Atlántida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de Athanasius Kircher mostrando a suposta situación da Atlántida. (Mundus Subterraneus, 1669)

A Atlántida foi unha antiga illa ou continente mítico, cuxa existencia ou localización nunca foron confirmadas.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente mencionada polo filósofo grego Platón en dous dos seus diálogos (Timeo e Critias), cóntanos que Sólon no curso das súas viaxes por Exipto falando cun sacerdote que vivía en Sais, no delta do Nilo, fálalle dunhas tradicións ancestrais relacionadas cunha guerra perdida nos anais dos tempos entre os atenienses e o pobo de Atlantis. Segundo o sacerdote, o pobo de atlantis (ou Atlántida) viviría nunha illa localizada para alén dos piares de Heracles, onde o Mediterráneo terminaba e o Océano comezaba.

Segundo a mitoloxía grega a Atlántida formaba parte do reino de Poseidón, Deus dos mares, e nas nas montañas do centro da illa vivía unha rapaza orfa de nome Clito, da que Poseidon se apaixonou e para poder cohabitar con ela formou unha barreira constituída por unha serie de murallas de auga e fosos acuíferos arredor da vivenda da súa amada. Deste xeito viviron moitos anos e da súa relación naceron cinco pares de xemelgos, ao máis vello o deus dos mares deulle o nome de Atlas. Despois de dividir a illa en dez áreas anelares, deulle a supremacía a Atlas, dedicándolle a montaña de onde Atlas espallaba o seu poder sobre o resto da illa. En cada un dos distritos (aneis terrestres ou cintos), reinaban as monarquías de cada un dos descendentes dos fillos de Clito e Poseidón, estes reuníanse unha vez ao ano no centro da illa, onde se localizaba o palacio central e o templo a Poseidón que tiñan os muros cubertos de ouro. A reunión marcaba o inicio dun festival cerimonioso en que cada un dos monarcas tiña que cazar un touro, para beberen do seu sangue e comeren da súa carne entre críticas e loanzas.

Atlántida sería unha illa de extrema riqueza, quer vexetal e mineral, non só era a illa magnificamente prolífica en depósitos de ouro, prata, cobre, ferro, etc como aínda de orichac, un metal que brillaba como fogo.

Os Reis de Atlántida, construíron innumerables pontes, canais e pasaxes fortificadas entre os seus cintos de terra, cada un protexido con muros revestidos de bronce no exterior e estaño no interior, entre estes brillaban edificios construídos de pedras brancas, negras e vermellas.

Tanto a riqueza e a prosperidade do comercio, como a inexpugnable defensa das súas murallas, se tornarían imaxes de marca da illa

Pouco máis se sabe de Atlántida, segundo Platón, esta foi destruída por un desastre natural (posibelmente un terremoto ou maremoto) preto de 9000 anos antes da súa era. Crese aínda que os atlantes foran vitimas das súas ambicións de conquistar o mundo ao seren decimados polos atenienses nesta tentativa. Outra tradición completamente diferente chéganos de Diodorus Siculus, en que os atlantes eran veciños dos libios e que foran atacados e destruídos polas amazonas.

Atlántida sumerxida, en ilustración da obra Vinte mil leguas baixo dos mares

Segundo outra lenda, o pobo que habitaba a Atlántida era moito máis evoluído que os outros pobos da época, e ao prever a destrución inminente emmigrou para África, sendo os antigos exipcios descendentes da cultura de Atlántida.

Na cultura pop do século XX, moitas bandas deseñadas, filmes e debuxos animados retratan a Atlántida como unha cidade asulagada, poboada por sereas ou outros tipos de humanos subacuáticos.

Teorías[editar | editar a fonte]

Hai diversas correntes de teóricos sobre onde se situaría Atlántida, e quen sería o seu pobo. A lenda que postula Atlántida, Lemuria e Mu como continentes perdidos, ocupados por diferentes razas humanas, aínda atopa bastante aceptación popular, sobre todo no medio esotérico. (Non confundir cos antigos continentes que, de acordo coa teoría da tectónica de placas existiron durante a historia da Terra, como a Panxea e o Sahul).

Algúns teóricos suxiren que Atlántida sería unha illa sobre a Dorsal Atlántica, que fora destruída por movementos bruscos da codia terrestre naquel local. Esa teoría baséase en supostas coincidencias, como a construción de templos en forma de pirámide na América, semellantes ás pirámides de Exipto, feito que podería ser explicado coa existencia dun pobo no medio do océano que separa estas civilizacións, suficientemente avanzado tecnoloxicamente para navegar á África e á América para dividir os seus coñecementos. Esta posición xeográfica explicaría a ausencia concreta de vestixios arqueolóxicos sobre este pobo.

Algúns estudosos dos escritos de Platón consideran que o continente de Atlántida sería na realidade a propia América, e o seu pobo culturalmente avanzado e cubertos de riquezas sería ou o pobo Chavín, da Cordilleira dos Andes, ou os Olmecas da América Central, cuxo uso de ouro e pedras preciosas é confirmado polos rexistros arqueolóxicos. Terremotos, comúns nestas rexións, poderían ter dado fin a estas culturas, ou polo menos poderían telas abalado de forma violenta por un período de tempo.

Para algúns arqueólogos e historiadores, Atlántida podería ser unha mitificación da cultura Minoica, que floreceu na illa de Creta ata o final do século XVI a.C.. Os antecesores dos gregos, os micénicos, tiveran, no inicio do seu desenvolvemento na Península Balcánica, contacto con esa civilización, culturalmente e tecnoloxicamente moi avanzada. Cos minoicos, os micénicos aprenderon arquitectura, navegación e o cultivo de oliveiras, elementos vitais da cultura helénica posterior. No entanto, dous fortes terremotos e maremotos no Mar Exeo destruíron as cidades e os portos minoicos, e a civilización de Creta rapidamente desapareceu. É posible que as historias sobre este pobo teñan gañado proporcións míticas ao longo dos séculos, culminando co relato de Platón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]