Solón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Solón no Museo Nacional Arqueolóxico de Nápoles.

Solón (en grego Σόλων), nado en Atenas cara ao 640 a. C. e finado na mesma cidade cara ao 560 a. C., foi un lexislador, estatista e poeta da Grecia arcaica. Considerado un dos Sete sabios de Grecia, é recoñecido habitualmente como o iniciador da Democracia ateniense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia aristocrática vida a menos, autores clásicos coma Plutarco colócano coma parente de Pisístrato. A propia tradición ateniense recollida polo autor sitúano como artífice da reconquista da illa de Salamina polos atenienses, tras o conflito mantido con Megara (c. 612 a. C.). Tal éxito tería provocado o recoñecemento e prestixio de Solón entre os seus paisanos, o que lle valeu para ser escollido arconte con poderes extraordinarios arredor do 594 a. C. Por espazo de catro anos levou a cabo unha serie de reformas lexislativas de grande importancia, procurando o que chamou a Eunomía, ou boa orde e goberno.

Abandonou Atenas en 590 a. C. e dedicouse a viaxar por varios países, coma Chipre, Lidia e Exipto, regresando á polis cando estaba gobernada polo tirano Pisístrato, quen se amosou respectuoso co vello lexislador, finando na propia cidade á idade aproximada de 80 anos.

A reforma soloniana[editar | editar a fonte]

A reforma constitucional[editar | editar a fonte]

A principal característica desta xeira reformadora foi que permitiu a un maior número de habitantes participaren na vida pública ateniense. A tal efecto, permitiu que os thetes, xornaleiros que carecían ata o momento de dereitos políticos, accedesen á Eklesía, podendo participar na elección dos maxistrados. Tamén creou unha nova institución, a Bulé, consello de 400 membros elexidos por sorteo cada ano encargado de preparar as reunións da Eklesía, vixiar a execución das leis e a orde cidadá. A Heleia, tribunal popular formado por 6.000 membros, contribuíu a achegar a xustiza ao pobo. Ademais, Solón concedeu a facultade a todos os cidadáns de emprenderen unha acción xudicial, así como de apelaren a un tribunal popular a decisión dun maxistrado.

A reforma social[editar | editar a fonte]

A gran mudanza no ámbito social foi a disposición da Seisactía, consistente na abolición total da débedas dos campesiños, sen ningunha indemnización para os nobres acreedores. Esta medida permitiu abolir a escravitude de quen se vendera por mor das débedas e, por ende, aliviar en grande medida a situación do campesiñado.

As clases sociais ficaron divididas en catro categorías definidas en función do produto da súa terra medido en peso de cereal e de líquido, a saber:

  1. Pentacosiomedimnos.
  2. Hippeis.
  3. Zeugitas.
  4. Thetes.

Só as dúas primeiras clases tiñan dereito a elexiren e a seren elexidos nas maxistraturas do Estado. Por outra banda, cada categoría social desempeñaba un papel diferente no exército, habida conta que eran os propios cidadáns mobilizados para o exército os que debían custear o seu propio material militar. Por exemplo, os hippeis eran cabaleiros que podían pagarse un cabalo, os zeugitas realizaban funcións de infantería pesada e os thetes formaban a infantería lixeira e actuaban de remeiros na mariña de guerra. Con esta reforma, a posición social e o cargo na Administración e no exército viñan determinados pola fortuna e non polo nacemento.

Outras disposicións lexislativas importantes de Solón foron a retirada do dereito que asistía aos pais de decidiren sobre a vida e a morte dos seus fillos, a concesión do dereito á herdanza e sucesión aos fillos naturais, a prohibición da venda dos fillos por parte dos seus pais e diversas medidas encamiñadas a eliminar os gastos suntuarios dos aristócratas.

A reforma económica[editar | editar a fonte]

As medidas en materia económica tomadas por Solón xiraron basicamente en torno a tres eixos fundamentais: a fixación do sistema de medidas e moedas, as modificacións na agricultura e o impulso na artesanía e no comercio. Así, consolidou as medidas en medimno para os sólidos e en metreto para os líquidos e acuñou moeda, coñecida como euboico. Propiciou o cultivo da vide e da oliveira en detrimento da agricultura cerealística e impulsou a cerámica e o comercio en xeral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Solón
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Solón

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernández Uriel, P. (2011). Historia Antigua Universal II. El mundo griego. Universidad Nacional de Educación a Distancia, Madrid.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]