Burkina Faso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Burkina Faso
Burkina Faso
Bandeira de Burkina Faso Escudo de Burkina Faso
Bandeira Escudo
Lema: Unité, Progrès, Justice (francés: «Unidade, Progreso, Xustiza»)
Himno nacional: Une Seule Nuit
 
LocationBurkinaFaso.svg
 
Capital
 • Poboación
Uagadugú
1.119.775 (2006)
Cidade máis poboada Uagadugú
Linguas oficiais
Francés
Forma de goberno República parlamentaria
Blaise Compaoré
Luc-Adolphe Tiao
Independencia
 • Data
De Francia
5 de agosto de 1960
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 73º
274.200 km²
0,1%
n/d km
Non ten km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 63º
15.264.735 (2008 est.[1])
55,7 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita

8,242 mil millóns[1]
n/d
PIB (PPA)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita
Posto 117º
US$ 19,34 mil millóns[1]
US$ 1.266
IDH n/d
Moeda Franco CFA (XOF)
Xentilicio burkinense[2]
Fuso horario GMT
Dominio de Internet .bf
Prefixo telefónico +226
Prefixo radiofónico XTA-XTZ
Código ISO 854 / BFA / BF
Membro de: ONU, UA
Tódolos países do mundo

Burkina Faso[2], ás veces escrito Burquina Faso,[3] é un país de África occidental, no deserto do Sahel, que limita ó noroeste con Malí, ó noroeste con Níxer e ó sur con Costa de Marfil, Ghana, Togo e Benin. Antes de 1984 era coñecido como o Alto Volta.

Anteriormente coñecido como Alto Volta por estar no curso alto de tres ríos que no seu momento se chamaron Volta (Mouhoun, antes o Volta negro; Nakambé, antes o Volta branco; e Nazinon, antes o Volta vermello), Burkina Faso foi renomeada en 1984 polo presidente Thomas Sankara para significar "a terra da xente dereita" en Diulá, principal lingua materna do país. Está localizado ó oeste de África e do Sahel. Non ten acceso ó mar. Pertenceu a Francia ata a independencia en 1960.

A inestabilidade política durante as décadas de 1970 e 1980, foi seguida polas eleccións de 1987, o gañador Blaise Compaoré deu un golpe de Estado en 1991. Foi reelixido nunhas eleccións amañadas en 1998.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Burkina Faso.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que toda a rexión oeste de África, Burkina Faso foi poboada en épocas temperás, cazadores-recolectores establecéronse na parte noroeste do territorio uns 12000 a 5000 anos aC, ferramentas (raspadores, punzóns e puntas de frechas) destes grupos foron descubertas en 1973. Existen rexistros de asentamentos de agricultores producidos entre o 3600 e 2600 aC, as trázas das estruturas atopadas dan a impresión de edificios relativamente permanentes. O estudo de restos de tumbas descubertas indica que o uso do ferro, cerámicas e pedras puídas desenvolveuse entre 1500 e 1000 anos aC, como tamén a preocupación sobre temas espirituais.

Atopáronse reliquias dos dogóns nas zonas central-norte, norte e noroeste. Pero este pobo abandonou a rexión cara ao 1500 aC, para asentarse nos cantiis de Bandiagara.

No suroeste de Burkina Faso (como tamén en Costa do Marfil), atópanse restos de paredes elevadas, pero aínda non foi identificado o pobo que as construíu.

Durante o Imperio Songhai entre os séculos XV e XVI, a rexión ocupada por Burkina Faso alcanzou relevancia como centro de desenvolvemento comercial e económico.

Época colonial e independencia[editar | editar a fonte]

Tras unha década de intensa competencia e rivalidade entre os británicos e franceses, abundante en expedicións de exploradores militares e civís que buscaban asinar tratados, en 1896, o reino Mossi de Ouagadougou foi vencido polas forzas coloniais francesas e converteuse nun protectorado francés.

Na zona oeste a loita contra as forzas do poderoso rei Samori Ture complicaba a situación, e a zona este puido ser ocupada polos franceses en 1897 logo de varias campañas militares. Para 1898, a maioría do territorio hoxe correspondente a Burkina Faso fora conquistado aínda que sexa en forma nominal, sendo precario o control de varias rexións. A convención asinada entre Francia e Gran Bretaña o 14 de xuño de 1898, permitiu finalizar a disputa entre as dúas potencias coloniais, e trazar as fronteiras entre os seus territorios. Os franceses continuaron por cinco anos unha guerra de conquista contra as comunidades locais. En 1904 prodúcese unha gran reorganización do imperio colonial francés no oeste de Africa, e os territorios da conca do Volta na colonia de Alto Senegal e Níxer (en francés: Haut-Sénégal et Niger) de Africa Occidental francesa. A capital da colonia era Bamaco.

Recrutas do territorio participaron en Europa da Primeira Guerra Mundial como parte dos batallóns de Infantería senegalesa (Tirailleurs sénégalais). Durante 1915 e 1916 os distritos da párte oeste do territorio actual de Burkina Faso e a franxa veciña do leste de Malí foron escenario dunha moi importante resistencia armada ao goberno colonial (no que se coñeceu como a guerra de Volta-Bani). Finalmente o goberno francés logrou sofocar o levantamento, non sen antes sufrir varias derrotas e ser forzado a armar a maior forza expedicionaria na súa historia colonial para facerlles fronte. No norte en Sahelia, os Tuareg e grupos aliados da rexión de Dori tamén comezaron unha oposición armada. Ao finalizar a Primeira guerra mundial, o 1 de marzo de 1919, e ante a posibilidade de repetición dos levantamentos armados e outras consideracións económicas o goberno colonial decide separar o territorio de Burkina Faso do de Alto Senegal e Níxer coa finalidade de reforzar a súa administración. A nova colonia é chamada Alto Volta e François Charles Alexis Édouard Hesling foi o seu primeiro gobernador. Hesling comeza un ambicioso programa de construción de estradas e promove o cultivo de algodón para exportación. O plan de desenvolvemento do algodón fracasou coa consecuente caída de ingresos. A colonia foi desmantelada o 5 de setembro de 1932, e o seu territorio dividiuse entre Costa do Marfil, Malí e Nixeria. A maior parte do territorio e da poboación incluíndo as cidades de Ouagadougou e Bobo-Dioulasso foi cedido á Costa de Marfil.

A decisión foi revertida durante as intensas revoltas anti-coloniais que se produciron ao finalizar a Segunda Guerra Mundial e o 4 de setembro de 1947 o Alto Volta foi reestablecido nas fronteiras que ocupaba en 1932. O 11 de decembro de 1958, logra o auto goberno, e convértese nunha república e membro da comunidade franco-africana (A Communauté Franco-Africaine). Logra a súa independencia total en 1960. En 1966 prodúcese o primeiro golpe militar; e o poder civil recentemente retoma o goberno en 1978. En 1980 prodúcese un novo golpe militar liderado por Saye Zerbo, quen á súa vez é derrocado en 1982. A isto segue un alzamento en 1983, que leva ao poder a Thomas Sankara un carismático capitán. En 1984 o goberno revolucionario cambiou non só o nome do país a Burkina Faso, senón que modificou a bandeira e o himno nacional. O presidente actual (2007) é Blaise Compaore, quen tomou o poder en 1987 logo dun golpe de estado no cal foi asasinado o presidente Thomas Sankara.

Goberno e política[editar | editar a fonte]

Presidente de Burkina Faso Blaise Compaoré.

A constitución de 1991, estableceu un sistema de goberno semipresidencial cun parlamento (Assemblée) o cal pode ser disolto polo Presidente da República. No ano 2000 modificouse a constitución acurtándose a duración do período presidencial de 7 a 5 anos, o que se puxo en efecto a partir das eleccións do 2005. O parlamento consiste de dous cámaras: a cámara baixa (l'Assemblée Nationale) e a cámara alta (a Chambre deas Représentants). Existe tamén unha Cámara constitucional, composta por dez membros, e un Consello económico e social, sendo ambos os órganos de carácter puramente consultivo.

Democracia multipartidaria desde 1991. O presidente é Blaise Compaore, que dera un golpe de estado en 1987 e que obtivo o 91% dos votos en 1997. Os líderes da oposición están no exilio (2004).

Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Subdivisións de Burkina Faso.
Rexións de Burkina Faso

Burkina Faso está dividida en trece rexións, corenta e cinco provincias e 301 departamentos.

As rexións e a súa respectiva capital entre paréntese son:

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Burkina Faso
Reforestación en Tolotama, Burkina Faso
Artigo principal: Xeografía de Burkina Faso.

Burkina Faso posúe dúas rexións principais:

  • A maior parte do país está cuberta por un espazo topográfico suavemente ondulado no que afloran uns poucos outeiros illados, que son os últimos vestixios dun macizo precámbrico.
  • O suroeste do país forma un macizo de arenisca, onde se atopa o monte Ténakourou (749 m) que é o pico máis elevado de Burkina Faso. O macizo atópase rodeado de paredes abruptas de ata 150 metros de alto.

A altitude media é de 400 metros e a diferenza entre o punto mais elevado e o mais baixo é inferior a 600 metros, sendo deste xeito Burkina Faso un país sumamente plano.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

O nome orixinal do país (Alto Volta), orixinouse nos tres ríos que o atravesan: o río Mouhoun (antigamente chamado Volta Negro), o río Nakambé (o Volta Branco) e o río Nazinon (o Volta Vermello). O Mouhoun, juntamente co Comoé que flúe cara ao sud oeste, son os únicos ríos que posúen caudal ao longo de todo o ano.

Aínda que o río Níxer non atravesa Burkina Faso, a terceira parte da superficie do país atópase na súa conca de tributarios. Os seus afluentes (o Béli, o Gorouol, o Goudébo e o Dargol) son ríos estacionais, e a pesar de que só posúen auga de 4 a 6 meses por ano son capaces de producir grandes inundacións.

Son moi frecuentes as épocas de seca, especialmente no norte do país.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo a clasificación de WWF, a maior parte do territorio de Burkina Faso pertence á ecorrexión denominada sabana sudanesa occidental; só o extremo norte corresponde á sabana de acacias do Sahel.

Economía[editar | editar a fonte]

Grupo de agricultores de Tarfila.
Artigo principal: Economía de Burkina Faso.

Burkina Faso é un dos países máis pobres do mundo, cun ingreso bruto per capita de só 1.200 dólares anuais. Esta cifra sitúao como a 27ª nación máis pobre do mundo, xunto con outras nacións como a República do Congo e Taxiquistán. O seu alto índice de crecemento poboacional xunto coa aridez do seu chan son factores que inflúen en forma relevante no seu índice de pobreza. A agricultura representa o 32% do seu produto bruto interno e dá traballo ao 80% da súa poboación traballadora. Destácase o coidado do gando, e especialmente no sur e o suroeste o cultivo de sorgo, mijo, millo, maní, arroz e algodón.

A falta de traballo causa unha moi alta taxa de emigración: por exemplo, hai tres millóns de persoas nativas de Burkina Faso que viven en Costa do Marfil. De acordo a información do Banco Central dos Estados do do África Occidental, estes emigrantes envian por ano varias decenas de miles de millóns de francos CFA a Burkina Faso. Desde que se produciu unha expulsión de inmigrantes de Ghana en 1967, esta situación provocou tensións nos países receptores de emigrantes. A crise máis recente ocorreu no 2003 en Costa do Marfil, e deu lugar ao regreso de 300.000 emigrantes.

Unha gran proporción da actividade económica do país esta financiada por axuda internacional. A Unión Europea (UE) é o principal socio comercial de Burkina Faso.

Recursos naturais: manganeso, pedra calcaria, mármore, ouro, antimonio, cobre, níquel, bauxita, chumbo, fosfato, prata, zinc e peixe.

Produtos agropecuarios: mijo, sorgo, cana de azucre, millo, algodón, cacahuetes, pataca, sésamo, noces, gando vacún, lanar e aves de curral.

Principais industrias: alimentos, cervexa, industria lixeira, fariñas, xabóns, algodón, lamias, motocicletas, bebidas suaves e calzado.

Principais actividades económicas e de produción: O desenvolvemento económico de Burkina Faso viuse impedido por varios factores, entre os cales atópase o ineficiente desenvolvemento da minería, as modalidades climáticas que afectan periodicamente as súas colleitas, a débil demanda dos seus principais produtos de exportación e a caída dos prezos internacionais.

Demografía[editar | editar a fonte]

Mesquita en Bobo-Dioulasso

No ano 2007, Burkina Faso conta cunha poboación de 14.326.000 habitantes. A esperanza de vida é de 49 anos, sendo a idade media da súa poboación de menos de 17 anos. A poboación atópase concentrada nas zonas do sur e centro do país, nalgúns casos a densidade é superior a 48 habitantes por quilómetro cadrado. A media de fillos por muller é de 6,41, unha das taxas máis altas do mundo, o cal está provocando un aumento poboacional nunca visto na historia deste pobre país, con consecuencias tanto económicas como ambientais. É relevante o impacto que produce o SIDA en canto á amortiguación da taxa de crecemento da poboación, tanto por falecementos directos, como polo aumento da taxa de mortalidade infantil e outros problemas sociais asociados ao mesmo.

A súa poboación presenta a seguinte composición étnica: Mossi (40%), Gurunsi, e Lobi. Profésanse as seguintes relixións: musulmáns (50%); relixións africanas tradicionais (tipicamente diversas formas de animismo) (30%) e católicos (20%). Moitos cristiáns incorporan elementos de animismo nos seus practicas relixiosas.

Calcúlase que viven uns 12.000 europeos no país. O idioma oficial é o francés, aínda que só unha pequena parte da poboación fálao. Tan só o 26,6% da poboación está alfabetizada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 The World Factbook - CIA
  2. 2,0 2,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega (aquí) e no Portal das Palabras (aquí) para burkinense.
  3. Goretti Sanmartín Rei et al. Criterios para o uso da lingua. Servizo de Normalización Língüística, Universidade da Coruña. p. 122. ISBN 84-9749-199-8. http://www.udc.es/publicaciones/documentos/biblioteca/CriteriosParaUsoDaLingua.pdf. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]