Tommaso Campanella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tommaso Campanella.

Tommaso Campanella, nado en Stilo (Calabria) o 5 de setembro de 1568 e finado en París o 21 de maio de 1639, foi un filósofo e poeta italiano. Con el conclúe o pensamento renacentista. Tratou de edificar unha síntese entre metafísica, teoloxía, maxia e utopía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aos quince anos entrou na orde dominicana (o seu nome de pila era Giandomenio, pero no momento da entrada ao convento foi cambiado por Tomé). Mago e astrólogo, dominado por unha ansia de reforma universal, extraordinariamente culto era capaz de escribir e reescribir as súas obras cunha forza indomable. Estudou filosofía e teoloxía e despois dirixiuse a Nápoles. En 1591 publicou alí a súa primeira obra, Philosophia sensibus demonstrata, en defensa de Telesio, sufrindo pouco tempo despois a primeira sospeita de herexía, e sendo procesado pola súa propia Orden ao ano seguinte. Sometido a torturas e encarcerado en diversas ocasións, evadiuse dunha condena a morte finxindo estar tolo. Debido a isto non acabou na fogueira, e despois de pasar case a metade da súa vida no cárcere (27 anos) en 1626 o rei de España ordenou a súa excarceración, pero a súa liberdade durou moi pouco tras ser de novo levado á prisión en Roma. A requirimento da propia Orden Dominicana foille outorgada a liberdade total polo papa Urbano VIII. Finalmente, un inopinado trunfo en Francia coroou a súa axitada existencia.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Campanella comenzou sendo telesiano, pero á súa maneira. Para el, a mensaxe de Telesio significaba un contacto directo, a través dos sentidos, coa natureza, única fonte de coñecemento, e polo tanto unha ruptura coa cultura libresca. A Carta a Monseñor Antonio Quarengo, de 1607, mostra algunhas das ideas esenciais do programa de Campanella, que afirma, a diferencia de Telesio, que todo coñecemento deriva da sensibilidade e a ela redúcese. O coñecemento sensorial proporciona certeza absoluta e polo tanto non require probas de ningunha clase. O escepticismo non ten sentido porque hai unha facultade innata na alma que nos asegura principios indudibales, o primeiro é que existimos, pensamos, queremos e podemos. Este coñecemento de si mesmo está presuposto en calquera coñecemento das cousas exteriores. Coñecémonos, ante todo, a nós mesmos, e só coñecemos as cousas exteriores en canto nos coñecemos modificados ou impresionados por elas; e Campanella estende esta conciencia a todos os seres.

Nas súas reflexións sobre o coñecemento, que se atopan no primeiro libro da Metafísica, Campanella brindounos unha refutación do escepticismo, baseándose na autoconciencia. Esta noción tivo un gran éxito entre os seus intérpretes posteriores. Segundo Campanella, o coñecemento de si mesmo non é unha prerrogativa do home en canto ao pensamento, senón de todas as cousas. O coñecemento que as cousas teñen do distinto de si é unha sapientia illata, unha sabedoría que se adquire por contacto coas demais cousas, xa que cada cousa é modificada por outra. O sentinte non sinte calor, senón a si mesmo modificado pola calor.

Manifestouse contra a escolástica e combinaba as ideas do sensualismo e o deísmo con concepcións místico-relixiosas. Foi perseguido pola Inquisición debido á súa liberdade de pensamento. Soñaba cunha humanidade libre e próspera. Fundamentou o seu ideal comunista no mandato da razón e nas leis da natureza. Imaxinou unha sociedade comunista tanto no referente ao réxime da propiedade como na pertenza de mulleres e fillos. Moitas das súas propostas filosóficas foron semellantes ás adoptadas despois por René Descartes e por Immanuel Kant. Defende que a existencia de Deus dedúcese da existencia da súa idea no home. Campanella, partindo unha vez más de Telesio, e da súa doutrina da animación universal das cousas, avanza moito máis que el, non só movéndose na dirección conceptual dos neoplatónicos, senón mesturando con ela visións nacidas na súa ardente fantasía, coa cal formula unha doutrina máxico-animista moi extrema. As cousas, segundo Campanella, falan e comunícanse entre elas de forma directa. Por exemplo a estrela, ao lanzar os seus raios, comunica os seus coñecementos.

Obras[editar | editar a fonte]

As obras de Campanella abarcan moitos campos da filosofía. De entre os seus 82 escritos podemos destacar:

  • Philosophia sensibus demonstrata (1591).
  • Del sentido de las cosas y la magia (1604).
  • Apología pro Galileo(1616, pero publicada en 1622).
  • Epílogo magno (1604-1609).
  • Civitas Solis (1602).
  • Metafísica en 18 libros (da que Campanella fixo cinco redaccións, chegando a nós a versión latina publicada en París no 1638).
  • Teoloxía en trinta libros (1613-1624).

A cidade do sol[editar | editar a fonte]

Na Civitas Solis Campanella reflicte, ao mesmo tempo, as aspiracións de renovación espiritual e as súas conviccións máxico-astrolóxicas. Os círculos das murallas son tantos como os planetas e a cidade está construída de forma que lle permita conseguir os influxos favorables que proceden do ceo. Este cidade representa a sumas das aspiracións de Campanella.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]