As cruces de pedra na Galiza
As cruces de pedra na Galiza é o título dun detallado estudo publicado por Castelao no que se describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos, así como doutras cruces de pedra.
O libro foi publicado postumamente, pola editorial Nós, na imprenta López, de Bos Aires, en xaneiro de 1950. A editorial madrileña Akal publicou unha edición facsímile en 1975 e, posteriormente, Galaxia outra en 1984.
O Museo de Pontevedra organizou no ano 2000 unha exposición conmemorativa d'As cruces de pedra na Galiza, na que presentaba os manuscritos, cheos das correccións que o autor foi introducindo ó longo dos anos [1], e as ilustracións orixinais. Carlos Valle, daquela director do Museo, explicaba que aínda que algunhas das teses de Castelao sobre a orixe e a expansión dos cruceiros poidan ser discutibles, cos coñecementos actuais, el e este libro conseguiron que intelectuais, homes da cultura, etc., "pensaran nestas obras como monumentos, cando antes apenas estaban dignificadas".
Índice |
[editar] Evolución d'As cruces de pedra na Galiza
Castelao comezou a recoller información sobre os cruceiros galegos a raíz do seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos en 1924, no que se lle encomendou a "Sección de Arte e Letras". Na introdución, o propio Castelao escribe que:
Do seu interese por esta manifestación popular dá idea o feito de que o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, lido o 25 de xullo de 1934, versou sobre o mesmo tema e presentouno baixo o mesmo título. A Real Academia publicou o discurso, sen os debuxos que o acompañaban, en 1964. Igualmente, en 1940, Castelao publicou un artigo co título de "Los cruceros" na revista Galicia (Bos Aires). Tampouco podemos esquece-la abondosa presenza dos cruceiros na súa obra pictórica, tanto nos cadros coma nas Cousas da vida.
A recollida de información prolongouse, fundamentalmente, desde 1924 a 1936, se ben traballou na redacción e correccións ata o último momento. Tendo en conta que daquela Castelao vivía en Pontevedra non cabe extrañarse do predominio dos cruceiros desta cidade e as localidades máis próximas (Poio, Salcedo, Mourente, Marcón, Marín, Sanxenxo) e dos de Rianxo, Noia e arredores, por razóns de orixe.
Como preparación para a redacción do libro, Castelao realizou unha viaxe na primavera-verán de 1929 a Bretaña coa súa dona, coa finalidade de estuda-los cruceiros bretóns. Este estudo previo foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 1930, baixo o título d'As cruces de pedra na Bretaña. A razón non era outra que a convicción de Castelao da íntima relación entre as cruces do mundo celta (Galicia, Bretaña, Escocia e Irlanda) a consecuencia da afinidade cultural entre estes países.
Esta relación, e a necesidade dun estudo comparativo dos cruceiros presentes nos distintos países, queda ben expresada no limiar deste libro sobre as cruces na Bretaña:
Os colaboradores máis íntimos de Castelao nos últimos meses da súa vida, Rodolfo Prada, Xosé Núñez Búa e Luís Seoane, organizaron a edición do libro cando a súa enfermidade estaba xa moi avanzada. De feito, Castelao só chegou a ver e asinar os primeiros pregos do seu libro. En calquera caso, parecía estar disposto para o prelo desde había dous anos: a modo de epílogo, o libro inclúe un breve texto asinado o 20 de xullo de 1946 no que di que:
Xa en 1936 debía esta-lo texto suficientemente elaborado a xulgar polo acordo tomado polo Seminario de Estudos Galegos de proceder á súa edición:
Esta reunión foi a última que celebrou o Seminario. O Goberno franquista disolveu o organismo en 1936.
[editar] Estrutura
O libro non só recolle e describe os cruceiros galegos, propiamente ditos, incluíndo dentro destes os petos de ánimas, os cruceiros de capeliña e os calvarios, senón que tamén contempla as cruces precristiás e as cristianizacións de pedras consideradas máxicas, de menhires, de camiños e encrucilladas ou de miliarios romanos. Tamén menciona e debuxa as cruces de pedra que xorden sobre as portas das casas labregas e dos hórreos do millo.
O libro está profusamente ilustrado con 73 figuras inseridas no texto, máis 73 láminas e 12 fotografías [4]. Inclúe tamén, en inglés, unha breve biografía de Castelao, escrita por Blanco Amor e traducida por G. Hennessy, así como un amplo resumo, tamén en inglés.
[editar] Notas
- ↑ Nalgún caso, con textos escritos durante a estancia de Castelao en San Francisco, en 1939.
- ↑ Figura 56
- ↑ Refírese Castelao á súa inminente viaxe a París, para tomar posesión como ministro sen carteira no goberno republicano no exilio de José Giral, cargo que desempeñou ata a disolución deste, o 26.01.1947.
- ↑ En realidade, o número de cruceiros debuxados por Castelao -completos ou en detalle- é moi superior, tendo en conta que a maioría das figuras e láminas agrupa varios debuxos, ata 98 cruces nun caso.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- CASTELAO (1950): As cruces de pedra na Galiza (dentro da Obra completa gráfica). Akal, Madrid 1975 (facsímile da edición de Nós).
- FILGUEIRA VALVERDE, Xosé: "Castelao e os estudos galegos", en La Voz de Galicia, 28.06.1984.
- ENCICLOPEDIA GALEGA UNIVERSAL s. v. cruces, Ir Indo, Vigo 1999.
- CONDE, María: "As cruces de pedra na Galiza", en La Voz de Galicia, 9.01.2000.
- MONTEAGUDO, Henrique: Obras [Castelao], Galaxia, Vigo 2000.
[editar] Ligazóns externas
- As cruces de pedra na Galiza na páxina do Museo de Pontevedra.
[editar] Outros artigos
|
||||||||||||||||||||||