Estadio de San Mamés (2013)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estadio de San Mamés»)

Coordenadas: 43°15′51″N 2°56′58″O / 43.264205, -2.949369

San Mamés
Estadio de categoría 4 da UEFA
Datos
LocalizaciónPitxitxi Kalea, s/n
Bilbao, País Vasco
Construción
Inauguración16 de setembro de 2013
ArquitectoCésar Azkarate
Custo218 000 000
Estadio
SuperficieCéspede
Dimensións105 x 68
Capacidade53.289
PropietarioSan Mamés Barria S.L.
(Athletic Club, Deputación Foral de Biscaia, Goberno vasco, BBK e Concello de Bilbao)
LocalíaAthletic Club
Para o antigo estadio de San Mamés véxase: Estadio de San Mamés (1913).

San Mamés é un estadio de fútbol situado no barrio de Basurtu da cidade de Bilbao, no País Vasco. Foi inaugurado na súa primeira fase de construción o 16 de setembro de 2013 e é o sucesor do antigo San Mamés. É utilizado principalmente polo Athletic Club para a práctica do fútbol, aínda que terá outros usos complementarios nos que se inclúe un centro de innovación deportiva e outro de medicina deportiva, unha pista de atletismo subterránea e un polideportivo municipal. Ademais, será utilizado como recinto para concertos de grande envergadura, do mesmo xeito que o seu antecesor.

A primeira pedra colocouse o 26 de maio de 2010 e o inicio das obras foiu, oficialmente, o 25 de xuño do mesmo ano. O estadio estase realizando en dúas fases: na primeira, xa concluída, levouse a cabo a construción dos dous laterais e un dos fondos, mentres que na segunda construirase o último fondo e habilitaranse os palcos VIP. Estímase que o estadio estará totalmente construído na primavera de 2015, aínda que o Athletic Club comezou a xogar nel a partir da tempada 2013/14, a falta da construción dun dos fondos.[1] O estadio foi inaugurado na súa primeira fase de construción, o luns 16 de setembro de 2013, nun partido de liga fronte ao Celta de Vigo que gañou o equipo local por 3-2.

O novo campo ten capacidade para 53 289 localidades (ampliable en 2000 máis, segundo o arquitecto César Azcárate), e conta co rango de estadio de Categoría 4 (o máximo outorgado pola UEFA), co que poderá albergar finais organizadas pola UEFA.[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Anteproxectos[editar | editar a fonte]

O Athletic Club, xogou durante a maior parte da súa historia no antigo campo de San Mamés, o cal foi remodelado en varias ocasións desde a súa construción en 1913. A súa última gran remodelación tivo lugar en 1982, con motivo da celebración da Copa Mundial de Fútbol de 1982. Con todo, durante a década de 1990 empezouse a suscitar a construción dun novo estadio, debido a que o antigo estábase quedando obsoleto e as medidas de seguridade e acceso ao mesmo non eran o suficientemente eficientes que deberan ser. A iso sumábaselle que a UEFA cada vez esixía unhas medidas máis estritas, como a supresión das bancadas de pé ou melloras na seguridade e accesibilidade para persoas con discapacidades.


Vista panorámica do interior do estadio de San Mamés ó rematar o partido entre a Selección nacional de fútbol do País Vasco e a Selección de fútbol de Cataluña, 28 de decembro do 2014.

Vista panorámica do interior do estadio de San Mamés ó rematar o partido entre a Selección nacional de fútbol do País Vasco e a Selección de fútbol de Cataluña, 28 de decembro do 2014.


Durante a década de 1990, o concello de Bilbao comezou os primeiros proxectos para modernizar a cidade, entre eles creouse o metro de Bilbao, o museo Guggenheim en 1997 ou o Palacio Euskalduna en 1999. Nesa época buscábase un proxecto para Abandoibarra, barrio situado na ribeira da ría de Bilbao. Aproveitando isto, o arquitecto español Santiago Calatrava propuxo crear un novo estadio de fútbol nese mesmo lugar, aportando un deseño preliminar do mesmo.[4] Pero a proposta foi descartada debido a que o concello non quería construír un campo nesa zona.

Outra das propostas veu da man de Norman Foster. O afamado arquitecto británico propuxo crear o novo campo no lugar onde se situaba a antiga feira de mostras, o proxecto de Foster incluía un estadio de 55.000 espectadores de aforamento con dous centros comerciais e un edificio de oficinas baixo as tribunas. Pero a proposta tampouco frutificou debido ás dificultades arquitectónicas.[5][6]

Durante os primeiros anos da década de 2000, o por entón presidente do club, Javier Uria, comezou a tratar en serio a posibilidade de crear un novo estadio nos terreos da feira de mostras e iniciáronse os estudos pertinentes para atopar a forma de construír un estadio nesa zona. A idea do futuro proxecto foi presentada aos socios compromisarios na asemblea ordinaria anual, que deron o visto e prace á construción dun futuro campo. Desta forma comezábase a dar forma a un proxecto que anos máis tarde se convertería en realidade.

Construción[editar | editar a fonte]

A partir de 2004, a xunta directiva presidida por Fernando Lamikiz, emprendeu as xestións para que o proxecto botase a andar, o sitio elixido para construír o novo estadio foi o lugar que ocupaba a antiga feira de mostras, que perdera a súa utilidade debido á construción do Bilbao Exhibition Centre. O 7 de abril de 2006 o concello de Bilbao presentou o acordo institucional polo que se modificaba o plan para a zona de Basurto-San Mamés, de forma que se reservaba un espazo para a construción do novo campo.[7] O 28 de novembro do mesmo ano, o concello de Bilbao culminou a redacción do plan especial de renovación urbanística de San Mamés. O plan posibilitaba a creación dun novo campo de fútbol para o Athletic, cunha capacidade de entre 50.000 e 55.000 espectadores, que ocuparía unha superficie do chan de 29.634 m², fronte aos 21.500 m² do antigo estadio. Acordouse que o novo estadio sería construído sen suprimir o funcionamento do existente, e que compartiría o espazo herdado da antiga feira de mostras co novo campus da Universidade do País Vasco.[8]

O 28 de decembro de 2006 comezouse coa derriba da antiga feira de mostras, o proceso demorouse ata outubro de 2007, debido a que se fixo unha minuciosa separación dos materiais para a súa posterior reciclaxe.[9] O 19 de xaneiro de 2007 fundouse a sociedade San Mamés Barria; composta polo Athletic Club, a BBK e a Deputación Foral de Biscaia, que serían os propietarios do novo estadio. O Athletic e a Deputación Foral proporcionarían o terreo e unha parte do custo do novo estadio mentres a BBK correría coa outra parte e as fórmulas de financiamento.[10]

O 7 de marzo de 2007 presentouse o proxecto básico do novo estadio e realizouse o acto de firma da constitución de San Mamés Barría S.L.[11] O arquitecto de ACXT-IDOM, César Azkarate, explicou as características do novo estadio: a pel externa do estadio sería unha cuberta de escamas de cristal, suxeita por unha estrutura metálica a modo de rede. Esta cuberta estaría permanentemente iluminada, grazas a un complexo código de iluminación que, ao estilo do Allianz Arena de Múnic, variará en catro estados distintos. Durante o día sería transparente; de noite estaría iluminado como un faro no medio da cidade; os días de partido a iluminación sería en vermello e branco, e cando houbese un gol do Athletic uns focos situados na fachada acenderanse a modo de flashes. Ademais, o estadio contaría cunha capacidade para 56.000 espectadores, repartidos en 3 aneis e un cuarto máis pequeno, que albergaría máis de 100 palcos V.I.P.[12] O 23 de marzo do mesmo ano, convocouse unha asemblea xeral extraordinaria por parte dos socios compromisarios do Athletic, para levar a cabo a aprobación da construción do novo estadio. Realizada a votación, o proxecto foi aprobado polo 70% dos socios compromisarios.[13]


Interior do estadio de San Mamés antes do comezo dun partido.

Interior do estadio de San Mamés antes do comezo dun partido.


Interior do estadio de San Mamés durante un partido.

Interior do estadio de San Mamés durante un partido.


A partir de 2008 e debido á crise, o proxecto atrasouse, e finalmente tivo que modificarse por completo para que a construción do estadio non resultase tan custosa. Tras varios meses sen noticias sobre o novo campo, ao fin en 2009 presentouse o novo proxecto, no que se suprimiron varios elementos importantes como a terceira bancada, a fachada de escamas de vidro e algunhas cousas máis. Isto suscitou malestar entre os socios, que vían como o proxecto inicial que se lles presentou na asemblea cambiara de forma considerable. Malia iso a xunta directiva, nesta ocasión presidida por Fernando García Macua, proseguiu coas xestións pertinentes para levar a cabo a construción do campo. De novo pasou longo tempo ata que se concretou de forma definitiva o inicio das obras; así, o 26 de maio de 2010 realizouse o acto de colocación da primeira pedra, e un mes máis tarde, o 25 de xuño, deron comezo os primeiros traballos, que consistiron principalmente na adecuación do terreo e movemento de terras. Logo houbo un pequeno paro de varios meses, e non foi ata marzo de 2011 cando por fin deu comezo a primeira fase da construción, que culminou no verán de 2013, como estaba programado.

Inauguración[editar | editar a fonte]

O estadio inaugurouse o luns 16 de setembro de 2013, ás 22:00 horas, nun partido correspondente á 4ª xornada de liga da tempada 2013/14. Naquel partido o Athletic Club enfrontouse ao Celta de Vigo e o resultado final foi de 3-2 para os locais. O brasileiro Charles Dias foi o autor do primeiro gol da historia de San Mamés, adiantando ao Celta no marcador, pero só uns minutos despois Mikel San José logrou empatar para os bilbaínos. No segundo tempo o Athletic púxose por diante cun gol de Andoni Iraola e posteriormente aumentou distancias con outro de Beñat Etxebarria. Daquela Santi Mina recortou distancias para o Celta e puxo o definitivo 3-2 no marcador.[14]

Instalacións[editar | editar a fonte]

Bancadas.

O estadio foi construído para conservar e mellorar a actual atmosfera de son envolvente producida polos cánticos dos afeccionados locais. Exteriormente será un estadio de fútbol. Como resultado da condición do Goberno Vasco para a súa entrada na sociedade San Mamés Barria, e xa que logo na achega económica, acordouse que nos sotos do estadio sitúense ademais as seguintes instalacións ocupando un total de 5.434 m². Estas instalacións non afectan ao proxecto xeral do estadio, apenas supoñen un lixeiro aumento do custo e exteriormente non son apreciables.[3]

  • Módulo de atletismo cuberto de 112 metros de longo por 12 de ancho: pista de 60 metros liso e instalacións para a práctica de salto de altura, triplo salto, lonxitude, salto de pértega e lanzamento de peso.
  • Centro de innovación deportiva.
  • Centro de medicina deportiva.
  • *Polideportivo municipal con piscina, ximnasio, fitness, spa...

Outras instalacións:

  • 4 vestiarios (240 m²)
  • 40 oficinas (50 m²)
  • 48 palcos V.I.P.
  • Museo do club
  • Tenda oficial do club

Capacidade[editar | editar a fonte]

Tipo de localidade[2][3] Capacidade[2][3]
Asentos xerais 49.063
Asentos xerais desmontables 1.270
Persoas con mobilidade reducida 260
Acompañantes 260
Asentos V.I.P. 824
Asentos Premium 2.130
Palco de honra 192
Xornalistas 162
Total 53.332

Construción[editar | editar a fonte]

Modo de construción[editar | editar a fonte]

O novo San Mamés en construción.

San Mamés está construído sobre o soar da antiga feira de mostras e do antigo estadio de San Mamés, que se derribou unha vez construíronse 3/4 do novo estadio. Primeiro, levantáronse as bancadas laterais e un dos fondos. Unha vez construídas, o Athletic puido mudarse xa ao novo campo e comezar a xogar nel, a falta da construción dun dos fondos. Simultaneamente, procedeuse á derriba do antigo San Mamés (durante 2013, de forma que o histórico San Mamés logrou cumprir 100 anos de historia). Unha vez retirados os cascallos, construíuse o último fondo no lugar que ocupaba a tribuna principal do antigo San Mamés. Cando se rematou de construír este fondo, o estadio xa se atopa totalmente acabado dende principios de 2015. O resto do terreo é reutilizado para levantar varios edificios da UPV-EHU.[1]

Fases e cronoloxía das obras[editar | editar a fonte]

A continuación móstrase unha táboa coas fases e a cronolóxica oficial das obras, confirmadas polo directivo do club Juan Antonio Zarate na asemblea de socios compromisarios de 2010.[1]

Fase Operación Data de finalización
Inicio Primeira pedra. 26 de maio de 2010
Inicio das obras. 25 de xuño de 2010
Fase 1 Construción das tribunas laterais e norte. Verán de 2013
Primeiros partidos Tempada 2013/14
Fase 2 Demolición do antigo San Mamés. Tempada 2013/14
Fase 3 Construción da tribuna sur Verán de 2014
Fin total das obras. 15 de agosto de 2014

Financiamento da construción[editar | editar a fonte]

O financiamento para a construción do estadio levarase a cabo pola sociedade San Mamés Barria, composta por cinco socios, a achega económica de cada socio é a seguinte:[3]

Socio Achega
Athletic Club 50 000 000 (33 000 000 en achega económica + 17 000 000 por valor terreos antigo San Mamés)
Goberno Vasco 50 000 000
Deputación Foral de Biscaia 50 000 000 (33 000 000 en achega económica + 17 000 000 por valor terreos novo San Mamés)
Concello de Bilbao 11 000 000 (Mediante intercambio de participación na sociedade San Mamés Barria, S.L. a cambio do equivalente en licenzas municipais)
Kutxabank 50 000 000

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Servizo Estación Distancia do estadio
Metro de Bilbao San Mamés; Liñas e 200 m
Autobús Terminal de Termibús 200 m
Renfe Proximidades Bilbao San Mamés; Liñas e . 200 m
Tranvía Sabino Arana; Liña 150 m
San Mamés; Liña 300 m
Tren (Renfe Operadora) Estación de Abando 1,8 km
Tren (FEVE) Estación de Basurto-Hospital 600 m
Tren (EuskoTren) Estación de Bilbao-Atxuri 2,6 km
Aeroporto de Bilbao Sondika-Loiu 16 km
Taxi Parada de Termibús 200 m

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Athletic Club, ed. (8 de marzo de 2010). "Las obras de San Mamés Barria en breve" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2010. Consultado o 19 de xuño de 2010. 
  2. 2,0 2,1 2,2 sanmamesbarria.org (ed.). "Datos do Novo San Mamés" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2013. Consultado o 3 de xuño de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Deia (ed.). "Un campo de cinco estrellas" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de decembro de 2013. Consultado o 5 de xuño de 2013. 
  4. sanmames.org (ed.). "Foto do proxecto de Calatrava". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2011. Consultado o 26 de xuño de 2010. 
  5. sanmames.org (ed.). "Proxecto de Norman Foster". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2011. Consultado o 26 de xuño de 2010. 
  6. sanmames.org (ed.). "Proxecto de Norman Foster 2". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2011. Consultado o 26 de xuño de 2010. 
  7. sanmames.org (ed.). "Presentación do Acordo Institucional". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2009. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  8. sanmames.org (ed.). "Presentación do Plan Especial". Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2009. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  9. sanmames.org (ed.). "Demolición da antiga Feira de Mostras". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2010. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  10. sanmames.org (ed.). "Presentación da sociedade San Mamés Barría". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2009. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  11. Athletic Club (ed.). "Firma e conferencia de prensa". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  12. sanmames.org (ed.). "Presentación do proxecto básico". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2009. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  13. Athletic Club (ed.). "San Mamés Barría: Votación". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2010. 
  14. Marca, ed. (16 de setembro de 2013). "O Athletic regala a San Mamés a mellor estrea". Consultado o 17 de setembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]