Cinismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sanzio 01 cropped.png
Filosofía grega
Presocráticos
Sofistas
Sócrates
Platón
Aristóteles
Epicureísmo
Estoicismo
Escepticismo
Cinismo

O Cinismo (do grego:Kυνισμός probabelmente derivado de κύων, en galego can) é unha escola da filosofía grega caracterizada pola visión da vida axeitada como a non planificada. Para eles, o propósito desta non é outro co de vivir en virtude e de acordo coa natureza. O rexeitamento á cultura e todo aquilo que afaste ó ser humano deste obxectivo absoluto resulta clave para comprender a postura cínica. Neste contexto, os seres racionais podían conseguir a felicidade a medida que adoptaban un modo de vida que fose natural para os humanos. Desta maneira deixan a un lado os desexos convencionais de riqueza, poder, sexo e fama. No seu lugar, optan pola defensa dunha vida sinxela e libre de posesións.

O primeiro filósofo en salientar estes temas foi Antístenes, quen fora alumno de Sócrates a finais do século V a. C. A súa liña de pensamento foi continuada por Dióxenes de Sínope quen levou ó cinismo ós seus extremos lóxicos, consolidándose como a figura modelo e o máximo representante desta corrente. Crates de Tebes seguiu este legado logo de obsequiar a súa fortuna co fin de lograr a vida dun cínico pobre en Atenas. O Cinismo é difundido polo Imperio Romano no século I d. C., e os cínicos podían atoparse rezando e predicando ó longo das cidades do Imperio. Finalmente desapareceu no século 5 d. C., aínda que algúns reclamaron que a Cristiandade temperá asimilara moitos das súas ascéticas e retóricas ideas.

Sobre o século XIX, o uso de "cínico" cunha connotación negativa evolucionou e pasou a designar o que hoxe se coñece como cínico: aquel disposto a mentir desvergoñadamente para defender e levar a cabo acciones e doutrinas reprochables.

Orixe do termo Cínico[editar | editar a fonte]

O nome cínico deriva do grego antigo κυνικός (kynikos), que significa "como un can", e κύων (kyôn), que quere dicir "can" (xenitivo: kynos). Unha das teorías que explica por que os cínicos eran chamados cans na época en que xurdiron reside no primeiro cínico Antíteses ensinado no ximnasio Cinosargo, que significa o sitio do can branco. Aínda que pareza acertado, a palabra can foi asociada ós primeiros Cínicos a modo de insulto polo seu atrevido rexeitamento dos modais convencionais, e a súa decisión de vivir nas rúas. A Dióxenes en particular se lle coñecía como o Can. El, compracido por esta distinción, afirmou que "outros cans morden ós seus inimigos, eu mordo ós meus amigos para salvalos". Posteriormente os cínicos aceptaron o termo ó seu favor. Así, un comentador explica:

Hai catro razóns polas que os cínicos se chaman así. A primeira pola indiferenza do seu xeito de vida, porque fan un culto á indiferenza e, tal e como os cans, comen e fan o amor en público, van descalzos e dormen en bañeiras e encrucilladas. A segunda razón é que o can é un animal desvergoñado, cando eles exaltan a idea da desvergoña, non coma un paso que precede á modestia, senón coma algo que a supera. A terceira razón correspóndese co potencial de bo gardián que ten un can, así como todo cínico debe gardar os principios da súa filosofía. A cuarta e última é que o can é un animal que discrimina e que pode distinguir entre amigos e inimigos. Desta forma recoñecen como amigos ós que están de acordo coa filosofía, e os reciben amablemente, mentres espantan a aqueles que non comparten a súa maneira de pensar, como cans, ladrándolles.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Principios cínicos[editar | editar a fonte]

Entre as filosofía helenística o Cinismo é unha das máis chamativas e rupturistas. Ofrecía ás persoas a felicidade mediante unha vida onde a incerteza marcaba a pauta. A pesar de que nunca houbo unha doutrina oficial para o Cinismo, os principios fundamentais poden resumirse nos seguintes:

1. O obxectivo da vida é o eudemonismo así coma a claridade mental ou lucidez (ἁτυφια) - liberdade de τύφος (fumar) o que significaba ignorancia, irreflexión, loucura e vaidade.

2. A felicidade conséguese vivindo dun xeito acorde coa natureza entendida coma a razón humana.

3. τύφος está causado por falsos xuízos do valioso, que ocasiona emocións negativas, desexos antinaturais e un carácter vicioso.

4. A eudamonia ou florecemento humano depende da autosuficiencia (αὐτάρκεια), ecuanimidade, excelencia, amor pola humanidade e indiferenza polas vicisitudes da vida (ἁδιαφορία).

5. Un progreso cara a realización humana é a través de prácticas ascéticas (ἄσκησις) que contribúen a que o individuo se independice das influencias (tales como a riqueza, fama ou poder) cuxo valor é nulo na natureza. Dióxenes foi un exemplo disto ao vivir nunha bañeira e camiñar descalzo en inverno.

6. Un cínico practica a desvergoña ou imprudencia (Αναιδεια), e desaproba o Nomos da sociedade: as leis, costumes e convencións sociais que as persoas toman por correctas.

Carácter rupturista[editar | editar a fonte]

Os cínicos non teñen propiedade e rexeitan toda remuneración convencional como diñeiro, fama, poder ou reputación. Para vivir segundo a natureza só se precisa satisfacer as necesidades básicas que implica a existencia, e un pode conseguir a liberdade desligándose de todas aqueles requirimentos que resultan de acordos socias. Os cínicos adoptaron a Hércules como o seu heroe, pois foi para eles a personificación dos ideais cínicos. Hércules "foi quen retornou a Ceberus, o sabuxo de Hades, dende o ultramundo", un punto de especial atracción para o Can, Dióxenes. Segundo Luciano, "Ceberus e cínicos están certamente relacionados a través do can".

A denuncia cínica das grandes ilusións que sacoden vanamente ós seres humanos son as causas de infelicidade para os representantes desta corrente. Concretamente, os aspectos máis denunciados coinciden cos seguintes puntos:

a) A busca do pracer.

b) O apego á riqueza.

c) A ansia de poder.

d) O desexo de fama, brillo e de éxito.

A vida segundo o cinismo requiría un continuo adestramento, non só dende o punto de vista psicolóxico, para exercitar o xuízo e as impresións mentais dun. Ademais implicaba un adestramento físico.

Dióxenes adoita dicir, que habían dous tipos de exercicios: en concreto os da mente e os do corpo. Estes últimos son creados na mente tan rápido coma impresións que xorden ao instante de levalos a cabo. Como moito, as actividades físicas facilitaron a práctica da virtude, pero resultaban insuficientes sen a perspectiva mental, xa que a saúde e o vigor necesario para a práctica do que é bo dependen igualmente da mente e o corpo.

Os cínicos na sociedade[editar | editar a fonte]

Isto non significaba que os cínicos se excluíran da sociedade. Pola contra, estaban dispostos a vivir segundo os seus principios baixo a mirada do mundo. Ignoraban calquera insulto ou humillación pública produto do seu comportamento non convencional. Os cínicos dicían ter a súa propia idea da identidade e do cosmopolitismo (de kosmopolitês). Dióxenes afirmaba ser "un cidadán do mundo" cando se lle preguntaba pola súa orixe.

O cínico ideal debía facer unha labor evanxelizante. Coma se do sabuxo da humanidade se tratase, era a súa tarefa perseguir ós demáis por seguer un camiño equivocado, cun mal concepto da vida plena condicionado pola sociedade. Pola contra, esta filosofía parte de que a felicidade non depende de nada externo á propia persoa. Segundo os cínicos, é xustamente a liberación de todas esas cousas que pode traer á longa verdadeira felicidade e plenitude eterna.

Pouco vitalista[editar | editar a fonte]

A menor vitalidade que presenta o cinismo fronte ás demais correntes filosóficas debeuse a:

Extremismo e anarquismo[editar | editar a fonte]

Tódalas convencións e valores consagrados pola tradición son postos en discusión, mentres o cinismo non propón valores positivos alternativos en substitución destes.

Desequilibrio da súa base[editar | editar a fonte]

Reduce ó home, en definitiva, á súa animalidade, considerando como esenciais case exclusivamente as necesidades biolóxicas e do home primitivo.

Pobreza espiritual[editar | editar a fonte]

O cinismo resulta incapaz de xustificarse teoricamente a si mesmo. Non só repudia a ciencia e a cultura, senón que chega ó punto de reducir os seus aspectos propiamente filosóficos. A intuición emocional da validez do seu propio mensaxe constitúe o verdadeiro e único fundamento cínico.

Historia do Cinismo[editar | editar a fonte]

Os Cínicos clásicos gregos e romanos consideraban a virtude coma o único requisito para a felicidade, e era para eles totalmente suficiente para alcanzala. Os Cínicos clásicos seguiron esta filosofía ata o puno de deixar a un lado todo o que non promove a perfección mediante a virtude, e por ende, felicidade. Así, buscan liberarse das convencións para ser autosuficientes e vivir só dun xeito acorde coa natureza humana.

Xa os antigos cínicos critican os comportamentos que consideraron causantes do sufrimento, tales como a cobiza. O énfase neste aspecto das súas ensinanzas levounos a finais do século XVIII e principios do XIX á comprensión moderna do cinismo coma "unha actitude negativa desdeñosa , mentres na antigüidade a filosofía quedaba limitada por ser "a virtude e a liberdade moral produto da liberación do desexo".

Antíteses[editar | editar a fonte]

A historia do cinismo iníciase con Antístenes (445–36.C.), que foi contemporáneo (aínda que maior) de Platón e un dos máis importantes discípulos de Sócrates. A pesar de que os autores clásicos posteriores non tiveron dúbidas en etiquetalo como o fundador do cinismo, as súas opinións filosóficas parecen ser máis complexas fronte a simplicidade dos postulados do cinismo puro. No listado de obras atribuídas a Antíteses por Dióxenes Laercio, os escritos sobre a linguaxe, o diálogo e a literatura sobrepasan en número ós referidos á ética ou política, aínda que todos representan como cambian os seus intereses filosóficos co tempo. É indiscutible que Antístenes predicou unha vida de pobreza:

Teño o suficiente para comer ata que a miña fame desaparece, para beber ata que a miña sede é saciada; para vestirme así, e ao aire libre, nin [incluso] Calias alí, con todas as súas riquezas, é menos inmune a tremer; e cando me atopo no interior, que abrigo máis quente necesito máis que as miñas paredes espidas?

Dióxenes de Sínope[editar | editar a fonte]

Dióxenes por John William Waterhouse, vivindo nun cano do Templo de Artemisa.

Dióxenes (412–323 a.C.) foi un contemporáneo, algo maior, de Alexandre Magno a quen lle tocou a fortuna de converterse no principal expoñente e case en símbolo deste movemento. O seu encontro con Antístenes tivo lugar, segundo unha testemuña da antigüidade, a partir dun tropezo inesperado ás portas de Atenas. A partir de aí, sería Dióxenes quen, tras insistirlle a Antístenes, conseguiría consolidarse coma un oínte, e despois discípulo, de seu. Aparentemente o último non pretendía acoller a ninguén de alumno nun primeiro plano. Dióxenes non só levou ata as súas últimas consecuencias as cuestións propostas polo seu titor, senón que as soubo converter en auténtica vida cun rigor e unha coherencia tan radicais, que durante séculos enteiros foron considerados coma algo verdadeiramente extraordinario. Dióxenes provocou a ruptura da imaxe clásica do home grego, e a nova imaxe que propuxo foi de inmediato considerada un paradigma. Durante a primeira parte da época helenística e, máis adiante, durante a etapa imperial, en dita imaxe foi recoñecida a expresión dunha parte esencial das propias esixencias fundamentais.

O programa deste filósofo condénsase por completo na célebre expresión "busco ao home". Con isto, Dióxenes pretendía, cunha ironía evidente e provocadora, dar a entender o seguinte: busco ao home que vive de acordo coa súa esencia máis auténtica, busco ao home que, máis alá de todas as exterioridades, as convencións sociais e máis alá dos caprichos da sorte e a fortuna, sabe atopar a súa xenuína natureza, sabe vivir conforme a ela e, así, sabe ser feliz.

Dióxenes emprendeu a tarefa de volver situar ante a vista dos homes eses fáciles medios de vida, demostrando que o home sempre ten á súa disposición o que necesita para ser feliz, a condición de que saiba darse de conta de cales son as esixencias reais da natureza. Unha antiga fonte clásica salienta a súa perspectiva e refírenos: "Dióxenes o Cínico clamaba repetidamente que os deuses concederon ós homes fáciles medios de vida, pero que sen embargo os ocultaron ós ollos humanos."

Neste contexto cómpre entender as súas afirmacións da inutilidade das matemáticas, a física, a astronomía e a música, e sobre o absurdo das construcións metafísicas. O comportamento, o exemplo e a acción substitúen a mediación conceptual. Con Dióxenes, o cinismo convértese na máis anticultural das filosofías que coñeceu Grecia e o Occidente. Tamén hai que interpretar as súas conclusións extremistas, que o levaron a proclamar que os requirimentos verdadeiramente esenciais do home son aquelas de tipo elemental que proveñen da súa animalidade.

Teorofasto conta que Dióxenes descubriu "o remedio das súas dificultades" cando viu correr un rato sen meta definida. Explicou entón que se trataba dun animal que lle ensinaba ó cínico unha maneira de vivir: vivir sen metas (as que a sociedade propón como necesarias), sen necesidade de casa ou vivenda fixa e sen as comodidades que brinda o progreso.

Coa práctica das súas teorías, os antigos relatan que Dióxenes foi o primeiro en dobrar a sua capa debido á necesidade de durmir no seu interior, utilizaba indistintamente todos os lugares para todos os usos, para comer, para durmir ou para conversar. Tras escoller como vivenda un tonel que había en Metroon, a representación deste filósofo no tonel converteuse nun símbolo do mínimo que basta para vivir. El vivía dentro dun barril e posuía apenas a súa túnica, un caxato e unha saqueta de pan. Cóntase que un día Alexandre o Grande parou en fronte ao filósofo e ofreceulle, como unha proba do respecto que tiña por el, a realización dun desexo, calquera que fose, caso tivese algún. Dióxenes respondeu: "Desexo que te afastes do meu Sol". Esa resposta ilustra ben o pensamento cínico: Dióxenes non desexaba nada a máis do que tiña e estaba feliz así (apenas, no momento, gostaría que o sol non lle fose bloqueado).

Para Dióxenes, esta maneira de vivir coincide coa liberdade. Canto máis se eliminan as necesidades superfluas, máis libre é un. Os cínicos insistiron no tema da liberdade en todos os sentidos, ata o extremo do paroxismo. Na liberdade da palabra (parrhesia) chegaron ata os límites do descaro e a arrogancia, incluso ante os poderosos. Na liberdade de acción (anaideia) avanzaron ata extremos licenciosos; aínda que ante esta última, o que Dióxenes pretendía evidenciar era a non naturalidade das costumes gregas.

Crates de Tebas[editar | editar a fonte]

Crates de Tebas foi discípulo de Dióxenes e una das figuras máis significativas na historia do cinismo. Viviu probablemente ata comenzos do século III a.C. Reafirmou a noción segundo a cal as riquezas e a fama non son bens e valores, senón que para o sabio constitúen males. En cambio, son bens os contrarios destes: a pobreza e a escuridade. O cínico debía ser apátrida, porque a polis é algo prescindible e non conforma o refuxio do sabio. Cando Alexandre lle preguntou se quería que fose reconstruída a súa cidade natal, el respondeu: "E de que servirá? Quizais outro Alexandre volva destruíla". Nunha das súas obras escribiu:

"A miña patria non posúe unha soa torre nin un só teito; pero onde queira que sexa posible vivir ben, en calquera punto do universo enteiro, aí estará a miña cidade, alí estará a miña casa."

Crates casou con Hiparquia, unha muller que abrazara o cinismo e xunto coa cal compartiu a vida cínica. A súa completa ruptura coa sociedade queda tamén demostrada mediante o episodio no que tería outorgado á súa filla en matrimonio a proba durante trinta días.

Outras referencias cínicas[editar | editar a fonte]

Durante o século III a.C. temos noticias de certo número de cínicos: Bión de Borístenes, Menipo de Gadara, Teletes, Menedemo. Ao parecer, remóntase a Bión a codificación da diatriba, forma literaria que gozará dunha gran fortuna e que consiste nun breve diálogo, de carácter popular, cun contido ético. En substancia trátase dun diálogo socrático de estilo cínico. As composicións de Menipo acabaron sendo modelos literarios, incluso para Luciano e Horacio que empregan trazos profundos dos escritos cínicos.

Disolución do movemento cínico[editar | editar a fonte]

Durante os dous últimos séculos da era pagá o cinismo decaeu. O eclipse do cinismo foi producido polo esgotamento da súa carga interna, e ademais por razóns sociais e políticas: A doutrina e a vida cínica eran algo incompatibles co sólido sentido ético da romanidade. O xuízo de Cicerón resulta bastante elocuente:

"Hai que rexeitar en bloque o sistema cínico, porque é algo contrario á vergoña, sen a cal non pode haber nada correcto, nada honrado."

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Reale, Giovanni; Darío Antiseri (1995). "Las Escuelas Filosóficas de la Época Helenística". Historia del pensamiento filosófico e científico. Barcelona: Herder. pp. 206-211. ISBN 84-254-1588-8.

Outros artigos[editar | editar a fonte]