Psicoloxía social

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A psicoloxía social é unha rama destacada da psicoloxía. Xurdiu para establecer unha ponte entre a psicoloxía e a socioloxía. O seu obxecto de estudo é o comportamento dos individuos cando están en interacción. A Psicoloxía Social pode ser definida como o condicionamento que os procesos mentais impoñen á vida social do home, ao mesmo tempo que as diversas formas da convivencia social inflúen na manifestación concreta dos mesmos.

Historia[editar | editar a fonte]

A psicoloxía social naceu a mediados do século XIX, na Alemaña, grazas ao traballo de Wilhelm Wundt, quen creou o primeiro laboratorio de psicoloxía en Leipzig.

En 1895, o científico social francés Gustave Le Bon (1841-1931) presentou, no seu pioneiro traballo sobre a Psicoloxía das Multitudes. Nel formulaba a proposición básica para o entendemento dunha psicoloxía social: sexan cales sexan os individuos que compoñen un grupo, por semellantes ou dispares que sexan o seu modo de vida, as súas ocupacións, o seu carácter ou a súa intelixencia, o feito de teren sido transformados nun grupo fainos posuidores dunha especie de mente colectiva que os fai sentir, pensar e actuar de maneira moi diferente daquela pola cal cada membro del, tomado individualmente, sentiría, pensaría e actuaría, en caso de que se encontrase en estado de illamento. Esa proposición e os argumentos de Le Bon para xustificala, serviu de parámetro para o estudo sobre Psicoloxía de Grupo publicado por Sigmund Freud en 1921.

A Psicoloxía Social acada especial desenvolvemento nos Estados Unidos de América a comezos do século XX, sendo Floyd Allport considerado o precursor desta disciplina con carácter científico. Porén, será o psicólogo alemán Kurt Lewin o fundador da psicoloxía social moderna.