Beleza
A beleza, definida como o conxunto de características dunha persoa, lugar, obxecto ou idea que proporcionan unha experiencia de percepción de pracer ou satisfacción, é unha noción abstracta vinculada a numerosos aspectos da existencia humana. Este concepto é estudado principalmente pola disciplina filosófica da estética, mais esténdese, se ben en distintos graos, noutros terreos tal que a historia, a socioloxía ou a psicoloxía.
Así mesmo, trátase dun concepto variábel segundo a época e a sociedade e mesmo dentro dunha mesma sociedade os cánones de beleza non teñen por que seren forzosamente os mesmos, mudando dun a outro individuo sen maior problema. Especial relevancia cobra o concepto de beleza dentro das artes, onde, ao igual que no resto de disciplinas, tamén foi mudando a súa concepción co correr do tempo.