Concordia de Benavente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa político da Península Ibérica a comezos do século XIII.

A concordia de Benavente de 1230 foi un acordo asinado tras a morte de Afonso VIII de León e Galicia, entre a súa primeira exmuller, Tareixa de Portugal e a súa segunda exmuller, Berenguela de Castela, mediante o cal a súa primeira esposa renunciaba aos dereitos que as súas fillas Sancha e Aldonza tiñan ao trono do Reino de León, en virtude do testamento do seu pai, en favor do seu medio irmán o rei de Castela Fernando, fillo de Afonso e da súa segunda esposa.[1]

Contexto[editar | editar a fonte]

O rei Afonso VIII de León e Galicia casara en 1190 con Tareixa de Portugal, coa que tivo tres fillos: Fernando (morto en 1214), Sancha e Aldonza.[2] [3] Este matrimonio foi disolvido polo papa Celestino III, dada a consanguinidade dos cónxuxes, pois ambos os dous eran netos dos reis de Portugal Afonso Herniques e Mafalda.[4]

Tareixa ingresou nun convento e Afonso VIII volveu casar en 1197 con Berenguela de Castela, filla do rei de Castela Afonso VIII, con quen tivo outros cinco fillos: Leonor, Constanza, Fernando, Afonso e Berenguela. Este novo matrimonio tamén foi anulado polo papa Inocencio III polo mesmo motivo de parentesco, xa que Afonso VIII de León e Galicia e Afonso VIII de Castela eran primos, por seren ambos os dous netos de Afonso VII de Galicia, León, Castela e Toledo, o Emperador, e Berenguela de Barcelona.[4]

Cando en 1214 faleceu Afonso VIII de Castela, sucedeuno seu fillo Henrique, que morreu accidentalmente tres anos despois sen descendencia, e o trono de Castela foi ocupado por Fernando, neto de Afonso VIII e fillo de Berenguela e de Afonso de León. As relacións entre León e Castela non foron todo o pacíficas que deberían, tendo en conta que ambos os reis eran pai e fillo e, cando en 1230 morreu Afonso VIII, deixou disposto no seu testamento que o seu reino debería pasar ás fillas do seu primeiro matrimonio, Sancha e Aldonza, a pesar de que anteriormente se comprometera a deixar como seu sucesor a Fernando.[5] [6]

O reino de León dividiuse en dous bandos opostos: os partidarios de que ascendese ao trono a Fernando, que contaban co apoio do reino de Castela, e os de outorgaren a coroa a Sancha e Aldonza, que tiñan o apoio da Orde de Santiago, a cal recibira do rei Afonso o lugar de Castrotorafe co compromiso de que apoiase ás infantas. Estas ascenderon ao trono co apoio da nobreza, pero o clero e a aristocracia opuxéronse, xa que preferían que os reinos de León e Castela se reunificasen baixo o rei Fernando. Fernando reclamou os dereitos que dicía ter pola súa condición de fillo do segundo matrimonio, dereitos que confirmou o papa Homorio III en 1218. Mentres as infantas foron recibidas como soberanas en Zamora, Fernando entrou en Toro, con apoio de parte do episcopado leonés.[1]

O tratado[editar | editar a fonte]

Ante a inminencia dunha guerra entre ambos os dous partidos, as dúas ex-esposas de Afonso, Tareixa e Berenguela, entrevistáronse en Valencia de Don Juan,[7] buscando unha solución pacífica para a cuestión sucesoria.

A concordia foi asinada en Benavente o 11 de decembro de 1230. Segundo as condicións do acordo, as infantas renunciarían aos seus dereitos ao trono de León e, a cambio, a cada unha delas se lle asignarían de por vida unha ducia de señoríos polos que percibirían unha renda anual de 15 000 marabedís,[8] que serían reducidos a 10 000 en caso de entraren en relixión e suspendidos en caso de matrimonio.[9][10]

Poucos días despois Fernando foi coroado rei de León, unindo así definitivamente os reinos de León e Castela na Coroa de Castela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rodríguez López 1994, p. 118.
  2. Casa de Ivrea-genealogy Arquivado 09 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
  3. Fernandes Marques 2008, p. 62.
  4. 4,0 4,1 Reis de Castela en Medieval Lands (en inglés).
  5. Rodríguez López 1994, pp. 117-118.
  6. Gorosterratzu, Javier: Don Rodrigo Jiménez de Rada, gran estadista, escritor y prelado, cap. XV.
  7. Enrique Flórez, nas Memorias de las reynas catholicas, vol. I, páx. 346, sitúa a reunión en Valença do Minho.
  8. Algúns autores indican 15 000 dobras de ouro ou ducados. Segundo Eduardo Fuentes Ganzo: Moneda y crédito en el Reino de León (1000-1500) debían ser marabedís de a setenta diñeiros, que era a moeda corrente na época.
  9. Rodrigo Jiménez de Rada: De rebus hispaniae, cap. CCXXXI.
  10. Andrés Marcos Burriel: Memorias para la vida del santo rey Don Fernando III Arquivado 17 de xuño de 2008 en Wayback Machine., capítulos XXVII ao XXX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez Palenzuela, Vicente Ángel (2007): Historia de España de la Edad Media. Barcelona: Ariel. ISBN 84-3446-668-6.
  • Álvarez Palenzuela, Vicente Ángel (2007): Historia de España de la Edad Media. Barcelona: Ariel. ISBN 84-3446-668-6.
  • Carriedo Tejedo, Manuel e Carlos Estepa Díez (1997): Historia de León, Volumen II. El Reino de León en la Edad Media. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-578-2.
  • Cavero Domínguez, Gregoria (2001): Colección documental del Monasterio de San Esteban de Nogales (1149–1498), León: Centro de Estudios e investigación "San Isidoro". ISBN 84-8766-748-1.
  • Cuevas Aller, Joaquín (2007): Historia de Asturias y León. El nacimiento de España. León: Trobajo del Camino. ISBN 978-84-6120-822-7.
  • Fernandes Marques, Maria Alegria (2008): Estudos sobre a Ordem de Cister em Portugal. Coimbra: Estudos da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra. ISBN 97-2772-019-6.
  • González, Julio (1944): Alfonso IX. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 84-8766-707-4.
  • López Carreira, A. e Fernández Cal, T. (2003): Os reis de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-9620-327-1.
  • Martínez Díez, Gonzalo (2007): Alfonso VIII, rey de Castilla y Toledo (1158-1214). Gijón: Ediciones Trea. ISBN 978-84-9704-327-4.
  • Rábade Obradó, María del Pilar; Eloísa Ramírez Vaquero e Juan F. Utrilla Utrilla (2005): Historia de España. Vol. 7. La dinámica política. Madrid: Ediciones Akal.
  • Rodrigues Oliveira, Ana (2010): Rainhas medievais de Portugal. Dezassete mulheres, duas dinastias, quatro séculos de História. Lisboa: A esfera dos livros. ISBN 978-98-9626-261-7.
  • Rodríguez López, Ana (1994): La consolidación territorial de la monarquía feudal castellana: expansión y fronteras durante el reinado de Fernando III. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 84-0007-444-0.
  • Serrano, Secundino, dir. (1991): Enciclopedia de León. Volumen I. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-574-X.
  • Serrano, Secundino, dir. (1991): Enciclopedia de León. Volumen II. León: La Crónica de León. ISBN 84-9205-575-8.
  • Shadis, Miriam (2010). Berenguela of Castile (1180–1246) and Political Women in the High Middle Ages. Londres: Palgrave Macmillan. ISBN 978-0-3122-3473-7.
  • VV.AA. (1996): Reyes de León. León: EDILESA. ISBN 84-8012-135-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]