Batalla das Navas de Tolosa

From Wikipedia
Jump to navigation Jump to search
Representación da batalla das Navas de Tolosa de F. P. Van Halen, do século XIX. Cadro exposto no Pazo do Senado en Madrid.

A batalla das Navas de Tolosa, chamada na historiografía árabe Batalla de Al-Uqab (معركة العقاب), enfrontou o 16 de xullo de 1212 nas inmediacións da poboación xienense de Santa Elena a un exército aliado cristián formado en gran parte polas tropas casteláns de Afonso VIII de Castela, as navarras de Sancho VII de Navarra, as aragonesas de Pedro II de Aragón e as portuguesas de Afonso II de Portugal contra o exército do califa almohade Muhammad An-Nasir.[1] A batalla foi o resultado da cruzada emprendida polo rei Afonso VIII, o arcebispo de Toledo Rodrigo Ximénez de Rada e o papa Inocencio III contra os almohades (musulmáns que dominaban Al-Ándalus). Saldada cunha importante vitoria do bando cristián, esta batalla foi o punto álxido da Reconquista e o principio da fin da presenza musulmán na Península ibérica.[2][3]

Os bandos[edit | edit source]

Escultura de Afonso VIII de Castela.

A batalla foi froito da cruzada[4] organizada polo rei Afonso VIII de Castela, o papa Inocencio III e o arcebispo de Toledo, Rodrigo Ximénez de Rada para combateren os almohades, pobo musulmán e bérber, que acudiran na axuda dos reinos de Taifas a mediados do século XII.

Polo bando cristián estaban as tropas de Afonso VIII de Castela, que era o principal continxente e estaban no centro da formación. Xunto a elas estaban tropas das ordes militares de Santiago, Calatrava, o Temple e do Hospital, e algúns cabaleiros chegados do resto de Europa, principalmente Francia e Italia.

Os outros reis cristiáns formaban os laterais do exército, eran as tropas de Sancho VII de Navarra, de Pedro II de Aragón e de Afonso II de Portugal respectivamente. Destacaba a ausencia de Afonso IX de León, que non acudiu pola inimizade que mantiña daquela co rei de Castela.

O bando almohade tiña como líder ó califa Muhammad An-Nasir.

Antes da batalla[edit | edit source]

Os exércitos cristián e almohade atopáronse preto de Despeñaperros, paso fronteirizo que separa as actuais Comunidades Autónomas de Andalucía de Castela A Mancha. Os almohades tomaron o 13 de xullo o castelo do Ferral, á entrada de Despeñaperros, o que lles permitiu facerse fortes.

An-Nasir instalou o seu campamento no desfiladeiro da Losa, para bloquear o paso cristián. Porén, o exército cristián logrou cruzar Serra Morena e instalou entre o 13 e o 14 de xullo o seu campamento en Mesa del Rey.

A tenda de An-Nasir era defendida pola chamada Garda Negra, ou imesebelen, composta por soldados-escravos fanáticos procedentes do Senegal. Grandes cadeas e estacas mantíñanos unidos entre si e ó chan, de tal maneira que non lles quedaba outra alternativa que loitar ou morrer. Os imesebelen adoptaban unha forma defensiva cadrada, con filas diagonais e perpendiculares que ían desde os bordos da formación ata o centro desta.

Desenvolvemento da batalla[edit | edit source]

Monumento á batalla das Navas de Tolosa.

A batalla desenvolveuse o día 16 de xullo de 1212, nas "navas" (chairas) que hai entre Miranda del Rey e Santa Elena. O exército cristián baixou de Mesa del Rey e atopouse coa vangarda almohade.

A cabalería pesada cristiá era moi superior ós soldados almohades, polo cal An-Nasir colocou arqueiros e infantería, co fin de fustrigar a cabalería cristiá antes de envolvela coa súa infantería. Malia todo, os reis de Aragón e Navarra (Pedro II e Sancho VII respectivamente), impedírono ó estaren nos flancos do seu exército, facendo que os almohades non puideran envolvelos por aí.

As tropas cristiás esmagaron ós almohades, pero acabaron sendo detidas e rexeitadas. As primeiras liñas cristiáns retiráronse paulatinamente, pero a cabalería pesada resistiu en combate contra o exército almohade. Entón foi cando atacaron Pedro II e Sancho VII, facendo un ataque en tenaces que acabou cos flancos inimigos.

A cabalería de Sancho VII de Navarra avanzou e acabou chegando ó campamento de An-Nasir. Cargaron contra o valado de madeira, e dise que o mesmo Sancho VII rompeu as cadeas que unían á garda, acabando con ela.

An-Nasir fuxiu a Baeza e dende alí a Xaén, sen poder evitar a destrución do seu exército.

Descoñécese o número exacto de mortos e feridos desta batalla porque non hai datos fidedignos ó respecto, pero estimacións modernas calculan que o exército almohade tiña uns 22 000 ou 30 000 homes e o exército cristián tiña duns 12 000 a uns 14 000 homes. O número de baixas non é doado de estimar pero é presumible que as baixas do exército almohade foran bastante numerosas.[5]

Despois da batalla[edit | edit source]

O brasón de Navarra despois da batalla.

Segundo a lenda, despois da batalla o reino de Navarra adoptou un novo escudo de armas en memoria da acción de Sancho. O novo escudo mostraba unha de cadea de ouro sobre campo de goles cunha esmeralda. Na actualidade pode verse no escudo de España.

Notas[edit | edit source]

  1. Guggenberger, Anthony, A General History of the Christian Era: The Papacy and the Empire, Vol.1, (B. Herder, 1913), 372.
  2. Lynn Hunt describe a batalla como un "punto de inflexión na reconquista..." Ver Lynn Hunt, R. Po-chia Hsia, Thomas R. Martin, Barbara H. Rosenwein, e Bonnie Smith, The Making of the West: Peoples and Cultures: A Concise History: Volume I: To 1740, Segunda Edición (Nova York: Bedford/St. Martin's 2007), 391.
  3. Gitlitz, David Martin e Linda Kay Davidson, The Pilgrimage Road to Santiago, (St.Martin's Press, 2000), 60.
  4. José Fernández Llamazares reproduce a carta enviada polo papa ó rei de Castela, exhortándoo a levar a cabo a cruzada: Historia de la bula de la Santa Cruzada (1859), páxs. 28-33.
  5. Martín Alvira Cabrer: Las Navas de Tolosa, 1212: idea, liturgia y memoria de la batalla. Sílex, Madrid 2012, p. 332. El mesmo: Guerra e ideología en la España medieval: cultura y actitudes históricas ante el giro de principios del siglo XIII: batallas de las Navas de Tolosa (1212) y Muret (1213). Universidade Complutense, Madrid 2000. p. 192 e 196. (en castelán)

Véxase tamén[edit | edit source]

Outros artigos[edit | edit source]

Bibliografía[edit | edit source]