Heráclito de Éfeso
| Heráclito de Éfeso (Ἡράκλειτος ὁ Ἐφέσιος) Filosofía presocrática |
|
|---|---|
Heráclito, segundo Johannes Moreelse
|
|
|
Nome |
Heráclito de Éfeso |
|
Nacemento |
c. -544 |
|
Morte |
c. -484 |
|
Filosofía |
|
|
Principais intereses |
|
|
Ideas salientables |
Λόγος, Lume, Oxímoron, Antítese, Devir, πάντα ρει («Todo flúe»), Realidade |
|
Influencias |
|
|
Influenciou a |
Empédocles, Leucipo, Demócrito, Meliso, Sócrates, Platón, Aristóteles, Epicuro, Lucrecio, Parménides, Hegel |
Heráclito de Éfeso foi un filósofo grego que viviu cara a comezos do século V a. C. (544 - 484 a. C.), coñecido como "o escuro". Era natural de Éfeso, unha cidade da Xonia, na costa occidental de Asia Menor. Como os demais filósofos anteriores a Platón, non quedan máis que fragmentos das súas obras, e en gran parte coñécense as súas achegas grazas a testemuños posteriores.
Índice |
[editar] Traxectoria
Moi pouco se sabe da biografía de Heráclito, foi admirado desde neno, e sendo novo dicía que non sabía cousa ningunha; mais cando chegou a idade perfecta dicía que o sabía todo. Non foi discípulo de ninguén, senón que el mesmo se deu ás investigacións, e dicía que aprendera todo por si mesmo. Porén, di Soción que algúns o fan discípulo de Xenófanes, e que Aristón asegura no libro De Heráclito que curou da súa hidropesía e morreu doutra enfermidade.
Segundo Dióxenes Laercio, as ensinanzas de Heráclito quedaron recollidas nunha obra titulada Da natureza, que trataba do universo, a política e a teoloxía -aínda que probablemente esta subdivisión a introducira unha compilación alexandrina dos textos de Heráclito-. Pero o que chegou ata nós da súa doutrina está en forma fragmentaria e as súas fontes son citas, referencias e comentarios doutros autores.
Algúns destes fragmentos presentan, así e todo, a aparencia de aforismos completos, o cal apoia a idea de que o seu estilo de pensamento foi oracular. Isto deu pé, incluso, a formular a hipótese de que Heráclito non escribiu, en realidade, ningún texto, senón que as súas ensinanzas foron exclusivamente orais, e que foron os seus discípulos os encargados de reuniren o esencial destas en forma de sentenzas.
O desprezo de Heráclito polo común dos mortais concordaría coas súas orixes, pois parece certo que procedía dunha antiga familia aristocrática, así como que as súas ideas políticas foron contrarias á democracia de corte ateniense e formou, quizais, parte do reducido grupo, integrado por nobres principalmente, que simpatizaba co rei persa Darío, a cuxos dominios pertencía Éfeso daquela, contra a vontade da maioría dos seus cidadáns. Estes últimos, en calquera caso, non deberon aprecialo demasiado, e Heráclito colmounos de improperios cando expulsaron da cidade o seu amigo Hermodoro.
De calquera xeito, a escuridade de Heráclito ficou caricaturizada na lenda verbo da súa morte: enfermo de hidropesía, preguntaba enigmaticamente aos médicos se poderían facer da seca choiva; como eles non o entendían, enterrouse en esterco coa suposición de que a calor deste absorbería as humidades, co resultado de que se acelerou o fatal desenlace. De crermos a Dióxenes Laercio, a causa da afección sería o seu retiro no monte, onde se alimentaba de herbas, movido pola súa misantropía. Morreu a idade de sesenta anos.
[editar] Pensamento
Heráclito foi alcumado o escuro polo carácter enigmático que revestía a miúdo o seu estilo, como testemuña un bo número dos fragmentos conservados das súas ensinanzas.
No pensamento de Heráclito hai dúas partes moi importantes: a primeira delas é o lume como elemento primordial da Physis e a segunda, a constitución do universo como oposición de contrarios.
Heráclito sinala o lume como elemento principal (arxé) da Physis. Deulle ao lume o papel de constituínte común a todas as cousas e causa de todos os cambios que se producen na Natureza. Todo nace e todo se consume no lume, para renacer de novo ciclicamente, como unha ave Fénix. A importancia que concedeu a afirmación de que todo está exposto a un cambio e a un fluxo incesantes, seguramente foi esaxerada por Platón, quen contribuíu de maneira decisiva a perpetuar a imaxe de Heráclito como expoñente dun relativismo radical.
O universo de Heráclito está formado por contrarios en perpetua oposición, o cal é condición do devir das cousas e, ao mesmo tempo, a súa lei e principio; pero os contrarios vense conducidos a sínteses harmónicas polo logos, proporción ou medida común a todo, principio normativo do universo e do home que, en varios aspectos, resulta coextensivo co elemento cósmico primordial, o lume, polo que algunhas interpretacións os identifican. Cada par de opostos é unha pluralidade e, á vez, unha unidade que depende da reacción equilibrada entre os dous; o equilibrio total do cosmos mantense a expensas da interacción sen fin entre os opostos, garantía de que o cambio nunha dirección acabará por conducir a outro cambio na dirección contraria.
O logos expresa a coherencia subxacente das cousas, que os homes deben tratar de comprender, xa que a sabedoría consiste en entender como se conduce o mundo, e ese entendemento ten que ser a base da moderación e o autocoñecemento, que Heráclito postulou como ideais éticos do home. O logos (que podemos interpretar como razón, medida, proporción...) regula todo o movemento da realidade conducíndoo á harmonía, e unificando así os elementos opostos; de onde se segue a afirmación da unidade última de todo o real.
[editar] Obra
Escribiu unha obra titulada Da natureza, o mesmo que se lle deu tamén aos libros escritos por outros autores. Non é seguro que se tratase realmente dun libro no que se desenvolvesen sistematicamente temas relacionados co coñecemento da natureza, a alma ou a cosmoloxía. É probable que se tratase dun conxunto de sentenzas recompiladas en forma de libro, hipótese que se apoia no carácter enigmático e oracular dos fragmentos que conservamos.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Reale, G., Antiseri, D. (1995), Historia del pensamiento filosófico y científico, I, Madrid: Herder. ISBN 978-84-254-1593-7.
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Noticias recollidas por Dióxenes Laercio sobre Heráclito. (en galego)
- A Filosofía no Bacharelato : Heráclito de Éfeso. (en galego)
|
||||||||||||||||||||||||||