Panteón Real da catedral de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela
Localización Capela das Reliquias
Inauguración1211
Casa RealCasa de Borgoña
Raimundo de Borgoña (1070-1107)
SarcófagoDesaparecido
Fernando II (1137-1188)
Data do Sarcófago:1210Exemplo
Fernando Afonso (1192-1214)
Data do Sarcófago:1220Exemplo
Berenguela de Barcelona (1108-1149)
Data do Sarcófago:1230Exemplo
Afonso VIII (1171-1230)
Data do Sarcófago:1230Exemplo
Xoana de Castro (--- -1374)
Data do Sarcófago:1374Exemplo
Pedro Froilaz de Traba (1075-1128)
Data do Sarcófago:1926Exemplo
Bandeirareinogaliza.svg

O Panteón Real é o lugar, dentro da Catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galiza.

Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VII de levar tamén os seu restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galiza e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto o seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.

O espazo funerario foi instalado na "capella dos reis", hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (1107), Berenguela de Barcelona (1149), Fernando II (1188), Afonso VIII (1230) e Xoana de Castro (1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do Conde Pedro Froilaz de Trava (1128).

Primeiros enterramentos. O tempo de Xelmírez[editar | editar a fonte]

Durante o bispado de Diego Xelmírez, na época de esplendor do cabido compostelán, unha serie de personalidades do Reino de Galiza comezan a soterrarse na Catedral Compostelá. Estes enterros non se facían inicialmente co obxecto de configurar un panteón rexio senón que eran froito de devocións individuais e do interese do propio prelado por engrandecer a súa sé coas insignes sepulturas.

Raimundo de Borgoña[editar | editar a fonte]

Imaxe de Raimundo de Borgoña no Tombo A de Compostela

No ano 1107, Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza[1], morreu nas terras de Sahagún. Acompañado no seu leito mortuorio por algúns dos persoeiros mais importantes do seu tempo: O seu sogro Afonso VI; o seu irmán Guido, arcebispo de Viena que posteriormente será papa baixo o nome de Calixto II e dará nome ao códice calixtino; a súa esposa, a futura raíña Urraca I; a súa filla a infanta Sancha; o seu fillo Afonso, futuro Afonso VII; Pedro Fróilaz, Conde de Trastámara e aio de Afonso, e outros membros da nobreza e da xerarquía eclesiástica da época.

Entre eles estaba tamén o bispo de Compostela Diego Xelmírez que foi o encargado de tomar do conde a derradeira confesión e quen o asistiu nos seus últimos momentos. Neste proceso, o bispo recibiu de Raimundo diversas concesións para a súa sé episcopal, entre elas os propios restos mortuorios do conde que foron trasladados a Compostela, lugar onde se oficiaron as súas exequias.[2]

A "pretiosam sepulturam"[3] do conde dispúxose nun sartego que foi colocado baixo un arcosolio na fachada norte da Catedral[4], no lado occidental da chamada Porta Francíxena[5], derruída no 1757 e cuxo lugar ocupa na actualidade a Fachada da Acibechería[6]. Esta arcada, baixo a que se colocou o sartego do conde, esta hoxe integrada na capela de Santa Catarina e aínda pode ser apreciada facendo de bóveda na mesma[7].

Porte des comtes na basílica de Saint-Sernin de Tolosa, Francia. Apréciase á esquerda o arcosolio baixo o que se gardan os sartegos dos condes de Tolosa.

Era unha disposición de grande honra, feita conforme os costumes funerarios da época, na entrada da catedral utilizada polos peregrinos que remataban o camiño francés e á que se achegaba periodicamente o cabido compostelán en procesión solemne[8]. Este tipo de enterramento segue un paralelismo coa Porte des Comtes da basílica de Saint-Sernin de Tolosa (Francia), xemelga da compostelá nas formas e deste xeito tamén nas funcións[9], onde desde o 1090 repousan os restos dos condes tolosanos[10].

Sarcófago de tipo aquitano. Museo Eugène-Camoreyt de Lectoure, Gers, Francia.

O sarcófago no que descansou inicialmente o conde de Galiza, semella terse perdido nalgún momento, toda vez que o que se lle veu atribuíndo tradicionalmente, é datado polos estudosos a comezos do Século XIII[11] e representa a un home novo carente de barba, espada, anel ou calquera outro atributo institucional, en marcada diferenciación coa imaxe que do conde Raimundo se nos ofrece na miniatura do Tombo A de Compostela. A sepultura pertence na realidade a Fernando Afonso, fillo e herdeiro do rei Afonso VIII[12], soterrado na catedral no ano 1214. Así parece testemuñalo tamén o historiador Ambrosio de Morales na crónica da súa viaxe a Compostela no século XVI, cando afirma que o sepulcro é de "mancebo, sen Coroa... fillo dalgún dos Reis xunto os que esta"[13].

A este ataúde perdido corresponderíalle, continuando o paralelismo cos enterramentos de Saint-Sernin, pertencer ao tipo aquitano; de feito, existen restos dunha tampa de sarcófago, indubidabelmente aquitana, atopados en escavacións arqueolóxicas realizadas na contorna da catedral[9]. Estes restos consérvanse na actualidade no museo das peregrinacións. A descrición do panteón feita por Ambrosio de Morales indica a presenza no mesmo de tres tumbas descoñecidas "tumbas rasas, que non teñen labor, senón só as Cruces planas"[13] algunha das cales podería ser o sartego desaparecido[14].

Co motivo da celebración do ano xacobeo de 2010 organizouse unha exposición denominada “Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez” para a que foi reconstruída virtualmente a Porta Francíxena e na que é posíbel apreciar a colocación do sartego do conde Raimundo.[15]

Afonso VII e Berenguela[editar | editar a fonte]

Imaxe de Afonso VII no Tombo A de Compostela

Durante os anos seguintes á morte de Raimundo de Borgoña, outros membros da familia real e persoeiros do Reino, atendendo os requirimentos do arcebispo Xelmírez, comprometeron o seu soterramento en Compostela. Así aconteceu con Afonso VII, que no ano 1127, no vinte cabodano da morte do seu pai, prometeu a Xelmírez enterrar os seus restos na catedral, nomeouno Capelán rexio, permitiulle elixir o seu chanceler e fixo diversas doazóns á igrexa compostelá para dotar o seu cabodano[16]. O cabido pola súa parte recibiu o Rei como cóengo e comprometeuse a oficiar as mesmas honras fúnebres outorgadas a seu pai[17].

A promesa de Afonso VII foi reiterada en dúas ocasións máis. No ano 1140, despois da morte de Xelmírez, e con motivo da elección do novo arcebispo compostelán Berenguel I, outorgou un diploma no que dispuxo elixir a Catedral como lugar de descanso eterno, o mesmo lugar no que di “fun purificado na sagrada fonte do bautismo, fun educado desde a nenez, fun armado cabaleiro, recibín o cetro rexio e pola intercesión de cuxo patrón, o santo apóstolo, foime dado o dilatar e engrandecer o meu imperio”[18]. No diploma o emperador estableceu como habían de ser as súas exequias e incluíu nos sufraxios o sepulcro da súa esposa a raíña Berenguela[19].

No 1143 o Rei Afonso reiterou o privilexio outorgado ao novo arcebispo compostelán Pedro Helías, que tivo que facelo efectivo seis anos despois cando viaxou a León para reclamar os restos da falecida emperatriz Berenguela, trasladounos a Santiago e ofreceulles os funerais previamente pactados[20].

Descoñécese o aspecto do sarcófago orixinal de Berenguela. O que se conserva, tal e como acontece co atribuído ao conde Raimundo, é datado polos especialistas nó século XIII[21], neste caso non existen dúbidas sobre a súa atribución pois documentalmente só consta a inhumación na catedral de dúas raíñas, Berenguela e Xoana de Castro, sendo o sepulcro de Xoana claramente identificábel pola epigrafía e a heráldica inscritas no ataúde. O féretro foi colocado xunto ao de Raimundo de Borgoña, no mesmo lugar de honra visíbel para os peregrinos, no cal recibía as homenaxes litúrxicas do cabido compostelán[22].

No ano 1157, finou tamén Afonso VII, o monarca foi sepultado na catedral de Toledo toda vez que o seu cadaleito foi recollido polo seu fillo Sancho, herdeiro dos reinos de Toledo e Castela, o cal preferiu sepultalo na capital relixiosa do seu reino a cumprir a vontade do seu pai[23].

Outros soterramentos[editar | editar a fonte]

Imaxe de Diego Xelmírez no Tombo de Toxosoutos

Outras personalidades relevantes do reino comprometéronse a sepultar os seus restos mortais na catedral compostelá durante o bispado de Diego Xelmírez. Así o fixeron a infanta Sancha, irmá de Afonso VII, e a súa tía Tareixa, condesa de Portugal, non obstante ambas as dúas rematarán soterradas nas catedrais de León e Braga respectivamente[24].

Tamén o conde de Galiza, Pedro Froilaz[25], e a súa esposa, a Condesa Guntronda acordaron con Xelmírez levar a súa sepultura a Compostela. Na última etapa da súa vida asistía o conde os oficios relixiosos da catedral de Mondoñedo, lonxe de Compostela, lugar no que tiña residencia. Xelmírez, probabelmente co pensamento posto na súa herdanza e no histórico preito xurisdicional que mantiña coa diocese de Mondoñedo[26], convenceu ao conde de que tiña que cumprir as súas obrigas relixiosas en Compostela[27].

Na hora da súa morte, no ano 1128, Pedro Froilaz cedeu un enorme patrimonio á catedral para dotar as súas honras fúnebres e as da súa esposa. A lista de igrexas e mosteiros era tan grande que os autores da Historia Compostelá renunciaron a enumeralos todos e o mesmo Xelmírez estimou prudente repartilos entre as dioceses das mesmas zonas das que procedían[28].

O corpo do conde Pedro foi soterrado no cemiterio da catedral de Santiago (hoxe praza da Quintana) nun sarcófago a carón do muro da igrexa, no lugar no que estaba a capela de Santa Cruz. No mesmo lugar foron depositados os féretros da súa muller, Dª Maior Guntronda, no ano seguinte, e do seu fillo Fernando Pérez de Trava no ano 1155[29]. O corpo de Fernando sería posteriormente trasladado ao mosteiro de Sobrado dos Monxes cumprindo a súa vontade[30].

É probábel que o propio Diego Xelmírez fose soterrado na catedral no momento do seu falecemento, do que se descoñece a data concreta. O derradeiro documento que asina data do 24 de xuño de 1139 e a data na que se celebra o seu cabodano é o 15 de xaneiro. Tampouco é coñecida a localización exacta da súa sepultura: para o historiador Antonio López Ferreiro, os seus restos foron depositados no claustro, no ángulo contiguo á catedral, xunto ao lugar no que estaba o tesouro[31]. Manuel Murguía afirma que foi sepultado no cemiterio da catedral, na Quintana, preto da Porta Santa[32]. Ningún dos dous achega as fontes das que obtiveron tal información.

O nacemento do Panteón Real[editar | editar a fonte]

Na hora da súa morte, o emperador Afonso VII, baixo consello do conde galego Fernando Pérez de Traba (aio do seu fillo Fernando[33]) e do conde castelán Manrique Pérez de Lara, dividiu os seus dominios entre os seus fillos, asignou a Sancho Castela e Toledo e a Fernando Galiza e León[34]. A separación do reino castelán polo leste e a consolidación do reino portugués no sur, fixo necesaria a redefinición da imaxe institucional do reino galaico. É neste marco no que a basílica compostelá, xa sen a competencia das históricas catedrais de Braga e Toledo, pasou a converterse na principal sé relixiosa, na que descansaron os restos mortais dos reis e que serviu de vínculo entre a institución monárquica e a súa igrexa[35]. É por isto que, tanto Fernando II como o seu fillo Afonso, amosaron nos seus reinados o máximo interese no engrandecemento da sé compostelá.

Fernando II no Tombo de Toxosoutos

Fernando II[editar | editar a fonte]

O Rei Fernando, xa no seu primeiro ano como monarca, figura na documentación histórica renovando os cargos de Capelán e Chanceler maior dos reis, que outorgara o seu pai ao arcebispo de Compostela e aos seus sucesores[36]. Foi co seu financiamento que o Mestre Mateo comezou os seus traballos na catedral. Mateo tiña asignada unha pensión vitalicia de cen marabedís de ouro “para que a obra contase con mais recursos, e os oficiais traballasen con maior afán e esmero”[37]. No ano 1180, Fernando e o seu fillo Afonso confirmaron, unha vez mais, os dereitos de capelania e chanceleria á igrexa de Compostela, engadindo esta vez a promesa de que tanto eles como os seus sucesores recibirían sepultura na Catedral[38]. O propósito de erixir un panteón dinástico resultaba tan elocuente como deliberado[39].

No ano 1188 , no mesmo mes no que Mateo colocou os linteis da súa obra senlleira, o Pórtico da Gloria[40], faleceu o Rei Fernando na vila de Benavente. O seu fillo Afonso tivo que loitar para conseguir cumprir a vontade do seu pai de soterrarse en Compostela, xa que a viúva Urraca López de Haro, co apoio da coroa castelá[41] e no marco do intento de conseguir coroar rei o seu fillo Sancho, medio irmán de Afonso, ocultou o cadáver e sepultouno noutro lugar[42]. A negativa do irmán de Urraca, Diego López de Haro, a apoiar a revolta[43] fixo que estas intrigas fracasasen e que Afonso, unha vez coroado Rei, puidese trasladar o corpo do seu pai á catedral compostelá tal como estaba previsto. O sepulcro de Fernando foi colocado xunto ao da súa nai Berenguela e ao do seu avó Raimundo de Borgoña[44] no lugar que será posteriormente a capela real[22]. No ano 1195 Afonso fixo unha doazón á igrexa para que esta establecese un cabodano na honra do seu pai[45].

Afonso VIII no Tombo de Toxosoutos

Afonso VIII[editar | editar a fonte]

No mes de Abril de 1211 celebrouse o remate da obra románica da Catedral de Santiago, iniciada no ano 1075, cunha grande cerimonia de consagración presidida polo Rei Afonso VIII e o seu fillo e herdeiro Fernando Afonso[46]. Fernando era froito do matrimonio do rei coa súa curmá Teresa, filla do rei Sancho I de Portugal.

Esta “festa nacional”[47] serviu como inauguración do Pórtico da Gloria, concluído ese mesmo ano de 1211. Foi o momento no que se colocou a imaxe sedente do Apóstolo sobre o Altar Maior do templo[48] e no que o Panteón Real ficou oficialmente institucionalizado na capela denominada hoxe de Santa Catarina. Afonso VIII daba así forma ao proxecto iniciado por Xelmírez e prometido e incumprido polo seu avó Afonso VII. A basílica compostelá daba acollida á necrópole rexia.[49]

Nesta capela, instalada no lado oeste do transepto norte da catedral, contigua á porta francíxena, lugar onde remataba o camiño francés[44], erixiuse un altar na honra de San Lourenzo e estableceuse unha misa diaria pola honra do Rei e todos os seus antecesores[50]. A capela, chamada agora capella dos reis[51], era o lugar no que repousaban os restos mortais do conde Raimundo[9], no que fora depositado o corpo de Berenguela[22] e no que, posibelmente, xa descansase o do rei Fernando II[52]. En agosto de 1214 faleceu tamén o herdeiro do trono Fernando Afonso[53], dun xeito non explicado, con só 22 anos de idade. Deixou a outro fillo de Afonso, Fernando de Castela, como primeiro varón na liña sucesoria. Foi incorporado ao panteón da Catedral de Santiago na presenza do seu pai, nunha solemne cerimonia[54].

Dezaseis anos mais tarde, no 1230, chegou a hora do Rei Afonso. Foi sepultado na igrexa do apóstolo ao lado do seu pai, de tal xeito que sobre o chan da Catedral Compostelá reuníanse nese momento cinco xeracións da dinastía Borgoñona[55].

Decadencia e esquecemento[editar | editar a fonte]

O rei Afonso VIII sempre pensou na unión dos reinos cristiáns peninsulares como unha restauración do imperio do seu avó Afonso VII, con capital na cidade galega de León[56][57][58], e non como unha unión dirixida desde a corte castelá[59]. É por iso que na hora da súa morte, preferiu nomear herdeiras as súas fillas Sancha e Aldonza, irmáns do finado infante Fernando, a entregar o poder ao so seu fillo Fernando, na altura Rei de Castela[60].

A entronización de Sancha e Aldonza supuña unha aproximación económica e política a Portugal, opción conveniente tanto para a burguesía comercial como para a nobreza condal galega. Porén, a xerarquía eclesiástica inclinouse cara o bando de Fernando III “O Santo”, decantando así o conflito ao seu favor e permitindo unha reunificación dos reinos[61][62] que arredou os centros de decisión de Compostela e provocou o esmorecemento do panteón real.

Escudo da Casa de Castro no Livro do Armeiro-Mor.

Xoana de Castro[editar | editar a fonte]

Imaxe do sepulcro de Xoana de Castro

Tivo que pasar mais dun século para que o panteón recibise novamente un sepulcro rexio. No ano 1376 morreu Xoana de Castro, esposa de Pedro I, e os seus restos foron trasladados ao Panteón Real da Catedral. Xoana casou, baixo engano, co Rei Pedro cando este xa estaba desposado con Branca de Borbón, motivo polo cal o casamento durou só unha noite. Este matrimonio foi unha manobra política do Rei Castelán para atraer ao seu bando, na incipiente guerra civil, a poderosa casa de Castro[63]. Unha estratexia similar realizou o bando do medio irmán de Pedro, Henrique II, ao concertar un casamento co irmán de Xoana Fernando Ruiz de Castro[64].

Malia non ser uns esponsais válidos, Xoana conservou o título de raíña até a súa morte, como reflicte o epígrafe do seu sartego: “ AQVI: IAZ:DOÑA:IOANA:DE CASTRO:REINA:DE:CASTELA”[65]

A Casa de Castro, herdeira da casa de Trava e partidaria incansábel da reunificación galego-portuguesa ao longo de todo o século XIV[66], foi a grande nobreza galega da época e os auténticos dirixentes dun reino no cal posuían as máximas titulacións e honras. Un exemplo do cal é a inhumación do pai de Xoana, Pedro Fernández de Castro, no transcoro da Catedral de Santiago, nun panteón feito ex profeso para el[67].

Os Castro uniron o seu destino á causa de Pedro I na guerra civil castelá que o enfrontou a Henrique de Trastamara. A final derrota de Pedro significou tamén a ruína e a extinción da familia nobiliaria. Esta antiga nobreza condal foi substituída por outra de segunda orde e por un fortalecemento do señorío episcopal, unha das causas do período de continuos conflitos do século XV[68].

Deterioración do Panteón. Guerras do século XV[editar | editar a fonte]

Escudo de armas da casa de Rozmital.

Durante os bispados de Rodrigo de Padrón e Berenguel de Landoira realizáronse obras na Catedral Compostelá de xeito que esta foi transformada nunha auténtica fortaleza[69]. Desde alí combateron alternativamente bispos e nobres. O mesmo bispo Berenguel estivo sitiado dentro durante varias semanas á súa chegada a Compostela[70] e a mediados do século XV o Conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio resistiu baixo asedio un ano enteiro[71]. No ano 1465 o aristócrata Bohemio Lev von Rozmital, acompañado por unha delegación de 40 nobres e cabaleiros e 52 cabalos, iniciou unha viaxe por Europa da que foi escrita unha crónica para a posteridade. Na súa viaxe detívose en Compostela para admirar as santas reliquias e atopou a Catedral cercada e asediada[72], a narración da súa viaxe permite exemplificar a magnitude dos conflitos nos que se se veu envolta a Catedral durante este século.

O arcebispo Fonseca II estaba daquela prisioneiro no castelo de Vimianzo e a súa nai Catalina de Fonseca ocupou militarmente a catedral co obxectivo de saquear o tesouro e pagar o rescate. A chegada do exercito de Bernal Eanes de Moscoso, pertegueiro maior da terra de Santiago, fixo que Catalina e as súas hostes tivesen que atrincheirarse dentro da igrexa. Bernal cercou a basílica cun muro e unha palizada de madeira. Pola súa parte os asediados queimaron todas as casas da praza das praterías para quitar refuxio aos atacantes. Diante da importancia do peregrino bohemio, os belixerantes acordaron unha tregua para permitir que este e o seu séquito visitasen o interior da basílica, a cal atoparon chea de cabalos e vacas[73]. Na crónica da viaxe ficou escrito: “unha igrexa grande pero escura e tenebrosa, tomada militarmente”[74].

A catedral compostelá foi convertida durante este período nunha verdadeira zona de guerra, situación que explica os danos que sufridos polo conxunto funerario. É altamente probábel que sexa esta a época na que se perdeu a memoria do sartego de Raimundo de Borgoña, na que se amputou o nariz da escultura funeraria pertencente ao rei Fernando II[74] e na que foron espoliadas as arcas orixinais dos sepulcros[75]. Estas arcas tumularias desaparecidas, a única orixinal é a de Xoana de Castro, deberon ser similares á do sepulcro de Cotolay [76] do Convento de San Francisco, cuxa factura pode relacionarse co taller do mestre Mateo ou a do xacente de Pombeiro[77], obra derivada das estatuas compostelás[78].

Plano da catedral en 1909. A capela de Santa Catarina (14) era a situación orixinal do Panteón Real, sendo trasladado en 1535 á capela das reliquias (28).

Traslado á Capela das Reliquias[editar | editar a fonte]

As sepulturas establecidas no Panteón Real foron trasladadas no ano 1535 a unha localización dentro da catedral que a mentalidade da época considerou “máis decente”[79]. O lugar elixido foi un espazo na parte sur da Catedral, anteriormente asignado ao Cabido. A nova capela rexia herdou o nome da súa predecesora xunto cos sepulcros, pasando a denominarse tamén “capella dos reis”[79].

O traslado foi recollido na crónica que no ano 1572 realizou o historiador Ambrosio de Morales da súa viaxe de estudo polo noroeste peninsular: “porque ocupaban e afeaban alí a igrexa, e tampouco era lugar moi honroso, o emperador que está no ceo, dou licenza para que se pasasen á capela do cabido que chaman agora dos reis”[13].

Durante os anos seguintes a capela foi utilizada para as reunións do capítulo. As actas das reunións eran sempre encabezadas sinalando a capela dos reis como sala capitular : “Na capela dos reis lugar capitular desta sta. igrexa”[80] No momento do referido traslado, a memoria sobre a que membros da familia real correspondía cada sartego xa estaba perdida[81] toda vez que as inscricións sepulcrais desapareceran durante os conflitivos séculos precedentes.

Na súa visita de 1572 Ambrosio expresouno así: “as sepulturas non teñen títulos ningúns, mais enténdese ser dos Reis xa ditos, por terse entendido e conservado así por tradición de uns a outros”[13], do que deduce que naquel ano a atribución das sepulturas era xa outorgada como consecuencia da tradición oral.

O historiador cordobés só pode dar noticia certa sobre a inhumación de Fernando II e Afonso VIII na Catedral por dispor de documentación que así o certifica, aínda que non adxudica ningún dos túmulos a un ou a outro monarca. A súa crónica deixa entrever o estado de desleixo e abandono no que se encontraba o conxunto funerario: “os reis non están ben alí, por estar atallados cuns escanos de sentar. E se en lugar de aqueles escanos tivesen unha reixa, que fixese capela por aquel pouco do capítulo, estaría ben, eu xa o dixen, mais importa pouco eu dicilo”[13]

Retablo da Capela das Reliquias, obra de Maximino Magariños, escultor do sartego de Pedro Froilaz.

Reforma do século XVII[editar | editar a fonte]

Arredor do ano 1600 remodelouse arquitectonicamente a capela, construíndose un conxunto de arcosolios baixo os que se encontran atualmente os sartegos[82], e no ano 1617 foron trasladas as reliquias do templo á renovada capela, que perdeu deste xeito a súa función capitular. Para albergar as reliquias encargouse un retablo que foi rematado no ano 1633 e no ano 1641 rematouse a reforma e redactouse un documento detallando todo o proceso de traslado[83].

Durante esta reforma procedeuse tamén a pintar unha serie de epitafios sobre os sepulcros que confundiron as atribucións dos sartegos até os nosos días, intercambiando as atribucións das sepulturas de Fernando II e Afonso VIII[84] e asignando a Raimundo de Borgoña a correspondente ao infante Fernando Afonso[12]. É posíbel que o autor das inscricións sepulcrais sexa a mesma persoa que redactou o documento que refire o proceso de traslado das reliquias[85].

Os epitafios, que chegaron ao noso século[86], menciónanse por vez primeira no ano 1645 na obra “Teatro Eclesiástico De Las Iglesias Metropolitanas Y Catedrales” do cronista Gil González Davila[87].

As similitudes intertextuais levan a pensar que a adxudicación das sepulturas baseouse nunha pasaxe do Chronicon Mundi de Lucas de Tui no que se informa de que Fernando II foi sepultado xunto aos túmulos do seu avó e a súa nai. No epitafio da sepultura de Afonso VIII pode intuírse tamén unha paráfrase do mesmo texto do Tudense. Este texto de Lucas de Tui, falecido no 1249, refírese á situación anterior do panteón xunto á porta da Acibechería, non á capela das reliquias onde estaban xa os sepulcros no momento da realización das inscricións[85].

A análise estilística realizada polo profesor Serafín Moralejo no ano 1974 demostrou que a estatua tradicionalmente atribuída a Afonso VIII é datábel arredor do ano 1210 e a que o epigrafado asignou a Fernando II do 1230, ano da morte de Afonso VIII[88]. Posteriormente, noutro traballo de 1990, argumentou que o sepulcro que se supuña pertencía a Raimundo de Borgoña era na realidade o correspondente a Fernando Afonso[12]. A razoábel argumentación do profesor Moralejo é na actualidade asumida por outros estudosos da historia da arte[89] e considerada como a mais probábel polos biógrafos do conde Raimundo de Borgoña[90].

Brasón dos Trava

Incorporación da sepultura de Pedro Froilaz[editar | editar a fonte]

No ano 1921 produciuse un incendio na Catedral durante o cal foi destruído o retablo do século XVII que custodiaba as reliquias do templo. O cabido encargou a fabricación dun novo retablo ao tallista compostelán Maximino Magariños. Unha vez rematado este traballo, no ano 1926, encargóuselle tamén a factura dun sartego co cal incorporar os restos de Pedro Froilaz de Trava ao panteón real.

Pedro Froilaz, conde de Galiza[25], Trastámara[91] e Trava[92] entre outras titulacións[93], foi sepultado no cemiterio da Catedral, no soar que hoxe ocupa a capela do marqués de Santa Cruz (tamén coñecida como de Mondragón). Posteriormente pasou á capela das Reliquias e arredor do ano 1900 o seu féretro foi trasladado á capela de San Salvador. Durante este último desprazamento foi examinado o interior do sarcófago atopándose dentro restos de roupas de estilo oriental[94].

O ataúde de Pedro Froilaz foi a derradeira adición ao Panteón Real.

Sepulcros funerarios[editar | editar a fonte]

Sepulcro de Afonso VIII
Sepulcro da emperatriz Berenguela

Durante o período de goberno de Afonso VIII foron esculpidas catro das seis estatuas que actualmente compoñen o panteón. Afonso solicitou o túmulo do seu pai Fernando II, a renovación do da súa avoa Berenguela, encargou outro túmulo para o seu fillo Fernando Afonso e, en última instancia, o seu propio sepulcro[95][96]. Posteriormente incorporaríase ao panteón a sepultura da Raíña Xoana de Castro e xa no século XX a efixie de Pedro Froilaz de Trava.

As estatuas dos reis Fernando e Afonso, así como a do infante Fernando, presentan figura de xacente durmido. O defunto vólvese cara ao espectador de ollos fechados, coa man dereita e o extremo do manto baixo a meixela e a esquerda no ventre. Este tipo de escultura funeraria carece de antecedentes na arte medieval, os precedentes mais próximos remóntanse ao século II, na época imperial romana[97], o que permite especular coa posibilidade dunha inspiración directa a partir dun modelo accesíbel polo autor, ou coa dedución das estatuas mediante exemplos dispoñíbeis na iconografía[98].

A análise estilística realizada polo profesor Serafín Moralejo invita a intercambiar a atribución tradicional das efixies sepulcrais dos reis Fernando II e Afonso VIII, baseadas en epitafios establecidos de xeito arbitrario no século XVII e que tamén adxudican a escultura do infante Fernando ao seu tataravó Raimundo[84]. As arcas e epitafios orixinais das sepulturas desapareceron, e xa non se encontraban presentes na visita ao panteón que o cronista Ambrosio de Morales realizou no ano 1572: "As esculturas non teñen títulos ningúns"[13].

Sepulcro de Fernando II. Rei de Galiza

Fernando II[editar | editar a fonte]

O sartego do Rei Fernando preséntase no momento do sono[99], ataviado con túnica e manto. A man esquerda loce un anel e repousa sobre o ventre, a man dereita coloca o manto baixo a cabeza. A escultura amosa un traballo minucioso do rostro do monarca, con barba coidada e cabelos cinxidos por unha coroa con xemas. Desaparecida a arca orixinal, móstrase sobre a pedra lisa carente de inscrición algunha. Foi atribuída tradicionalmente ao seu fillo Afonso VIII debido aos epitafios incorporados no século XVII e a posuír un aspecto aparentemente máis moderno[100]

Ten unha aparencia próxima aos mellores momentos do taller do mestre Mateo, recordando a escultura presente no Pórtico da Gloria e presentando grandes concordancias estilísticas coas efixies que decoran o coro pétreo e mesmo coa figura do rei presente no Tombo A[101]. É probábel que sexa o prototipo que inspirou as imaxes de Fernando Afonso e Afonso VIII, xa máis afastadas do estilo mateíno[102]. Estímase a súa factura como próxima ao ano 1210, polo que resulta plausíbel que no momento da consagración da catedral no 1211 xa estivese disposta para incorporarse ao panteón real[96]. Ademais da desaparición da arca e epigrafiado orixinal, a estatua sufriu danos na cabeza, o que fixo necesaria unha, desafortunada, restauración do seu nariz.[42][103]

Fernando Afonso

Fernando Afonso[editar | editar a fonte]

O sepulcro do infante Fernando Afonso, soterrado na catedral no 1214 [104], preséntase como dormente[99], a semellanza dos pertencentes ao seu pai e ao seu avó. Descansa a súa cabeza sobre a esquina do manto que sostén a man dereita. A man esquerda, sen anel, descansa no ventre. A súa túnica é curta, por enriba dos nocellos, o que permite apreciar unhas esporas que o identifican como cabaleiro. É datado polos estudosos arredor do 1220 e para o profesor Moralejo ten “unha máis sobria e prosaica presentación, en aparato e indumentaria” e “un oficio máis austero e limitado” que a estatua precedente de Fernando II[105]. Os trazos faciais do xacente deixan entrever unha “vontade por diferenciar” e está “descrito coa minucia do familiar”[106], apreciándose unha preocupación do artista pola obtención dunha estatua fiel ao modelo orixinal[11].

Debido aos epitafios do século XVII, a estatua asignouse tradicionalmente ao conde Raimundo de Borgoña, se ben a carencia de insignias propias da condición condal, as diferenzas coa representación do conde no Tombo A, os cambios na indumentaria, peiteado, a carencia de barba e os mais de cen anos que median entre a súa morte e a escultura, levan a descartar tal opción[12].

Berenguela of Barcelona.jpg

Raíña Berenguela[editar | editar a fonte]

O sarcófago da Raíña Berenguela foi renovado por encargo do seu neto Afonso VIII para a súa inclusión no Panteón Real. Fabricado en rocha granítica preséntase hoxe sobre un altar de pedra lisa, carente da iconografía orixinal. A escultura, ataviada ao estilo provenzal, cobre a cabeza cunha crespina sobre a que se coloca a coroa. O corpo porta brial, pelote e un manto que a dama suxeita coas mans[107]. O pelote e a crespina son vestimentas xeneralizadas no primeiro cuarto do século XIII[108], dato que xunto ás referencias históricas e a unha factura artística xa moi afastada do estilo do taller do mestre Mateo[109] invitan a datar a escultura arredor do ano 1230.

A sepultura, manufacturada oito décadas despois do óbito da emperatriz, aparece sensibelmente idealizada, aludindo á grande beleza da que sempre tivo sona Berenguela. No século XVIII o clérigo Henrique Flórez describiu así a tumba: “represéntase moza (...) pero moi bonita: de sorte que naquela terra, cando queren ponderar a que se prende con esmero para parecer ben, é adaxio o dicir que está feita unha Berenguela”[110].

Tomb of Afonso VIII de Galicia León (Capela das Reliquias da catedral de Santiago de Compostela).jpg

Afonso VIII[editar | editar a fonte]

A estatua xacente que representa o Rei Afonso VIII móstrase sobre a pedra espida, sen epigrafía nin heráldica que a identifique. A cabeza é presentada con barba, o cabelo rizo cinxido pola coroa rexia e presenta a familiar figura dormente[99], coa man dereita aproximando o manto ao rostro e a esquerda, anelada, sobre o ventre.

A colocación do corpo é menos recostada que a das outras dúas estatuas dormentes do panteón. Nesta o pano non chega a tocar a cara, Serafín Moralejo observa nela “rixidez, esmagamento e tendencia á redución gráfica”[111]. Por similitudes con outros sepulcros e pola súa situación no evoluír da arte da escola do mestre Mateo, estima a súa fabricación arredor do ano 1230[102], o mesmo ano no que faleceu o monarca.

A escultura foi realizada copiando a imaxe do modelo vivo, polo que debe representar fielmente a aparencia física do Rei Afonso[95].

Sepulcro de la reina Juana de Castro, segunda esposa de Pedro I el Cruel, rey de Castilla y León (Catedral de Santiago de Compostela).jpg

Xoana de Castro[editar | editar a fonte]

Mais dun século despois da última incorporación ao panteón, xa nun período histórico totalmente diferente, sepúltase na Catedral o corpo da raíña Xoana de Castro esposa de Pedro I rei de Castela, León, Toledo e Galiza[112]. Finada no ano 1374, Xoana pertenceu á casa de Castro, a derradeira gran familia da nobreza galega e principal sostén do Rei Pedro na súa guerra con Henrique de Trastámara.

No sepulcro, o corpo da raíña cóbrese cun longo manto que suxeita coas mans. A cabeza apóiase sobre unha almofada, ataviada cun veo sobre o cal coloca a coroa real.

A caixa de pedra do sarcófago mostra no frontal o brasón da casa de Castro alternando cos de Castela e de León e no medio Cristo Xuíz. Se exceptuamos o sepulcro de Pedro Froilaz, de recente factura, é o único sepulcro que conserva a inscrición orixinal[113]. Ambrosio de Morales describe así a sepultura no ano 1572: “ A primeira é de muller esculpida, moza, fermosa e moi galanamente ataviada :ten Coroa de Raíña na Cabeza, e di o seu Epitafio : ,,Aqui yace D. Juana de Castro Reyna de Castella, que se ,,finou no mes de Agosto Era MCCCCXII”[13]

Pedro Froilaz de Trava.jpg

Pedro Froilaz de Trava[editar | editar a fonte]

Os restos de Pedro Froilaz de Trava, Conde de Galiza[25], foron sepultados no cemiterio da Catedral de Compostela no ano 1128. Estes restos sepulcrais pasaron ao interior do templo e foron colocados en diferentes capelas ao longo dos séculos seguintes[94] . No ano 1926, por decisión do cabido, foron incorporados ao Panteón nun sarcófago obra do escultor compostelán Maximino Magariños.

A escultura, na liña historicista do romanticismo medieval, leva gravada sobre o peitoral as sete cruces do escudo de Galiza e na tea, onde repousa a cabeza, un escudo con cáliz e coroa. Simboloxía que desnaturaliza o conxunto por ser inexistente no século XII. Representa o guerreiro Pedro Froilaz, nos últimos anos da súa vida, ataviado para a batalla con casco, manoplas de ferro e esporas de cabaleiro. As súas mans sosteñen a espada e a cruz, e aos seus pés repousa un can,[114] símbolo clásico da fidelidade. Fidelidade como a que sempre mantivo o conde cara ao seu protexido Afonso VII, polo cal librou unha guerra e ao que coroou Rei na Catedral compostelá en 1111.

O Panteón na actualidade[editar | editar a fonte]

O panteón real foi un lugar oculto e case esquecido durante moitos anos no interior da Catedral de Compostela, foi reaberto ao público no ano 2003 após unha campaña social da Asociación Cultural O Galo. No ano 2007, esta agrupación galeguista comezou a fomentar o coñecemento do espazo funerario mediante a distribución de publicacións[115] e a organización de visitas guiadas[116], ademais de reclamar que se velase polo seu estado de conservación[117].

Malia a esta preocupación do activismo cultural, o panteón continúa a ser un lugar pouco promocionado e no que se subministra o visitante informacións imprecisas. Por exemplo, os letreiros dos sepulcros refírense aos monarcas soterrados no panteón como reis exclusivamente de León[118], adoptando deste xeito a perspectiva historiográfica españolista que nega a existencia dun reino galego na época.

Estes carteis informativos manteñen ademais as atribucións dos sartegos herdadas do século XVII cuestionadas na atualidade polos especialistas na historia da arte[12][97][102].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Tenentes do Condado de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa (1065-1109)". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 29/06/2018. 
  2. López Ferreiro 1900, pp. 295-298.
  3. Flórez, Henrique (1765). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España XX. 
  4. Moralejo Álvarez 1974. p. 350.
  5. Castiñeiras, Manuel (2011). "La Porta Francigena: una encrucijada en el nacimiento del gran portal románico". Anales de historia del arte. Volume extraordinario (2): 97. ISSN 0214-6452. 
  6. Castiñeiras, Manuel (2013). "Jaca, Toulouse, Conques y Roma: las huellas de los viajes de Diego Gelmírez en el arte románico" (PDF). Publicacións Dixitais. Consello da cultura galega: 256. 
  7. Puente Míguez, Jose Antonio (2002). Estudios sobre patrimonio artístico: homenaje del departamento de Historia del Arte y de la Facultad de Geografía e Historia de la Universidad de Santiago de Compostela a la Prof. Dra. Ma. del Socorro Ortega Romero. Xunta de Galicia. pp. 83–95. ISBN 8445333402. 
  8. Leiros Fernández, Eladio (1970). "Los tres libros de aniversarios de la catedral de Santiago de Compostela". Compostellanum 15: 179–254. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Moralejo Álvarez 1990, p. 163.
  10. "L'enfeu des Comtes". Lieux Sacrés (en francés). Consultado o 01/06/2018. 
  11. 11,0 11,1 Chamoso Lamas 1979. p. 503.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Moralejo Álvarez 1990, pp. 160-180.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 Flórez, Henrique (1765). Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias. pp. 126–127. 
  14. Moralejo Álvarez 1990. p. 174.
  15. MagnetoStudio (2010). Porta Francigena de la Catedral de Santiago de Compostela. 
  16. López Ferreiro 1901. p. 135.
  17. Lucas Álvarez 1997. pp. 245–247.
  18. López Ferreiro 1901. pp. 223-224.
  19. Lucas Álvarez 1997. pp. 261-267. “de mei corporis et mee coniugis sepultura, quod prefate ecclesie concedo sepeliendum”
  20. López Ferreiro 1901. pp. 238-239.
  21. Chamoso Lamas 1979. pp. 505-507.
  22. 22,0 22,1 22,2 García González 2013. p. 979
  23. López Ferreiro 1901. p. 267.
  24. López Ferreiro 1901. p. 136.
  25. 25,0 25,1 25,2 "Táboa de tenentes de condado de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa (1109-1157)". Xenealoxias do Ortegal. Consultado o 26/07/2018. 
  26. Armesto, Victoria 1969. p. 174.
  27. López Ferreiro 1901. pp. 136-138.
  28. Chamoso Lamas 1979. p. 513.
  29. López Ferreiro, Antonio (1885). Don Afonso VII, Rei de Galiza, e o seu aio o Conde de Traba. Toxosoutos. p. 160. ISBN 84-96673-01-4. 
  30. López Ferreiro 1901. p. 269.
  31. López Ferreiro 1901. pp. 218-219.
  32. Armesto, Victoria 1969. p. 238.
  33. López Ferreiro 1901. p. 268.
  34. López Carreira 2008. pp. 385-386.
  35. Sánchez Ameijeiras, Rocío (2008). Alfonso IX e a súa época: pro utilitate regni mei. (VV.AA). Concello da Coruña. pp. 308–309. ISBN 978-84-95600-58-5. 
  36. López Ferreiro 1901. Apendice XXVII. p. 72.
  37. López Ferreiro 1901. p. 285.
  38. Lucas Álvarez 1997. pp. 307-309.
  39. Boto Varela 2012. p. 543.
  40. Moralejo Álvarez, Serafín (1988). El 1 de abril de 1188. Marco histórico y contexto litúrgico en la obra del Pórtico de la Gloria. (PDF). El Pórtico de la Gloria. Música, arte y pensamiento (Universidade de Compostela). ISBN 978-84-9887-814-1. 
  41. Martínez Santamarta 2012. p. 125.
  42. 42,0 42,1 López Ferreiro 1901. p. 349.
  43. Núñez Rodríguez 1999. p. 120.
  44. 44,0 44,1 Moralejo Álvarez 1990. p. 165.
  45. González Balasch, María Teresa (2004). Tumbo B de la Catedral de Santiago. Edicións do Castro. p. 983. ISBN 9788484851707. 
  46. González González 1944. Tomo II pp. 366-368. “… me ipso cum filio meo infante domno Fernando”
  47. López Ferreiro 1902. p. 54.
  48. López Ferreiro 1902. p. 58.
  49. Núñez Rodríguez, Manuel (2008). Alfonso IX e a súa época: pro utilitate regni mei. (VV.AA). Concello da Coruña. p. 383. ISBN 978-84-95600-58-5. 
  50. López Ferreiro 1902. p. 61.
  51. García González 2013. p. 984
  52. González González 1944. Tomo I. pp. 420-422. “in loco ubi pater meus rex dominus Fernandus bone memorie sepultus est”
  53. Moralejo Álvarez 1990. p. 172.
  54. Martínez Santamarta 2012. p. 425.
  55. Boto Varela 2012. p. 553.
  56. Conde, Jose Antonio (1844). Historia de la dominación de los árabes en España. p. 406. Medina Leionis capital de Galicia 
  57. Sáez, Emilio (1969). Colección documental del Archivo de la Catedral de león (775-1230):I (785-952). Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro". in Legione de Galletia 
  58. Risco, Manuel (1784). España Sagrada. p. 429. in civitate quae vocatur Legio, territorio Gallecie 
  59. Moralejo Álvarez 1990. p. 173.
  60. Flórez, Henrique (1770). Memorias de las Reynas Catholicas. pp. 340–341. 
  61. Armesto, Victoria 1969. pp. 289-290
  62. López Carreira 2008. pp. 394-395.
  63. Armesto, Victoria 1969. p. 320.
  64. López Ferreiro 1903. p. 146
  65. Chamoso Lamas 1979. p. 517.
  66. López Carreira 2008. p. 401.
  67. López Ferreiro 1903. p. 123.
  68. López Carreira 2008. pp. 414-415
  69. Armesto, Victoria 1969. p. 299.
  70. Armesto, Victoria 1969. p. 301.
  71. Armesto, Victoria 1969. p. 388.
  72. Letts, Malcolm (2010). The Travels of Leo of Rozmital, 1465-1467 (en inglés). The Hakluyt Society. ISBN 9781409414742. 
  73. Armesto, Victoria 1969. p. 390-392.
  74. 74,0 74,1 Núñez Rodríguez 1999. pp. 129-130.
  75. Chamoso Lamas, Manuel (1961). "La escultura funeraria en la Catedral de Santiago hasta 1500". Cuadernos de Estudios Gallegos (50): 266. ISSN 0210-847X. 
  76. Imaxe do sepulcro de Cotolay
  77. Imaxe do sepulcro do xacente de Pombeiro
  78. Moralejo Álvarez 1974. p. 406.
  79. 79,0 79,1 López Ferreiro 1905. p. 371.
  80. López Ferreiro 1905. apéndice LII.
  81. García González 2013. p. 987.
  82. García Iglesias, Xose Manuel (1990). A catedral de Santiago e o barroco. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. p. 104. ISBN 8485665201. 
  83. López Ferreiro, Antonio (1909). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela. XI. Seminario Conciliar Central. Adiciones II. 
  84. 84,0 84,1 Moralejo Álvarez 1974. pp. 362-365.
  85. 85,0 85,1 Moralejo Álvarez 1990. p. 162.
  86. Moralejo Álvarez 1990. p. 161.
  87. González Davila, Gil (1645). Teatro eclesiástico de las iglesias metropolitanas y catedrales. 
  88. Moralejo Álvarez 1974. pp. 336-365.
  89. Yzquierdo Perrín, Ramón (1993). La Catedral de Santiago de Compostela. Patrimonio Histórico Gallego. Xuntanza. pp. 247–249. ISBN 84-86614-69-4. 
  90. Barón Faraldo, Andrés (2017). Raimundo de Borgoña, conde de galicia. Política y relaciones de poder en el occidente penínsular (1093-1107). Glyphos Publicaciones. pp. 377–382. ISBN 978-84-945386-8-1. 
  91. "Tenentes do condado Trastámara baixo a monarquía galaico-leonesa (1109-1157)". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 28/06/2018. 
  92. "Tenencias do condado de Traba na monarquía galaico-leonesa". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 28/06/2018. 
  93. "Xenealoxía da liñaxe Trava". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 26/06/2018. 
  94. 94,0 94,1 López Ferreiro 1901. p. 138.
  95. 95,0 95,1 Martínez Santamarta 2012. p. 675.
  96. 96,0 96,1 Boto Varela 2012. p. 547.
  97. 97,0 97,1 "El sueño de la muerte. El caso gallego.". somnus.parvuluspuer.com. Consultado o 05/06/2018. 
  98. Moralejo Álvarez 1975. pp. 17-18.
  99. 99,0 99,1 99,2 "El sueño de la muerte. Representaciones de durmientes en la escultura funeraria.". somnus.parvuluspuer.com/. Consultado o 06/06/2018. 
  100. Moralejo Álvarez 1990. p. 166.
  101. Moralejo Álvarez 1975. p. 19.
  102. 102,0 102,1 102,2 Moralejo Álvarez 1974. pp. 363-364
  103. Imaxe do nariz restaurado
  104. González González 1944. Tomo I. pp. 154-155.
  105. Moralejo Álvarez 1990. p.169.
  106. Moralejo Álvarez 1990. p. 170.
  107. Pinaki Studios. Reprodución da Vestimenta das estatuas do Panteón Real. 
  108. Chamoso Lamas 1979. p. 507
  109. Moralejo Álvarez 1974. p. 364.
  110. Flórez, Henrique (1770). Memorias de las Reynas Catholicas. p. 290. 
  111. Moralejo Álvarez 1990. p. 167.
  112. "The titles of the European Rulers". web.archive.org/web/20031107045736/www.geocities.com/eurprin/castile.html. Consultado o 08/06/2018. 
  113. Chamoso Lamas 1979. p. 519.
  114. Imaxe do can do sepulcro
  115. "O Galo pide que o Panteón Real sexa promocionado". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 03/07/2018. 
  116. "visita ao panteón real de galiza na catedral de santiago de compostela". ogalo.gal. Consultado o 26/06/2018. 
  117. "O panteón da Catedral de Santiago oculta o Reino da Galiza". sermosgaliza.gal. Consultado o 26/06/2018. 
  118. "Por que os Reis de Galicia son nomeados como Reyes de León e non de Galicia?". Historia de Galicia. Consultado o 26/06/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Vídeos externos
Historias de Galicia: Lingua de Reis, lingua do pobo (Minuto 5:50) TVG
Porta Francíxena da Catedral - 3D MagnetoStudio.
Reprodución da vestimenta Pinaki Studios.