Marsilio Ficino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marsilio Ficino.

Marsilio Ficino, nado en Figline Valdarno (preto de Florencia) o 19 de outubro de 1433 e finado en Florencia o 1 de outubro de 1499, foi un filósofo, filólogo e humanista italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Diotifece, cirurxián famoso e médico persoal de Cosme de Medici. O seu nome «Ficino» vén probablemente da abreviación do nome do pai. Usouno por primeira vez no 1456. Do 1448 ao 1451 estudou medicina na Universidade de Pisa en Florencia pois o seu pai quería que tivese a súa mesma profesión. Recibiu a tradicional formación escolástica da man de Niccolo Tignosi da Foligno quen, ademais, lle ensinou a teoría da medicina. Dicíase que Ficino posuía grandes dotes de curación e adquiriu, ademais, unha grande reputación como astrólogo. Non obstante, aínda que Marsilio publicou algunhas obras de medicina (como De triplice vita libri tres e Epidemiarum antidotus) non seguiu esa carreira. Interesouse pola filosofía neoplatónica grazas á influencia de personaxes como Xurxo Xemisto Pletón e Basilio Besarión. No 1459 fundou a Academia platónica florentina con Cosme de Medici e dedícase con intensidade a aprender o grego.

No 1462 Cosme o Vello de Medici doou a Ficino unha casa en Carreggi, para que puidese dedicarse alí ao estudio e a tradución de Platón. Esta data sinala o nacemento da Academia platónica.

Ficino dedicouse a tres actividades fundamentais: 1ª foi tradutor, 2ª foi pensador e filósofo, 3ª tamén foi mago. Non agregamos tamén a de sacerdote porque para el era a mesma cousa sacerdote e filósofo. As tres actividades están estreitamente vinculadas entre si e resultan inseparables. Ficino traduciu moitos textos e non o fixo por erudición, senón para responder a necesidades espirituais concretas e de acordo cun claro programa filosófico. O teorizador, pois, guiou as eleccións do tradutor. E á actividade de tradutor, así como á de pensador, engádeselle a actividade de mago de maneira especial.

A súa actividade oficial como tradutor comezou no 1462, precisamente a través das versións de Hermes Trismegistos. Traduciu do grego ao latín os diálogos de Platón (1484), Plotino (1492), o Corpus Hermeticum (1471) e algúns tratados e cartas escritos por un monxe descoñecido do século V, o Pseudo Dionisio Areopaxita. Escribiu, á parte dun enorme epistolario, un famoso Comentario ao banquete de Platón e a Teoloxía Platónica. Aspiraba a unha fusión de platonismo e hermetismo co cristianismo, e no De Vita chegou a ter problemas coa Inquisición polas súas afirmacións que podían entenderse como un retorno ao paganismo e como favorecendo a determinación astrolóxica (cousa que nunca fixo, en realidade, xa que o seu emprego da astroloxía era só para "harmonizar" a vida cos ceos). Asumiu a teoría das emanacións divinas, propia do neoplatonismo.

No 1473 foi ordenado sacerdote. Recibiu logo dúas comunidades a xeito de prebendas por parte de Lourenzo de Medici e logo foi nomeado canónico da catedral de Florencia. Mentor e amigo de Pico della Mirandola, modificou definitivamente o enfoque sobre a melancolía, facéndoa característica do xenio literario e creador, exercendo así unha enorme influencia. A súa filosofía é a base de creacións artísticas como A primavera e O nacemento de Venus, de Botticelli, e o seu influxo estendeuse por todo o Renacemento chegando a afectar a personalidades tan diversas como Durero, Agrippa von Nettesheim, Paracelso, Milton e Pico della Mirandola.

Nos tempos difíciles dos Medici uniuse máis a eles e mesmo apoiou a Savonarola aínda que se mantivo á marxe dos problemas que o levaron á morte. Os últimos anos da súa vida dedicounos a escribir un comentario das Epístolas paulinas, aínda que non alcanzou a concluílo.

A Academia de Florencia de Marsilio Ficino[editar | editar a fonte]

Marsilio Ficino levou a cabo a idea de fundar unha Academia Platónica en Florencia, moitos anos despois de que o platónico bizantino Xemistos Pletón llo propuxera a Cosme de Medici. A Academia e o seu director estiveron ligados ao movemento humanista, cuxa síntese de valores incorporaba o profundo coñecemento do mundo antigo e da cultura clásica, un espírito universal e tolerante, cosmopolita e profundamente comprometido coa defensa da dignidade do home.

A Academia reuniu a un grupo de homes moi brillantes da Europa moderna: Pico della Mirandola, Poliziano, Lourenzo de Medici, Alberti, Landino... A súa influencia estendeuse aos grandes artistas do Renacemento, como Botticelli, Miguel Anxo, Rafael, Tiziano, Durero e moitos máis e, en definitiva, a toda a vida intelectual de Florencia.

O humanismo difundiuse por toda Europa, a países como Alemaña, Países Baixos e España. En Francia fíxoo da man de Jacques Lefèvre d’Etaples; en Inglaterra destacan autores como John Colet, un dos representantes do Humanismo neste país, quen, xunto con Thomas More, seguiron o platonismo de Ficino e Pico.

A Academia Florentina constituíu unha nova fase na larga e complexa historia da tradición platónica. As súas fontes incluían non só os escritos de Platón e dos neoplatónicos, senón tamén obras atribuídas a Hermes Trismexisto e Zoroastro, Orfeo e Pitágoras, a quen Ficino consideraba testemuñas venerables dunha filosofía e teoloxía pagás antiquísimas. Para Ficino, a obra de Platón e os seus seguidores tiña a clave máis importante para o coñecemento do home e dos principios inmortais que o animan.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Ficino representou un xiro decisivo na historia do pensamento humanístico-renacentista. Este xiro explicase, en parte, a través das diferentes circunstancias políticas que comportaron unha transformación do literario-chanceler da República no literato-cortesán ao servizo dos novos señores. No obstante, a actividade intelectual dos literatos-chanceleres xa chegara ao final das súas posibilidades, e agora requiríase cimentar teoricamente aquela primacía e aquela dignidade do home, sobre a que insistiran todos os humanistas da primeira metade do século XV, pero sen avanzar mais alá do ámbito descritivo, na maioría dos casos. Ficino fomentou precisamente este labor, baseándose na recuperación e o replanteamento tan estendidos da gran tradición platónica. Cada vez vólvese máis clara a importancia de Ficino como factor autenticamente esencial para entender non só o pensamento da segunda metade do século XV, senón tamén o do século XVI.

Ficino definiu un novo sentido do antigo concepto creado por Platón, radicalmente distinto e fundamental para a teoría da arte: o furor divino, convertido na causa e o efecto do encontro entre o artista-poeta e Deus. Isto influíu máis tarde na dignificación e divinización da arte, mostrando que ao igual que os filósofos e os místicos da Antigüidade, os creadores inspirados e posuídos polo furor divino, tamén alcanzaban o contacto con Deus.

Ficino ofrece unha descrición elaborada do Universo. Para el, o Universo é unha grande xerarquía na que cada ser ocupa o seu lugar e ten o seu grado de perfección, empezando por Deus e descendendo ata chegar á materia prima. A súa xerarquía está disposta en cinco sustancias básicas: Deus, o espírito anxélico, a alma racional, a cualidade e o corpo. Reviviu a doutrina neoplatónica da alma do mundo, convencido de que o Universo debe ter unha unidade dinámica e que as súas diferentes partes e grados mantéñense unidos polas forzas e afinidades activas.

A alma humana estende o seu pensamento e amor a todas as cousas, dende a máis elevada ata a máis baixa. A alma é o máis grande de todos os milagres na natureza, combina todas as cousas, é o centro de todas as cousas, e posúe a forza do todo. Por iso se lle pode chamar o centro da natureza.

Outro aspecto que trata nas súas obras é a análise da vida espiritual ou contemplativa baseada na experiencia directa, feito que o une con algúns místicos medievais e co neoplatonismo. Fronte ás nosas experiencias ordinarias cotiás, o espírito atópase nun estado de continua inquietude e insatisfacción; pero é capaz de retirarse do corpo e do mundo exterior e de concentrarse na súa propia substancia interior. Purificándose a si mesma das cousas externas, a alma entra na vida contemplativa e acada o coñecemento, descubrindo o mundo incorpóreo ou intelixible, que está cerrado para ela mentres está ocupada na experiencia ordinaria e nas dificultades da vida externa. Esta vida contemplativa culmina finalmente no coñecemento e visión de Deus, o cal representa a última meta da vida e existencia humanas.

O obxectivo de Ficino, polo tanto, era conectar a filosofía grega coa revelación cristiá, considerando que a verdade se revelaba en ambas, e que era precisamente a súa escisión a responsable da degradación que tiñan sufrido. As súas ideas foron decisivas para o desenvolvemento do Renacemento poético, contribuíndo á formulación das diversas teorías do amor, ás que tanto recorreron os poetas do seu tempo. Encomiou a figura do reformador dominico Savonarola, e, cando este foi condenado e executado na forca, optou pola fuxida, unha vez comprobada a ameaza que pesaba sobre el.

Obras[editar | editar a fonte]

Aínda que unha boa parte da súa obra consiste nun excepcional labor de tradución de textos filosóficos transcendentais, Ficino escribiu tamén comentarios e resumes que constituíron obras persoais e diferenciadas. Entre a fundamental obra de tradución realizada por Fincino atópanse textos de Homero, Hesíodo, Espeusipo, Plotino, Porfirio, Iámblico, Pitágoras, Teofrasto, Atenágoras, Proclo, Pselo, Xenócrates, Sinesio, Alcínoo, Hermias, San Paulo e os apoloxéticos cristiáns; así como a tradución e comentario da obra de Platón.

A súa obra máis “persoal” atópase na súa colección de Cartas, destinadas aos humanistas máis importantes da súa época. Estas Cartas constitúen verdadeiros tratados sobre a alma; entre elas destacan De Divino Furore e dúas Sumas: Teoloxía Platónica, sobre a inmortalidade da Alma, e Sobre a Vida, tratado de medicina e astroloxía que mostra como as enfermidades, causadas sempre por influencias astrais negativas, afectan á “saúde” da alma e impiden remontar ó ceo.

Algunhas obras destacadas son:

  • Institutiones ad Platonicam disciplinam, 1456.
  • De Christiana religione, 1474.
  • Theologia Platonica de immortalitate animarum, 1474.
  • Liber de Sole, 1576.
  • De Amore. Commentarium in Convivium Platonis, 1594.
  • De vita librii tres que contén: De vita sana, De vita longa e De vita coelitus comparanda, 1489.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marsilio Ficino

Outros artigos[editar | editar a fonte]