Gabriel Alonso, Yayo, Roig, Miguel Muñoz, Aretio, Vázquez, Retamar, Zubeldia, Salas, Marzá, Venancio, Bermejo e Montoro. A magnífica tempada dos olívicos tivo a súa rúbrica co subcampionato da Copa do Xeneralísimo. O Celta alcanzou a final, que se disputou no estadio madrileño de Chamartín o 4 de xullo de 1948, logo de superar unha agónica eliminatoria de semifinais fronte ao R.C.D. Español, que precisou para se resolver de dous partidos de desempate, coas súas respectivas prórrogas, que se celebraron en Madrid na mesma semana da final. As xestións da directiva céltica para acadar un aprazamento resultaron infrutuosas e o equipo, esgotado, saltou ao céspede do coliseo madridista para enfrontarse ao Sevilla F.C.. Aos 6 minutos de xogo un gran disparo de Miguel Muñoz adiantou ao Celta no taboleiro. Porén o Sevilla reaccionou axiña, e no minuto 19 acadaba o empate. O Celta mantivo o tipo tres cuartos de hora máis, pero tralo descanso, nun fatídico minuto 14 os vigueses encaixaron o segundo gol, nunha xogada que significou ademais a lesión do porteiro Simón, que o obrigou a retirarse do terreo de xogo. Daquela o regulamento non permitía substitucións, de xeito que o equipo ficou con 10 xogadores e o seu posto baixo os paus tivo que ser cuberto por Gabriel Alonso, quen nos seguintes 15 minutos encaixou dous goles máis, que deixaron o marcador no definitivo 4-1 a prol dos andaluces.

Nos anos 50 seguiu na liña de bos resultados de finais dos 40 e mantívose entre os equipos destacados de primeira división.

O final desa década de esplendor céltico chegou co descenso na tempada 1958-59. O purgatorio da 2ª prolongouse durante práctica totalidade da década de 1960, pois a pesar de contar con varias oportunidades (promocións contra Real Valladolid en 1960, Real Oviedo en 1961 e CE Sabadell FC en 1966), o pretendido ascenso resultoulle esquivo ata a tempada 1968-1969, en que conseguiu por fin o regreso á categoría de ouro.

Ascenso e clasificación para a Copa da UEFA

O Celta dos anos 70 volveu marcar fitos no fútbol galego. Logo dunha primeira tempada 1869-1970 de reencontro coa categoría, o Celta da 1970-1971, dirixido por Juanito Arza, un dos seus verdugos sevillistas na final do 1948, mantivo Balaídos invicto. O conxunto dos Quique Costas, Manolo, Lezcano, Doblas, etc. concluíu a liga clasificado nun sexto lugar que lle permitiu clasificarse para a primeira edición da Copa da UEFA, no que representou a primeira participación dun equipo galego nas competicións europeas. A experiencia, con todo, foi efémera, ó non poder superar a primeira eliminatoria fronte ó Aberdeen FC escocés.

Época de ascensos e descensos

A partires da tempada 1974-1975 o Celta instalouse no "ascensor", encadeando descensos e ascensos entre primeira e segunda. Así, o descenso da 74-75 seguiron un ascenso na 75-76, un novo descenso na 76-77 e outro ascenso na 77-78. Tanta inestabilidade acabou por pasar factura, e tralo descenso a 2ª da tempada 78-79, sucedeu a maior calamidade na historia recente do club: un descenso a 2ª B.

Volta a primeira

A nefasta tempada 1979-1980 que se pechou cun descenso a 2ª B consumado na última xornada conlevou a contratación do técnico iugoslavo, Milorad Pavic, que obrou o milagre de facer ó equipo campión de 2ª B e, o ano seguinte, de 2ª A, recuperando en dúas tempadas consecutivas todo o terreo perdido. Militaban xa no equipo algúns dos grandes mitos do celtismo dos 80, como Lucas, pichichi de 2ª, ou o porteiro Javier Maté.

Homenaxe a Manolo

O Estadio de Balaídos dispúñase a estrearse como campo da fase final da Copa do Mundo de 1982 na súa mellor condición, como sede dun equipo de primeira categoría. O Celta aproveitou esa circunstancia para organizar unha homenaxe ao seu gran capitán, Manolo, un home que protagonizara todas as alegrías e desventuras da década anterior, desde os meles da UEFA e os ascensos ós desgustos dos descensos, e dese modo celebrouse un encontro amigábel contra a selección polaca, que concluíu o mundial no terceiro posto.

Dous anos en segunda

O terceiro ano de Pavic (1982-83), de novo en primeira, concluíu de xeito moi triste no Estadio José Zorrilla de Valladolid, cunha derrota que materializou un descenso olívico máis. As tempadas 1983-84 e 1984-85, en segunda, vivíronse de forma moi distinta:

Na primeira delas, sexto clasificado, o ascenso escapouse finalmente por un só punto: campión o Castela da "Quinta del Buitre" e subcampión o Bilbao Athletic do pichihi Julio Salinas, ambos os filiais de Real Madrid e Athletic de Bilbao, respectivamente, e imposibilitados para o ascenso, polo que subiron o 3º, 4º e 5º clasificados, Hércules CF, Racing de Santander e Elche CF, con 3, 2 e 1 puntos máis que os vigueses.

Na tempada seguinte, o equipo adestrado por Félix Carnero, xogador fundamental nos 70 e Director Técnico imprescindíbel do gran Celta do século XXI, logrou o seu obxectivo nunha liga que puido malograrse polos convulsos acontecementos das primeiras xornadas, cando unha folga de xogadores a nivel nacional obrigou ós clubs a aliñar a xogadores xuvenís nas primeiras xornadas. Superadas todas as dificultades, aquel Celta de Félix, comandado por Javier Maté, Lemos, Atilano, Alvelo, Cortés, Pichi Lucas e a solvencia do líbero mundialista hondureño Gilberto, recuperou unha vez máis a praza na máxima categoría.

Novo descenso en 1986

A tempada 1985-1986 supuxo un novo fracaso. A contratación do brasileiro Baltazar non foi suficiente para fortalecer un equipo gafado, que empezou a fraguar a súa desgraza no encontro inaugural do campionato; a pesar de arrincar un valioso empate a domicilio fronte á Real Sociedad dos Arconada, Satrústegui, Zamora ou López Ufarte, en Atocha caeu lesionado de gravidade o porteiro céltico Javier Maté, unha das grandes estrelas do equipo, que dixo adeus á tempada. Aquela lesión coincidiu co servizo militar do seu substituto, a gran promesa navarra Patxi Villanueva, polo que a responsabilidade de cubrir a portería celeste recaeu no terceiro porteiro do equipo, Chuco. Durante bastantes encontros da primeira volta o centrocampista Vicente tivo que ser o designado para aliñarse no acta como porteiro suplente. Cando se reabriu o mercado de fichaxes, o Celta fíxose cos servizos do galego Pereira, procedente do Atlético de Madrid, pero o seu concurso non puido contrarrestar a dinámica negativa, e o descenso consumouse con moitas xornadas de anticipación.

Cambios no sistema de competición e novo ascenso

En 1986, alarmada polo declive da audiencia e repercusión do fútbol, a federación decidiu innovar no sistema de competición para o campionato de 1986-1987 en primeira e segunda división, de modo que tras unha fase regular na que se enfrontaron todos os equipos entre si a dobre volta, conformáronse 3 grupos que pelexarían por distintos obxectivos.

O Celta conservou o bloque de xogadores da tempada anterior, que se puxo ás ordes do británico Collin Addison. A incorporación máis destacada foi a do central irlandés Jimmy Hagan, fichado para reforzar ó equipo con vistas ó tramo decisivo da competición. Concluída a fase regular do campionato na 4º praza, o Celta quedou encadrado no grupo par, xunto a Deportivo, Castellón, Málaga, Rayo Vallecano e Sestao.

As vitorias sobre os coruñeses, permitiron ó cadro celeste chegar á última xornada dependendo de si mesmo para conquistar o ascenso: só unha derrota céltica permitiría ó Castellón, que se enfrontaba ó Deportivo de Arsenio Iglesias no Ánxo Carro de Lugo, soñar coa posibilidade de ascender.

Os albinegros recibiron facilidades dos desterrados herculinos, que aliñaron un equipo formado por xogadores xuvenís e do filial; non desaproveitaron a ocasión e impuxéronse con comodidade. Con todo, a súa vitoria resultou pírrica, posto que o Celta, arroupado por centos de afeccionados, desprazados nun convoi ferroviario especial a Sestao, logrou manter o empate que lle servía para ascender a primeira xunto a Valencia e Logroñés, vencedores do grupo impar.

Primeira división a finais dos 80

Tralo éxito na liga máis longa da historia, culminada co ascenso e o pichichi para Baltazar, a tempada 1987-88 presentábase como a oportunidade para Collin Addison de lucirse na elite do fútbol español. Con todo, sorprendentemente o técnico non se incorporou a dirixir a pretemporada. A dirección do plantel recaeu en José María Maguregui, quen conseguiu manter o nivel do equipo na nova categoría, acariñando a posibilidade de retornar ás competicións europeas ó ocupar durante moitas xornadas os postos de cabeza.

Finalmente o equipo baixou o seu rendemento nas últimas xornadas e concluíu o campionato en 7º posto. Maguregui presentou a súa dimisión varias xornadas antes da conclusión, debido ó malestar que provocou entre os afeccionados a confirmación do seu compromiso para liderar a tempada seguinte o Proxecto II de Jesús Gil no Atlético de Madrid, precisamente o equipo contra o que o Celta estaba loitando por unha praza para a Copa da UEFA.

Maguregui levou consigo ó goleador Baltazar, que no Atlético conseguiu proclamarse pichichi. Con todo o Celta non os botou de menos. Substituído o vasco polo asturiano Novoa, antigo xogador céltico, e o brasileiro polo seu compatriota Amarildo, o Celta 1988-89, coas incorporacións de Zoran Maric e Pedro Herrera, rexistrou números moi similares ós da campaña anterior, concluíndo o torneo ligueiro en 8ª posición. Pero este período caracterizado polo xogo brillante foi breve. A sensacional campaña de Amarildo non pasou desapercibida para os grandes de Europa e a choiva de ofertas concretouse nun traspaso, estratosférico para a época, ó SC Lazio de Roma, que pagou entón 200 millóns de pesetas polo xogador.

O Celta na tempada 1989-90 fichou a outro dianteiro brasileiro, Nilson, confiando en repetir o éxito das contratacións anteriores. Con todo, o seu rendemento foi moi inferior ó esperado. Incorporouse tamén outro brasileiro, Fabiano que rendeu por encima do seu compatriota. Fichouse tamén a un xogador do Deportivo, o dianteiro Vicente Celeiro. Pero a pesar de todo isto no se conseguiu manter a categoría.

Ascenso en 1992

Houbo que esperar á tempada 1991-1992 para recuperar o lugar en primeira. O ex xogador internacional Chechu Rojo, incorporado a finais da tempada anterior construíu un equipo sólido que se alzou con solvencia co título de campión da segunda división varias xornadas antes da conclusión da liga.

O veterano Javier Maté cedeu a titularidade baixo os paus ó prometedor Patxi Villanueva, que callou unha tempada magnífica. O corpo técnico sondara o mercado balcánico e del tróuxose dúas fichaxes: o defensa Goran Juric e o dianteiro Vladimir Gudelj, un novísimo e corpulento goleador serbo-bosnio que se proclamou pichichi da categoría. Pouco tempo fíxolle falta ó mozo Gudelj para converterse nun dos xogadores máis queridos para os celtistas. A felicidade que lle proporcionaba o seu éxito futbolístico contrastaba co desasosego que manifestaba polos acontecementos que se vivían no seu país, onde estalaba unha cruenta guerra que atrapaba á súa familia. Fichouse tamén a outro ídolo do eterno rival, o interior "Fraco" Gil. Fabiano converteuse no director de xogo e Jorge Otero consolidouse no lateral dereito.

Conseguido o ascenso, o Celta enfrontouse naquelas datas a outro reto transcendental para o seu futuro: a conversión en S.A.D. Era preciso cubrir o capital social establecido polo Consello Superior de Deportes para manterse nas competicións profesionais. Finalmente, o celtismo respondeu ós chamamentos da directiva presidida por Ignacio Núñez e púidose liquidar ese trámite.

Reintegrado unha vez máis á primeira división, a tempada 1992-93 Chechu Rojo conseguiu dotar ó equipo dunha solidez defensiva que proporcionou ó seu porteiro o trofeo Zamora polo menos goleado empatado con Paco Liaño. Santiago Cañizares, fichado ese verán, comezaba a percorrer o camiño que lle levaría á internacionalidade e a defender a portería española no seguinte mundial.

O eixo da defensa de Rojo reforzouse cun central internacional que o preparador bilbaíno coñecía ben: o seu paisano Patxi Salinas que foi o complemento á solvencia e clase de Goran Juric. Jorge Otero apropiouse do lateral dereito e o esquerdo confiouse ó campión olímpico, Rafael Berges. Na vangarda incorporouse un extremo campión de Europa, Milorad Ratkovic, para asistir ó ariete serbo-bosníaco.Nesta tempada conquistouse pracidamente a permanencia.

Final de Copa de 1994

En 1994 viviuse a maior mobilización da historia do celtismo, co desprazamento a Madrid dos 25.000 afeccionados para os que se ofreceron localidades da final da Copa do Rei, o 20 de abril de 1994.

O Celta de Chechu Rojo alcanzou a final tras superar nas semifinais ao Tenerife de Jorge Valdano, que se presentaba nesa cita coma o gran favorito. No primeiro partido, o Celta acadou a vitoria por 2-0 en Balaídos obra de Gudelj. Co pase a final prácticamente asegurado, no encontro de volta o Tenerife púxolle emoción empatando a 2-2 a eliminatoria a media hora da conclusión pero en 5 minutos de inspiración, de novo Gudelj, anotou 2 tantos poñendo como resultado final un 4-2 que daba o pase á final ao Celta.

Tras superar as semifinais, o rival que esperaba na final era o Real Zaragoza, adestrado por Víctor Fernández, equipo que cegaba en Europa co seu fútbol. Tras rematar os primeiros 90 minutos e a prórroga en empate, finalmente chegouse ós penaltis, onde o porteiro blanquillo Andoni Cedrún detivo un penalti moi mal executado ó defensa do Celta, Alejo, e tras ese erro clamoroso, Higuera marcou o penalti definitivo que levou a Copa do Rei á cidade de Zaragoza, deixando co mel nos beizos ós afeccionados galegos.

O verán de 1995

A Lei do Deporte obrigaba ós equipos, que se converteron gradualmente en Sociedades Anónimas Deportivas, a presentar uns avais como previsión de débedas antes do 1 de agosto de 1995. Por causas diversas, o Sevilla FC e o Celta de Vigo non puideron cumprir tales prazos, e foron descendidos administrativamente á Segunda División B. Decenas de miles de afeccionados de ambos clubs botáronse á rúa repetidas veces para defender os intereses dos seus equipos. A pesar de que se solicitou un tempo de espera para a constatación da ausencia destes avais, a Federación desde un primeiro momento entregou as prazas ao Valladolid e Albacete, que tiñan que descender ese ano.

Ó final, a presión das afeccións conseguiu facer retractarse á Federación e esta terminou admitindo aos 4 clubs en Primeira División, formando unha liga de 22 equipos que tivo dous anos de vida.

A mellor etapa

Durante estes anos o Celta caracterizouse por practicar un fútbol atractivo e alegre, grazas á clase e liderado de xogadores como Mostovoi, Karpin, Gustavo López, Mazinho ou Haim Revivo, comandados pola dirección técnica de Víctor Fernández. O Celta mantívose nos primeiros postos da clasificación, con memorabéis actuacións na Copa da UEFA ante recoñecidos equipos europeos, como a Juventus, o Liverpool FC, o Aston Villa ou o Benfica.

O Celta tivo de novo contra o Real Zaragoza unha oportunidade para estrear a súa palmarés nunha final de Copa del Rey na que partía como favorito. Tralo optimismo inicial co golazo de Alexander Mostovoi, a desesperación apoderouse dos incansabéis afeccionados celestes que viron, impotentes, como o Zaragoza remontaba e volvía repetir o éxito de 1994. Unha tempada máis tarde, Víctor Fernández asumiu o final dun exitoso ciclo no que logrou que o Celta practicase un gran fútbol e clasificásese sempre para disputar as competicións europeas, incluíndo a conquista da Copa Intertoto no ano 2000 que lle outorgou ao Celta unha praza para a Copa da UEFA.

A substitución tomouna Miguel Ángel Lotina, un adestrador que apostou desde o principio por un fútbol moito máis defensivo, basto e a longo prazo práctico. Aínda que a afección gozou moito menos en canto a espectáculo, púidose celebrar a consecución dun soño, a clasificación para disputar a Liga de Campións, tras unha tempada histórica na que o Celta finalizou no cuarto posto na Liga, complementada máis se cabe, coa conquista do prestixioso trofeo Zamora para o porteiro arxentino, Pablo Cavallero.

Tanto afección como directiva e xogadores eran moi optimistas. O equipo era sólido, ordenado e compacto e estaba formado por xogadores de gran calidade e experiencia. O Celta tiña ó alcance da súa man abrir un novo período na súa historia, un período histórico no que loitaría por crecer e equipararse o máximo posíbel aos grandes equipos nacionais e europeos.

Por desgraza o exceso de euforia e confianza comezouse a facer patentes nas primeiras xornadas da tempada 2003-2004 cuns nefastos resultados que fixeron cambalearse todo o proxecto. Mentres a situación na táboa era cada vez máis preocupante, o equipo respondía na Liga de Campións, clasificándose como segundo do seu grupo por detrás do AC Milan e por enriba do Club Bruxas e o Ajax Amsterdam.

O descenso a segunda división

Imaxe do Partido Athletic de Bilbao - Celta de Vigo no 2005

A pesar deste éxito, as humillantes goleadas ante o eterno rival, o Dépor (0-5) e ante a Real Sociedad e (2-5) provocaron unha situación insostíbel que lle custou o posto a Miguel Ángel Lotina. O experimentado Radomir Antic foi o seu substituto, e a pesar dos seus bos resultados iniciais, que auguraban un rexurdir do equipo, o Celta quedou eliminado da Liga de Campións ante o Arsenal en oitavos de final. Derrota tras derrota, o Celta encamiñábase cara ó pozo da Segunda División sen freo. Excedido pola situación, e sen o escaparate da Champions, Radomir Antic dimitiu e abandonou o barco. O club, á desesperada, fixo recaer a responsabilidade en dous homes da casa, Ramón Carnero e Rafael Sáez. Este tándem obtivo moi bos resultados, que a pesar de todo foron insuficientes para evitar un inesperado descenso. Estes últimos partidos serviron para mostrar o esbozo da nova perla da canteira viguesa Borja Oubiña.

Ascenso e clasificación para a UEFA

Moitos xogadores que foron pezas crave en anteriores proxectos causaron baixa no persoal. Da man de Fernando Vázquez e cun equipo renovado con xogadores con experiencia e incorporacións do equipo filial, o Celta dispúxose a intentar retornar á máxima categoría canto antes. A pesar dos altibaixos iniciais, o equipo tomoulle o pulso á categoría e tras unha segunda volta humillante, logrou un ascenso imprescindíbel, con suspense incluído debido ó polémico caso Toni Moral, non resolto aínda.

No seu retorno a Primeira división española, o Celta confeccionou un persoal interesante cun orzamento moi baixo. O equipo deu a talla e desde as primeiras xornadas ocupou os primeiros postos da clasificación, logrando a permanencia matemática sen sufrimento algún e logrando o inesperado regreso a Europa grazas á 6º praza final obetenida no campionato. O éxito é aínda maior se se ten en conta que na tempada do retorno, o Celta venceu en campos como o Santiago Bernabéu, Riazor, Vicente Calderón ou Ruiz de Lopera.

Tempada 2006/2007 : O descenso

Na pasada tempada o equipo continuista, que comezou estando dirixido por Vázquez como na campaña previa, mostrou unha tremenda irregularidade tanto no seu xogo como nos resultados. O brillante inicio de campaña levado lonxe de Balaídos quedou empañado no seu propio estadio onde con Fernando Vázquez só se conseguiu un triunfo en toda a tempada, o que levou, quizais demasiado tarde, á destitución do técnico galego e á contratación do ex-futbolista do FC Barcelona, membro do "Dream Team" e Balón de Ouro, Hristo Stoichkov, ata ese momento seleccionador de Bulgaria como única experiencia como técnico, debutando con triunfo e ilusionando coa loita pola salvación. Pero o equipo non aproveitou oportunidades que lle valeron a permanencia (como o partido fronte a un rival directo pola salvación, a Real Sociedad) e, aínda que mantivo a esperanza de eludir o descenso ata a última xornada (conservando posibilidades matemáticas aínda que sen depender de si mesmo), este consumouse finalmente. O Celta venceu 2-1 ao Getafe CF ante un estadio case abarrotado, pero non foi suficiente dados os triunfos de Athletic de Bilbao e Betis, que conseguiron así manter a categoría.

Novo ciclo en segunda

11 inicial no trofeo Cidade de Pontevedra 2009.

Para a nova tempada en segunda división, o Celta desfíxose de bastantes xogadores do anterior proxecto. No caso de Gustavo López, que se quedou sen renovar, houbo polémica xa que insinuou que non podía aceptar o contrato ofrecido por ser un soldo moi baixo. Por presión da afección á directiva para que se lle subise o soldo a Gustavo López e seguise así no Celta, o presidente Carlos Mouriño comunicou o soldo que se lle ofreceu ó xogador e comprobouse que non era para nada despreciabel.

Continuouse con Hristo Stoichkov como primeiro adestrador, pero fichouse como segundo a un adestrador con experiencia, Antonio López. Tamén houbo cambios na dirección deportiva, despediuse a Félix Carnero e ocupou o seu lugar Ramón Mártinez, antigo director deportivo do Real Madrid.

O 31 de decembro de 2007 Hristo Stoichkov foi destituido como adestrador do Celta tralos malos resultados colleitados polo equipo no comezo da tempada 2007-2008. Ocupou o seu lugar López Caro, quen tampouco obtivo moi bos resultados e foi despedido a unhas xornadas do final do campionato liguero. O posto foi outorgado provisionalmente a Antonio López, que fora segundo adestrador, con todo, os seus pobres resultados deixaron ao club ó bordo do descenso, o que tamén lle custou o seu posto. As últimas xornadas de competición estiveron a cargo de Alejandro Menéndez, adestrador do equipo filial, cun único obxectivo: conseguir a salvación matemática. O club conseguiuno con relativa facilidade e terminou a tempada na décimo sexta posición, só dous puntos por enriba do descenso. Especialmente remarcabel foi a última xornada, onde se medían en Balaídos Celta e Alavés. A derrota do club céltico, que ofreceu unha moi mala imaxe, custoulle a categoría ó tamén galego e irmanado equipo Racing de Ferrol.

A mala tempada 07-08 trouxo consigo unha nova reestruturación da prantilla. Apostouse por futbolistas galegos dando continuidade a Rubén, Dani Abalo, Roberto Lago e Jonathan Vila; mais os fichaxes de Noguerol e Trashorras; e a volta de Borja Oubiña, que fora cedido ao Birmingham. A canteira tamén contribuiu a galeguización do equipo coa promoción de Iago Aspas, que tivo un importante papel na salvación do celta no derradeiro partido de liga con 2 goles fronte ó Alavés.

A metade da liga o Celta completaba unha boa primeira volta estando no grupo de aspirantes ao ascenso maila comezar a tempara con moi mal pé perdendo os 3 primeiros encontros. A segunda volta foi unha verdadeira costa abaixo para o equipo pasando de estar a 1 punto dos postos de ascenso a pasar varias xornadas en descenso e salvarse nas últimas xornadas de liga. A causa deste mal tramo ligueiro, o adestrador Pepe Murcia foi destituido e Eusebio Sacristán (antigo xogador do Celta nas tempadas 95/96 e 96/97) pasou a ocupar o cargo. Na penúltima xornada e grazas a dous tantos do canteirán Iago Aspas, no seu debut, o club certificou a permanencia nuncha tempada desastrosa que a piques estivo de significar a desparición do club se o descenso se chegase a consumar dado os problemas económicos.

A débeda de aproximadamente 69 millóns de euros que saiu a luz durante a tempada grazas a permanencia púidose completar a lei concursal coa que conseguíuse reducir a menos da metade: 30 millóns de euros.[4]

Logros históricos

O equipo vigués non conta con títulos nacionais, aínda que foi tres veces subcampión da Copa do Rei (1948, 1994 e 2001)[5] e gañador dunha Copa Intertoto en 2000[6], maior logro na historia do club vigués.

Participou 7 veces na Copa da UEFA (deixando fóra a equipos como Liverpool, Estrela Vermella, Juventus ou Aston Villa) e unha vez na Liga de Campións na que chegou a oitavos de final onde caeu ante o Arsenal F.C.[7][8][9][10]

Uniforme

  • Uniforme titular: Camiseta azul celeste, con adornos vermellos e negros no pescozo; pantalón branco e medias azul celeste.
  • Uniforme suplente: Camiseta naranxa, pantalón negro e medias naranxas.

Os seus patrocinadores son Citroën e Estrella Galicia e a súa marca é Umbro.

Himno

O himno do equipo está dispoñible en lingua galega (mp3), e en castelá (mp3). Aquí pode ler a súa letra.

Outros temas recurrentes du celtismo son "A Rianxeira", "O Miudiño" (cancións populares), ou a "Foliada celeste" (do grupo A Roda).

Estadio

Artigo principal: Estadio Municipal de Balaídos.
Vista da bancada principal do estadio
Aspecto das gradas de río alto e río baixo, durante o encontro Celta-Juventus, da Copa da UEFA.

O Celta xoga os seus partidos como local no Estadio Municipal de Balaídos, inaugurado en 1928 cun partido entre o Celta e o Real Unión. A derradeira remodelación foi en 1980, con motivo do Mundial de 1982. A súa capacidade é de 31.800 espectadores sentados, e as dimensións do campo son de 105 x 68 metros.

Acolleu tres encontros do Mundial de 1982, nomeadamente o Italia-Polonia, Italia-Perú e Italia-Camerún[11]. Cabe destacar que ocasionalmente celébranse concertos nel[12].

Baixo as gradas de río alto e río baixo hai un complexo polideportivo[13] e o río Lagares atravesa por canalización subterránea o estadio.

Outras instalacións do club son o Complexo Deportivo da Madroa e Campo de Fútbol de Barreiro.

Datos do club

  • Tempadas en : 46
  • Tempadas en : 30
  • Tempadas en 2ªB: 1
  • Tempadas en : 1
  • Xogadores achegados á Selección de Galiza: 22*
  • Xogadores achegados á Selección de España: 19[14]
  • Adestrador con máis encontros: Víctor Fernández con 152 entre os anos 1998 e 2002[14]
  • Primeiro gol da historia: Ramiro, sendo o primeiro gol marcado polo Celta en Liga, no partido Celta-Iberia (1-2) que se xogou en febreiro de 1929, en Segunda división.

En Primeira división

Sede social do Real Club Celta de Vigo, na rúa Conde de Gondomar.
  • Maior número de puntos: 64 puntos (1998-99)
  • Maior número de vitorias: 20 (2005-06)
  • Maior número de goles obtidos: 69 goles (1998-99)
  • Menor número de goles obtidos: 21 goles (1958-59)
  • Mellor media de goles obtida: 2,42 goles por partido (1949-50)
  • Maior número de goles encaixados: 75 goles (1943-44 e 1955-56)
  • Menor número de goles encaixados: 32 goles (1970-71 e 1992-93)
  • Maiores goleadas conseguidas:[14]
  • Maiores goleadas encaixadas:
    • Como local: 0-5 fronte ó Oviedo (1943/44)
    • Como visitante: 10-0 fronte ó Athletic Club (11/01/1942)

Datos do club en competicións europeas

Participacións en competicións europeas: 9

Partidos históricos en Europa

Tempada Local Resultado Visitante Liga Estadio
1998-99 Celta de Vigo Galicia 7-0 Modelo:ROMb FC Arges UEFA Balaídos
1998-99 Aston Villa Inglaterra 1-3 Galicia Celta de Vigo UEFA Villa Park
1998-99 Celta de Vigo Galicia 3-1 Inglaterra Liverpool UEFA Villa Park
1998-99 Liverpool Inglaterra 0-1 Galicia Celta de Vigo UEFA Anfield
1999-00 Celta de Vigo Galicia 4-0 Suíza Lausanne UEFA Balaídos
1999-00 Celta de Vigo Galicia 7-0 Portugal Benfica UEFA Balaídos
1999-00 Celta de Vigo Galicia 4-0 Italia Juventus UEFA Balaídos
2000 Celta de Vigo Galicia 2-1 Zenit San Petersburgo Intertoto Balaídos
2000-01 Celta de Vigo Galicia 5-3 Modelo:SERb Estrela Vermella UEFA Balaídos
2000-01 Celta de Vigo Galicia 1-0 Ucraína Shakhtar Donetsk UEFA Balaídos
2000-01 Celta de Vigo Galicia 2-1 Modelo:GERb Stuttgart UEFA Balaídos
2000-01 Celta de Vigo Galicia 3-2 España Barcelona UEFA Balaídos
2001-02 Celta de Vigo Galicia 4-0 República Checa Sigma Olomouc UEFA Balaídos
2002-03 Celta de Vigo Galicia 2-1 Escocia Celtic Glasgow UEFA Balaídos
2003-04 Celta de Vigo Galicia 3-2 Países Baixos Ajax Ámsterdam Liga de Campións Balaídos
2003-04 AC Milan Italia 1-2 Galicia Celta de Vigo Liga de Campións San Siro
2006-07 Celta de Vigo Galicia 3-1 Bélxica Standard de Liexa UEFA Balaídos
2006-07 Celta de Vigo Galicia 1-0 Fenerbahçe UEFA Balaídos
2006-07 Celta de Vigo Galicia 2-1 Spartak de Moscova UEFA Balaídos


Xogadores

Cadro 2009/10

Posto País Xogador
1 POR España Falcón
3 DEF Galicia Roberto Lago
4 MED Galicia Oubiña Capitán
5 MED España Michu
6 MED Galicia Jonathan Vila
7 MED Galicia Dani Abalo
8 MED España Lopez Garai
9 DIA Grecia Papadopoulos
10 MED Galicia Trashorras
11 DIA Galicia Iago Aspas
12 DEF Galicia Hugo Mallo
13 POR Galicia Yoel
14 DIA Galicia Joselu
15 DEF Portugal Vasco Fernandes
Posto País Xogador
16 DEF Galicia Noguerol
17 DEF Pedro Botelho
18 DIA Saulo
19 DIA España Aarón Ñíguez
20 DIA Cellerino
21 MED España Cristian Bustos
23 DEF España Sergio Ortega
24 DEF España Catalá
25 MED Danilo
29 MED Galicia Toni
30 DIA España Túñez
- MED Galicia Álex López
- DEF España Carlos David
38 DIA España Oriol Riera
- DIA Galicia Toni

Gañadores dos Trofeo Pichichi e Zamora

Pichichi

Tempada Xogador Goles
1947-48 Galicia Pahiño 23


Zamoras

Tempada Xogador Partidos Goles Promedio
1992-93 España Santiago Cañizares 36 30 0.83
2002-03 Pablo Oscar Cavallero 34 27 0.79
2005-06 España José Manuel Pinto 36 28 0.78


Máximos goleadores en Primeira División

Pos. Xogador Goles
Galicia Hermidita 105
Galicia Mauro 69
Bosnia e Hercegovina Vlado Gudelj 68
Galicia Pahiño 61
Alexander Mostovoi 55
España Roig 53
España Del Pino 49
España Atienza 47
España Olmedo 46


Xogadores con máis partidos en Primeira División

Pos. Xogador Goles
Alexander Mostovoi 235
Galicia Manolo 226
Galicia Juan 219


Xogadores históricos

Corpo técnico

Actual

Adestradores destacados

Xunta directiva

Palmarés

Torneos rexionais

(*Chamada neste ano Copa Xunta de Galicia)

Torneos nacionais

Torneos internacionais

Torneos amigables de máis importancia

Filial

Artigo principal: Real Club Celta de Vigo B.

O Real Club Celta de Vigo B é o equipo filial do Celta. Foi fundado en 1989 e xoga no Grupo I da Segunda División B, o seu adestrador é Milo Abelleira. Tradicionalmente chámaselle Celta Turista, pois foi o Club Turista (despois Celta Turista) o seu último filial, antes de fundirse co Celta, pasando a ser o seu equipo dependente. Foi unha canteira prolifera, que deu lugar a grandes xogadores, como Borja Oubiña, Michel Salgado ou Jorge Otero (os tres internacionais con España).

Xogou dúas veces a liguiña de clasificación para a Segunda División. O seu máximo rival é o Pontevedra CF, que xoga na súa categoría.

Historicamente, os clubs filiais que tivo o Celta foron o Berbés, o Gran Peña (despois Gran Peña Celtista), e o Club Turista (despois Celta Turista). Actualmente as SADs non poden ter clubs filiais independentes delas, polo que durante a reconversión dos clubes a SADs os filiais integráronse dentro da estrutura dos clubes "paternais".

Enderezos

Sede Social

Rúa Conde de Gondomar, 1
36203 - Vigo
Tel.: (+34) 986110900
Fax: (+34) 986292040

Apartado 6143
36200 Vigo

Cidade Deportiva da Madroa

A Madroa-Candeán s/n
36217 - Vigo
Tel.: (+34) 986281862
Fax: (+34) 986281898

Museo do Club

Rúa Olímpicos s/n
36210 - Vigo
Tel.: (+34) 986213676
Fax: (+34) 986244119

Galería de imaxes

Notas

  1. 1,0 1,1 Datos xerais sobre o club na web oficial
  2. 2,0 2,1 2,2 Ficha técnica do Estadio de Balaidos en StadiumGuide.de (en inglés)
  3. CIS. Barómetro de maio 2007
  4. "O proceso concursal ó que o club vigués acolleuse en xuño pasado pra evitar a quiebra completarase ás 9:30 horas no Xulgado Número 1 do Mercantil de Potevedra coa sinatura dun convenio de acreedores que permitirá unha rebaixa da débeda de 69 a 30 millóns de euros." en Faro de Vigo (en castelán)
  5. Campións e subcampións da Copa do Rey en ESPN Deportes (en castelán)
  6. Finais da Copa Intertoto do ano 2000 na web oficial da UEFA (en castelán)
  7. "El Celta baila en el suicidio de la Juventus" en El Mundo (en castelán)
  8. El equipo de Víctor Fernández venció por 7-0 al Benfica en El Mundo (en castelán)
  9. El equipo de Víctor Fernández venció nuevamente al Liverpool con un fútbol magnífico en El País (en castelán)
  10. Resultados Grupo H da Champións League 2004/05 na web oficial da UEFA (en castelán)
  11. Encontros do mundial de 1982 en Yahoo Deportes México (en castelán)
  12. Artigo sobre grandes concertos en Vigo en La Voz de Galicia
  13. Información sobre o Complexo Deportivo Balaidos na web do concello de Vigo
  14. 14,0 14,1 14,2 Estadísticas variadas do R.C. Celta (en castelán)
  15. Campións do Campionato de Galicia en The Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (en inglés)
  16. "O Celta alza a Copa Xunta" en Faro de Vigo (en castelán)
  17. El Celta se lleva la Copa Galicia en los penaltis en Marca (en castelán)
  18. Resultados das finais da Copa Intertoto na tempada 2000 na web oficial da UEFA (en castelán)

Véxase tamén

Ligazóns externas

Modelo:Segunda Division