O príncipe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O príncipe é unha obra literaria de Niccolò Machiavelli, escrita en 1513 co título de Il principe e adicada a Lourenzo de Médici.

Contexto[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida Niccolò Machiavelli ocupou diferentes cargos ao servizo da República e destacou sobre todo polas súas misións diplomáticas. No ano 1512 unha revolución remata coa República e regresan os Médicis sendo este privado dos seus cargos e máis tarde encarcerado e torturado.

Despois da súa posta en liberdade, Niccolò Machiavelli retirouse da vida política e centrouse en desenvolver a súa actividade literaria. Una das obras máis destacadas do florentino é a dos Discorsi sulla prima Deca di Tito Livio, redacción da cal interrumpiu para escribir O príncipe. Destaca a diversidade radical desta concepción; mentres os Discursos mostran un talante republicano, O príncipe ten como protagonista ao monarca.

O príncipe[editar | editar a fonte]

Redactado en 1513, non foi publicado ata cinco anos despois da súa morte. Nesta obra, Machiavelli propuxo as condicións que habían de caracterizar a un príncipe, entendida esta figura como cabeza ou xefe do Estado. É un libro práctico, pois pretende dar normas de acción. Intentou teorizar sobre a natureza do Estado, sobre a sociedade en que se sustenta e sobre todo nas formas de adquirir e perder o poder e as formas de manterse nel. A obra está profundamente determinada polo contexto histórico no que foi escrita. A situación política que caracterizaba a Italia do século XVI trouxo a necesidade de requirir a actuación de estadistas poderosos, que consolidaran un Estado forte e unificado, unha orde nova personalizada nun príncipe novo ao que Machiavelli convoca con urxencia á tarefa de redimir o país. De aí tamén que reivindique ao gobernante unha política exterior agresiva e que a guerra se constitúa coma un instrumento básico para a formación do seu principado. Neste último sentido, tamén sinala a importancia que debía ter o seu exército na organización dun Estado.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O primeiro bloque abrangue do capítulo I ata o IX, onde se analizan tanto a natureza e clases de principados como as condicións para crealos, consolidalos e mantelos. Contén definicións de termos políticos.

Machiavelli distingue entre dous tipos de Estados: as repúblicas e os principados, dentro destes últimos distingue á súa vez os que son herdados e os que son novos. Estes tipos de Estados, que reflicten fielmente o existente na época, teñen características diferentes tanto como pola forma de gobernarse como pola forma de conservalos: ...os Estados herdados e acostumados á liñaxe do seu príncipe, a dificultade de conservalos é bastante menor que no caso dos novos, posto que é suficiente con respectar a orde dos seus antepasados (Cáp. II).

Tamén diferencia entre dúas formas de goberno: aqueles principados gobernados por un príncipe e os seus servos (convertidos estes en ministros por graza e concesión súa) e os gobernados por un príncipe e por nobres (os cales posúen dito grao non pola graza senon por herdanza familiar). Claro está, segundo Maquiavelo que sería máis difícil conquistar o primeiro tipo de goberno pero pola contra, sería máis fácil conservalo.

Por último, distingue entre catro formas de xefatura do corpo político, pola virtude, Machiavelli entende por virtude, a enerxía, a capacidade, o valor e o saber técnico mediante os cales o príncipe organiza e orienta a súa acción cara aos seus fins, en definitiva é decisión e prudencia, a virtude dirá Maquiavelo aspira á gloria; a fortuna, factor externo básico da acción humana que como elemento imprevisible dirixe aos homes e aos pobos, pero a pesar diso, amén de mudable, escolle aos impetuosos para realizar os seus designios; por medio de accións criminais e contrarias á lei humana e divina ou por favor dos seus cidadáns.

Un segundo bloque serían os capítulos XII e XIV que tratan sobre o aparello militar, neles abórdanse os riscos inherentes ás tropas mercenarias tan habituais na súa época e sobre as obrigas do príncipe. Maquiavelo defende a idea de formar un exército propio e cre que unha das causas da fragmentación de Italia son as tropas mercenarias. O obxecto dun príncipe, afirma o autor, non é outro que a guerra e a súa organización, que debe examinarse de dúas formas: por un lado de obra e por outro mentalmente.

O terceiro bloque que abarca desde o capítulo XV ata o XXI, reflexiona en torno ás calidades que deben guiar as accións dos príncipes, os recursos psicolóxicos que debe atesourar o príncipe moderno para conservar o poder e sentar as bases da dominación social sobre os seus súbditos. Constitúe este bloque a parte máis universal e atemporal do discurso e sobre a que se intentou fundamentar máis as críticas morais á obra a partir da concepción maquiaveliana da dialéctica entre medios e fins.

O cuarto bloque serían os dous últimos capítulos (XXIV e XXV), que verían ser a tradución da crise italiana dos aspectos anteriormente descritos. É aquí onde toda a articulación teórica do texto alcanza a súa plenitude e se invoca ao príncipe novo que levante desde a súa virtude a orde tamén nova que a necesidade histórica reclama.

Capítulo a capítulo[editar | editar a fonte]

Está dividido en 26 capítulos

  • I - Das diferentes clases de principados e de como se conquistan; II - Dos principados hereditarios

Nestes dous capítulos o autor fai unha distinción entre as clases de principados, sinalando que existen os herdados e os novos; os primeiros, son os que se herdan da familia, o príncipe herda dereitos dinásticos, e que en realidade eles non teñen maior problema para gobernar e conservar o poder, porque seguen a tradición e xa están estabilizados; agora ben, os novos, son máis fráxiles debido a que estes normalmente orixínanse a partir de conquistas que se fan noutros Estados, e teñen que facer o traballo para impoñerse e así, poder conservar o poder.

  • III - Dos principados mixtos

Nesta parte da súa obra, Machiavelli trata sobre os principados mixtos, aqueles que non son enteiramente novos e posúe un membro engadido a un principado antigo xa posuído. Aseméllase moito aos principados novos e ten case as mesmas dificultades para conservar o poder. Considéranse varias estratexias para conservar este principado: a primeira, eliminar a liñaxe do príncipe anterior e non alterar as leis, nin aumentar os impostos.

  • IV - Dos motivos polos que o reino de Darío conquistado por Alexandre non se rebelou contra os sucesores trala súa morte

Nesta parte o autor sinala que os principados coñecidos son gobernados de dous modos. O primeiro, consiste en que o faga un príncipe asistido por outros, que veñen a ser súbditos que teñen a graza do príncipe; o segundo, componse dun príncipe, asistido de homes, que teñen o seu posto por antigüidade na familia e non pola graza do príncipe.

  • V - De como convén gobernar as cidades ou os principados que antes de ser conquistados se rexían polas súas propias leis

Neste escenario, o autor sinala que existen tres formas de conservar este tipo de gobernos, como son: levalos á ruína, ir vivir con eles e/ou deixalos coas súas leis, pero creando un control no eido tributario e xudicial, para así conservar a fidelidade e asumir o control do poder.

  • VI – Dos principados novos que se conquistan con armas e virtude propias

Aquí o autor fai referencia ás soberanías novas que se adquiren coas propias armas e valor. Neste sentido sinala que, os que adquiren o principado por medio do valor experimentan dificultades con relación ás novas leis ou estatutos que impoñan para fundar o novo Estado e a seguridade.

  • VII - Dos principados novos que se conquistan coas tropas e coa fortuna alleas

Neste sentido Maquiavelo manifesta que aqueles particulares que foran elevados a un principado só pola fortuna, chegan a el sen moito traballo, pero teñen que facer un gran esforzo para conservalo.

  • VIII – Dos que chegaron ao principado mediante delictos

O autor refírese a aqueles que chegaron ao principado por medio de maldades, como a matanza, a traizón, a absoluta falta de fe, entre outras. Neste caso considérase que non se consegue ningunha gloria, cando os actos de severidade son mal usados xa que van sempre en aumento e se multiplican día a día, en lugar de diminuír.

  • IX – Do principado civil

Aquí exponse o caso no que un particular se faga príncipe sen valerse de crimes e violencias intolerables, senón do auxilio dos seus concidadáns, combinado cunha astucia acertada. É importante sinalar que, un príncipe que ten o pobo ao seu favor, e que conserva o seu afecto, tende a consolidar o poder, a diferenza do que ten en contra ao pobo.

  • X – De como han valorarse todas as forzas dos principados

Neste capitulo trátase a forma de como deben medirse as forzas dos principados, onde o autor da a coñecer dous escenarios. O primeiro, onde o príncipe conta coa forza suficiente para gobernar por si mesmo, neste caso presúmese que ten as suficientes armas e diñeiro, o apoio do pobo; e o segundo caso, dáse cando ten que auxiliarse nos demais, debido, entre outras causas, a que se ven obrigados a encerrarse dentro dos seus muros e cinguirse a resgardo.

  • XI - Dos principados eclesiásticos

Resalta o seu desprezo pola política temporal da igrexa, manifestando que non hai dificultade ningunha mais que adquirir a súa posesión, e que non hai necesidade do valor ou da fortuna para conservalos. Igualmente, considera que estes príncipes teñen Estados sen estar obrigados a defendelos, así como aos seus súbditos.

  • XII – Dos tipos de exércitos e dos estados mercenarios; XIII – Dos exércitos auxiliares, mixtos e propios; XIV – Das obrigas dun príncipe respecto do seu exército

Nestes tres capítulos aborda a problemática da seguridade e as armas, afirmando que, un Estado só é libre e seguro se dispón dun exército propio ben organizado sobre a base do recrutamento do cidadán. De igual forma, sinala que as armas mercenarias e auxiliares amosan a dependencia e a debilidade dun Estado. Neste mesmo sentido expón que un príncipe non debe ter outro obxecto, outro pensamento, nin cultivar outro arte mais que a guerra, a orde e a disciplina dos exércitos.

  • XV – Dos motivos polos que os homes e, especialmente, os príncipes son loados ou censurados

O autor trata das cousas polas que un príncipe é loado ou censurado, dándolle especial importancia ao concepto de virtude política dun príncipe, que é a que vai indicar a forma de conservar o poder, e de manipular dito coñecemento segundo a conveniencia e a necesidade.

  • XVI – Da xenerosidade e da moderación

Neste sentido, Maquiavelo expón os pro e os contra de dar a coñecer a virtude da xenerosidade ante o seu pobo, de forma esaxerada, polo que considera que se debe ser moderado e prudente en canto a exercer esta virtude. Así evitarase o odio e repudio dos seus gobernados.

  • XVII - Da crueldade e da compaixón e se é mellor ser amado que temido e viceversa

Desde este punto de vista, o autor afirma que todo príncipe debe ser tido como un home compasivo, e non cruel. Considera que o príncipe debe ser amado e temido, mais nunca odiado, e antes de ser amado o máis importante é ser temido. Neste sentido, debe coidar que o temor non leve ao odio do seu pobo.

  • XVIII - De que xeito deben os príncipes manter a súa palabra

Comeza por dicir que o príncipe que cumpre coa súa palabra é digno, pero logo aclara que a experiencia demostrou que estes non foron fieis á súa palabra e que recorreron á astucia para enganar aos seus gobernados, e así lograr os seus fins. Así mesmo sinala que hai dous modos de combater: pola forza e pola lei. Considera que primeiro hai que recorrer ás leis, pero que tamén hai oportunidades nas que hai que aplicar a forza, dependendo das situacións, e se ditas circunstancias o favorecen ou o prexudican.

  • XIX – De como hai que evitar o desprezo e o odio

Aquí o autor expresa que o príncipe debe por todos os medios evitar ser desprezado e odiado polos seus gobernados, cumprindo así coa súa obriga de respectar, por exemplo, a propiedade allea, entre outras cosas. Asimesmo, debe evitar a mala reputación, evitando cualificativos como lixeiro, amullerado,etc., que o levarían ao menosprezo. Contrario ao anteriormente exposto, o príncipe debe ter moita astucia, e preservarse como un home con grandeza e fortaleza.

  • XX – Da utilidade ou inutilidade das fortalezas e outras moitas cousas que os príncipes fan acotío

Considera o autor algunhas accións que emprende o príncipe para manter seguros aos seus Estados, como o son: o desarme dos seus súbditos, a división das terras, entre outras; acciones que el critica enerxicamente, sinalando os pro e os contra que traen consigo a execución das mesmas. Asimesmo, o autor afirma que a mellor fortaleza é non ser odiado polo pobo, porque por moitas fortalezas que teñas, se o pobo o odia, non se salvará.

  • XXI - De como un príncipe debe obrar para ter prestixio

Maquiavelo considera que o príncipe, para ser estimado, debe dar exemplo coa súa propia persoa e as súas fazañas, conseguir que o pobo teña unha sensación de seguridade con respecto a el, dar a coñecer aos seus gobernados o recoñecemento dos seus talentos e honralos, entre outras cosas.

  • XXII - Dos secretarios dos príncipes; XXIII - De como convén fuxir dos aduladores

Aquí o autor cre que é importante para o príncipe a escolla dos seus ministros e os aduladores, e que a posibilidade de que sexan bos ou malos vai depender da prudencia do príncipe. Principalmente, considera que os ministros deben ser leais e as súas accións deben ir dirixidas ao benestar do seu señor. Todo esto fortalecerá a imaxe do principado e a súa consolidación.

  • XXIV - Do motivo polo que os príncipes de Italia perderon os seus estados; XXV - Do poder da fortuna nas cousas humanas e de como enfrontarse a ela; XXVI - Exhortación a que alguén se poña á fronte de italia, a libere e a vingue dos bárbaros

Nestes capítulos Machiavelli analiza as causas da ruína de Italia, a perda dos Estados, e a posibilidade de reordenar o Estado, sendo a orientación da súa obra o estudio dos principados novos. Por outra parte, analiza a virtude e a fortuna, co obxecto de demostrar que a virtude e a audacia teñen un lugar moi importante no desenvolvemento e conclusión da loita política.

Finalidade[editar | editar a fonte]

Esta obra de Machiavelli tivo e ten un grande interese político. O seu autor foi definido en moitas ocasións como un personaxe de enrevesadas ideas (de todos é coñecida a popular expresión ter ideas maquiavélicas).

As súas reflexións foron obxecto de moitas críticas, para el a moral e a ética déixanse nun segundo plano cando se trata do mantemento do gobernante no poder. Así xustifica determinados comportamentos e calidades que debe ter o príncipe para manterse no poder. Estas condicións e aptitudes resúmense na súa capacidade de aproveitar situacións e manipular desexos e vontades de tal modo que sexan consideradas como medios e non como fins, calidades que a nós nos parecen amorais. Segundo el un príncipe pode ser cruel ...debe por tanto un príncipe non preocuparse da fama de cruel se a cambio mantén aos seus súbditos unidos e leais porque con poucos castigos exemplares será máis clemente que aqueles outros que por excesiva clemencia permiten que a desorde continúe (Cáp. XVII); pode ser hipócrita ... é necesario saber colorear ben esa natureza e ser un gran simulador e disimulador(Cáp. XVIII) e sobre todo e o máis importante permíteselle o uso da violencia como instrumento de cohesión social, se ben non é bo o seu uso continuado.

Outro aspecto importante da súa obra é o profundo desprezo cara á concepción humana, motivadas por unha situación política controvertida e por unha visión persoal do mundo e dos homes totalmente pesimista. Así se observa en moitas das súas frases: segundo el o home non é bo ...porque un home que queira facer en todos os puntos profesión de bo, labrará necesariamente a súa ruína entre tantos que non o son (Cáp. XV), describe as calidades dos homes ... pódese dicir dos homes o seguinte: son ingratos, volubles, simulan o que non son e disimulan o que son, foxen do perigo, están ávidos de ganancia; e mentres lles fas os favores son todos teus, ofrécenche o sangue, os bens, a vida, os fillos cando a necesidade está lonxe; pero cando se che bota enriba volven a cara... (Cáp. XVII).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]