Filipo II de Macedonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Efixie de Filipo II.
Moeda con imaxe de Filipo II de Macedonia.

Filipo II (en grego Φίλιππος), foi un rei de Macedonia, o fillo máis novo de Amintas III (reinou en -394--370). Naceu en Pela.

Durante moitos anos Macedonia fora unha zona inestábel, cuxos reis se asasinaban os uns aos outros para conseguiren o poder sobre todas as tribos. Con Filipo chegou o comezo dun grande Imperio. Filipo impuxo o poder sobre os demais e conseguiu que o seu pobo tirase partido da súa vantaxosa posición xeográfica. Segundo os historiadores, as fazañas de Filipo son grandiosas e son a apertura dun camiño de gloria que percorrería o seu fillo Alexandre Magno.

Filipo rei[editar | editar a fonte]

No ano -356 subiu ao trono de Macedonia o novo Filipo con vinte e dous anos, co nome de Filipo II. Del dise que era un excelente xinete, grande nadador e un soldado moi sufrido en campaña. De xeitos afábeis, conversa animada e gusto polos festíns. Casou con Olimpia, princesa de Epiro, e tivo un fillo, Alexandre, que sería coñecido máis tarde como Alexandre Magno.

Filipo pasara tres anos en Tebas en calidade de refén e alí estudara de preto os exércitos gregos e a súa política. Decatouse de que a nova táctica da ruptura que se ensinaba aos soldados, baseada integramente na falanxe, podía mellorarse moito. No campo político deuse de conta de que Tebas xa non era a cidade forte ante Atenas, que se debilitaba e deixaría de dominar. A idea deste rei era chegar á unidade política de todos os pobos gregos baixo o seu mando.

O exército[editar | editar a fonte]

O seu primeiro cometido foi organizar un bo exército, competente, disciplinado e numeroso, capaz de se enfrontar cos máis grandes pobos daquel mundo coñecido, capaz de dominalo, como o fixo, ao longo de dous séculos. Filipo preparou o exército non con mercenarios, senón cos seus súbditos, para o posterior triunfo de Alexandre Magno, do mesmo xeito que Caio Mario preparou en Roma o exército que faría triunfar a César. O biógrafo grego Plutarco (c. 46-125) escribiría séculos máis tarde esta coincidencia na súa gran obra Vidas paralelas.

O rei proporcionaba as armas:

  • casco.
  • coiraza de coiro.
  • escudo pequeno e redondeado.
  • espada curta.
  • lanza de 6 metros e medio, chamada sarissa. Era famosa esta lanza, a máis longa e pesada que se coñece da antigüidade.

Este exército compúñase de:

  • cabalaría pesada (formada pola nobreza). Anteriormente os reis macedonios posuían unha tropa de xinetes nobres que formaban a súa escolta, chamados hetairoi (compañeiros do rei). Filipo organizou ao seu modo esa cabalaría e deulles a todos as mesmas armas: coiraza metálica, xavelina e sabre. Eran en total 800 homes, e a súa especialidade era a carga frontal.
  • cabalaría lixeira. Era a encarregada de iniciar o combate e apoiar a falanxe atacando os flancos inimigos.
  • infantaría (formada pola masa do pobo).
  • falanxe (onde estaban os homes máis robustos). Estaba formada por guerreiros armados con lanzas, que entraban en combate de forma frontal e sen separar as liñas. Con Filipo adquiriron tanta importancia que os denominou pezetairoi (compañeiros a pé do rei).

Ao principio este exército compúñano 10.000 soldados. Aos poucos foi engrosando en número e alcanzou os 30.000 efectivos. Chegou a ser moi superior a todos os demais exércitos dos distintos pobos gregos, sendo non só superior en número de continxentes, senón nun aspecto fundamental como era a organización e a disciplina. Filipo sabía que os gregos se foran relaxando nos seus costumes e xa que logo tratou de corrixir os fallos e erros. Os soldados gregos temían as grandes marchas, nunca se puñan en campaña se non era primavera, levaban moitos carros e serventes consigo, o que facía que se enchesen os campos e atrasasen as marchas. Desde un principio, Filipo obrigou os seus soldados a camiñar 50 km diarios levando as súas armas e impedimentas, prohibiu levar vehículos e só consentiu un servente por cada 10 homes e un tamén para cada xinete. Ademais fixo campañas en inverno. Era moi ríxido e contaba coa disciplina por riba de todo.

Para a loita no campo de batalla colocábanse en falanxe, que era a masa regular. A falanxe non era un invento de Filipo, xa existía entre os gregos, pero el soubo perfeccionala. A falanxe macedonia constaba de 16 filas de homes armados coa sarissa. Os das 6 primeiras filas sostiñan coas dúas mans a lanza tendida en dirección ao inimigo. Por diante deles ían asomando as lanzas das filas dos que estaban detrás, de maneira que a formación quedaba así:

  • Na primeira fila a lanza ou sarissa avanzaba 6 metros (6 e medio, ás veces).
  • A segunda fila excedía a súa lanza en 5 metros á primeira.
  • A terceira excedía en 4 metros.
  • A cuarta excedía en 3 metros.
  • A quinta en 2 metros.
  • A sexta en 1 metro.

As últimas filas sostiñan a súa lanza cara arriba, mantíñanse á expectativa e cubrían baixas. En caso necesario, as oito últimas filas facían fronte á beira oposta, volvendo as costas aos seus compañeiros. Entón formábase unha agrupación impenetrábel. A falanxe era unha masa pesada, de movementos lentos, que só podía manobrar en terreo chan. Para movementos rápidos, escalar alturas e atrincheiramentos, Filipo contaba con infantes que levaban un escudo pequeno e armas lixeiras.

Outra cuestión da que se ocupou o rei foi da maquinaria de guerra, que chegou a ser a máis completa que os historiadores coñezan ata agora. Empregábase para cercar cidades e constaba de catapultas (que lanzaban grandes pedras e tizóns acesos) e torres móbiles para alcanzar as murallas. Con este exército tan preparado e tan ben equipado Alexandre Magno puido realizar os soños do seu pai Filipo: conquistar Persia.

As vitorias[editar | editar a fonte]

A súa campaña comezou polos arredores das terras de Macedonia. No -355 conquistou a cidade de Crenidas, (á que bautizou co seu nome chamándoa Filipos ou Filípolis) preto da costa do mar Exeo, na beira do río Hebro e alén da zona mineira do monte Panxeo. Desde esta cidade podía ter o control absoluto da produción de ouro e a partir dese momento, Filipo puido acuñar neste metal e deixar de lado a prata que patrocinaban outras cidades. No ano -349 invadiu a Península Calcídica e no -348 destruíu a súa principal cidade, Olinto. Seguiu cara ao sur e conseguiu ser o gobernador da rexión de Tesalia.

A primeira vitoria de Filipo en territorio dos gregos foi no ano -346 en que venceu á rexión de Fócide (no centro da península grega). Esta vitoria deu a alerta xeral, aqueles bárbaros co seu rei á fronte debían ser tidos en conta. A partir deste momento, Macedonia foi admitida (aínda que non de moi bo grao) no consello de cidades, o que se chamaba Anfictionía, e Filipo aproveitou a súa posición na devandita Liga para dominar os asuntos de Grecia e ter o control do Oráculo de Delfos, de suma importancia para calquera decisión militar ou política que houbese que tomar.

No ano -338, Filipo, co seu grande exército, dirixiuse a Queronea (Beocia) e arrasou literalmente as hostes de Tebas e Atenas, que, aínda que inimigas, se aliaran temporalmente fronte a un inimigo común. Nesta batalla, o seu fillo Alexandre, de 18 anos de idade, tiña ás súas ordes 1.800 xinetes. Logo desta grande vitoria, Filipo comportouse sabiamente facendo gala de grande político; non humillou os vencidos mais lles impuxo a paz do vencedor e deulles a coñecer os seus ambiciosos planos: invadir Asia e destruír o Imperio Persa.

O eterno rival de Filipo foi o ateniense Demóstenes, político e orador, que mantivo en odio perpetuo contra Filipo e Macedonia os seus concidadáns. Demóstenes ansiaba a guerra custase o que custar, malia a paz imposta, e cos seus discursos enervou e prolongou a inimizade de Atenas contra Macedonia. Son as famosas Filípicas, palabra que nos nosos días empregamos cando dicimos que alguén lle berra moito a outro.

Matrimonios e descendencia[editar | editar a fonte]

Morte de Filipo[editar | editar a fonte]

Macedonia á morte de Filipo II

No ano -337, Filipo divorciouse de Olimpia. A súa intención era volver a casar cunha nobre macedonia. Para aplacar o descontento dos nobres de Molosia (de onde era Olimpia), tramou un matrimonio de conveniencia entre a súa propia filla Cleopatra e un irmán de Olimpia (é dicir, un tío de Cleopatra) que era rei vasalo en Molosia.

Para a voda organizáronse grandes festas en Pella (capital de Macedonia). Desde o amencer avanzaban en procesión solemne as estatuas dos doce deuses sentados en tronos luxosos moi adornados. Unha estatua facía a número trece: era a efixie do grande Filipo. Houbo un grande banquete e a continuación todos se dirixiron ao teatro para terminaren alí o agasallo. Chegou Filipo que se vestira de branco para a ocasión e cando se dispuña a entrar no recinto abalanzóuselle un novo nobre macedonio e feriuno nun costado. Morreu ao instante alí mesmo. O asasino chamábase Pausanias (como o famoso xeneral do século -V e o famoso historiador do século II) e díxose entón que fora unha vinganza persoal. A verdade non se soubo nunca.

Os historiadores de todos os tempos barallaron moitas teorías sobre o caso. O primeiro que fixeron sempre foi preguntarse quen saía beneficiado coa morte de Filipo. Pero esta pregunta ten moitas réplicas. Varios personaxes puideron estar implicados:

Cada autor presenta a súa tese e as súas teorías, mais o asasinato de Filipo segue a ser un misterio para a Historia da Humanidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Filipo II de Macedonia

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]