Afonso IX

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Afonso VIII de León")
Afonso IX
Rei de León
Rei de Galicia
Adeffonsus, king of Galicia and Leon (detail).jpg
Representación ecuestre de Afonso IX,
Tombo A da Catedral de Santiago de Compostela
Rei de León e Rei de Galicia
22 de xaneiro de 1188 - 23 de setembro de 1230
Predecesor Fernando II
Sucesor Fernando III

Coroación 22 de xaneiro de 1188
Nacemento 15 de agosto de 1171
Zamora, Reino de León
Falecemento 23 de setembro de 1230
Sarria, Reino de Galicia
Sepultura Panteón Real da catedral de Santiago
Cónxuxe/s Teresa de Portugal (anulado)
Berenguela de Castela (anulado)
Descendencia Véxase Matrimonios e descendencia
Casa real Borgoña
Proxenitores Fernando II
Urraca de Portugal

Escudo de Afonso IX
Escudo de Afonso IX

Afonso IX, nado en Zamora, Reino de León, o 15 de agosto de 1171 e finado en Sarria, Reino de Galicia o 23 de setembro de 1230, foi rei de León e Galicia (rex Legionensium et Gallecie) desde o 22 de xaneiro de 1188 até a súa morte, o 23 de setembro de 1230.[1]

Segundo a numeración cronolóxica real da coroa galego-leonesa, debería ser coñecido como Afonso VIII de León e Galicia, pero a súa denominación co ordinal IX é a utilizada máis habitualmente pola historiografía española para distinguilo do seu homónimo e rei coetáneo de Castela que reinou entre 1158-1214. Por exemplo, xa nas Sete Partidas do seu neto Afonso X, este designouno como Afonso IX (o seu nome en galego, non Alfonso IX).

Orixes familires[editar | editar a fonte]

Afonso IX foi o fillo primoxénito do rei Fernando II de Galiza e León e da infanta portuguesa Urraca.[2][3][4]

Era neto, por tanto:

O nacemento de Afonso aparece citada na crónica de Alberico de Tres Fontes.[5] [7][8]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Ao igual que o seu pai e avós, Afonso IX foi educado en Galicia polos membros condais da Casa de Traba ou os da de Trastámara, quen nese momento ostentaban a indiscutible primacía señorial en terras galegas e que se atopaban fortemente ligados á monarquía galega e galego-leonesa, especialmente desde os tempos de Froila Vermúdez.[9]

O encargado de educar ao infante foi o nobre galego Xoán Ares (princeps Iohannes Arie tenete Alva de Buval), señor da terras de Bubal e marido de Urraca Fernandes, filla de Fernando Pérez de Traba e neta por tanto de Pedro Froilaz.[9]

Criado en Galicia e por nobres galegos, foi tamén en terras galegas onde Afonso IX atopou os seus maiores valedores como demostra o feito de que meses antes de que o seu pai Fernando II morrera (ano 1188), o entón infante Afonso estivese refuxiado nos dominios dos señores da Casa de Traba co apoio da corte portuguesa onde residía a súa nai Urraca despois de que o seu matrimonio co rei Fernando fose anulado. Foi precisamente no condado da Limia onde o daquela infante, recibiría a noticia da defunción do seu pai en Benavente, abríndose deste xeito un conflito sucesorio.

Acceso ao trono e inicio do reinado[editar | editar a fonte]

Mapa político da península Ibérica, onde se mostra Al-Andalus (Imperio almohade) e os Reinos cristiáns nos séculos XII e XIII.

En 1188, á morte de Fernando II, sucedeu ao seu pai como Afonso IX, rei de León e de Galicia.

Porén, Afonso, pese a ser o fillo primoxénito do rei Fernando II, tivo que enfrontar enormes dificultades para acceder a un trono que, por dereito de nacemento, lle pertencía.

Por unha parte, estaba a súa madrasta Urraca López de Haro, que quería eliminalo da sucesión, pois pretendía que o seu fillo Sancho fora o que herdara a coroa galego-leonesa, a pesar de que nacera máis tarde. Urraca argumentaba que Afonso IX non tiña dereito ao trono porque o matrimonio entre Fernando e a súa primeira esposa, a portuguesa Urraca de Portugal, fora anulado.

Porén, todo se resolveu a favor de Afonso IX debido a que Urraca non conseguiu o apoio ás súas pretensións entre os nobres leoneses.

Pero a isto uníase o desexo dos reinos veciños de Portugal e Castela de repartírense entre eles o Reino de León e Galicia. O inicio do seu reinado foi, por tanto, sumamente complicado, xa que portugueses e casteláns ambicionaban as terras do Reino de León polo leste e polo oeste, mentres que os almohades supoñían un gran perigo polo sur.

E por se as ameazas estranxeiras non abondasen, o novo monarca encontrouse con que o reino estaba en bancarrota pola política que levara seu pai durante o seu reinado.

Diante desta situación, o monarca, que apenas tiña dezasete anos, convocou as famosas Cortes de León de 1188.

As Cortes de León[editar | editar a fonte]

Estas Cortes foron convocadas na primavera de 1188, probabelmente na primeira quincena de abril, xa que o 27 deste mesmo mes, Afonso IX confirmaba a Rodrrigo I bispo de Oviedo, todos os seus privilexios.

As Cortes reuníronse na Basílica de San Isidoro.

As Cortes reuníronse no claustro de Basílica de San Isidoro de León, baixo a presidencia do rei leonés. Nestas Cortes, Afonso recibiu o apoio dos vellos representantes da Curia Regia (o clero e a nobreza) e, por pimeira vez, dos representantes das cidades. Estaban presentes todos os bispos do reino, incluíndo a Pedro Suárez de Deza, arcebispo de Santiago de Compostela, que era a máxima autoridade relixiosa do reino, ademais dos nobres e os representantes das clases populares das cidades do reino de León que, por primeira vez, eran convocados a un acto destas características, para intervir en asuntos de Estado. As cidades representadas eran León, Oviedo, Salamanca, Ciudad Rodrigo, Zamora e Astorga, incluíndo tamén outras como Toro, Benavente, Ledesma e algunhas máis de Galicia, Asturias e Extremadura sendo, desta maneira, as primeiras Cortes representativas de Europa e do mundo,[10] e as precursoras dun Parlamento moderno. Nelas, recoñeceuse o dereito á inviolabilidade dos domicilios e ao habeas corpus dos participantes.[11]

Naquela asemblea naceu un compromiso que obrigaba a todas as partes, comezando polo mesmo rei; dito compromiso son os chamados Decreta de 1188, recoñecidos pola UNESCO como o embrión da democracia representativa,[12] moi anterior á famosa Carta Magna do rei de Inglaterra Xoán sen Terra, que data de 1215.

O motivo polo cal Afonso convocou aos representantes das cidades foi sen dúbida a acuciante necesidade de solucionar a grave situación económica que sufría o reino. O feito de que os habitantes das cidades gozaran dunha gran prosperidade económica, e de que a colaboración coa nobreza neste aspecto fora demasiado complicada, motivou que o rei chamase aos representantes das cidades para que asistiran a estas Cortes. Así, Afonso IX conseguiu, sen implicar á nobreza, xerar máis recursos para o reino, recursos cada vez máis necesarios polo crecente gasto que ocasionaban as guerras cos veciños; a cambio, comprometeuse a mellorar a administración da xustiza e a eliminar os abusos de poder da nobreza.

Matrimonios[editar | editar a fonte]

O 15 de febreiro de 1191, en Guimarães, Alfonso IX casou coa súa prima irmá, Teresa de Portugal,[6] [13] filla do rei de Portugal, Sancho I e de Dulce de Aragón, filla da raíña de Aragón, Petronila de Aragón e do conde de Barcelona Ramón Berenguer IV o Santo. Ambos os noivos eran, por tanto, netos de Afonso Henríques, primeiro rei de Portugal.

Polas presións da igrexa, e polo feito de que o papa Celestino III, debido a este matrimonio entre primos irmáns, sen dispensa papal, excomungara ao monaca de León e pronunciara un interdito sobre o Reino de León en 1195, a parella tivo que separarse e, en 1198, o matrimonio foi anulado, por consanguinidade, e Teresa, en 1200, retirouse a un convento en Lorvão.[5] A raíña Teresa foi beatificada, en 1705, xunto coa súa irmá Sancha, polo papa Clemente XI mediante a bula Sollicitudo Pastoralis Offici.[14][15]

Contra a metade de decembro de 1197, despois de que as relacións co Reino de Castela melloraran (desde 1195 eran moi malas: nese ano, o intento de proseguir a Reconquista polo rei de Castela Afonso VIII, foi freado pola derrota na batalla de Alarcos, o 18 de xullo de 1195 porque, entre outras cousa, o rei de León, Alfonso IX, se negara a participar nela (ver máis abaixo A derrota de Alarcos), Afonso IX casou coa súa segunda esposa, a súa prima segunda Berenguela de Castela, filla do rei de Castela, Afonso VIII, primo irmán de Afonso IX (en realidade o pai de Afonso IX, Ferando II, e o pai de Alfonso VIII e, por tanto, avó de Berenguela, Sancho III eran irmáns) e de Leonor Plantagenet. A voda celebrouse con grande esplendor na igrexa de Santa María de Valladolid. Para Berenguela foi o seu segundo matrimonio, aínda que o primeiro non se consumara.[5] (Berenguela casara en 1188 con Conrado II de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Federico Barbarroxa, pero, pola pouca idade da princesa, o matrimonio non se consumara e, ademais, en 1196, Berenguela quedou viúva antes de podelo consumar).

Como resultado desta unión, as relacións entre León e Castela melloraron até tal punto que, xunto co rei de Aragón, Pedro II, Afonso IX e Alfonso VIII fixeron unha alianza e, en 1200, aproveitando o feito de que o rei de Navarra, Sancho VII estaba loitando en Murcia, Andalucía e o norte de África, aliado cos almohades, para atacalo e separar de Navarra os territorios de Álava e Guipúscoa, en beneficio de Castela.

Segundo a crónica de Alberico de Tres Fontes, en principio o matrimonio foi aceptado polo papa Celestino III. Deste matrimonio naceron cinco fillos.[16] Porén, a pesar de que o papa Celestino autorizara esta unión, en 1204 o recentmente elixido papa papa Inocencio III presionou para que o matrimonio fose anulado e, ao non conseguir ningún resultado, proclamou un interdito sobre os reinos de León e Castela, ameazando con declarar como ilexítimos aos fillos nacidos da parella,[8] e acabou anulándoo en 1204 alegando o parentesco dos cónxuxes,[17]. Esta era a segunda anulación para Afonso, e ambos os esposos solicitaron vehementemente unha dispensa para permaneceren xuntos. Pero este papa foi un dos máis duros en cuestións matrimoniais, así que a denegou, aínda que a parella conseguiu que a súa descendencia fora considerada como lexítima pola igrexa. Berenguela regresou a Castela e fíxose monxa no Mosteiro de Santa María la Real de Las Huelgas, en Burgos.

Conflitos territoriais[editar | editar a fonte]

Castela[editar | editar a fonte]

Valderas foi unha das prazas leonesas que usurpou Afonso VIII nos inicios do reinado de Afonso IX.

Pouco despois de ser coroado, Afonso IX reuniuse co seu primo Afonso VIII de Castela en Carrión de los Condes coa intención de iniciar unhas boas relacións con Castela que permitiran unha paz duradoira. A reunión consistiu nunha cerimonia para investir a Afonso IX cabaleiro e, como era costume nestes casos, Afonso beixou a man do rei castelán, recibindo por parte deste a espada e o cinto propios dun cabaleiro.

Na mesma cerimonia foi armado cabaleiro o príncipe Conrado de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Federico Barbarroxa. O príncipe viñera á península co obxectivo de casar coa infanta Berenguela, filla de Afonso VIII.

Afonso VIII de Castela, máis tarde, e rompendo o pacto, entrou coas súas tropas en territorio leonés, apoderándose de varias prazas que nunca pertenceran a Castela, entre elas Valencia de Don Juan e Valderas. Comezaron así as hostilidades co Reino de León, invadindo uns territorios que marcarían a política exterior de Afonso IX.

En 1211 Afonso devolveu o castelo de Alcañices aos templarios.[18][19]

Tras a disolución do seu matrimonio con Berenguela, Afonso centrouse outra vez na rivalidade do seu reino co de Castela. Volveron as friccións, especialmente nos territorios situados na Franxa de Carrión e en parte da Terra de Campos.

1217 a súa ex-esposa Berenguela abdicou en favor do fillo de ambos, Fernando, polo que este se trasladou xunto á súa nai a gobernar o reino castelán, do que Benguela ea rexente.

Portugal[editar | editar a fonte]

O rei Sancho I de Portugal, polo oeste, penetrou en territorio leonés co mesmo obxectivoo que Castela: apoderarse de parta das terras do Reino de León (nomeadamente, do Reino de Galicia). Así, o reino leonés viuse cercado entre dúass frontes que ameazaban coa súa destrución.

O Reino de Navarra baixo Sancho VII.
Reino de Navarra (en amarelo claro); territorio cedido ao Reino de Castela (1198-1200) (en verde claro); territorios vasalos do Reino de Navarra (1196-1203) (en amarelo escuro); Reino de Castela (en verde escuro); Coroa de Aragón (en morado escuro).

En 1197 Afonso IX declarou a guerra a Sancho I de Portugal, que invadira o sur de Galicia e ocupara a cidade de Tui durante dous anos. Cando fixeron as paces, Afonso fundou a cidade da Guarda para protexer a fronteira oriental.

Afonso IX, vendo a situación, deuse de conta do grave perigo que corría o seu reino. Para encontrar unha solución, utilizou a diplomacia e púxose de inmediato a buscar apoios en Portugal. Primeiro entrevistouse co seu tío Sancho I de Portugal e concertou o seu matrimonio coa filla do rei, a infanta Teresa. Debido a que ambos os dous, como quedou dito, eran netos de Afonso Henríques, primeiro rei de Portugal, o casamento entre eles estaba prohibido. Porén, o matrimonio celebrouse e durou tres anos, antes de que o papa o anulase, nos cales tiveron tres fillos: Sancha, Fernando e Aldonza (tamén coñocecida como Dulce).

Liga de Huesca[editar | editar a fonte]

Nun tempo tan convulso, o rei de Portugal propuxo ao seu homólogo aragonés, Afonso II, un pacto para defendérense de Castela.

O rei de Aragón, temeroso de Castela, propuxo ao rei portugués que o pacto se estendera ao Reino de Navarra, cuxo rei era Sancho VI, e ao Reino de León.

O pacto entre estes catro reinos, asinado o día 12 de maio de 1191 na cidade de Huesca,[20] polo que se coñece como a Liga de Huesca, consistía nun compromiso polo cal ningún dos monarcas asinantes entraría en guerra sen o mutuo consentimento.

Afonso IX, pola súa parte, asinou o tratado pola pouca confianza que tiña co seu primo Afonso VIII, o rei de Castela que, a pesar do convenio de Carrión, seguía sen devolverlle as prazas leonesas que aínda retiña.

Pacto cos almohades[editar | editar a fonte]

En 1191, Afonso IX, temeroso do perigo que supoñía o gran poder do Imperio almohade, asinou unha tregua de cinco anos ante a imposibilidade de enfrontarse a un inimigo tan perigoso. O papa Celestino III non tardou en reaccionar ante este pacto: excomungou ao rei de León para castigalo polo seu pacto cos almohades. E mesmo fixo máis: procedeu a conceder as mesmas grazas a aqueles que loitaran contra o Reino de León que as que recibían os que participaban nas Cruzadas, deixando así relevados da obediencia debida ao rei aos súbditos leoneses.

Daquela Sancho I de Portugal, crendo que o final do Reino de León estaba cerca, aproveitou a oportunidade para atacar o reino, esperando, como anos atrás, ampliar os seus dominios a costa do Reino de León. Invadiu Galicia coa axuda de varios nobres galegos, tomando Tui e Pontevedra, poboacións que pasarían de novo ao Reino de León máis tarde.

Afonso VIII de Castela, pola súa parte, coa axuda de Portugal e do Reino de Aragón, aproveitou a bula papal para atacar tamén o Reino de León. Penetrou polo sur e atacou Benavente, fracasando no seu intento de conquistar a praza. Avanzou máis tarde cara ao norte até Astorga, cidade que tamén atacou fracasando de novo no intento de conquistala. Despois de deixar unha verea de destrución ao seu paso, chegou ás portas da cidade de León, á cal non foi capaz de acceder, contentándose coa toma de Puente Castro, localidade cercana á cidade (hoxe en día é un barrio de León), tras varios días de brutais ataques. Despois de ocupar esta localidade, o rei castelán saqueou e destruiu o barrio xudeu e a súa sinagoga, escravizando a parte dos seus moradores.

Cando Afonso IX recibiu en 1195 axuda dos árabes en forma de diñeiro e tropas, decidiu contraatacar a Castela, chegando até Carrión de los Condes. Deste modo, e considerando Afonso que así reparaba a humillación sufrida polo acto de beixar a man do monarca castelán; e para confirmar a anulación daquel acto, fíxose armar cabaleiro novamente. Afonso VIII de Castela, pola súa parte, fixo tamén un pacto cos almohades para evitar males maiores.

O legado pontificio, coñecedor das malas relacións entre os reinos de León e de Castela, quixo mediar no conflito. Así, conseguiu que ambos os reis se reuniran en Tordehumos, Valladolid, onde se asiou un tratado de paz o 20 de abril de 1194 no cal se obrigaba ao rei castelán a devolver de inmediato tres castelos leoneses (os de Alba, Luna e Portilla) e, á súa morte, todas as vilas que Castela arrebatara a León tras falecer Fernando II de León (Valderas, Bolaños, Villafrechós, Villarmentero, Siero de Riaño e Siero de Asturias).[21] No tratado, Afonso IX comprometeuse a casar con Berenguela, filla maior do rei de Castela. (Ver Matrimonios, máis arriba).

A derrota de Alarcos[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O perigo que corrían os reinos cristiáns desde o sur era evidente, e se vía con suma inquietude calquera movemento que levaran a cabo os almohades. Por tanto, era unha prioridade eliminar de vez esta ameaza.

En 1177, o monarca castelán Afonso VIII conquistou Cuenca coa axuda do Reino de Aragón. Inquieto, o califa Abu Yúsuf Yaacub al-Mansur pactou en 1190 un período de paz para frear o avance castelán sobre Al-Ándalus. Cando expiraba o trato, recibiu noticias de que xurdiran revoltas nas súas posesións do norte de África. Mentres, Afonso VIII empezara a levantar, nunha elevación sobre o río Guadiana, a cidade de Alarcos, que aínda non tiña terminada a súa muralla, nin estaban asentados todos os seus novos poboadores, cando unha expedición dirixida polo belicoso arcebispo de Toledo Martín López de Pisuerga penetrou nas coras (provincias de Al-Ándalus) de Xaén e Córdoba e saqueou as cercanías da capital almohade (Sevilla) na península. Este desafío da forza castelá enfureceu a Yaacub, que decidiu partr de Marrakech con todas as súas forzas dispoñíbeis para conter ao monarca castelán. O 1 de xuño de 1195 desembarcou as súas tropas en Tarifa.[22] O califa almohade chegou até Sevilla, onde logrou reunir un exército de 300 000 homes, entre cabalaría e peóns, formado por todo tipo de tropas regulares, mercenarios, etc. Alcanzou Córdoba o 30 de xuño, onde se encontaban as tropas de Pedro Fernández de Castro "o Castelán", señor da Casa de Castro e do Infantado de León, que rompera os seus vínculos de vasalaxe co seu primo o rei Afonso VIII. Este Pedro Fernández de Castro era fillo de Fernando Rodríguez de Castro "o Castelán", señor de Trujillo, que, ao igual que o seu fillo facía agora, combatera no pasado xunto aos almohades.

A batalla[editar | editar a fonte]

O 4 de xullo Yaacub partiu de Córdoba, e cruzando Despeñaperros, avanzou sobre a chaira onde se alzaba o castelo de Salvatierra, aos pés do de Calatrava. Un destacamento da Orde de Calatrava, xunto con algúns cabaleiros de fortalezas cercanas, intentaron dar coas forzas almohades, pero encontraron un exército moi superior ao destacamento e foron exterminados case por completo. Afonso VIII de Castela alarmouse tras o acontecido e apresurouse a reunir todas as tropas posíbeis en Toledo e a marchar cara a Alarcos, que era o extremo sur das posesións de Castela, na fronteira con Al-Ándalus. O monarca castelán reclamou a axuda dos reis de León, Navarra a Aragón, xa que o poderío almohade ameazaba a todos por igual. Pero por darse présa en presentar batalla, o rei castelán non esperou os reforzos de Afonso IX de León nin os de Sancho VII de Navarra, que estaban de camiño. O 16 de xullo o grande exército almohade foi avistado. Imprudentemente, Afonso VIII decidiu presentar batalla ao día seguinte de chegar as tropas aos arredores de Alarcos (o 17 de xullo). Talvez por confiar na forza da cabalaría pesada castelá, en vez de retirarse a Talavera de la Reina onde chegaran as tropas leonesa. Pero Afonso IX, debido a que o rei castelán non devolvra as prazas leonesas que aínda tiña no seu poder, a pesar do acordado, negoulle o seu apoio. Así, o rei de Castela esperaba derrotar el só aos almohades e non compartir a súa gloria co monarca leonés. Os exércitos cristián e musulmán encontráronse o 19 de xullo de 1195 en Alarcos. A batalla terminou cunha estrepitosa derrota do exército cristián.[23] Porén, unha vez consumada a derrota, Afonso IX citouse en Toledo co seu primo o rei castelán para demandarlle que cumprira o acordo e lle devolvera as prazas leonesas no seu poder; Afonso VIII negouse, e o rei leonés abandoou a reunión indignado.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Nos dous anos seguientes á batalla, as tropas de al-Mansur devastaron Extremadura, o val do Texo, A Mancha e toda a zona cercana a Toledo, marcharon contra Montánchez, Trujillo, Plasencia, Talavera, Escalona e Maqueda, pero foron rexeitadas por Pedro Fernández de Castro "o Castelán" que, tras a batalla, pasou a servir ao rei Afonso IX de León, que o nomeou o seu Mordomo maior. Porén, estas expedicións almohades non achegaron máis terreo para o Califato. De todos os xeitos, a reconquista quedou paralizada até a batalla das Navas de Tolosa.

As Navas de Tolosa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Batalla das Navas de Tolosa.
Selo de Afonso IX de León.

Nos anos seguintes os almohades seguían a representar unha ameaza que debía ser eliminada para asegurar a supervivencia dos reinos cristiáns peninsulares. Isto motivou ao arcebispo de Toledo, Rodrigo Jiménez de Rada, a informar ao novo papa Inocencio III do perigo. Con data 16 de febreiro de 1212, o papa enviu unha bula ao rei de Castela para informalo da conveniencia de iniciar unha nova guerra contra os almohades. O monarca castelán contestou que faría unha cruzada contra os musulmáns.

A iniciativa pasaba, pois, ao Reino de Castela. O monarca castelán, que sufrira a grave derrota de Alarcos, sabía que necesitaba a colaboración dos outros reinos cristiáns da península se quería saír vitorioso nesta empresa. Desta forma, mentres Afonso VIII se encontraba en Madrid preparando a batalla xunto ao seu fillo, que morrería antes de que se librara a batalla, enviou mensaxeiros aos Reinos de Navarra, Aragón e León.

En Castela temíase o poderío do Reino de León, xa que había pouco que demostrara a súa fortaleza derrotando aos portugueses en varias batallas. Ademais, na conciencia do rei castelán preocupaba o feito do que faría o rei leonés para recuperar os territorios leoneses que, pese a todos os pactos, mantiña aínda no seu poder. Temía que Afonso IX puxera como condición para participar na batalla a devolución de todos os territorios usurpados, ou que, no caso de que o rei de León non acudira á batalla, aproveitaría a súa ausencia para recuperalos.

Por iso Afonso VIII pediu a mediación do papa, para evitar calquera ataque leonés. Inocencio III accedeu e ameazou coa excomuñón a todo aquel que se atrevera a violar a paz mentres os casteláns loitarban contra os musulmáns. Este feito contrasta co sucedido anos atrás, cando o mesmo papa obrigara ao monarca castelán, sen éxito, a devolver eses castelos a Afonso IX. O rei de León, que ansiaba acudir á batalla, convocou unha Curia Regia que lle recomendou que exixira condicións para participar na campaña, e así, Afonso IX respondeu a o seu primo e homólogo castelán que acudiría gustoso en canto se lle devolveran os territorios que lle pertencían.

Entretanto, Afonso VIII de Castela reuniu en Toledo as tropas como punto de partida. Ás tropas castelás se lles uniron as de Aragón e Navarra, así como un gran número de cabaleiros franceses, italianos e doutros países europeos. Á batalla non acudiron os reis de León nin de Portugal, pero permitiron que os seus vasalos se incorporaran á batalla. Deste xeito, moitos leoneses, asturianos e galegos participaron na batalla.

Tal como temera Afonso VIII, o rei leonés procedeu a recuperar o que era seu. Para non violar o edicto do papa e evitar a excomuñón, dedicouse a recuperar só aquelas prazas que estaban dentro das fronteiras de León, evitando así o enfrontamento en terras castelás. Cando Afonso VIII volveu vitorioso da batalla e se encontrou cos feitos consumados, non puido facer nada. Aínda máis, convidou aos reis de León e de Portugal a concertar un tratado de paz, o cal se asiou en Coímbra. Houbo incluso un novo pacto no cal Afonso VIII devolveu as prazas leonesas de Peñafiel e Almanza a Afonso IX.

Reconquista[editar | editar a fonte]

Despois de varios intentos, Afonso IX conseguiu conquistar Cáceres en 1229.

Finalizadas as loitas con Castela despois da morte de Afonso VIII, Afonso IX reemprendeu os seus plans de reconquista. A finais de 1218 o monarca leonés organizou unha expedición a terras musulmás, na que participaron cruzados gascóns e as Ordes de Calatrava e Alcántara,[24] coa intención de conquistar Cáceres; porén, a cidade estaba ben defendida e, tras un asedio de tres meses e medio, os exércitos cristiáns tiveron que retirarse.[25]

Nunha segunda incursión a terras musulmás, Afonso IX encontrose cun novo inimigo, que non era outro que o Reino de Portugal, que ansiaba as mesmas terras que o monarca leonés quería para o seu reino. Desta manera, os portugueses atacaron ás tropas leonesas en Braga e Guimarães e foron derrotadas en ambas as ocasións. O 13 de xuño de 1219, ambos os reinos asinaron un novo tratado de paz para poñer fin ás hostilidades. Despois destas vitorias contra os portugueses, Afonso IX realizou unha incursión por terras musulmás até Sevilla, onde derrotou aos mouros e recolleu un gran botín.

En 1221 os cabaleiros da Orde de Alcántara lograron render a cidade de Valencia de Alcántara, o que daría un novo impulso á reconquista leonesa.[26] Ao ano seguente, volveu a intentarse a toma de Cáceres, fracasando novamente. O rei Afonxo IX volveu a asediar a cidade en 1223, 1225 e 1226 (ano no que tamén intentaría render Badaxoz, sen éxito), até que, finalmente, Cáceres caeu en abril de 1229.[26] [27]

A cidade de Cáceres era a peza clave na fronte musulmá. Isto, unido á grave derrota ocorrida en 1230 ao exército de Ibn Hud, que se dirixía a socorrer Mérida, tivo como consecuencia a caída moitas cidades extremeñas e o abandono doutras por parte dos seus defensores andalusís.[26] Así, en 1230 serían conquistadas Mérida —tras un longo asedio—,[27] Badaxoz, Elvas —as dúas abandonadas polos seus defensores— e Baldala (actual Talavera la Real).[27] Ese mesmo ano Montánchez foi entregada á Orde de Santiago.[27]

Xestión do Reino de León durante o seu reinado[editar | editar a fonte]

Repoboación[editar | editar a fonte]

A cidad de Tui foi potenciada por Afonso IX mediante a concesión dun Foro.

Afonso IX aplicou unha política de repoboación baseada no coñecemento das actuacións que os seus predecesores fixeran, elixindo así a que resultara máis conveniente. Aplicou sobre todo técnicas parecidas ás que no seu día seguiran Afonso III e Ramiro II. E non só se dedicou a repoboar zonas novas, senón que tamén potenciou as xa poboadas mediante Foros para mellorar o goberno e o desenvolvemento das vilas e cidades do Reino de León.

Colexiata de Santa María do Campo da Coruña, cidade refundada en 1208 por Afonso IX.

Concedeu así foros a Tui, Baiona, Lobeira, Ponte Caldelas, Melide, Monforte de Lemos, Sarria, O Burgo de Castro Caldelas, Betanzos, ou Triacastela,[28] en Galicia.

En Asturias concedeu foros a Llanes, despois de repoboala, e eximiu do pagamento do portádego a Oviedo, que se exixía para pasar desde esta cidade a León, e ademais repobou Tinéu.

Por último, en León concedeu foros a Carracedelo, Vilafranca do Bierzo, Bembibre e a Pobra de Sanabria, e repobou Villalpando.

En 1208 refundou Crunia (iuxta Turrim de Faro in loco qui dicitur Crunia) trasladando aos habitantes da cercana poboación do Burgo até o actual emprazamento da Cidade Vella, reconstruíndo a urbe e outorgándolle os privilexios do Foro de Benavente. Así, A Coruña pasou a ser unha cidade de reguengo, é dicir, que dependía directamente do rei, libre de vasalaxe ao clero ou aos señores feudais que se repartían o resto do territorio galaico. A vila encetou un gran desenvolvemento mercante e pesqueiro, e estendeuse polo tómbolo da península.[29]

O 20 de abril de 1211 celebrou a solemne consagración da Catedral de Santiago de Compostela,[30][31]

Recursos económicos[editar | editar a fonte]

A economía do Reino de León baseábase na agricultura e a gandaría. Coñecedor disto, Afonso IX promulgou varias leis no comezo do seu reinado para favorecer as actividades vitivinícola e madeireira, así como a cría de bois e outros animais de labor, co fin de impulsar as actividades existentes e diversificar en certo modo a economía do reino. Durante o seu reinado, nas zonas húmidas, como Asturias e Galicia, floreceu a gandaría, mentrrs que na zona do Douro fixo o propio a agricultura.

A produción de cereal, bastante abundante na zona do Douro, era insignificante en Asturias e Galicia, tendo problemas estes territorios incluso para abastecer de trigo ás igrexas, as cales necesitábano para facer a consagración relixiosa. Ante esta escaseza, non é de extrañar que se considerara un gran luxo comer pantrigo en ditos territorios, especialmente nas cidades. A produción de cereais en todo o reino centrábase sobre todo no trigo e no centeo, aínda que tamén se producían outros produtos como hortalizas, liño e legumes. Os animais empregados na agricultura eran vacas e bois, substituídos nas chairas da Terra de Campos por mulas.

O viño producías en todo o Reino; aínda así, destacaban algúns puntos de produción: a comarca de Ribadavia en Ourense, Vilafranca do Bierzo en León, Toro na provincia de Zamora, e a Ribera del Duero e Terra de Campos.

A pesca tamén era un recurso importante en todo o reino, e moita xente se dedicaba a ela tanto de mar como de río.

En Asturias, a produción de mazás era enorme e, como normalmente había un grande excedente, este era usado para producir sidra. Afonso IX chegou a sorprenderse cando lle comunicaron que varias comunidades monásticas asturianas colleitaban as mazás para despois elaborar sidra para todo o ano.

Un dos grandes logros da cestión de Afonso IX foi o acusado descenso do poder que ostentaban os nobres respecto a épocas anteriores e a outros Reinos, debido á política seguida polo monarca leonés.

A Universidade de Salamanca[editar | editar a fonte]

A Universidade de Salamanca debe a súa existencia ao rei leonés.

Un dos actos máis importantes e destacábeis de Afonso IX no Reino de León foi a creación do Estudo Xeral de Salamanca, a partir das Escolas catedralicias que xa levaban funcionando desde case un século ates. Naqueles tempos eran normais as escolas nas catedrais de todos os reinos de España.

Entre 1208 e 1214, o bispo Tello Téllez de Meneses creara un Estudo Xeral en Palencia (que acabou converténdose en Universidade en 1263, cando estaba a punto de desaparecer), un Estudo donde os leoneses tiñan difícil acudir debido aos continuos choques entre León e Castela.

Por iso, Afonso IX decidiu, en 1218, crear outro Estudo Xeral (Studium Generale) en Salamanca.[32] xerme da Universidade de Salamanca, que foi o segundo máis antigo de España, tras o seu homólogo Studium de Palencia.

Este Studium de Salamanca foi a primeira institución educativa europea en obter o título de Universidade, pola real cédula de Afonso X o Sabio datada o 9 de novembro de 1252, e posteriormente ratificada pola licentia ubique docendi do papa Alexandre IV no ano 1255.[32][33]

Cómpre sinalar que no momento de transición do latín ao romance como idioma da administración pública, a lingua da Corte de Afonso IX era o galego. El mesmo o falaba. Era a lingua dos Cancioneiros e da cultura na península. Debe salientarse que a base da institución salmantina foi a Escola catedralicia de Santiago de Compostela, fundada no século XI no tempo da raíña Sancha I de Galicia, que reinou entre 1037 e 1065, e que a Universidade de Salamanca, como consta no seu Cartulario, foi desde o principio galaica. Os arcebispos de Santiago ostentaron o reitorado durante a Idade Media e a maioría dos profesores, formados en Santiago, en París ou en Boloña, eran galegos.[34]

Últimos anos e morte[editar | editar a fonte]

Sepulcro do rei Afonso IX.

Afonso IX pasou os últimos anos da súa vida na loita contra os musulmáns de al-Andalus conquistando Elvas e outras cidades de Estremadura, en 1228,[5] e despois Cáceres, en 1229, e finalmente Mérida e Badaxoz, en 1230.

Despois destas campañas, en 1230, dirixiuse a Santiago de Compostela para visitar ao Apóstolo Santiago, polo cal sentía gran devoción, para agradecerlle a súa protección e axuda na reconquista.

No camiño, enfermou gravemente en Vilanova de Sarria, en Galicia (Villa Noua iuxta Sarriam in Gallecia), e falceu pouco despois, o 24 de setembro dese ano.[5]

O seu corpo foi trasladado a Santiago e sepultado na Catedral desta cidade, ao lado do seu pai, Fernando II,[5] no Panteón Real.

O problema da sucesión[editar | editar a fonte]

Afonso IX legou o seu reino a Sancha e Aldonza, fillas do seu primeiro matrimonio, que ascenderon ao trono co apoio da nobreza, pero o clero e a aristocracia opuxéronse, xa que preferían que os reinos de León e Castela se reunificaran baixo o rei Fernando III.

O acordo alcanzouse polas dúas ex-esposas de Afonso IX, Teresa e Berenguela que, en nome dos seus respectivos fillos, asinaron a Concordia de Benavente de 1230, na cal a súa primeira muller, Teresa de Portugal, renunciaba aos dereitos que a súas fillas Sancha e Aldonza tiñan ao trono de León, en favor do rei de Castela Fernando, fillo de Afonso e da súa segunda muller Berenguela. Así, Fernando logrou reunir baixo unha soa coroa, e definitivamente, os reinos de León e Castela, non sen a oposición da poboación leonesa que, durante varios meses, pechou as portas da cidade de León ao rei castelán, contra o cal loitaran durante moitos anos nos campos de batalla.

Véxase tamén: Concordia de Benavente.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Primeiro matrimonio[editar | editar a fonte]

Do seu matrimonio coa infanta Teresa de Portugal, filla do rei Sancho I de Portugal e da raíña Aldonza de Aragón (tamén coñecida como Dulce de Brceloina), naceron tres fillos:

Segundo matrimonio[editar | editar a fonte]

Do seu segundo marimonio, coa infanta Berenguela de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela e da raíña Leonor Plantagenet, naceron cinco fillos:

Fillos ilexítimos[editar | editar a fonte]

Da súa relación cunha señora da que non se coñece o nome, tivo un fillo:[5][6][38]

  • Pedro Afonso de León (1196-1226).

Despois da anulación do seu primeiro matrimonio, e antes de casar con Berenguela, o rei Afonso tivo unha relación amorosa, que durou uns dous ahos, con Inés Íñiguez de Mendoza, filla de Íñigo López de Mendoza e da súa esposa María García,[39] con quen tivo unha filla nacida contra 1197:

Da súa relación con Aldonça Martínez de Silva, tivo tres fillos:

  • Rodrigo de León (1210-1252), que casou con Inés Rodríguez.
  • Aldonza de León (1212-1267), que casou en primeiras nupcias con Froilaz Diego Ramirez e, en segundas niupcias, co conde Pedro Ponce de Cabrera.[41]
  • Teresa de León, que casou con Nuño González de Lara.[42]

Tivo outra relación cunha nobre galega, Estefanía Pérez de Faiam, a quen en 1211 o rei doou un reaguengo en terras ourensás onde a súa familia, segundo se desprende do seu testamento datado en 1250, tiña moitas propiedades, así como no norte de Portugal. Era filla de Pedro Menéndez Faiam, quen confirmou varios documentos reais outorgados polo rei Afonso IX, e neta de Menendo Faiam, que tamén confirmou varios diplomas reais do rei Fernando II emitidos en Galicia a partir de 1155. Estefanía contraeu matrimonio despois da súa relación co rei con Rodrigo Suárez, de quen tivo descendencia. No seu testamento mandou ser enterrada na igrexa do Mosteiro de Fiães, no norte de Portugal (en Melgaço), na beira do Miño.[43]

Afonso IX e Estefanía foron pais de:

  • Fernando de León (1211-?),[43] falecido na súa xuventude.[44] [45]

Segundo o historiador medievalista Julio González González, despois da súa relación con Estefanía, o rei tivo unha amante salmantina de orixe descoñecida chamada Maura, de quen tivo a:[46]

Da súa relación entre 1214 e 1218 coa nobre portuguesa Aldonça Martínez de Silva, filla de Martinho Gómez de Silva, señor de Silva, e da súa esposa Urraca Rodríguez,[47] naceron tres fillos:

  • Rodrigo Afonso de León (m. despois de 1252), señor de Aliger e Castro del Río e Adiantado maior da fronteira de Andalucía, que casou con Inés Rodríguez, filla de Rodrigo Fernández de Valduerna o Feo,[48] señor de Cabrera e alférez do rei Afonso IX.
  • Aldonza Afonso de León (m. despois de 1267), que casou co conde Pedro Ponce de Cabrera, fillo do conde Ponce Vela de Cabrera e a condesa Teresa Rodríguez Girón.[49] Aldonza e o seu esposo Pedro aparecen xuntos por primeira vez o 10 de xuñio de 1230 cando ambos doaron ao Mosteiro de Nogales a metade da igrexa de San Pelayo de Pobladura de la Valdería.[50]
  • Teresa Afonso de León, que contraeu matrimonio con Nuño González de Lara o Bo,[51] señor da Casa de Lara. Outra filla bastarda de Afonso IX, tamén chamada Teresa Afonso, que casou co conde Nuño González de Lara, xacía con este na capela maior do convento dos dominicos de San Pablo de Palencia.[52] Segundo Sánchez de Mora, Teresa era descendente do rei Afonso IX e engade: «Segundo Salazar y Castro, Teresa Afonso era filla de Pedro Afonso e unha dama da casa de Villamayor, mentres que Julio González González identifícaa ben cunha filla de Urraca Afonso e Lope Díaz de Haro II, ben cunha filla natural de Afonso IX. Á súa vez, o conde de Barcelos afirma que fora filla do monarca leonés e a súa amante Aldonza Martínez».[53] Teresa Alfonso, tal como sosteñen varios autores, foi filla do rei Afonso IX. Así consta nunha venda que Teresa realizou en novembro de 1254 na vila de Carucedo. No documento, gardado no arquivo do Mosteiro de Santa María de Carracedo, declara que é filla do rei Afonso, neta do rei Fernando, e esposa de Nuño González de Lara.[54]

A relación máis duradoira do rei Afonso IX, que comezou en 1218 e durou até a súa morte en 1230,[55] foi con Teresa Gil de Soverosa.[56] Membro da nobreza portuguesa, Teresa era filla de Gil Vázquez de Soverosa e de María Aires de Fornelos. Foron pais de catro fillos, todos eles nacidos entre 1218, o año en que comezou la relación, e 1230, o ano en que morreu o rei:[57]

Ascendencia[editar | editar a fonte]