Guepardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guepardo
Acinonyx jubatus

Rango fósil: plioceno - actualidade [1]
TheCheethcat.jpg
Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae ou
Acinonychinae (s. auct.) [2]
Xénero: Acinonyx
Brookes, 1828
Especie: A. jubatus
Nome binomial
Acinonyx jubatus
(Schreber, 1775)
Especie tipo
Acinonyx venator
Brookes, 1828 (= Felis jubata, Schreber, 1775)
Distribución actual do guepardo rm África (Datos do Zoolóxico de San Diego, California

Distribución actual do guepardo rm África
(Datos do Zoolóxico de San Diego, California
Distribución histórica do guepardo       Presenza histórica        Presenza posíbel        Presenza media        Presenza elevada

Distribución histórica do guepardo

      Presenza histórica       Presenza posíbel       Presenza media

      Presenza elevada
Subespecies
Véxase o texto

O guepardo,[3] [4] [5] [6] tamén coñecido como onza,[3] [5] Acinoyx jubatus, é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e subfamilia dos felinos, o único representante actual do xénero Acinonyx.

É un animal que presenta un comportamento atípico, se o comparamos cos outros membros da mesma familia, xa que as súas garras non son completamente retráctiles, permanecendo visíbeis mesmo cando están recollidas ao máximo, sendo usadas para permitir unha maior adherencia ao solo cando corre, acelera e manobra no terreo (porén, as crías conseguen subir ás árbores por teren as garras máis finas).[7] e caza ás súas presas mediante persecucións a alta velocidade, en vez de tácticas como a caza á espreita ou en grupo; é o mais rápido de todos os animais terrestres, conseguindo atinxir velocidades por riba dos 110 km/h en carreiras curtas (de un máximo de 400 a 500 m).[8] [9] [10] [11] [12] [13] [14] [15] [16] [17]

O corpo do guepardo, deseñado para a carreira, ten un aspecto delgado e fino, con longas e esveltas patas e unha cara co fociño curto, marcado por dúas manchas negras que baixan desde os ollos até a comisura dos labios, e unha longa cola.

A súa coloración é beigue amarelada, con manchas negras polo dorso e a parte esxterior das patas. Os indivuduos novos presentan, ademais, unha curta crina negra no dorso do pescozo.

As femias poden teren até cinco cachorros por camada. A súa presa fundamental son as gacelas.

Típico habitante da sabana, vive en África, e nalgunhas zonas remotas da península Arábiga e o suroeste de Asia.

En épocas antigas este animal foi domesticado para a caza, actuando de forma semellante a como hoxe se empregan os galgos.

Na actualidade, está clasificado como vulnerábel pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, e están en marcha numerosos intentos de protección da especie, incluíndo procesos de clonación.[18]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Xénero[editar | editar a fonte]

O xénero Acinonys foi descrito en 1828 polo naturalista alemán Johann Christian Daniel von Schreber nun traballo publicado en Londres na revista Cat. Anat. Zool. Mus. Joshua Brookes.[19]

Ao longo do tempo este xénero foi coñecido polos sinónimos:

  • Acinomyx de Beaumont, 1964
  • Cynaelurus Gloger, 1841
  • Cynailurus Wagner, 1830
  • Cynofelis Lesson, 1842
  • Guepar Boitard, 1842
  • Gueparda Gray, 1843
  • Guepardus Duvernoy, 1834
  • Paracinonyx Kretzoi, 1929

A especie tipo do xénero é Acinonyx venator, Brookes, 1828, que fora descrita como Felis jubata por Schreber en 1775,[19] no múmero 5 do volume 2 da súa obra Die Säugethiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibunge.[20]

Especie[editar | editar a fonte]

A especie Felis jubata Schreber, 1775 foi posteriormente reclasificda no xénero Acinonyx, como Acinonyx jubata,[21] e considerada como monotípica (é dicir, única do xénero) pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica en 1956.

Debido ás súas peculiaridades, Wozencraft (1993) situou ao xénero Acinonyx na súa propia subfamilia monofilética, acinoniquinos (Acinonychinae),[22] aínda que a maioría dos autores encádrano na dos felinos.[23]

Salles (1992), Johnson & O'Brien (1997), Bininda-Emonds et al. (1999), e Mattern & McLennan (2000) consideran que Acinonyx e as dúas especies do xénero Puma, Puma concolor (o puma) e Puma yagouaroundi (o iaguarundí ou xaguarundí), son representantes de grupos cercanamente relacionados.[23]

Especies fósiles[editar | editar a fonte]

Ademais do guepardo, foron desceitas catro especies fósiles de Acinonyx:

  • Acinonyx jubatus, por Schreber en 1775.[24]
  • Acinonyx pardinensis †, o chamado guepardo xigante, por Croizet e Jobert en 1828.[25]
  • Acinonyx intermedius †, por Thenius en 1954.[26]
  • Acinonyx aicha †, por Geraads en 1997.[27]
  • Acinonyx kurteni †, por Christiansen & Mazák en 2008.[28] Esta xa non é unha especie válida, probabelmente é fraudulenta.[29] [30]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Ilustración do guepardo asiático (Acinonyx jubatus venaticus).
Guepardo de Tanzania
(Acinonyx jubatus raineyii).

Aínda que moitas fontes admiten seis ou máis subespecies de guepardo, o estatus taxonómico da maioría destas subespecies non está resolto. A suposta subespecie Acinonyx jubatus rex (o chamado guepardo real, ver máis abaixo) foi abandonada como subespecie desde que se descubriu que a variación foi causada por un só xene recesivo. A subespecie Acinonyx jubatus guttatus, o guepardo laúdo, tamén pode que sexa unha variación debido a un único xene recesivo. Algunhas das subespecies máis comunmente recoñecidas son:[21]

Porén, a UICN só cita dúas subespecies, Acinonyx jubatus ssp. hecki e Acinonyx jubatus ssp. venaticus.[18]

Nomenclatura[editar | editar a fonte]

Nome científico[editar | editar a fonte]

O nome do xénero biolóxico, Acinonyx, está tirado do grego científico ἀκινὄνυξ akinónyx, "o de gadoupas inmóbiles", construído con ἀ- (a-, "non") + κινέω (kinéō, "eu movo") + ὄνυξ (ónyks, "uña"), xa que, como vimos, é o único félido que non pode retraer as uñas por completo.

O epíteto específico, jubatus, vén do adxectivo latno iubãtus, -a, -um, que significa "con crina" (de iuba, "crina [de cabalo]", "melena" [de león]", "cista", "penacho"), aludido às crinas que presentan as crías do guepardo.[31]

Nomes vulgares[editar | editar a fonte]

Guepardo deriva do latín científico gapardus (rexistrado en Francia en 1622, en J. B. Gramaye, Africae illustratae libri decem, Tournay, t. II, p. 38), ou outras formas do latín moderno, e que pasou como préstamo, por medio da lingua franca da África do Norte ao italiano da época como gattopardo, rexistrado a principios do século XVII e composto de gatto, "gato" e pardo, "leopardo".[32] Esta antiga forma debe a súa fama moderna pola novela de Giuseppe Tomasi di Lampedusa, O gatopardo (Il Gattopardo) (1958), levada ao cinema en 1963 por Luchino Visconti.

E do italiano pasou, adaptado, ás outras linguas europeas: galego-portugués e castelán gueopardo, francés guépard, catalán guepard, alemán Gepard, ruso Гепард (guepard) italiano moderno, ghepardo, latín moderno cattus pardo, neerlandés jachtluipaard e gepard, afrikaans jagluiperd, etc.

O sinónimo onza deriva dun latín vulgar *luncěa, e este do latín lynx, lyncis, "lince".[5] Porén, cómprte sinalar que o nome onza tamén se aplica ao xaguar,[5]

Nalgunha bibliografía a especie vén denominada como chita, adapatación do inglés cheetah, á súa vez adaptación da voz do hindi 'चीता' (cītā), quizais derivada do sánscrito citrakāyaḥ, que significa "salferido de manchas" e "leopardo".[33]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características deste animal son:[15] [22] [31] [34] [35]

Retrato dun guepardo, visto de perfil.
Cachorro de guepardo deitado coa súa nai.
Pés dun guspardo. Nótense as garra embotadas, semiretráctiles.
Guepardo á carreira en persecución dunha presa.
  • Trátase dun felino de gran tamaño, de dorso cóncavo e abdome retraído, e aparecncia en certo modo canina. O corpo do guepardo é musculoso e esveltísimo, aínda que de aparencia delgada e constitución aparentemente fráxil. A cabeza é pequena e arredondada, co fociño curto, ollos situados na parte superior da cara e orellas pequenas e arredondadas.
  • A cor da súa pelaxe xeral vai desde a parda amarelada até a amarela apagada pálida, que se fai máis clara, case branca, no ventre, e está cuberta de manchas negras, redondas, esparexidas e non formando "rosetas", como no leopardo; estas manchas son menos conspicuas nas partes inferiores. No pescozo e nos ombros o pelo é máis mesto, formando unha curta crina erecta, menos desenvolvida nas femias. Na cabeza ten dúas listas ou estreitas bandas negras, desde os ollos até a comisura dos labios. A longa cola aparece salferida de manchas negras na súa maior parte, que se unen formando bandas ou aneis cerca do final, que é branco. Os indivuduos novos o principio son de cor gris afumada, co pelo longo e sen marcas, que se vai progresivamente facendo amarelado nos flancos e nas patas, e as marcas van pronuciándose mñais; ademais, presentan unha curta crina negra no dorso do pescozo (ao que alude o nome específico da especie, jubatus, como quedou dito máis arriba).
  • O guepardo mide de 120 a 150 cm de lonxitude, aos que hai que engadir de 55 a 80 cm da cola.
  • A súa altura na cruz é de 74 a 90 cm, e o seu peso, de entre 35 e 60 kg, sendo os machos lixeiramente de maior tamaño que as femias.
  • Presenta unha anatomía especializada para a carreira. O seu peito profundo alberga o maior corazón en proporción ao seu tamaño de todos os felinos, o que lle permite bombear o sangue con máis forza cara a todo o seu corpo. Os seus pulmóns e as súas fosas nasais son moi amplas para poderen absorber máis oxíxeno. As súas longas patas, rematadas en garra non totalmente retráctiles, como as dos demais félidos, permanecendo visíbeis mesmo cando están recollidas ao máximo, que lle proporcionan unha maior adherencia ao solo cando corre, acelera e manobra no terreo,[7] permítenlle alcanzar a gran velocidade citada anteriormente, complementándose todo cuhna cola moi longa, que pode alcanzar a metade da lonxitude do seu corpo, que lle dá estabilidade na persecución das súas presas.
  • A evolución biolóxica, por tanto, levou a este animal cara a unha técnica de caza absolutamente oposta á de todos os seus parentes, En lugar de reptar no sotobosque até poñerse a poucos metros da peza a cazar para saltar sobre ela e suxeitala coas afiadas unllas, como fan o leopardo, o xaguar os linces ou memo o gato montés, para cazaren á espreita, ou en grupos, como os leóns, o guepardo corre abertamente nas chairas para dar alcance ás súas velocísimas presas, do mesmo xeito en que un galgo pode cazar unha lebre. En distancias curtas, este animal é mías rápido que calquera can, aínda que, en canto supera os 400 ou os 500 m esgótase e ten que deitarse a descansar no chan para recuperar os folgos.

Variacións intraespecíficas[editar | editar a fonte]

O guepardo ten unha pouco usual baixa variabilidade xenética, debido a un moi baixo número de espermatozoides e a escasa motilidade destes, que moitas veces presetan os flaxelos deformados.[36]

Os enxertos de pel entre guepardos de distintas poboacións ilustran o punto anterior, xa que non hai ningún rexeitamento á pel do doador. Pénsase e que a especie atravesou un período prolongado de endogamia durante o último período glacial (o que se chama "efecto colo de botella xenético"). Isto suxire que o monomorfismo xenético non impediu que o guepardo se desenvolvese amplamente en dous continentes durante miles de anos.[37]

O guepardo real[editar | editar a fonte]

Guepardo real.

O guepardo real (Acinonyx jubatus f. rex) é ás veces considerado como unha subespecie, pero realmente non é máis que unha forma simple que resultaría dunha mutación recesiva. De feito, pode aparecer nunha ampla gama de guepardos normais.[38]

Observouse por primeira vez en 1926 na que daquela era Rodesia do Sur (hoxe Zimbabue). En 1927 o naturalista Reginald Innes Pocock declarouno como unha especie separada, pero revocou esta decisión en 1939 debido á falta de probas. Parecía máis grande que un guepardo, e a súa pel tilña unha textura diferente. Houbo outro avistamiento en 1986, o primeiro en sete anos. En 1987 até, trinta e oito exemplares se rexistraran, moitos deles a traés de peles.

O seu aspecto é diferente ao dos outros guepardos: as manchas son significativamente máis grandes e forman liñas en varias partes, cunhas cospicuas franxas negras nas costas que se estende desde a cabeza até a cola.

Sábese que existen nas zonas máis boscosas dun pequeno sector de Zimbabwe e da parte norte da antiga provincia de Transvaal de Sudáfrica.

Guepardo real (visto de perfil).

Esta pelaxe, máis marmorada que manchada con pintas, parece que proporciona ao animal un excelente camuflaxe no miombo.[39]

A súa condición taxonómica foi resolta en 1981, cando varios guepardos reais naceron no De Wildt Cheetah and Wildlife Centre de Sudáfrica. En maio dese ano dúas irmás manchadas pariron alí, e cada camada contiña un guepardo real. As irmás foran cubertas por un macho capturado na zona de Transvaal (onde se rexistrara a presenza de guepardos reais).

Outros guepardos reais naceron máis tarde no mesmo Centro.

En 2012, a causa deste patrón de cor alternativa encontrouse nunha mutación no xene da "aminopeptdidase transmembrana Q" ("Taqpep").[40]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución actual do guepardo.

Hai varias poboacións de guepardos illadas, sobre todo en África, e tamén no suroeste de Asia, onde perviven tan só uns 50 individuos no Khorasán, Irán, que son obxecto dunha campaña para a súa preservación.[41] A presenza do guepardo asiático foi sinalada repetidamente en Paquistán, no Baluchistán, aínda que isto non foi confirmado.[42]

E África os guepardos encóntranse principalmente en hábitats abertos de chairas herbosas (sabanas), pero tamén viven en bosques secos, sabanas arboradas, zonas de matogueiras e semidesertos, estando ausentes da selva tropical.

Hai informes de guepardos que estanan a unha altitude de 4.000 m no monte Kenya. No Sahara central ocupan hábitats de alta montaña (as montañas do sur do Sahara son hiperáridas), sempre que reciban precipitacións lixeiramente máis altas que o deserto circundante.[18]

O seu hábitat en Irán son as zonas desérticas, moitas delas con precipitacións de menos de 100 mm ao ano. O seu territorio esténdese desde as chairas e salinas até os outeiros erosionados e esgrevios, en alturas de eté os 2.000-3.000 m. A vexetación, alí onde a hai, está composta por unha escasa cuberta de arbustos, de máis ou menos un metro de altura, dos xéneros Salsola, Artemisia, Zygophyllum, Astragulus, Aphaxis e outros.

As gacelas Gazella subgutturosa e G. bennetti eran as súas presas preferidas, pero hoxe volvéronse escasas pola caza excesiva e a extensión das zonas de pastoreo do gando. A recuperación puntual experimentada ultimamente por algunhas posoacións de guepardo suxire que mata ovellas salvaxes persas (Ovis orientalis), cabras montesas (Capra aegagrus) e lebres (Lepus capensis), aínda que estas especies non se consideran óptimas para os guepardos.[18] [34]

Costumes[editar | editar a fonte]

Os guepardos son os mamíferos terrestres máis rápidos e cazan áa súas presas, principalmente de pequenos a medianos ungulados, especialmente gacelas, perseguíndoas en carreiras de alta velocidade, de até 103 km/h (29 m/seg) a distancias duns centos de metros. Outras presas inclúen aves terrestres aves e pequenos mamíferos como lebres.

Facóquero.
Gacela saltadora.
Vídeo documental a cámara lenta (1200 fps).

Velocidade máxima dalgúns animais africanos á carreira[15]

Especie Velocidade punta
Elefante africano
Rinoceronte branco
40 km/h
Licaón 48 km/h
Xirafa
Facóquero
50 km/h
Búfalo cafre 55 km/h
Hiena pinta 64 Km/h
Cebra 65 km/h
Avestruz
Gacelas
León
Ñu
80 km/h
Gacela altadora 95 km/h
Guepardo 114 km/h

Os guepardos viven solitarios ou reunidos en pequenos grupos de até seis individuos. Cazan durante o día, a diferenza doutros depredadores, unha estratexia que pode axudar a reducir a competencia, preferentemente pola mañá e ao atardecer (alguhas veces tamén mas noites de lúa chea: a vista deste animal é o seu setido máis desenvolvido). Ao cotrario que os demais félidos, en vez de agocharse cerca delgún bebedeiro ou o longo dun rastro de caza, acércase sixilosamente á presa elixida e, entón, arranca na súa persecución. A súa técnica de caza consiste en acercarse á presa tanto como sexa posíbel, lanzándose daquela na súa procura mediante un ataque lateral e trabñandoa na gorxa.[18] [34]

A diferenza doutros depredadores africanos, raramente buscan comida entre animais mortos, e non permanecer moito tempo coas súas presas matadas, moitas das cales son roubados por outros carnívoros.[18]

Afeito a que os preeiros de maior envergadura ou forza (como aa hienas, os babuínos ou mesmo o león ou o leopardo) lle rouben as pezas que caza, o guepardo habituose a cazar nas horas centrais do día, cando os outros depredadores durmen. A súa estrutura física adaptada á velocidade limita a súa capacidade de loita e defensa, xa que o seu corpo é esvelto e fino a expensas dunha musculatura potente e a forza nas súas gadoupas limítano ao momento de enfrontarse cun opoñente mais dottado defensivamente. Así, é probábel que sofra unha derrota, polo que adoita retiraese antes de que suceda a pelexa e, deste xeito, evita ser danado.

Alimentación[editar | editar a fonte]

O guepardo aliméntase esencialmente de mamíferos que pesen por debaixo dos 40 kg, principalmente antílopes novos ou pequenos (gacelas, oribís, impalas, raficeros, etc.), facóqueros, lebres do Cabo e tamén aves (pintadas ou galiñas de Guinea, avetardas, avestruces).
A captura de presas maiores (cobos, damaliscos, ñus, etc.) é consecuencia de que o guepardo pode cazar en grupos.[34]

Relación de presas abatidas polos guepardos en África oriental[editar | editar a fonte]

(Datos de 1970)[15]

Total (25 especies) - 173

O leopardo e o guepardo cazan aos mesmos animais, pero non entran realmente en competencia polo alimentio, xa que o leopardo frecuenta zonas con árbores ou arbustos, ou bosques galería, mentres que o guepardo prefire as chairas abertas.[34]

Guepardo perseguindo unha gacela de Thomson no cráter de Ngorongoro, Tanzania.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Femia de guepardo cunna crïa.

Os machos alcanzan a madurez sexual a partir dos dous anos e medio ou os tres anos. As femias son un pouco máis precoces, e poden empreñaren aos dous anos. Despois dunha xestación duns tres meses (de 90 a 95 días), as femias paren unha camada de unha a cinco crías, ás veces até oito, aínda que isto é moi raro e frecuentemente só tres ou catro crías compoñen a camada.[22] [43]

Os cachorros pesan entre 300 e 500 g ao naceren, miden ao erewdoe de 30 cm e son cegos.[43]

Tan pronto como a noite llo permita, a nai trasladará ás crías de lugar, poñéndoas a salvo doutros depredadores. Os cachorros non son capaces de seguir á nai até as catro semanas de idade. A desteta prodúcese seis meses despois do parto. A femia ocúpase dos cachorros sen que o macho a axude en ningún momento.

Durante a súa etapa xuvenil, os depredadores, o frío e a fame fan estragos entre os guepardos xuvenís antes de cumpriren os tres meses.

Cría de guepardo.
Primeiro plano dunha cría.

A taxa de mortalidade dos cachorros varía, segundo as zonas, do 50 ao 75 % e,[14] en casos extremos, como no ecosistema do Serengueti, até un 90 %; pero en comparación co Serengueti, a taxa de supervivencia dos cachorros na área de Kgalagadi é sete veces maior.[44] [45]

Para ensinarlles a cazar aos seus fillos, a nai adoita capturar vivas algunhas crías de gacela que logo lles ofrece para despertar o seu instinto de cazadores. Aos dez meses, as crías xa poden cazar algunhas pezas pequenas.

Ao cumprir un ano e medio, a camada perde todo contacto coa nai, pero as crías seguen xuntas até que alcanzan a madureza sexual. Cando as femias teñen o seu primeiro celo separánse dos seus irmáns e inician a súa solitaria vida.

Os machos, porén, permanecerán xuntos para cazaren en grupo de maneira máis efectiva e defenderen mellor o seu territorio, o que determina que se forme un forte vínculo entre eles. Porén, ás veces se observaron alianzas entre machos non emparentados.

Os guepardos son polígamos. Terminada a cría da súa camada, a femia buscará un ou varios machos que a fecunden.

As femias son poliestrais, cun ciclo menstrual medio de 12 días. O período fértil esténdese de un a tres días. A reprodución prodúcese durante todo o ano. Porén, rexístrase un aumento dos nacementos desde marzo a xuño.

Lonxevidade[editar | editar a fonte]

A lonxevidade do guepardo é de até os doce anos na natureza, e de até os vinte en catividade. [14]

Voz[editar | editar a fonte]

A voz do guepardo pode semellar ás veces a un grito dun paxaroe, pero tamén o miar dun gato. Cando o guepardo manifiesta a súa cólera, grita. Pero non pode ruxir, porque ten completamente osificado o óso hioide; como os membros do xénero Felis. En cambio, os felinos do xénero Panthera si poden ruxir porque teñen incompletamente osificado o hioide.[46]

Historia evolutiva[editar | editar a fonte]

Os xéneros Acinonyx e outros relacionados probabelmenter evolucionaron en África durante o mioceno (de hai 26 milllóns de anos (MA) a 7,5 MA), antes de migrar para Asia. Entre as species actualmente extinguidas están Acinonyx pardinensis (do plioceno), que era moito maior que o guepardo actual, cuxos restos se encontron en Europa, a India e a China; Acinonyx intermedius (plistoceno medio), coa mesma distribución xeográfica; Miracinonyx inexpectatus, Miracinonyx studeri, Miracinonyx trumani (ao longo de todo o plistoceno, e cuxos restos fósiles se encontraron en Norteamérica, polo que estapecie se coñece como guepardo americano, e Acinonyx kurteni, do período plioceno, encontrado na China. Investigacións recentes supoñen que o último antepasado común de todas as poboacións existentes de Asia viviu hai 11 MA, o que pode conducir a facer unha revisión e perfeccionamento das ideas existentes sobre a evolución do guepardo.[47]

Pero recentemente demostrouse, en base a análises de ADN, que o xénero norteamericano, Miracinonyx seria un exemplo de converxencia evolutiva, constituíndo entón non un parente próximo do actual guepardo, senón unha forma adaptada á caarreira do puma.[1]

Por outra parte, hai aproximadamente dez mil anos o guepardo estivo a punto de extinguirse, vítima da súa propia incapacidade para defender as presas que cazaba, e incluso ás súas propias crías. Segundo os estudos xenéticos máis recentes, a súa reprodución naquela época produciuse desde un grupo moi reducido, o que se traduce que na actualidade todos os espécimes presentan un mapa xenético moi parecido.[48]

Relacións co home[editar | editar a fonte]

Doma[editar | editar a fonte]

Un guepardo amansado ofrecido como tributo ao rei de Tebas (1700 a.C.).

Os antigos exipcios a miúdo mantiveron guepardos como animais de compañía (mascotas) e tamén os domaron e os adestraron para a caza (pero non os domesticaron realmente, é dicir, criábanos baixo control humano).

Os guepardos levaríanse aos campos de caza en carros os suxeitos aos cabalos, encapuchados e cos ollos vendados e atados con correas; mentres, os cans buscaban e concentraban ás súas presas. Cuando estas estaban cerca, os guepardos serían liberados, e se lles quitaban as vendas.

Esta tradición da caza con guepardos pasou á antiga Persia e, de aí, á India, onde esta práctica, realizada polos príncipes, continuou até o século XX.

Os guepardos foron, en numerosos lugares, asociados coa realeza e coa elegancia, usándose como mascotas e como auxilaires na caza. Moitos reis e príncipes mantovéronos como amimais de compañía, incluídos Genghis Khan e Carlomagno, que presumía de manter guepardos dentro dos terreos do seu Palacio. Akbar o Grande, gobernante do Imperio mongol desde 1556 a 1605, mantivo até 1.000 guepardos.[36] E tan recentemente como na década de 1930, o emperador de Etiopía Haile Selassie foi fotografado moitas veces conducindo un guepardo atado cunha correa.

Importancia económica[editar | editar a fonte]

A pel de guepardo antigamente considerábase como un símbolo de estatus social. E xa vimos domo, dedesde tempos do antigo Exipto, moitos emperadores, reis e príncipes tiveron guepardos como animais de compañía. Hox en día estes animis teñen unha importancia económica crercente para o ecoturismo, e tamén se encontran exhibidos nos parques zoolóxicos de todop o mundo. Entre eles destaca o White Oak Conservation de Yulee, Florida, que mantén unha importante poboación de guepardos, e que manifestou que o manexo destes animais en catiividade presenta retos debido á súa saúde, nutrición e socialización, pero que estes superáropnse grazas a colaboracións con varios servizos de vida silvestre.[49]

Como son moito menos agresivos que outros felinos de gran tamaño, as crías de guepardo son facilmente vendidas como animais de compañía. Aínda que este comercio é ilegal, xa que a propiedade privada de animais salvaxes ou especies ameazadas de extinción está prohibida por convencións internacionais (CITES).

Os guepardos son domados aínda no mundo moderno. Un exemplo é Burmani, criado en Inglaterra no Parque de animais salvaxes de Eagle Heights desde a idade de tres meses. Anteriormente fora criado nun Parque de cervos en Alemaña, e é tan manso que perdeu o seu instinto de cazador.[50]

Os guepardos foron perseguidos e cazados durante moito tempo (e aínda o son) por agricultores e pastores que os acusn de rapina dos rebaños. Cando a especie comezou a estar ameazada de extinción, promovéronse varias campañas coa intención de informar e educar ambientalmente os facendeiros, incentivándoos a protexer este animal.evidencias recentes demostraron que os guepardos non atacan e comen animais se poden evitar facelo, xa que prefiren as presas silvestres.[51]

Proxectos de reintrodución[editar | editar a fonte]

Fixéronse diversas propostas para reintroducir o guepardo en reservas subsaharianas, así como en Israel, a India, Turcomenistán e Uzbequistán. Pero a conservación das poboacións actuais, porén, segue a ser prioridade. Ademais, as reintroducións non se deben considerar seriamente antes de efectuar comparacións xenéticas e de avaliar os seus posíbeis impactos ambientais. Por último, débese contar co acordo do Consello da UICN.[Cómpre referencia]

Proxecto de restauración da poboación do guepardo na India[editar | editar a fonte]

É ben sabido que o guepardo asiático existiu na India durante moito tempo pero, como resultado da caza e doutras causas, o animal extinguiuse neste país na década de 1940.

Recentemente propúxose un proxecto de reprodución en catividade. O ministro de Medio Ambiente e Bosques dixo 7 de xullo de 2009 que "o guepardo é o único animal que se declarou extinguido na India nos últimos 100 anos, e que debemos traelo do estranxeiro para repoboar a especie". Respondía así a unha chamada de atención de Rajiv Pratap Rudy, do Bharatiya Janata Party (BJP). "O plan para traer de volta o guepardo, que despareceu pola caza indiscriminada e polos complexos factores da súa fráxil cria, é audaz dados os problemas que afectan á conservación do tigre". Dous naturalistas, Divya Bhanusinh e M. K. Ranjit Singh, suxiriron a importación de guepardos de África, para despois crialos en cativerio e, co tempo, liberalos no seu hábitat natural.[52]

Porën, i plan para reintroducir os guepardos africanos na India foi suspendido despois de descubrirse a diferencia entre as subespecies dos guepardos de Asia e África, que se separaron hai de 32.000 a 67.000 anos.[53] [54]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O guepardo é unha especie vulnerábel, e así a cualifica a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) a nivel global de epecie, considerendo á subespecie africana que esta institución admite (Acinonys jubatus hecki) como ameazada, e á asiática (Acinonyx jubatus venaticus) en situación crítica.[18] Por outra partte, a especie está considerada como ameazada de extinción no Apêndice I da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES).

De todos os grandes felinos, é o menos capaz de adaptarse a novos ambientes. Sempre foi difícil de criar en cativerio, aínda que recentemente algúns zoolóxicos lograron ter éxito nisto. Unha das técnicas foi introducir un can como un compañeiro e protector para logran que o guepardo cativo se sentise menos ameazado,

As crías da chita sofren de elevados índices de mortalidade debido a factores xenéticos e á predación por parte de carnívoros que compiten con esta especie, como o leñon e a hiena. Algúns biólogos defenden a teoría de que, como resultado da procreación consanguínea, o futuro da especie está comprometido.

O guepardo nas artes[editar | editar a fonte]

Baco e Ariadne por Tiziano, 1523.
Cheetah with Two Indian Attendants and a Stag by George Stubbs, 1764–1765
The Caress by Fernand Khnopff, 1887
  • Na obra de Tiziano Baco e Ariadna (1523) a carruaxe do deus é puxada por unha parella de guepardos (usados como animais de caza na Italia renacentista).
  • No cadro de George Stubbs, Guepardo con dous servos indios e un veado (Cheetah with Two Indian Attendants and a Stag) (1764-1765) móstrase o guepardo como animal de caza. O cadro foi feito en conmemoración da doazón dun guepardo a Xurxo III do Reino Unido polo gobernador inglés de Madrás, Sir George Pigot.
  • En A caricia (1896), do pintor simbolista belga Fernand Khnopff (1858-1921), represéntase o mito de Edipo e da Esfinxe, representada por unha criatura con cabeza de muller e corpo de guepardo (moitas veces, erroneamente identificada como un leopardo).
  • A utilización dos guepardos como animais de estima exóticos represéntase, por exemplo, nunha peza de escultura art déco de cerca de 1925, da Wiener Werkstätte.
  • O libro de André Mercier, Our Friend Yambo (1961) é unha curiosa biografía dun guepardo adoptado por un matrimonio francés que o leva a París. Este libro foi, seguramente, influído polo éxito do libro Born Free (Nacida libre, que deu orixe ao filme que en España recibiu o rítulo de Una leona llamada Elsa), de Joy Adamson, que tamén escribiu a "autobiografía" dun guepardo en The Spotted Sphinx (1969).
  • Hussein, An Entertainment (1938), novela de Patrick O'Brian que se desenvolve naIndia do período do Raj Británico, ilustra a práctica da realeza mantendo e adestrando guepardos para a caza de antílopes.
  • O libro How It Was with Dooms (1997) tells the true story of a family raising an orphaned cheetah cub named Duma (the Swahili word for cheetah) in Kenya. The films Cheetah (1989) and Duma (2005) were both loosely based on this book. conta a verdadeira historia de unha familia que cría un cachorro de guepardo orfo chamado Duma (o nome en swahili do guepardo) en Kenya. Os filmes Cheetah (1989) e Duma (2005) están ambos os dous baseados neste libro.
  • A serie animada ThunderCats tiña un personaxe principal que era un guepardo antropomorfo chamado Cheetara.
  • En 1986, Frito Lay introduciu un guepardo antropomorfo, Chester Cheetah, como a mascota dos seus Cheetos.
  • O filme Harold and Kumar Go to White Castle (2004) ten unha subtrama que implica a un guepardo fuxido que fuma cánnabis coa súa parella o que lle permite montala.
  • A adversaria principal da superheroína de banda deseñada Wonder Woman é a Dra. Barbara Ann Minerva, alias Chita (The Cheetah).
  • O anime xaponés Damekko Dōbutsu features a clumsy but sweet-natured cheetah named Chiiko. conta cun guepardo torpe pero doce e nobre chamado Chiiko.
  • A primeira versión de Mac OS X de Apple Inc. foi co nome clave "Cheetah", que fixou o padrón para as versións posteriores, sendo nombeado despois "big cats" (grandes felinos).
  • Baixo o título "Caza a 60 millas por hora", o xogo de PlayStation 3 Afrika conta cun guepardo cazando unha gacela na primeira "cacería de caza maior" do xogo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Mattern, M. Y. & D. A. McLennan (2000): "Phylogeny and Speciation of Felids". Cladistics 16 (2): 232–253.
  2. Secundum auctoris = segundo os autores.
  3. 3,0 3,1 Gran dicionario Cumio da lingua galega. Vigo: Edicións do Cumio, 2004.
  4. Dicionario de galego. Vigo: In Indo Edicións, 2004.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Gran dicionario século XXI da lingua galega, Vigo: Editorial Galaxia / Edicións do Cumio, 2006.
  6. Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo: Edicións Xerais de galicia, 2009.
  7. 7,0 7,1 "Cheetah Fact Sheet". Cheetah.org. Consultado o 6 de decembro de 2014.
  8. Sharp, N. C. (1997): "Timed running speed of a cheetah (Acinonyx jubatus)". Journal of Zoology, London 241 (3): 493–494. Resume
  9. Milton Hildebrand (1959): "Motions of Cheetah and Horse". Journal of Mammalogy 40 (4): 481–495. Ler en liña.
  10. Carwardine, Mark (2008): Animal Records. New York: Sterling. ISBN 978-1-4027-5623-8, p. 43.
  11. Sears, Edward S. (2001); Running Through the Ages. Jefferson, North Carolina, USA: McFarland. ISBN 978-0-7864-0971-6, p. 5.
  12. Smith, Roff (2012): "Cheetah Breaks Speed Record—Beats Usain Bolt by Seconds". National Geographic Daily News (National Geographic Society).
  13. "Speed sensation" Nature Video Collections. BBC Nature.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Cheetah fast facts". Zoological Society of London. Consultado o 6 de decembro de 2014.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Rodríguez de la Fuente, F. (1970), pp. 113-113.
  16. Paul Allen Tipler & Gene Mosca (2008): "Aceleración del guepardo". En: Física para la ciencia y la tecnología. Volume 1. Barcelona: Editorial Reverté, s. A. ISBN 84-291-4411-0.
  17. Jose Jimenez Ortega & Isabel Jimenez de la Calle (2004):"Ficha 17. El guepardo". En: Método para el desarrollo de la comprensión lectora. Volume 4. Madrid: La Tierra de Hoy, S. L. ISBN 84-96182-09-6.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 Acinonyx jubatus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
  19. 19,0 19,1 Acinoyx en Wilson, Don E. & Reeder, Dee Ann M., eds. (2005): Mammal Species of the World.
  20. Obra que comezou a publicar en 1774 e que rematou, co número 64, en 1804.
  21. 21,0 21,1 Acinonyx jubata en Wilson, Don E. & Reeder, Dee Ann M., eds. (2005): Mammal Species of the World.
  22. 22,0 22,1 22,2 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), pp. 223-225.
  23. 23,0 23,1 Wozencraft, W. C. (2005): "Order Carnivora". En: Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.), pp. 532–533.
  24. Schreber, J. C. D. (1777): Die Säugthiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen 1776-1778. Wolfgang Walther, Erlangen.
  25. Croizet, J. B. & Jobert, A. C. G. (1862): Recherches sur les ossemens fossiles du département du Puy-de-Dôme. Paris
  26. Thenius, E. (1954): "Gepardreste aus dem Altquartär von Hundsheim in Niederösterreich". Neues Jahrbuch für Geologie und Paläontologie, Monatshefte: 225–238.
  27. Geraads, D. (1997): "Carnivores du Pliocène terminalde Ahl al Oughlam (Casablanca, Maroc)". Geobios 30 (1): 127–164.
  28. Christiansen, P.; Mazák, J. H. (2009). "A primitive Late Pliocene cheetah, and evolution of the cheetah lineage". Proceedings of the National Academy of Sciences 106 (2): 512–5. DOI:10.1073/pnas.0810435106. PMC 2626734. PMID 19114651. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2626734.
  29. Knevitt, Oliver (2011). "5 Greatest Palaeontology Fakes Of All Time #5: The Linxia Cheetah". Science 2.0. http://www.science20.com/between_death_and_data/5_greatest_palaeontology_fakes_all_time_5_linxia_cheetah. Consultado o January 2013.
  30. Mazák, J. H. (2012). "Retraction for Christiansen and Mazák. A primitive Late Pliocene cheetah, and evolution of the cheetah lineage". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 109 (37): 15072. DOI:10.1073/pnas.1211510109. PMID 22908293.
  31. 31,0 31,1 Cat Specialist Group. Cheetah - Guépard - Duma - Acinonyx jubatus.
  32. guépard no Trésor de la Langue Française informatisé.
  33. cheetah en The American Heritage Dictionary of the English Language. 4th Edition.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 147-148.
  35. Aulagnier, S., Haffner, P., Mitchell-Jones, A. J., Moutou, F. & Zima, J. (2009): Guía de los Mamíferos de Europa, del norte de África y de Oriente Medio. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-52-1.
  36. 36,0 36,1 O'Brien, S.; D. Wildt & M. Bush (1986): "The Cheetah in Genetic Peril". Scientific American 254: 68–76.
  37. Young, T. P. & A. H. Harcourt (1997): "Viva Caughley!". Conservation Biology 11: 831–832.
  38. Broomhall, L. S.; Mills M. G. & Du Toit, J. T. (2003): "Home range and habitat use by cheetahs in the Kruger National Park". Journal of Zoology, 261.
  39. Marshall Cavendish (1997): Encyclopedia of mammals Volume 4.
  40. Kaelin. C. B. et al. (2012): "Specifying and sustaining pigmentation patterns in domestic and wild cats". Science 337 (6101): 1536-1541.
  41. Asiatic Cheetah wildaboutcats.org
  42. Asiatic Cheetah. WWF.
  43. 43,0 43,1 Acinonyx jubatus en ADW.
  44. M. G. L. Mills & M. E. J. Mills (2014): "Cheetah cub survival revisited: a re-evaluation of the role of predation, especially by lions, and implications for conservation", Journal of Zoology 292 (2): 136–141.
  45. Denis-Huot, Christine & Michel Denis-Huot (2006): "Fils de la savane: Léopards et Guépards", en Les princes de la savane Issy-les-Moulineaux, Hauts-de-Seine, France: Éditions White Star.‎ ISBN 978-88-6112-013-6, p. 150-189.
  46. M. E. Fowler & R. E. Miller, eds, (2005): Zoo and wild animal medicine. 5th ed. Philadelphia: W. B. Saunders Company,‎ pp. 491-501.
  47. Johnson, W. E.; E. Eizirik; J. Pecon-Slattery; W. J. Murphy; A. Antunes; E. Teeling & S. J. O'Brien (2006): "The Late Miocene Radiation of Modern Felidae: A Genetic Assessment". Science 311 (5757): 73–77.
  48. Maurice Burton & Robert Burton (2002): "Cheetah" en: International Wildlife Encyclopedia 3ª ed., Volume 3. New York, USA: Marshall Cavendish Corporation. ISBN 0-7614-7269-X, pp. 427-429.
  49. Cheetah White Oak.
  50. Fieldsports Britain - Rabbits with a cheetah in Essex, grouse and squeaking a roebuck Vídeo (episodio 1) (en inglés).
  51. "Cheetah menu: wildlife instead of cattle" en Forschungsverbund Berlin e.V. (FVB) (en inglés).
  52. The Times of India, Thursday, July 9, 2009, p. 11.
  53. "| Travel India Guide". Binoygupta.com. 18 de maio de 2012. http://www.binoygupta.com/wildlife/cheetah-275/. Consultado o 16 de decembro de 2014.
  54. "Breaking: India’s Plan to Re-Introduce the Cheetah on Hold". http://cheetah-watch.com.+8 May 2012. http://cheetah-watch.com/portfolio/breaking-indias-plan-to-re-introduce-the-cheetah-on-hold/. Consultado o 16 de decembro de 2014.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ammann, Katherine & Karl Ammann (1985): Cheetah. New York: Arco Pub. Co. ISBN 978-0-6680-6259-6.
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. London: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-0021-9778-2.
  • Jackson, Peter & Adrienne Farrell Jackson (1996): Les félins, toutes les espèces du monde: Paris / Lausanne: Delachaux et Niestlé. La bibliothèque du naturaliste. ISBN 2-603-01019-0.
  • Marion, Rémy; Catherine Marion, Géraldine Véron, Julie Delfour, Cécile Callou & Andy Jennings (2005): Larousse des Félins. Paris: Larousse. ISBN 2-03-560453-2.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "El guepardo, campeçon absoluto en velocidad pura". En: Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 213-239.
  • Seidensticker, John & Susan Lumpkin (1991): Great Cats. Majestic Creatures of the Wild Emmaus, Pensylvania, USA: Rodale Books, Inc. ISBN 978-1-8751-3790-9.
  • Wilson, Don E. & Reeder, Dee Ann M., eds. (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]