Mauritania
| Artigo nos seus primeiros pasos. Este artigo relacionado coa xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel e contribúe a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados coa xeografía que precisan de revisión e nos que posibelmente tamén poidas contribuír. |
Mauritania é un país de África Occidental. Limita ao norte con Marrocos, o sur e o leste con Mali, ao sur con Senegal e ao oeste co Océano Atlántico. É un dos países máis próximos a Cabo Verde. A súa capital é Nouakchott.
Índice |
Historia[editar]
Os restos de material lítico mostran o poboamento de Mauritania durante o Paleolítico Inferior. Fican tamén algúns restos de pinturas rupestres, aínda que pobres en comparación con os do Tassili, e que corresponden aos pobos gandeiros do Neolítico. A partir do terceiro milenio, a desecación do Sáhara forza as poboacións a emigrar cara o sur, para a conca do río Senegal e máis ao sur aínda. O baleiro é paulatinamente cuberto por poboacións bérberes vindas desde o norte, sobre todo desde os últimos séculos do primeiro milenio antes do cambio de Era, mercé a introdución desde oriente do camelo.
Nos primeiros séculos da era cristiá, porén, o dominio sobre o territorio corresponde ao reino de Ghana, de poboación negra. Este dominio dos ghaneses mantense até o século X, controlando o comercio de ouro, sal e escravos cara o norte do Maghreb. No século XI, poboación bérberes, con centro en Tarsina, emprenden unha revolución relixioso-militar, que levará ao dominio do Sudán occidental, e a creación da seita islámica dos almorábides, que se expandirá logo para o norte magrebí e até o Al-Andalus. En 1143 este estado afúndese ante a aparición dunha nova seita: os almohades, que continúan o dominio bérber. A partir da segunda metade do século XIII, os hassaniya, árabes, impoñen o seu dominio, creando o sistema de estamentos, que sen grandes variación perdurou até as portas do século XXI. O estrato superior monopolizando as xefaturas, os xeques, corresponde aos tales hassaniya; no estrato intermedio colócanse os zenagga, bérberes vasalos dos anteriores; no estrato inferior están os escravos negros. O sistema económico segue a ser o dos séculos anteriores: comercio de escravos, ouro - estes enviados ao norte polas rutas transaharianas - e sal.
Desde a segunda metade do século XV, os contactos cos europeos aumentan desde que os portugueses fundan factorías na costa. Agora boa parte do comercio de escravos desvíase para eses enclaves litorais.
A partir do final da era napoleónica, os franceses emprenden a penetración no río Senegal, no sur do Mauritania. En 1912 o país fica baixo o seu protectorado, e desde 1920 é formalmente unha colonia dentro da África Occidental Francesa, que é dirixida desde a cidade de Saint Louis, Senegal. Logo dunha fase de autonomía a fins da década de 1950, o 28 de novembro de 1960, Mauritania logra a súa total independencia, organizándose como unha República Islámica.
Subdivisións[editar]
Mauritania está dividida en 13 wilayas. Cada wilaya está, a súa vez, subdividida en mughataaou distritos (52 en total).
| Wilaya | Capital | |
|---|---|---|
| 1 | Adrar | Atar |
| 2 | Assaba | Kiffa |
| 3 | Brakna | Aleg |
| 4 | Dakhlet Nouadhibou | Nouadhibou |
| 5 | Gorgol | Kaedi |
| 6 | Guidimagha | Selibaby |
| 7 | Hodh Ech Chargui | Néma |
| 8 | Hodh El Gharbi | Aiun el-Atrouss |
| 9 | Inchiri | Akjoujt |
| 10 | Nouakchott | Nouakchott |
| 11 | Tagant | Tidjikdja |
| 12 | Tirit Zemmour | Zouerate |
| 13 | Trarza | Rosso |
Xeografía[editar]
Mauritania ten fronteiras con Alxeria, o Sáhara Occidental (controlado por Marrocos desde o Tratado de Madrid), Mali e máis o Senegal. Trazadas polos colonizadores franceses, explícanse así a dereitura das liñas.
O país divídese en catro rexións naturais. Ao longo do litoral atlántico estendese unha grande área areosa que corresponde ao deserto do Sáhara. A rexión central está salpicada de chairas escarpadas. No leste aparecen as grandes cubetas dunares. O río Senegal escavou un longo val na fronteira meridional: é a cuarta rexión. Un segundo curso fluvial importante é o Karakoro.
O clima é extremadamente árido, o que explica a débil densidade de poboación.
Economía[editar]
- Artigo principal: Economía de Mauritania.
Mauritania posúe certas cantidades de reservas de petróleo e de gas localizadas nas súas augas territoriais. Ademais conta con áreas de ouro e de diamantes. Cóntase con tales reservas para tentar relanzar economicamente o país.
A minería do ferro é importante, de modo que se coida que a mina a ceo aberto de Zouerat é a maior mina férrica activa do mundo. Ligado á súa explotación figura o ferrocarril de Snim, que posúe a Sociedade Nacional Mineira, con un tren considerado como o máis longo da Terra (2,400 km e 254 vagóns), que transporta o mineral desde a mina até a costa.
Outra importante actividade é a pesqueira, ligada á explotación dun mar territorial mauritano, que nesta altura está considerado como o máis produtivo do mundo. O centro pesqueiro está na cidade de Nuadhibu (ou Nouadhibou en escrita á francesa), situada no litoral norte do país.
Demografía[editar]
Consonte estimacións do ano 2007, a poboación mauritana alcanzaba os 3.270.065 de habitantes, mentres a esperanza de vida era tan só de 53,12 anos (estimacións de 2006). Desde un punto de vista étnico, a poboación estaba composta de árabes nun 30% (o termo árabe refírese na súa maior parte a descendentes de bérberes), e un 30% de negros; mentres que eran cualificados como individuos de orixe mixta (árabe-negro) un 40%. O contraste de persoas é unha característica saliente da poboación de Mauritania: baste lembrar que a escravitude foi legalmente abolida aínda en 1981, mais segundo datos de SOS Esclaves en 2007 había 600.000 escravos no país. Recentes leis castigan a pose de escravos .
Un 99,84% dos habitantes profesa a relixión islámica, na súa maior parte baixo a confesión sunnita.
A lingua oficial é o dialecto árabe denominado hassaniya. Ademais o francés está estendido abondo. Son usadas tamén diversas linguas africanas, especialmente o wolof, pular e soninke. Aínda que faltan datos máis precisos, sobreviven aínda falantes dunha variante bérber, o zenaga, que presenta numerosas peculiaridades a respecto doutros falares bérberes.
Cultura[editar]
- Artigo principal: Cultura da Mauritania.
|
|||||
|
||||||||