Henrique I de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Henrique I de Castela
Enrique I de Castilla.jpg
Nacemento14 de abril de 1204
 Valladolid
Falecemento6 de xuño de 1217
 Palencia
SoterradoMosteiro de las Huelgas
NacionalidadeReino de Castela
Relixióncatolicismo
Ocupacióngobernante
PaiAfonso VIII de Castela
NaiLeonor Plantagenet
CónxuxeMafalda de Portugal
IrmánsBranca de Castela, Leonor de Castela, Berenguela de Castela, Urraca de Castela, Sancho de Castilla, Sancha de Castilla, Mafalda de Castilla, Ferdinand of Castile e Constanza de Castilla
editar datos en Wikidata ]

Henrique I de Castela, nado en Valladolid o 14 de abril de 1204 e finado en Palencia o 6 de xuño de 1217, chamado tamén Henrique de Borgoña, foi rei de Castela[1] entre 1214 e 1217.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo menor de Afonso VIII e de Leonor de Plantagenet, accedeu ó trono con dez anos ó morrer os seus seis irmáns homes. A súa minoría de idade supuxo a apertura dun período de rexencia de 24 días por parte da súa nai. Trala súa morte asumiu a rexencia a súa irmá maior, Berenguela, que residía na corte castelá trala anulación do seu matrimonio con Afonso IX de León polo papa Inocencio III en 1204.

A rexencia de Berenguela foi contestada pola familia Lara, nobres casteláns que xa se destacaran polas súas intrigas durante a minoría de idade de Afonso VIII. Encabezados polo conde Álvaro Núñez de Lara, negaban a oportunidade de que unha muller se fixese cargo da rexencia do reino, empuxando a Berenguela a renunciar á rexencia para evitar os mesmos conflitos que caracterizaron os primeiros anos do reinado do seu pai Afonso VIII.

A tutela do conde de Lara produciu desavinzas entre a nobreza castelá, que temía o enorme poder que con ela obtiñan os Lara, que desde un primeiro momento manobraron para consolidar a súa posición concertando en 1215 o matrimonio de Henrique coa infanta Mafalda de Portugal, filla do rei Sancho I. O matrimonio nunca foi consumado e acabou sendo anulado ó ano seguinte por Inocencio III, debido ó grao de parentesco entre eles.

Isto motivou ó conde Álvaro Núñez de Lara a concertar un novo matrimonio de Henrique con Sancha, filla de Afonso IX, co que se pretendía unir os reinos de Castela-Toledo e Galiza-León e apartar da liña sucesoria dos dous reinos a Fernando, fillo de Berenguela e do propio rei galego-leonés.

Porén, antes de celebrar os esponsais, Henrique I faleceu en Palencia de forma accidental, ó caer sobre el unha tella desprendida dunha das torres do pazo episcopal de Palencia, onde xogaba con outros nenos.

Á súa morte apareceu un problema sucesorio. Elixida Berenguela, irmá de Henrique e esposa de Afonso IX, como reina en 1217, renunciou en favor do seu fillo, o herdeiro dos reinos de Galiza e León Fernando III o Santo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A titulación completa era Rex Castelle et Toleti (Rei de Castela e Toledo)
Reino de Castela

Segue a:
Afonso VIII de Castela
Henrique I de Castela
Precede a:
Berenguela de León e Castela
Borgoña