Tigre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tigre
Rango fósil: Plistoceno – Actualidade
Tigre de Bengala (P. tigris tigris) no Parque Nacional Jim Corbett da India
Tigre de Bengala (P. tigris tigris) no Parque Nacional Jim Corbett da India
Estado de conservación
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Xénero: 'Panthera'
Especie: ''P. tigris''
Nome binomial
''Panthera tigris''
(Linnaeus, 1758)
Hábitat histórico do tigre en 1850 (amarelo) e no 2006 (verde).

Hábitat histórico do tigre en 1850 (amarelo) e no 2006 (verde).
Subespecies

P. t. tigris
P. t. corbetti
P. t. jacksoni
P. t. sumatrae
P. t. altaica
P. t. amoyensis
P. t. virgata
P. t. balica
P. t. sondaica

Sinonimia
Felis tigris Linnaeus, 1758

Tigris striatus Severtzov, 1858

Tigris regalis Gray, 1867

Os tigres (Panthera tigris) son mamíferos da familia Felidae, pertencentes a unha das catro especies de felinos do xénero Panthera. Os tigres son cazadores carnívoros.

O peso récord dun macho adulto é de máis dun terzo de tonelada. Coma os leopardos, os tigres comen principalmente de noite. A pesar do seu gran tamaño, poden axexar as súas presas en completo silencio, denantes de se abalanzar sobre elas a curta distancia. Apreixan as súas vítimas coas poutas dianteiras e mátanas trabándolles a gorxa. Os tigres son perigosos para as persoas; levan causadas moitas vítimas, especialmente alí onde os humanos alteran o seu hábitat natural.

Nos últimos anos, a poboación mundial de tigres descendeu, principalmente a causa da caza ilegal; na actualidade quedan probablemente menos de 7.000 exemplares en estado salvaxe.

Os tigres presentan unhas raias negras que os axudan a camuflarse. Os casos de tigres devoradores de homes son raros, malia a lenda que acompaña a figura do animal.

Os primeiros tigres auténticos orixináronse no sur de Siberia durante o Plistoceno. Desde alí iniciaron unha longa expansión que se concretou ao longo de dúas rotas distintas: unha cara ao leste, a través das estepas de Asia Central, que os levou ata Persia, Mesopotamia e mais o Cáucaso; e outra ao longo do litoral da China, que rematou na India e o Sureste asiático, a onde chegaron hai menos de dez mil anos. Xa en época histórica, a presión humana forzou a redución e extinción de moitas poboacións, malia que ata o século XIX aínda gozaban dunha distribución que aínda sendo irregular espallábase desde Xeorxia ata a illa indonesia de Bali.

Na actualidade sobreviven cinco subespecies de tigres: o de Bengala (Panthera tigris tigris), posiblemente o máis coñecido polo ser humano hoxe en día, habita no subcontinente indio; o de Siberia (P. t. althaica), o tigre máis alto e corpulento; o de Sumatra, do que quedan menos de 500 exemplares, unha subespecie de tigre de -relativamente- pequenas dimensións; o de Indochina (P. t. corbetti), e o tigre do sur de China (P. t. amoyensis), o que corre máis perigo de extinción na actualidade, xa que só quedan uns trinta exemplares. O famoso "tigre branco" é, en realidade, unha variedade de tigre bengalí orixinaria do estado indio de Madhya Pradesh (antigo reino de Rewa), na que a cor leonada da pelaxe foi substituída por branco debido a unha mutación; os ollos destes tigres son azuis.

Durante o s.XX extinguíronse outras tres subespecies por mor da caza e do deterioro do seu hábitat. O tigre do Caspio (P. t. virgata), un voluminoso tigre semellante ao de Bengala pero que podía superar os 400 kilos de peso, sufriu unha dura campaña de exterminio na Rusia zarista. O último exemplar ruso foi abatido no actual Acerbaixán en 1923, e a subespecie desapareceu definitivamente cando se cazou o derradeiro tigre iraní en 1959. Unhas décadas antes, en 1937, o pequeno tigre de Bali (P. t. balica), unha raza de cor escura e menos de 100 quilos de peso máximo, foi exterminado, namentres que na veciña illa de Xava perdeuse a pista á subespecie local (P. t. sondaica) a mediados dos 70.

Frecuentemente en América ao xaguar chámaselle tigre, debido á semellanza de ambos os animais.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tigre

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Tigre