Guerra do Peloponeso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A guerra do Peloponeso designa o conflito que durou de -431 a -404, enfrontando a Atenas, que transformara a liga de Delos (destinada na súa orixe a resistir aos persas) nun imperio sometido ao seu poder, e a Esparta, potencia oligárquica e conservadora, cuxo exército terrestre era a forza militar máis poderosa da época, e que dirixía a Liga do Peloponeso, así como a Beocia.

Causas da guerra[editar | editar a fonte]

Segundo Tucídides[editar | editar a fonte]

Segundo o historiador ateniense Tucídides, unha das causas da guerra foi a ascensión e o poderío crecente de Atenas que causaba aos espartiatas temores sobre a súa propia posición. Podemos engadir a isto a oposición de sistema entre a oligárquica Esparta, onde un reducido número de cidadáns vivían no temor da revolta dos seus escravos, e que aparece como pouco florecente, e a demócrata Atenas, que vivía do comercio. Esparta posuía a potencia terrestre, Atenas dirixía unha talasocracia grazas á Liga de Delos. Para atoparmos as causas do desencadeamento da guerra cómpre botar man ademais do xogo das alianzas.

O conflito con Corinto[editar | editar a fonte]

A guerra do Peloponeso

O detonante da guerra foi a rivalidade comercial entre dúas potencias marítimas: Atenas e Corinto. Esta cidade era a principal aliada de Esparta e arrastrou aos demais a unha guerra que ninguén quería. Todo comezou por unha das fútiles e endémicas loitas internas que envelenaron a historia da Grecia antiga. Os acontecementos que precipitaron esta guerra comezaron en -433, cando estalou unha querela entre Epidamno e Corcira. Aínda que Corcira fora fundada por Corinto, esta tomou partido por Epidamno. Na cidade de Epidamno, colonia fundada por Corinto e Corcira ao mesmo tempo, loitaban pola hexemonía política dous partidos que solicitaron axuda ás súas respectivas metrópoles. Corinto, desexando ampliar a súa influencia, enviou unha forza de apoio ao partido demócrata, e Corcira respondeu asediando a cidade. Esta iniciativa serviulle de escusa a Corinto para lanzar unha operación naval, que se estrelou contra a superioridade numérica de Corcira, que venceu e forzou a rendición de Epidamno. Para se desquitar da derrota, Corinto preparou unha guerra naval a grande escala, e Corcira solicitou o apoio dos atenienses.

Atenas veuse nun dilema: se apoiaba a Corcira, conseguía un grande aliado e un aumento da súa influencia, ao se atraer unha potencia marítima como Corcira, que ademais dominaba as rotas marítimas cara a Sicilia e a Magna Grecia do sur de Italia. Pero tiña o inconveniente de se enfrontar a Corinto e rachar co espírito da paz dos Trinta Anos. Decidiuse por unha solución intermedia, que consistiu en enviar unha flota de disuasión e observación, pero non disposta a combater. O enfrontamento produciuse no estreito entre Corcira e o continente, pero a presenza da flota ateniense non lle permitiu á flota corintia unha vitoria que xa tiña nas mans.

Corintio non renunciou ao desquite e decidiu fustigar aos atenienses moi lonxe, na península da Calcídica, alentando a sublevación e a separación da Confederación. O levantamento de Potidea foi o primeiro que se produciu en toda a península, que estalou en contra de Atenas. A reacción de Pericles foi o envío dunha expedición de castigo que venceu aos potideos e seus aliados os corintios. De novo, este fracaso levou a Corinto a concebir o propósito de arrastrar consigo a toda a Liga do Peloponeso en contra de Atenas.

O rei Arquídamo de Esparta non estaba por entrar na guerra, pero a Asemblea considerou que Atenas incumprira a Paz dos Trinta Anos e, tras a consulta co oráculo de Delfos, dispúxose a entrar en guerra, non sen antes tentar de negociar con Atenas. Pericles negouse a aceptar as condicións, que na práctica supuñan o desmantelamento da Confederación, e todo o mundo grego preparouse para guerra, aliñándose nun ou outro bando.

A Liga do Peloponeso sumaba 40.000 hoplitas, en tanto a Confederación apenas chegaba aos 10.000. Pero en cambio, tiña moitos máis recursos financeiros, unha grande flota e estaba moi ben defendida. Ademais, Pericles non se propoñía enfrontarse co exército, senón efectuar desembarcos rápidos en puntos concretos para ir desgastando o inimigo.

Atenas xa adquirira unha importante base naval occidental ao se apropiar en -456 de Naupacto, na entrada oeste do golfo de Corinto. Corinto, membro da Liga do Peloponeso, fixo presión sobre a súa antiga colonia de Potidea para que abandonase a Liga de Delos. Potidea, situada sobre o estreitamento da punta occidental da Calcídica, na costa tracia, abandonou a Liga de Delos en -432, tras un acordo secreto con Esparta. Este acordo estipulaba que en caso de conflito entre Potidea e Atenas, Esparta había invadir a Ática.

Os atenienses enviaron unha forza para asediala, mentres que Corinto enviaba auxilio.

Outras fontes de litixio[editar | editar a fonte]

Atenas procurouse outra inimiga, Mégara, ao lle prohibir exportar cara á Ática. Esta reprochoulles que acollesen os escravos fuxitivos (Mégara é veciña de Atenas, no istmo de Corinto) e axudasen ao seu adversario Corinto. Esta cidade, como Corinto, apelaron a Esparta, que mobilizou a Liga do Peloponeso e declarou a guerra aos atenienses. Durante o verán de -431, invadiron a Ática.

A guerra de Arquídamo[editar | editar a fonte]

Os dez primeiros anos de guerra (coñecidos co nome de «guerra de Arquídamo» ou «guerra arquidámica», do nome de Arquídamo II, rei espartiata (morto en -426) que dirixiu a incursión na Ática) non comportaron acontecemento decisivo ningún. As forzas dos dous campos equilibrábanse, ao non ter Atenas rival por mar, e ao posuír Esparta os mellores hoplitas. Os aliados das dúas cidades aportaban forzas de apoio.

Desde antes do seu comezo, a guerra parecía que ía durar, xa que ningún dos dous campos podía razoabelmente esperar obter unha vitoria decisiva. As estratexias dirixíronse dunha parte aos aprovisionamentos de trigo (indispensábeis nunha guerra longa) e, por outra, ao debilitamento progresivo do adversario polas marxes, é dicir, os aliados máis débiles, sexa mediante a obtención da súa defección dunha maneira ou doutra, sexa por asedio. A regularidade dos aprovisionamentos de trigo era crucial sobre todo para Atenas, pois Esparta non tiña que temer a fame mentres os hilotas non se rebelasen. Con todo, Esparta podía ter medo polos seus aliados. Os aprovisionamentos de trigo de Atenas viñan sobre todo de Eubea, probabelmente completados por compras en Exipto, e ao principio da guerra por algúns cargamentos vidos da Propóntide (Crimea). Esparta dispoñía de aliados en Sicilia, rica produtora. Para vencer, cada bando debía manter os seus aprovisionamentos á vez que cortaba os do adversario.

Os tebanos tentaron apoderarse de Platea, pero a operación resultou un desastre e os atacantes foron aniquilados. Esparta considerouse obrigada a responder e mandou un exército cara a Ática. Pericles non se limitou a organizar a defensa, senón que enviou unha flota que conquistou a illa de Cefalonia. Logo, devastou Mégara e o seu territorio circundante. Antes, xa ocupara Exina, que colonizou con xentes da Ática. Pero declarouse unha epidemia de peste en Atenas e unha facción tratou de chegar a un acordo cos espartanos e logrou poñer a maioría dos cidadáns en contra de Pericles, co que este veuse na obriga de dimitir como estratego. Pero os seus partidarios contraatacaron, e lograron unha nova reelección, aínda que pouco despois Pericles falecía.

Unha guerra de asaltos[editar | editar a fonte]

Os espartiatas que invadiron e arrasaron a Ática en -431 atoparon un país deserto. Como os efectivos de hoplitas atenienses eran moi inferiores aos de Esparta, Pericles, estratego por décimo terceira vez, fixo que os atenienses se gorecesen tras os Muros Longos. A cidade abastecíase por mar. Tras un mes de ataque, os espartiatas volveron ás súas casas; os atenienses asaltaban, grazas á súa flota, as costas do Peloponeso. Esparta arrasou a Ática cinco veces nos sete primeiros anos da guerra. Atenas invadiu a veciña Megáride dúas veces ao ano.

Non obstante, Atenas chegou a ocupar Exina en -430. Platea, aliada de Atenas é atacada por Tebas en abril de -431, sucumbe.

En xuño de -430, unha devastadora epidemia de peste (probabelmente de tifo) declarouse en Atenas e a cidade perdeu máis da cuarta parte da súa poboación. Pericles, elixido estratego por décimo cuarta vez, fixo ofrecer proposicións de paz a Esparta, que foron rexeitadas. Foi deposto e condenado a unha multa en setembro, tras a campaña de verán contra Epidauro, Trezén e Prasias.

En -430, Potidea foi forzada a capitular ante Atenas. Pericles, elixido estratego por décimo quinta vez, morreu da epidemia en -429. A desaparición de quen rexera os destinos de Atenas durante moitos anos traduciuse nunha perda total do rumo, xa que de inmediato xurdiron dúas faccións opostas e as figuras sobresaíntes foron Cleón, ao que as crónicas presentan como demagogo e oportunista. Xefe dos demócratas e partidario de continuar a guerra é Nicias, hábil xeneral, conservador e partidario da paz.

En -429, Formión conseguiu unha semi-vitoria naval fronte a Naupacto. En -428, o seu sucesor, que portaba o mesmo nome, acada tamén unha vitoria en batalla naval en Naupacto.

Os atenienses lograron tomar Potidea. Os espartanos desistiron de atacar a Ática pero devastaron a Platea. Atenas levou unha flota para bloquear o golfo de Corintio, o que levou a cabo no seu punto mais estreito, onde derrotou a unha flota peloponesa. No 428 a. C. a illa de Lesbos trocou de bando, o que levou a Atenas a crear un novo imposto para financiar a guerra. A defección de Mitilene na illa de Lesbos, que quería abandonar a Liga de Delos, provocou unha expedición punitiva por parte de Atenas. Mitilene rendeuse -427, antes da chegada dunha flota de auxilio espartiata. Lesbos foi ocupada dun xeito encarnizado, derrubáronse as murallas de Mitilene e establecéronse colonos áticos na illa.

Despois disto, considerouse que Atenas mantivera unha política defensiva e que era preciso tomar a iniciativa. Nun principio, esta política deu os seus froitos, máis resoantes que efectivos, pero induciron aos contendentes a tentar buscar unha saída a un conflito esgotador. Mentres tanto, Nicias tomara Corcira e a illa de Citerea, e deste xeito o Peloponeso veuse arrodeado por prazas nas que a Confederación estaba ben asentada

En -426 Demóstenes inflixiu dúas derrotas aos peloponesios en Anfiloquia e en Olpe.

Cleón e Brásidas[editar | editar a fonte]

O principal éxito de Atenas foi a toma de Pilos na costa occidental da Mesenia en -425 asía como o masacre ou a captura de 420 hoplitas, entre os que había cento vinte espartiatas, en Esfacteria, acontecemento que provocou grande estupor en toda Grecia e destruíu a reputación de invencibilidade dos espartiatas. Entre estes hoplitas, atopábanse numerosos Iguais. Con todo, malia o éxito, a situación financeira de Atenas degradábase, e o tesouro de Delos estaba esgotado. O tributo dos aliados foi elevado brutalmente a 1300 talentos ao ano (no canto de 450) polo decreto de Todipo, pero as defeccións reduciron o seu produto a arredor de 1000 talentos. Unha expedición exitosa a Eubea permite unha distribución de trigo aos cidadáns en -424.

Durante o verán deste mesmo ano -424, os atenienses proxectaron unha invasión da Beocia a fin de sementar alí o xerme da democracia que esperaban ver expandirse pola rexión. A operación comportaba tres grupos que debían coordinarse para o mesmo día: uns partisanos presentes nas cidades de Queronea e Sifas sublevaban a poboación contra a orde establecida que viña consolidar a chegada dunha flota ateniense de ocupación de Sifas, o terceiro escenario estaba previsto que fose Delio mediante a toma da cidade, á cal un importante exército estaba encargado de fortificar, todo isto para dividir o exército beocio. Ao resultar descuberto o plano por unha traizón, e unido a un inexplicábel error na data, o plano non dou resultado ningún ao oeste e permitiu que as forzas beocias se reagrupasen e fosen ao encontro do exército ateniense. A batalla de Delio dese inverno foi un desastre para Atenas que perdeu tamén a posición fortificada e toda posibilidade de reconquista nesta rexión.

Do lado espartiata, o xeneral Brásidas socorreu Mégara asediada polos atenienses. Logo sorprendeu aos seus adversarios cunha manobra rápida que lle permitiu atravesar Grecia e apoderarse de Anfípolis en Tracia o mesmo ano, malia a tentativa de Tucídides para os salvar. Acordouse unha tregua dun ano entre Atenas e Esparta, pero continúan as operacións contra os inimigos de menor envergadura: Nicias toma Mende e asedia Escione, que fixeran defección, mentres que Brásidas fai campaña contra Arribeo (sen éxito).

Ao final da tregua, Cleón morre no intento de retomar Anfípolis; o seu exército é destruído, e o xeneral espartiata Brásidas morre tamén durante a batalla.

As vitorias de Atenas ofrecéronlle unha posición avanzada permanente no territorio inimigo, pero os reveses contra Brásidas e a morte de Cleón supuxeron a vitoria do partido da paz. Esparta abandonou as súas incursións anuais á Ática e fixo propostas de paz.

A paz de Nicias[editar | editar a fonte]

A paz de Nicias foi acordada en -421. Ao establecer unha paz para cincuenta anos, devolveu todo ao statu quo ante bellum. Isto foi un éxito para Atenas, que conservaba o seu imperio intacto mentres que

Nese intre de eclipse para a causa peloponesa, Esparta atopou un home excepcional na persoa do xeneral Brásidas, que dirixiu todos os seus esforzos a subtraer Tracia e os territorios do norte do bando ateniense. Conseguiuno e Atenas pediu unha tregua dun ano. Brásidas non deixou de forzar máis defeccións da causa da Confederación e, pasado o ano, atenienses e espartanos enfrontáronse en Anfípolis, onde pereceron tanto Cleón como Brásidas, e Atenas foi derrotada.

A desaparecer estes dous personaxes, tanto en Atenas como Esparta, fixéronse co poder os partidarios da paz: Nicias e Pleistoanacte. No ano 421 a. C. asinouse o que se coñece como paz de Nicias, por cincuenta anos, onde ningún dos dous bandos se recoñecía como vencedor. Mais Atenas foi a grande beneficiada, xa que recuperou todos os territorios que formaban a Confederación, agás Anfípolis, que era a chave do dominio da Tracia, encanto que os seus inimigos estaban divididos, ao rexeitaren Corinto e os outros aliados de Esparta asinar a paz. A cidade de Argos creou a súa propia Liga fronte á Liga do Peloponeso.

Tanto en Atenas como en Esparta non tardaron en formarse faccións contrarias ao tratado de paz. Foi o ateniense Alcibíades quen se dedicou incansablemente a socavar o poder espartano por toda a Grecia e no mesmo Peloponeso, e forzou a ruptura con motivo dun conflito menor. Axis, rei dos espartanos, ofreceu unha nova tregua, pero un exército confederado penetrou deica o corazón do Peloponeso e tomou Texea, na Arcadia, non lonxe de Esparta. O enfrontamento era inevitábel e o propio Axis logrou unha resoante vitoria en Mantinea. En Atenas, foron moitas as voces contrarias a Alcibíades pero ao cabo foi o artífice do xiro da política ateniense e do novo rumbo que tomou a guerra.

A segunda parte da guerra[editar | editar a fonte]

A creación da liga de Argos supuxo a disgregación da Liga do Peloponeso. Os atenienses, baixo a influencia de Alcibíades, aliáronse coa Élide, Mantinea e Argos, en conflito con Esparta. Os aliados atacaron Epidauro e avanzaron sobre Texea, e Esparta mobilizouse contra eles.

A batalla de Mantinea (-418) foi unha grande vitoria para Esparta. Argos abandonou a alianza ateniense e ficou outra vez illada.

En -416, Atenas atacou e asolou a illa de Melos, que quedara neutral, pero que mostrara amizade cara a Esparta.

Tal é o derradeiro acontecemento da «paz» precaria de -421--415, segundo a describe Tucídides.

A expedición a Sicilia[editar | editar a fonte]

En -415, baixo a influencia de Alcibíades, Atenas lanzouse á expedición de Sicilia, á que Nicias se opuña. Atenas respondía á chamada de Sexesta, atacada por Selinunte en -416. Siracusa, colonia corintia, era aliada de Selinunte. Sexesta apelou a Atenas, ofrecéndose mesmo a pagar os custes da expedición. Nese momento da guerra, a perda de Eubea e a defección de numerosos aliados de Atenas deixaran en precario os seus aprovisionamentos de trigo. A perspectiva de cortar os dos aliados de Esparta, á vez que se conquistaban novas fontes de avituallamento, foi certamente un elemento determinante.

Foi concibida para contrarrestar o poder emerxente de Siracusa, para poñer pé en Sicilia e para asegurar o control total do mar. A expedición zarpou baixo o mando de Nicias, de Alcibíades e de Lámaco en xuño de -415.

Alcibíades foi expulsado de Atenas a causa duns escándalos e refuxiouse en Esparta e deu aos espartiatas o prudente consello de ocupar Decelia, cousa que fixeron en -413, e de axudar a Siracusa.

En Sicilia, Lámaco morreu e Nicias ficou só á cabeza da expedición. A chegada a Siracusa de Xilipo, xeneral espartiata, fixo que os atenienses perdesen a batalla dos baluartes arredor da cidade (outubro -414). A flota ateniense foi capturada na dársena, e enviaron unha forza de socorro baixo o mando de Demóstenes e Eurimedón. En agosto de -413 a flota foi destruída na batalla das Epípolas, logo o exército foi vencido en terra.

Atenas perdeu máis de duascentas naves nesta expedición, e cincuenta mil homes (entre eles sete mil prisioneiros das canteiras de Siracusa).

Ver expedición de Sicilia

O triunfo de Lisandro[editar | editar a fonte]

A impopularidade de Atenas medrou, e só quedaron fieis as cidades de Lesbos e Samos. Aquí foi onde se botou unha nova flota ateniense. En -412, as cidades de Xonia, para as que se constituíra a Liga de Delos, fixeron defección, precedidas nisto por Quíos.

En -411 ten lugar un golpe de estado oligárquico en Atenas. Os Catrocentos piden a paz a Esparta. Pero o exército e a flota rexeitan recoñeceren o cambio e, ao cabo de catro meses de existencia, o réxime oligárquico é revocado. Eubea sublévase, e os espartiatas conseguen unha vitoria naval en Eretria.

Entón Alcibíades é chamado de novo e obtén tres vitorias navais contra os espartiatas en Cinosema, Abidos en -411, e logo en Cízico en -410. Atenas rexeita entón unha proposición de paz espartiata. Alcibíades retoma o control dos Estreitos (asediando e tomando Bizancio en -409), logo resulta novamente exiliado tras a desfeita de Nocio.

Esparta obtén o apoio do rei dos Persas, que envía ao seu fillo Ciro. Este xúntase con Lisandro, o navarca espartiata, e concédelle unha importante axuda financeira. En -406, Calicrátidas, sucesor de Lisandro, bate a Conón. Atenas recupérase, nun último impulso, prometendo a cidadanía aos metecos e aos escravos para constituír unha flota que bate a Calicrátidas na Batalla das illas Arxinusas, pero con moi graves perdas, que causan a condena a morte de todos os estrategos atenienses á súa volta.

Lisandro, substituíndo a Calicrátidas morto nas Arxinusas, retoma o mando da flota espartiata. A flota ateniense, en posición nos Dardanelos co fin de garantir a ruta do trigo procedente do Mar Negro, é sorprendida e destruída na Batalla de Egospótamos. As últimas fontes de avituallamento de Atenas desaparecen coa súa flota. Atenas tenta resistir desesperadamente: ofrece o dereito de cidadanía aos samios, derradeiros aliados fieis, e consolida as súas fortificacións. Pero, sometida ao bloqueo terrestre e marítimo, desfeita pola fame, debe capitular en -404.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A paz obriga a Atenas a disolver a Liga de Delos, a destruír os Muros Longos e as fortificacións do Pireo e a licenciar a súa flota, agás doce naves. Entra na Liga do Peloponeso e a democracia é substituída pola tiranía dos Trinta.