Anicio Boecio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración medieval de Boecio

Anicio Manlio Torcuato Severino Boecio (Roma, 480 - Pavía, 526), filósofo romano.

Biografía[editar | editar a fonte]

Proviña dunha antiga familia romana, os Anicii, que deu dous emperadores e un papa. Comezou estudos de retórica e filosofía, coñecementos que ampliou en Atenas. Casou con Rusticiana, filla de Símaco. No ano 520 foi nomeado magister officiorum, cargo equivalente ao que podería chamarse un primeiro ministro, do rei ostrogodo Teodorico. Nomeou cónsules os seus dous fillos, Flavio Símaco e Flavio Boecio. A acumulación de tanto poder despertou os celos do partido filogótico, polo que foi acusado de conspiración polo referendarius Cipriano, membro dese partido. Foi encarcerado, torturado e decapitado en Ager Calventenus, ao norte de Pavia, "inxustamente", segundo el mesmo, por intentar protexer o Senado.

Obra[editar | editar a fonte]

Co propósito de unificar ambas as escolas filosóficas, propúxose traducir ao latín as obras de Aristóteles e de Platón, mais non concluíu o seu proxecto: só se conservan a súa tradución das Categorías e do Peri hermeneias de Aristóteles e da Isagoge de Porfirio. Étienne Gilson afirma que Boecio foi, para o escolasticismo medieval, polas súas traducións, comentarios e escritos, a principal autoridade en Lóxica da Idade Media até que no século XIII foi traducido ao latín e comentado directamente o Organon completo de Aristóteles. Na súa obra principal realiza a distinción, que logo sería central para a Escolástica, entre id quod est (todo o ente) e quo est ou esse (aquilo que fai que o ente sexa).

A súa obra máis famosa é porén Consolación da filosofía. Trátase dun diálogo entre o propio Boecio e Filosofía, personaxe alegórico femenino que aparece perante Boecio para aclararlle o problema do destino, de por qué os malvados logran recompensa e os xustos non. Filosofía intenta suavizar a súa aflición demostrándolle que a verdadeira felicidade consiste no desprezo dos bens deste mundo e na posesión dun ben imperecedeiro, que coincide coa Providencia universal que goberna todas as cousas, concepto este que toma do Estoicismo. O tema relaciónase directamente coa caída en desgraza do propio Boecio, polo cal se cre que esta obra foi composta no cárcere durante o longo ano que pasou antes de ser executado.

Este traballo tivo unha grande importancia para a ulterior teoloxía do Cristianismo medieval, pese a que tanto a metodoloxía como a terminoloxía que utiliza Boecio son meramente filosóficas e en ningún momento presenta a cuestión en termos de fe cristiá. Por iso se chegou a discutir, incluso, se Boecio era realmente cristián.

Tamén escribiu sobre aritmética (De arithmetica), música (De música), e de teoloxía (Opuscula theologiae, cinco libros).