Ben (filosofía)
O ben (do latín bene) é o valor outorgado a unha acción dun individuo, é unha inclinación natural a fomentar o desexable, motivado por unha comprensión do entorno e das persoas cun profundo exercicio da empatía. Un conxunto de boas accións (accións ben executadas) propugnan o bo.
Ao contrario que conceptos coma "verdade" ou "beleza", o ben é tautolóxico, é o desexable. Mentres que uns sistemas poden propugnar a "verdade", e outros poden propugnar a "beleza", todos os sistemas propugnarán o ben, porque o ben é o propugnable. Aínda que todas as persoas aspiran a vivir "ben", o significado deste concepto non é o mesmo para uns que para outros.
O ben por si mesmo carece de valor. A apreciación do ben baséase na súa contraposición co mal, concepto completamente oposto. Deste xeito, ambos os dous termos dependen o un do outro. Para catalogar a unha persoa como boa, esta debe ser capaz de facer o ben ás persoas que a rodean, ou dito doutro xeito, capaz de observar nela mesma as súas preferencias e traballar porque os demais as teñan.
Dende os tempos da Grecia clásica díxose que o ben era o pracer, e que o pracer era a ausencia de dor física e de perturbación anímica. Mais tamén os gregos recoñeceron que as cousas non son tan sinxelas: moitas accións e condutas profundamente boas non están libres de dor nin de sorpresas e desacougos. Xa que logo, o ben pode definirse como o resultado dunha decisión pracenteira ou dolorosa que mellora ou perfecciona unha cousa ou a unha persoa.