Harmonía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Harmonía nos xardíns da Harmony Society en Old Economy Village (Pensilvania).

Na mitoloxía grega, Harmonía (en grego antigo Άρμονία Harmonía) é a deusa da harmonía e a concordia. A súa equivalente na mitoloxía romana é Concordia, e a súa oposta grega é Eris (equivalente á Discordia romana).

Orixe[editar | editar a fonte]

Segundo unha versión, era filla de Ares e Afrodita, segundo outra, de Afrodita e Hefesto e segundo outra de Hermes e Afrodita. Incluso segundo outra, Harmonía era de Samotracia, sendo filla de Zeus e Electra, e seu irmán Iasión foi o fundador dos ritos mistéricos celebrados na illa. Por último, Harmonía era racionalizada como estreita aliada de Afrodita Pandemos, o amor que une o pobo, a personificación da orde e a unidade cívica.

Non obstante, case sempre Harmonía é esposa de Cadmo (quen lla reclamou ao seu pai Ares a cambio dunha expiación que o deus lle esixira, pois Cadmo matara un dragón que acababa de comer a varios dos seus homes; e dito dragón resultou ser propiedade de Ares[1]). Con Cadmo foi nai de Ino, Autónoe, Ágave e Sémele. Segundo as antigas escrituras, Harmonía figuraba como a avoa do deus Dioniso.

Quen describen a Harmonía como unha samotracia contaban que Cadmo, na súa viaxe a ese país, viu a Harmonía tras ser iniciado nos misterios, e levouna coa axuda de Atenea. Cando Cadmo foi obrigado a abandonar Tebas, Harmonía acompañouno. Cando chegaron ao país dos enqueleos, estes axudáronlle na súa guerra contra os ilirios, pero despois el e Harmonía foron transformados en dragóns e enviados ao Eliseo, ou segundo outras fontes foron levados alí nun carro tirado por dragóns.[2]

Colar[editar | editar a fonte]

Polinices dándolle a Erífile o colar de Harmonía. Enócoe ático de figuras roxas, c. 450–440 a. C. achado en Italia.

Harmonía é coñecida na historia antiga principalmente pola historia do colar mortal que recibiu o día da súa voda. Cando o goberno de Tebas lle foi outorgado a Cadmo por Atenea, Zeus deulle a Harmonía como esposa. Todos os deuses honraron a voda coa súa presenza. Cadmo regaloulle á noiva unha toga e un colar, que recibira de Hefesto ou de Europa.[3] Este colar, chamado habitualmente Colar de Harmonía, traía a desgraza a todo aquel que o posuíra. Outras tradicións afirmaba que Harmonía recibiu este colar dalgunha outra deidade, como Afrodita ou Atenea.[4]

Polinices, que herdou o colar, deullo a Erífile para que persuadira ao seu marido Anfiarao de emprender a campaña contra Tebas.[5] A través de Alcmeón, o fillo de Erífile, o colar chegou a mans de Arsínoe, logo ás dos fillos de Fexeo, Pronoo e Axenor, e finalmente ás dos fillos de Alcmeón, Anfótero e Acarnán, quen o deixaron no templo de Atenea Pronea en Delfos.[6] O colar trouxéralle desgrazas a todos os que o posuíran, e continuou facéndoo incluso despois de ser depositado en Delfos. Failo, o tirano, roubouno do templo para darllo á súa amante, a esposa de Aristón. Esta levouno durante un tempo, pero ao final seu fillo toleou e prendeulle lume á casa, onde pereceu con todos os seus tesouros.[7]

Outros personaxes do mesmo nome[editar | editar a fonte]

  1. Unha ninfa que foi amada por Ares nas cañadas do bosque Acmonio. As amazonas eran descendentes dela.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nueva Mitología Griega y Romana, de P. Commelin, editado polos irmáns Garnier, París.
  2. Apolodoro iii.5.4; Eurípides, As Bacantes 1233; Ovidio, Metamorfoses iv.562 e seg.
  3. Apolodoro iii.4.2.
  4. Diodoro Sículo iv.48, v.49; Píndaro, Píticas iii.167; Estacio, Tebaida ii.266; comp. Hesíodo, Teogonía 934; Himno homérico a Apolo 195.
  5. Apolodoro iii.6.2; Escolio sobre as Píticas de Píndaro iii.167.
  6. Apolodoro iii.7.5-7.
  7. Ateneo vi.232; Partenio, Erotica Pathemata 25.
  8. Apolonio de Rodas, Argonáuticas ii.986.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]