Xudaísmo

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xudeu»)

A menorá de sete brazos é un antigo símbolo do xudaísmo. Usábase no templo do antigo Xerusalén.

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas,[1] as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da tora, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a tora ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa tora e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da tora. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación.[2][3] As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Movementos xudaicos[editar | editar a fonte]

O Muro do oeste en Xerusalén é o único que fica do Segundo Templo. O Templo da Montaña é o lugar máis sagrado no Xudaísmo.

As distintas denominacións dentro do xudaísmo varían moito en cada pais. A máis coñecida e estruturada é a dos xudeus norteamericanos, que pode dividirse nos seguintes movementos:

No Estado de Israel, as divisións céntranse no nivel de observancia relixiosa e non en movementos organizados. O Rabinato de Xerusalén pertence á corrente ortodoxa, que é a corrente máis institucionalizada.

O xudaísmo laico non é propiamente un movemento, senón unha visión dunha parte do pobo xudeu de que é posible vivir o xudaísmo desvinculado da relixión.

O chamado mesianismo ou xudaísmo mesiánico, que cre que Yeshua ben Yosef (Xesús, fillo de Xosé) é Ha Mashiach (O Mesías) prometido polos profetas do Tanakh (Antigo Testamento), non é considerado un movemento no seo da comunidade xudaica, non sendo recoñecido por ningunha das outras correntes, sendo efectivamente un grupo minoritario cristián que prega a conversión de xudeus a unha especie de cristianismo primitivo.

Textos xudaicos clásicos[editar | editar a fonte]

Un manuscrito da tora. A tora contén os cinco libros de Moisés, ou a Biblia hebrea.

O texto fundamental do xudaísmo é a Biblia, que coincide co Antigo Testamento dalgunhas relixións protestantes e ten algunhas diferenzas co Antigo Testamento católico. O seu nome en hebreo é תנ"ך, Tanakh.

O asunto do Tanakh é un relato da relación dos israelitas con Deus, segundo os reflexos desa relación na súa historia desde o principio dos tempos e até a construción do Segundo Templo (preto do 350 a.d.C).

A parte principal do Tanakh é a tora, a Lei. Para os xudeus, a tora (o Pentateuco) foi transmitida a Moisés directamente de Deus. O seu contido foi compilado para que xamais fose esquecido e permanecese inmutable, mesmo co paso dos sabios que a transmitiron de xeración a xeración.

Conxunto de textos sagrados[editar | editar a fonte]

Nota: Algunhas destas categorías sobrepóñense, e algúns libros inclúen seccións que pertencen a máis dunha categoría.

Principios de fe[editar | editar a fonte]

Interior da Sinagoga portuguesa de Ámsterdam.

Xurdiron variadas formulacións das crenzas xudaicas, a maioría das cales con moito en común entre si, mais diverxentes en varios aspectos. Unha comparación entre varias desas formulacións mostra un elevado grao de tolerancia polas diferentes perspectivas teolóxicas. O que segue é un sumario das crenzas xudaicas. Unha discusión máis detallada destas crenzas, acompañada por unha discusión sobre as súas orixes, pode ser atopada no artigo sobre os principios de fe xudaicos.

  • Monoteísmo: o xudaísmo baséase nun monoteísmo unitario estrito, a crenza nun único Deus. Deus é visto como eterno, o creador do universo e a fonte da moralidade.
  • Deus é único: a idea de Deus como unha dualidade ou trindade é herética para os xudeus. É encarada como próxima do politeísmo. Curiosamente, en canto que os xudeus defenden que tales concepcións de Deus son incorrectas, son xeralmente de opinión que os xentís que teñen tales crenzas non son culpados.
  • Deus é omnipotente (todopoderoso), omnisciente (todo sabe) e omnipresente (está en todo lugar). Os diversos nomes de Deus son maneiras de expresar diferentes aspectos da presenza de Deus no mundo. Véxase a entrada acerca do nome de Deus no xudaísmo.
  • Deus é non-físico, non-corpóreo e eterno: todas as declaracións na Biblia hebraica e na literatura rabínica que utilizan antropomorfismo son encaradas como conceptos lingüísticos ou metáforas, por ser imposible falar de Deus doutro modo.
  • Só a Deus se pode ofrecer preces: todas as crenzas de que pode ser usado un intermediario entre o home e Deus, sexa el necesario, sexa apenas opcional, teñen sido consideradas heréticas.
  • A Biblia hebraica e moitas das crenzas descritas na Mishná e no Talmud son tidas como produto de Revelación divina. O modo como funciona a revelación, o que se quere dicir, exactamente, cando se di que un libro é "divino", ten sido desde sempre materia dalgunha disputa. Existen entre os xudeus diferentes perspectivas sobre este asunto.
  • As palabras dos profetas son verdadeiras.
  • Moisés foi o maior de todos os profetas e tamén o máis humilde. Como un gran profesor para o pobo xudeu.
  • A tora (os cinco libros de Moisés) é o texto principal do xudaísmo: o xudaísmo rabínico defende que a tora é idéntica á que foi entregada por Deus a Moisés no Monte Sinaí. Os xudeus ortodoxos consideran que a tora que existe hoxe é exactamente aquela que foi entregada por Deus a Moisés, cun número reducido de dúbidas de copia. Debido aos avances nos estudos bíblicos e na investigación arqueolóxica e lingüística, a maioría dos xudeus non ortodoxos rexeita este principio. En vez diso, aceptan que o núcleo da tora oral e escrita pode provir de Moisés, mais afirman que a tora escrita que existe hoxe foi amalgamada a partir de varios documentos.
  • Deus escolleu o pobo xudeu para participar nunha alianza única con Deus; a descrición desta alianza é a propia tora. Ao contrario do que xeralmente se pensa, o pobo xudeu non di simplemente que "Deus escolleu os xudeus". Os xudeus consideran que foron escollidos para desempeñar unha misión específica: para servir de luz para as nacións e para ter unha alianza con Deus tal como está descrito na tora. Esta idea é discutida en maior profundidade na entrada sobre o pobo escollido. O xudaísmo reconstrucionista rexeita o concepto da escolla como moralmente defunto.
  • A era mesiánica. Haberá un Mashíach (Mesías) e unha era mesiánica.
  • A alma é pura no momento do nacemento. As persoas nacen cun yéser hattób, unha tendencia para o ben, e cun yéser hará', unha tendencia para o mal. Consecuentemente, os seres humanos son provistos de libre arbitrio e poden escoller o seu propio camiño na vida.
  • As persoas poden expiar os seus pecados. A liturxia dos Días de Temor (Rosh Hashaná e Yon Kippur) declara que a prece, o arrepentimento e o sedacá[Ligazón morta] (doazón espontánea para caridade) expían os pecados. Unha discusión máis detallada da visión xudaica do pecado pode atoparse na entrada sobre o pecado.

A "profesión de fe" dun xudeu é: "Shemá‘ Yisraél Adonay Elohénu Adonay echad", é dicir: "Ouve Yisrael, o Eterno é noso Deus, o Eterno é un" (nótese que moitos xudeus asquenacís usan aquí a palabra hebraica 'Hashem' no canto de 'Adonay', literalmente "o nome", como unha alusión a O seu Santo Nome que non pode ser pronunciado ou escrito.)

Aínda que o xudaísmo teña sempre recoñecido un certo número doutros principios de fe xudaicos, nunca desenvolveu un catecismo obrigatorio. Xurdiron variadas formulacións das crenzas xudaicas, a maioría das cales teñen moito en común, mais diverxen en varios aspectos. Nos últimos dous séculos, a comunidade xudaica dividiuse en varios movementos xudaicos. Cada un deles ten unha abordaxe diferente no estilo de vida, cada movemento cumpre máis ou menos leis. A maior parte das formas de xudaísmo ortodoxo xeralmente cumpren moitos preceptos, ao paso que as formas non ortodoxas de xudaísmo xeralmente defenden que os principios foron evolucionando co tempo e adaptan o xudaísmo aos costumes locais. Estes tópicos son discutidos con maior profundidade no artigo sobre os principios de fe xudaicos.

Que fai de alguén xudeu?[editar | editar a fonte]

O termo xudeu define tanto a unha persoa de relixión xudaica como a unha comunidade (etnia) e este uso pode levar a confusión. A Lei Xudaica considera xudeu todo aquel que naceu de nai xudía ou se converteu de acordo coa Lei Xudaica. Recentemente, os seguidores da Reforma Americana e do Reconstrucionismo teñen incluído tamén os nenos nacidos de pai xudeu e nai xentil, pois foron educados de acordo coa relixión xudaica.

Un xudeu que deixe de practicar o Xudaísmo e se transforme nun xudeu non practicante continúa a ser considerado xudeu. Un xudeu que non acepte os principios de fe xudaicos e se torne agnóstico ou ateo tamén continúa a ser considerado xudeu.

Porén, se un xudeu se converte a outra relixión, como o Budismo ou o Cristianismo, perde o lugar como membro da comunidade xudaica e transfórmase nun apóstata. Segundo a tradición, a súa familia e amigos toman loito por el, pois para un xudeu abandonar a relixión é como se morrese. Porén, aínda que a persoa estea fóra da comunidade xudaica e teña ideas non xudaicas, esa persoa aínda é xudaica de acordo coa maior parte das autoridades en lei xudaica.

Filosofía xudaica[editar | editar a fonte]

A filosofía xudaica é a conxugación entre o estudo serio de filosofía e a teoloxía xudaica. A filosofía xudaica inicial foi influenciada polas filosofías de Platón, Aristóteles e pola filosofía islámica. Os filósofos xudaicos máis importantes foron, entre outros, Salomán Ibn Gabirol, Saadiá Gaon, Maimonides e Xersonides. Grandes mudanzas se seguiron ao Iluminismo (finais do século XVIII, inicio do século XIX), levando á aparición dos filósofos xudaicos posiluministas e, máis tarde, aos filósofos xudaicos modernos.

Para máis informacións, vexa o artigo acerca da filosofía xudaica.

A tora e a lei xudaica[editar | editar a fonte]

A base da lei e tradición xudaica é a tora (os cinco libros de Moisés). De acordo coa tradición rabínica, existen 613 misvot (mandamentos) na tora. Algunhas destas leis diríxense só aos homes ou ás mulleres, algúns só aos Kohanín e aos Leviín (membros da tribo clérica), outras só a aqueles que constrúen dentro da terra de Israel, e moitas outras eran aplicables só na época en que existía o Templo en Xerusalén. Son menos de 300 os mandamentos aínda aplicables hoxe en día.

A pesar de teren existido grupos xudaicos que se baseaban no texto escrito da tora (os Saduceus e os Caraítas), a maior parte dos xudeus consideraban naquilo a que chamaban a lei oral. Estas tradicións orais orixináranse no sector Fariseo do xudaísmo antigo, e foron máis tarde pasadas a escrito e expandidas polos rabinos.

O xudaísmo rabínico sempre defendeu que os libros do Tanakh (chamados de lei escrita) foron desde sempre transmitidos en paralelo coa tradición oral. Apúntase para o texto da tora, onde moitas palabras non teñen definición e moitos procedementos son mencionados sen explicación ou instrucións; isto, afírmase, significa que se supón que o lector estea familiarizado cos detalles a partir doutras fontes, orais. Este conxunto paralelo de material foi orixinalmente transmitido de forma oral e ficou coñecido como "a lei oral". Algúns dos métodos de onde é derivado poden ser consultados no Midrash halakhico. Porén, ao tempo do rabino Yehudá Ha-Nasí (200 CE) a maior parte deste material foi editado en conxunto no Mishná. Ao longo dos catro séculos seguintes, esta lei sufriu discusión e debate nas maiores comunidades xudaicas do mundo (en Israel e na Babilonia), e os comentarios ao Mishná producidos por cada unha das dúas comunidades acabaron por ser editados en compilacións coñecidas como os dous Talmudes. Estes foron interpretados polos comentarios de varios estudosos da tora ao longo dos séculos.

Consecuentemente, a Halakhá, ou o modo de vida do xudaísmo rabínico, non se basea nunha lectura literal da tora, mais si na combinación das tradicións oral e escrita, o que inclúe o Tanakh, o Mishná, o Midrash halakhico, o Talmud e os seus comentarios. Estes foron sumariados nos códigos de lei xudaica por varios estudosos da tora, tales como os rabinos Alfasi, Maimonides, Ya'akob ben Asher, Yosef Karo etc.

A Halakhá desenvólvese lentamente, a través dun sistema baseado en precedentes. A literatura de preguntas aos rabinos, e as súas respostas, é designada como responsa (en hebraico, "Sheelot U-Tshubot".) Ao longo do tempo, á medida que a práctica se desenvolve, novos códigos de lei xudaica son escritos, baseados na responsa.

Excomuñón[editar | editar a fonte]

O Chéren é a máis alta censura eclesiástica na comunidade xudaica. É a exclusión total da persoa da comunidade xudaica. Excepto en casos raros que tiveran lugar entre os xudeus ultraortodoxos, o chéren deixou de se practicar despois do iluminismo, cando as comunidades xudaicas locais perderan a autonomía de que dispuñan anteriormente e os xudeus foron integrados nas nacións xentís en que vivían. Unha discusión máis profunda deste asunto pode ser atopada no artigo sobre o chéren.

Calendario xudaico[editar | editar a fonte]

O calendario xudaico é contado desde 3761 a.C.. O Ano Novo xudaico, chamado Rosh Hashaná, acontece no primeiro ou no segundo día do mes hebreo de Tishri, que pode caer en setembro ou outubro. Os anos comúns, con doce meses, poden ter 353, 354 e 355 días, en canto os bisestos, de trece meses, 383, 384 ou 385 días.

Festas[editar | editar a fonte]

A vida xudaica está repleta de tradición relixiosa, e é celebrada un ciclo anual de festas xudías.

Acontecementos do ciclo de vida[editar | editar a fonte]

Existen acontecementos do ciclo da vida dun xudeu que o unen a toda a comunidade.

Berit milá: as benvidas dos bebés do sexo masculino á alianza a través do ritual da circuncisión.
Zébed habbát: as benvidas dos bebés do sexo feminino na tradición sefardí.
Bar misvá e Bat misvá: a celebración da chegada dun rapaz á maioridade, e por se tornar responsable, de aí en diante, por seguir unha vida xudaica e por seguir a halakhá.
Casamento
Shib'a|Loito: o xudaísmo ten prácticas de loito en tres etapas. Á primeira etapa (observada durante unha semana) chámase Shib'a, á segunda (observada durante un mes) chamase sheloshim e, para aqueles que perderan un dos proxenitores, existe unha terceira etapa, a avelut yod bet chódesh, que é observada durante un ano.

Cronoloxía histórica do xudaísmo[editar | editar a fonte]

Seitas e faccións xudaicas anteriores ao Iluminismo[editar | editar a fonte]

O xudaísmo rabínico foi, en tempos, relacionado co samaritanismo. Os samaritanos, porén, xa non se consideran xudeus, e ambos os grupos considéranse relixións separadas.

Por volta do primeiro século D.C. había varias grandes seitas en disputa do liderado entre os xudeus, e en xeral todas elas procuraban, de forma diversa, unha salvación mesiánica en termos de autonomía nacional dentro do Imperio Romano: os fariseos, os saduceus, os celotas e os esenos. Entre estes grupos, só o dos fariseos sobreviviu ideoloxicamente; a súa descendencia ideolóxica, os rabinos, rapidamente tomou o control da relixión, e orixinaron todas as seitas modernas. O cristianismo, en certo modo, relacionouse cunha facción xudaica que consideraba que Xesús era o Mesías, mais esta seita de cristiáns xudeus, rexeitada tanto polos xudeus como polos cristiáns, acabou por desaparecer.

Algúns xudeus no século VIII adoptaron o rexeitamento dos saduceos pola lei oral dos fariseos / rabinos rexistrada na Mishná (e desenvolvida por rabinos máis recentes nos dous Talmudes), pretendendo confiar apenas no Tanakh. Curiosamente, este grupo en breve desenvolvía as súas propias tradicións orais, diferentes das rabínicas. Estes xudeus crearon a seita Karaita, que aínda existe hoxe en día, aínda que os seus seguidores sexan en moito menor número que o resto dos xudeus. Os xudeus rabínicos defenden que os Karaitas son xudeus, mais que a súa relixión é unha forma de xudaísmo incompleta e errónea.

Ao longo do tempo, os xudeus fóronse diferenciando en grupos étnicos distintos: os asquenacís (da Europa de Leste e de Rusia), os sefardís (de España, Portugal e do Norte de África) e os Xudeus Iemenitas, da extremidade sur da península Arábica. Esta división é cultural e non se basea en ningunha disputa doutrinaria.

O desenvolvemento do xudaísmo hasídico[editar | editar a fonte]

O xudaísmo hasídico fundouno Israel ben Eliecer (1700-1760), tamén coñecido por Ba'al Shen Tov, ou polo Besht. Os seus discípulos atraeron moitos seguidores, e eles mesmos estableceron numerosas seitas hasídicas na Europa. O xudaísmo hasídico acabou por se transformar no modo de vida de moitos xudeus en Europa, e chegou aos Estados Unidos durante as grandes vagas de emigración xudaica na década de 1880.

Algún tempo antes, houbera un serio cisma entre os xudeus hasídicos e non hasídicos. Os hasidín denominaban mitnagdín (lit. "opoñentes") os xudeus europeos que rexeitaban o seu movemento. Algúns dos motivos para o rexeitamento do xudaísmo hasídico eran a exuberancia opresiva da pregaria hasídica, nas súas imputacións non tradicionais de que os seus líderes eran infalibles e presuntamente operaban milagres, e na preocupación da posibilidade de se transformar nunha seita mesiánica. Desde entón, todas as seitas do xudaísmo hasídico foron absorbidas pola corrente principal do xudaísmo ortodoxo, e en particular polo xudaísmo ultraortodoxo.

Vexa os artigos sobre o xudaísmo hasídico e os mitnagdín para obter información máis detallada.

O desenvolvemento das ramas do xudaísmo en resposta ao Iluminismo[editar | editar a fonte]

Nos fins do século XVIII, a Europa foi varrida por un conxunto de movementos intelectuais, sociais e políticos coñecidos polo nome de Iluminismo. O xudaísmo desenvolveuse en varias ramas distintas en resposta a este fenómeno sen precedentes: o xudaísmo reformista e o xudaísmo liberal, moitas formas de xudaísmo ortodoxo e xudaísmo conservador e aínda unha certa cantidade de grupos máis pequenos.

O estado do xudaísmo entre os xudeus actuais[editar | editar a fonte]

Na maior parte das nacións occidentais, moitos xudeus secularizados deixaron hai moito de participar nos deberes relixiosos. Moitos deles lémbranse de ter tido avós relixiosos, mais medraron en lares onde a educación e observancia xudaicas xa non eran unha prioridade. Desenvolveron sentimentos ambivalentes no que toca aos seus deberes relixiosos.

Nos últimos 50 anos todas as principais seitas xudaicas teñen asistido a un aumento de popularidade. Porén, este crecemento non ten compensado a perda demográfica debida aos casamentos mixtos e á aculturación.

Mentres, o cristianismo ten inspirado seitas como a dos Xudeus por Xesús e o xudaísmo mesiánico, e persoas descontentas coa corrente principal do xudaísmo fundaron o Xudeu-Paganismo. Debido ao feito destes movementos incorporaren relixións non xudaicas en conxunto co xudaísmo, os movementos xudaicos da corrente principal non consideran que os Xudeus por Xesús, o xudaísmo mesiánico e o Xudeopaganismo formen parte da relixión xudaica. A pesar diso, algúns membros destes movementos identifícanse como xudeus.

Xudaísmo en Galicia[editar | editar a fonte]

Placa do Centro de Información Xudía de Galicia.

Na Casa da Cultura de Ribadavia pode visitarse o Centro de Información Xudía de Galicia, espazo cultural para lembra-la presenza dos xudeus en Galicia, os seus oficios, a súa relixión e a inquisición.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Philip Wilkinson, Religions, Londres: Dorling Kindersley, 2008; Religiões, Río de Janeiro: Zahar, 2011, pp. 61-83. Tamén Gabrielle Sed-Rajna, L'Abécédaire du Judaïsme, París: Flammarion, 2000; Éric Smilevitch, Histoire du Judaïsme, París: Presses Universitaires de France, 2012; The Religions Book, ed. G. Jones y G. Palffy, Londres: Dorling Kindersley, 2013; O Livro das Reiligiões, ed. Carla Fortino, San Pablo: Globo, 2014, pp. 166-199; Josy Eisenberg, Une Histoire des Juifs, París: CAL, 1970; Simón Dubnow, Manual de la Historia Judía, Buenos Aires: Sigal, 1977; Michael Brenner, Kleine Jüdische Geschichte, Múnich: C.H. Beck, 2008.
  2. Daniel J. Elazar. "Jewish Religious, Ethnic and National Identities: Convergences and Conflicts" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2015. 
  3. Avineri, Shlomo (1983). La Idea Sionista (en castelán). La Semana Publicaciones Ltda. p. 23. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Merunéndano, L. (1915). Los Judios de Ribadavia. Origen de las 4 parroquias. Edición facsímile (1981). Editorial Alvarellos. ISBN 84-85311-41-8. 
  • Antonio Rubio, María Gloria de (2004). Los Judios de Ribadavia. La judería de Ribadavia y sus personajes en los siglos XIV.XV. Ex Cathedra. Edicións Lóstrego. ISBN 84-933244-4-2. 
  • Antonio Rubio, María Gloria de (2004). Os xudeus en Galicia. O saber de peto. Edicións Lóstrego. ISBN 84-933244-1-8. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]