Riós
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Riós | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.414 (2023) (12,36 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 114,44 km² | ||||
Altitude | 809 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Eva María Barrio López | ||||
Eleccións municipais en Riós | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32071 | ||||
Páxina web | concelloderios.info… | ||||
Riós[1] (á espera da oficialización da forma O Riós)[2] é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 1684 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é orriolense.[3]
Xeografía
[editar | editar a fonte]O termo municipal ten 114,4 km², e está situado nun espazo de transición entre as terras altas situadas ao oeste e as do val do río Támega. Entre estas alturas, sobresaen polo sur os cumios da Serra de Penas Libres (Vilardevós) e polo norte os da Serra Seca (A Gudiña). O terreo é ondulado. Mestúranse unha sucesión de vales fluviais e lombeiros, cunha altitude media duns 600–800 m. Lousas e pelitas, con algunha banda de cuarcítica, son os materiais que compoñen o substrato litolóxico. Nos seus lindeiros destacan as maiores alturas que están localizadas na Urdiñeira (1 148 m) cara ao norte, Castelo da Pena (941 m) e Alto das Ferrerías (924 m) no suroeste. Marxeando con Vilardevós, completan o territorio varias aliñacións de lombas de oeste a leste con alturas que non pasan dos mil metros: As Touzas (943 m), Porto dos Bois (868 m), Xermil (930 m) e As Canelas (731 m).
En Riós son innumerables os ríos. Polo seu volume de auga destacan o río Mente, o Arzoá e o Marcelín. Os tres forman parte da conca fluvial do río Douro, despois de traspasar a raia con Portugal. Un contexto singular, orográfico e hidrográfico, outrora ben definido por Ramón Otero Pedrayo:[Cómpre referencia] "O río Mente sinala unhas mainas encostas e un comén de chaira de soutos e bos labramios que a estrada xeral cruza polas Vendas da Barreira, no imperio de formas descidas da Pena Cofre e aínda valentes na indefrenza e vaguedá da montaña que se fai serra. O lombos de Santa Baia e Progos determinan ao Riós pola banda de Verín. Fumaces, xa na encosta desde Verín, enxerga os releves de Riós que polo rumbo das augas devalan n'a terra portuguesa de Vilariño, e teñen relación cas terras de Vilardevós e a serra de Penas Libres, ista xa unha “leboreirida” ben crara. Os pobos principais de Riós –Castrelo da Cima, Castrelo de Baixo, Flor do Rei Novo, acaroado da parroquia centrosa do val, Maialde, Berrande, Soutochán– envólvense en soutelos e algunhas viñas e disfroitan de larganza pastoral. Son illós ou costelaciós xeórxicas no mundo do pastor…"
O seu clima é oceánico de montaña, aínda que con algún matiz mediterráneo. As temperaturas medias que se rexistran aquí sitúanse ao redor dos 10 °C. Os invernos adoitan a ser fríos, con mínimas por baixo de cero en moitas ocasións, e os veráns quentes, con temperaturas máximas superiores aos 35 °C. Na estación invernal son frecuentes as xeadas e as precipitacións roldan os 1 200 mm, con nevaradas nas zonas de maior altura. Na zona de Riós e das Vendas da Barreira son habituais os bancos de brétema. Xunto coa neve, estas brétemas adoitan causar cortes no tránsito pola autovía A-52 que atravesa o concello.
Entre a súa flora destaca o castiñeiro. É doado atopar exemplares centenarios. A toponimia constata a presenza desta árbore en lugares como A Pena do Souto, O Souto na Chaira, O Souto en Marcelín; ou paraxes como O Souto Tameirón en Riós, Os Soutos da Arzá con castiñeiros centenarios, O Souto Grande onde se facía antigamente a festa de Riós, O Souto en Castrelo de Cima, O Souto Barato en Pena do Souto, O Souto no Navallo, O Souto e O Souto de Miñambres en Progo, O Souto do Concello en Vilariño das Touzas, O Souto das Chairas en Florderrei, o Souto do Civil en Romariz. No escudo heráldico municipal loce un frondoso castiñeiro.
As touzas e devesas de carballos proliferan e tamén medran aquí outras especies de matogueira como a uz, a xesta, o piorno, a carqueixa e outras variedades propias de ribeira.
Hai variedades de fauna que teñen aquí un hábitat propicio para o seu desenvolvemento. Mamíferos, aves, réptiles e outros animais de menor tamaño teñen quedado, como exemplo da súa presenza aquí, estereotipados na toponimia local; así, entre outros, hai A Aguieira, O Val de Quiebros, O Pozo do Lobo, A Cigoña, A Pala de Osa ou Val de Corzas en Castrelo de Abaixo; A Fraga da Raposa, O Val da Culebra, As Raposeiras, O Foxo (trampa para cazar lobos), O Val da Abelleira ou O Raposo en Castrelo de Cima; Os Miotos en San Pedro de Trasverea, O Palomar e A Fraga Bicheira en San Paio; o Val da Culebra e As Raposeiras en Covelas; A Lavandeira en Mourisco; Val de Porquerías e O Niño do Gaio na Trepa; Penacorveira e A Azureira no Navallo; O Foxo Vello en Pedroso; O Val das Lebres en Progo, Os Campos da Zorra en Vilariño das Touzas, Os Ichós e A Viña da Bicha en Marcelín, As Corvaceiras en Riós, A Abelleira e O Palomar nas Vendas da Barreira, o Val do Cuco e Os Bubales na Chaira…
Existe un couto de caza que tamén se estende ao monte de Sanguñedo e á Veiga de Nostre. Nel hai presenza de pezas de caza maior e menor: corzo, xabaril, coello, lebre ou perdiz, entre outros. O número de socios rolda os douscentos. A Asociación de Pescadores Río Mente reúne os afeccionados á pesca no concello.
Á parte das especies propias da zona meridional de Galicia no concello existen varias especies de flora, como a aciñeira (Quercus ilex ssp. rotundifolia), o terebinto (Pistacia terebinthus) e o pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum). Na fauna destacan o abelleiro (Merops apiaster), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), o gaio azul (Coracias garrulus) e a osga (Tarentola mauritanica-), particularmente escasas. Porén, o máis interesante da zona é o seu inmenso bosque de frondosas, carballos, castiñeiros e piñeiros que ocupa a meirande parte da superficie do concello, así como os seus vales e paisaxes naturais que na zona lindante de Portugal teñen a categoría de parque natural.
Distancias
[editar | editar a fonte]Distancia á cidade de Ourense:
- dende As Vendas da Barreira: 80 quilómetros
- dende Riós: 82 quilómetros
Organización territorial
[editar | editar a fonte]Malia ser lugar de paso obrigado dende tempos históricos, o interior do Concello está mal comunicado a través de pistas, unhas veces asfaltadas, outras simplemente abertas no monte. Dise que preto da aldea de Trasestrada pasaba unha calzada romana. Seguramente o facía pola próxima aldea das Vendas da Barreira, lugar polo que transcorren actualmente a N-525 e a autovía A-52, vías de entrada á Galicia sur. O nome das Vendas alude probablemente á parada de postas que existiría cando polo lugar pasaba o camiño real.
Económica e administrativamente, Riós sempre dependeu do Concello de Verín (dista apenas uns 20 quilómetros) e, en menor medida, da Gudiña (tamén a uns 20 quilómetros), onde para o tren. Xa dende a Idade Media, Riós formaba parte da xurisdición de Souto Bermudo no señorío de Monterrei (Verín).
Malia limitar con Portugal, apenas existe constancia de intercambio cos territorios portugueses próximos, seguramente debido a que a fronteira nestes lugares é bastante abrupta e chea de cavorcos. Deberon existir tales intercambios e mesmo trasegos de poboación, mais o único que pervive na memoria dos paisanos é o abondoso contrabando que se facía polos carrouchos raianos de a cabalo de burros e asnos. Tradicionalmente consistía, segundo os relatos orais, en alixos de café, azucre, teas e gando (vacún, ovino e cabalar). Logo da Guerra civil española ampliouse a materias tan escasas daquela como o pan, a fariña, o cemento ou o plástico en obleas.
Demografía
[editar | editar a fonte]Aínda que o seu territorio é bastante extenso (uns 112 km²), conta cunha poboación moi baixa: apenas 1 684 persoas segundo o censo do ano 2014 (2 132 en 2002). Porén, esta poboación está moi avellentada por mor dunha intensa emigración cara a Alemaña, Francia, Suíza, o Brasil e a Arxentina e cara a Madrid, Bilbao, Barcelona e Vigo en España. A densidade da poboación é moi baixa (de feito, linda cos territorios máis despoboados de Galicia) e o número de habitantes está en retroceso. A poboación atópase espallada ao longo do seu vasto territorio en pequenas aldeas e lugares, que oscilan entre os trinta e os cinco veciños. Só a aldea de Riós é un pouco máis grande.
Censo Total (Habitantes) | 1 684 (2014) |
Menores de 15 anos | 84 (4,99%) |
Entre 15 e 64 anos | 879 (52,2%) |
Maiores de 65 anos | 721 (42,81%) |
Evolución da poboación de Riós Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4 664 | 4 966 | 5 169 | 5 008 | 2 097 | ||||||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía humana
[editar | editar a fonte]Son trinta e cinco os núcleos habitados repartidos nas oito parroquias que ten o concello de Riós, entre aldeas, casaríos ou pequenos barrios vinculados a lugares de máis relevancia. A maioría son aldeas de estrutura compacta, dominando terras de cultivo e pradarías, de rúas estreitas e con construcións tradicionais, con adegas e cortes para os animais na parte baixa e as estancias da vivenda no andar superior. Pola contra, non faltan tamén os núcleos que naceron e medraron a carón de vías de comunicación e que de primeiras comezaron sendo simples mesóns, pousadas ou vendas. Lugares como As Vendas da Barreira, Trasverea, Trasestrada, San Pedro de Pousada etc, e topónimos como O Mesón dos Caracos na Trepa, A Venda da Mar e A Parada en Fumaces son reveladores en canto á súa vinculación cos camiños.
Neste contexto de núcleos situados en zonas máis ou menos illadas e montañosas e a carón das modernas estradas, viven o conxunto dos habitantes cos que conta o concello, que actualmente (2006) apenas supera os 2 000 habitantes. Cómpre dicir que o padrón municipal vén decrecendo nos últimos anos. No ano 1900 Riós tiña 4 664 habitantes; 4 979 en 1920; 5 504 en 1940; 5 169 en 1950; 5 143 en 1960; 4 669 en 1970; 4 056 en 1981; 2 520 en 1991 e 2 132 en 2001. A tendencia xeral experimenta un crecemento progresivo a comezos do século XX ata a década de 1940, momento en que comeza un período de perda ininterrompida de poboación, debido ás consecuencias da emigración cara ao resto de España e outros países.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros poboadores do territorio do actual concello de Riós (tamén coñecido nas fontes como O Riós, Orriós ou País do Riós[Cómpre referencia]), foron os interamnios, que pertencían ao conxunto dos pobos interamnenses, termo que alude á presenza de ríos que "intermedian". Este pobo é un dos que figuran na inscrición da ponte romana de Chaves, coñecido como Padrón dos pobos, xunto cos tamaganos, bibalos e límicos, todos eles estendidos pola zona meridional de Galicia.
Dende o medievo a vila foi lugar de paso dunha vía de peregrinación xacobea importante, a Ruta da Prata. Penetraba vindo do reino de Castela ata Santiago de Compostela.
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Riós integráronse na xurisdición de Souto Bermudo, señorío do conde de Monterrei. Ao ser un territorio fronteirizo entre España e Portugal sufriu os avatares das relacións entre ámbolos dous países. En 1569, os exércitos portugueses atravesaron o territorio seguindo a Ruta da Prata e chegaron ata A Gudiña antes de seren expulsados.
A proclamación da Constitución española de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Riós e Castrelos. En 1823 Fernando VII derogou a Constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación da municipalidade produciuse en 1835 cando xurdiu o concello de Riós, que abarca os antigos de Riós e Castrelos.
Economía
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente foi un territorio agrícola e gandeiro, dependente do Val de Verín (ao que os lugareños se refiren aínda hoxe coma o "Valle").
As súas principais producións eran a pataca, o millo, a castaña (son abondosos os castiñeiros e a castaña da zona é merecidamente famosa), a forraxe para pastos e, en menor medida, o trigo e a cebada. Nas beiras dos ríos Lamas e Mente, cultivábase o liño, cuxa produción decaeu ata desaparecer na década dos anos 1950. Modernamente, introduciuse a recolleita de cogomelos.
A gandaría tradicional tamén era practicada, destacando o vacún, o porcina e aviar e, en menor medida, a cabalar, e a caprina. As vacas e bois eran, como en toda Galicia, aproveitados como forza de traballo, para a produción de carne e secundariamente de leite e manteiga. O porco era e segue sendo a base da alimentación humana. As ovellas tiveron unha forte presenza nos montes de Riós, principalmente coma explotación cárnica e, en menor contía, lanar. Entre os anos 1950 e os primeiros anos 1960, esta armentía foi eliminada e desapareceu. Si continuou a crianza de cabuxas especialmente polo seu leite (o leite de vaca só foi abondoso e barato a partir dos anos 1970) e pola carne dos cabuxiños. Habitualmente, unha familia de labregos en Riós posuía, a partir da redención dos foros en 1929, de tres ou catro vacas, unha ou dúas cabuxas, galiñas e polos, un ou dous porcos e media ducia de coellos.
Nos últimos anos, polo despoboamento e polo avellentamento, a agricultura e a gandaría atópanse en notable retroceso. As explotacións, coma en moitos outros lugares, tecnificáronse aínda que debido ao seu tamaño (por debaixo da media galega) dificulta a súa rendibilidade a longo prazo. Recentemente introduciuse no municipio un proxecto ecolóxico para a recuperación da vaca de raza vianesa.
Existen algunhas explotacións leiteiras pero o seu pequeno tamaño non lles agoira demasiado futuro de continuar as condicións actuais. Deste modo, unha gran parte da actividade económica de Riós recae actualmente na recolleita da castaña. De feito, na aldea da Trasestrada, no lugar da Igrexa, existe un Centro de Interpretación da Castaña, financiado pola Unión Europea. Porén, o cultivo da castaña viuse nos últimos anos afectado por diversas pragas que decimaron a poboación de castiñeiros. Ademais, moitas destas árbores son verdadeiramente centenarias (algunhas delas seguramente milenarias) e só na época recente se realizaron plantacións de castiñeiros que poidan suplantar as árbores que previsiblemente irán morrendo a medio prazo.
Tamén se observa un lixeiro aumento das actividades apícolas e da recolección de cogomelos mentres as leiras tradicionais de millo (acosadas polo xabarín), de patacas (só sementadas para o autoconsumo) e de trigo (cuxa explotación non puido ser mecanizada polo abrupto do terreo) están sendo deixadas a poula. Algunhas plantacións de eucaliptos e sobre todo de amieiros, nos lameiros ao pé dos ríos, apareceron nos últimos anos. Asemade, o prezo medio das terras caeu en picado e moitos dos seus donos téñenas abandonadas ou arrendadas ós poucos que aínda continúan os antigos xeitos de labranza.
Aínda que o concello foi repoboado con piñeiros polo ICONA durante a década dos anos 1950, non parece que o sector forestal vaia acadar un importante desenvolvemento nos vindeiros anos. É preocupante a introdución de eucaliptos cuxos rendementos forestais son menores ós do piñeiro por mor da altitude e das xeadas invernais. Tamén se introduciu o amieiro. Non obstante, a caída no prezo desta madeira non agoira beneficios para quen os sementou.
As principais vías de comunicación son a autovía A-52 (Vigo-Benavente), a estrada N-525 (Zamora-Santiago de Compostela) e outras de menor entidade que descorren enlazando distintos núcleos de poboación espallados polo interior do concello.
Cultura
[editar | editar a fonte]Toponimia
[editar | editar a fonte]Actualmente o nomenclátor de Galicia trae rexistrado Riós como nome do concello e da súa capitalidade. En documentos medievais, este nome aparece documentado noutras formas como O Riós, Ríos ou Os Ríos. Na primeira metade do século X, nun documento do mosteiro de Celanova, aparece rexistrado como Orriolos; Villaurriola (capitalidade) no 1031[Cómpre referencia]; Urriós en 1466[Cómpre referencia]; Orriós no Catastro de Ensenada (a mediados do século XVIII); Orriós por 1763. Por 1777 Pedro González de Ulloa[Cómpre referencia] cita “Jurisdicción del Riós” e tamén “Montañas del Riós”, aínda que se ve Orriós no ano 1845 na cartografía de Fontana[Cómpre referencia] e tamén en 1851 en documentos eclesiásticos[Cómpre referencia].
Fernando Cabeza Quiles (1992:398) deixa constancia da posible procedencia do diminutivo latino “riviolos” (ríos pequenos) e outros autores[quen?] tamén constatan a mesma opinión. Pola contra tampouco se desbota[quen?] a posible procedencia do topónimo dunha raíz prerromana Orr-[Cómpre referencia] que significa “alturas, cumes” ou “vales entre montes”; en base ás formas antigas que se documentan sobre o topónimo: Urriola, Orriolos, Urriós, Orriós, en semellanza ou parecido a outros localizados en Ourense, en Galicia, en Seabra ou no veciño Portugal, como Orras (Val de Orras), Urros, Urrós, Urroa, Orra, Orro, Orros, Órrea, Trasorras (Castroverde, Lugo), Valdorros (Burgos), Urrieta (Sanabria) ou con Orreta que na veciña zona portuguesa de Trás-os-Montes é palabra con significado de “val entre montañas”[Cómpre referencia] e con Urreta (Vimioso), que tamén se refire a “val ou monte con moitos vales”[Cómpre referencia]. Arrieta, Urieta, Ourreta, Orreta, son nomes duns trinta pequenos vales entre Portugal e Zamora, e a palabra debe querer significar[Cómpre referencia] o mesmo en Valdurro (Asturias) ou Valdorria (provincia de León).
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa de Santa María de Riós, barroca do século XVIII, terminouse de construír en 1718. Esta igrexa ergueuse sendo abade Antonio Ramos Moscoso. Tamén cómpre mencionar as igrexas parroquiais de Santa María de Castrelo de Abaixo, a de Santa María de Castrelo de Cima, a de San Miguel na parroquia de Progo e a igrexa de Santo Estevo en Trasestrada. Outra construción que pode resultar interesante, tamén de carácter relixioso, é o cruceiro de Santa María con peto de ánimas.
Tamén posúe especial relevancia a antiga ponte situada no lugar chamado O Mente, que atravesa o río do mesmo nome e que data do século XVIII, aínda que actualmente as autoridades municipais non consideran oportuno restaurala para a súa visita. Cerca desta antiga ponte atópase outra máis recente de comezos do século XX, e entrámbalas dúas aínda pode observarse que no seu tempo houbo outra aínda máis antiga. Coa chegada dos accesos a Castela, construíuse un grande viaduto, que á súa vez se viu superado por outro de meirandes dimensións ao realizarse as obras de autoestrada A52, quedando desta forma as catro pontes xuntas.
Algúns castros están repartidos polo territorio aínda que case ningún está en condicións de ser visitado con facilidade, como "A cavanca dos mouros" en Castrelo de Abaixo.
Na aldea da Silva consérvase un antigo muíño de auga, recentemente restaurado e habilitado para o turismo.
Símbolos
[editar | editar a fonte]O escudo actual do concello data do 14 de xullo de 2000, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia a proposta do propio concello, segundo o que se recollen tres alusións representativas da realidade —ou peculiaridade— física e do propio pasado histórico das terras que hoxe o conforman. Sobre fondo dourado dúas ondas de azur, que evocan o topónimo de Riós, e o castiñeiro ao natural, que é a especie arbórea predominante dentro do termo municipal, no que a riqueza forestal é por outra banda moi importante. A inclusión da consabida cadea dos Zúñiga en cor dourada e bordeada de sable, disposta en orla, permite perpetur o recordo —como xa o fixeron outros concellos da contorna— da súa vinculación histórica á gran Casa de Monterrei, circunstancia que, neste caso, adquire unha significación máis especial, posto que aquí poden localizarse os núcleos orixinarios dos seus extensos patrimonios galegos. Ao timbre, coroa real pechada.[4]
Etnografía
[editar | editar a fonte]Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]A festividade máis importante do concello de Riós é o 15 de agosto, celébrase na igrexa de Santa María de Riós.
As festas que máis sobresaen son as de san Cristovo celebradas o 25 de xullo e o san Roque na capital municipal o 16 de agosto. Pero, sen dúbida, a celebración máis importante é a romaría da Nosa Señora das Dores, que se fai o 15 de setembro na parroquia de Fumaces e A Trepa, declarado día non laborable no termo municipal.
Na aldea de Castrelo de Cima celébrase a festa da Queimada en setembro, en honra da Virxe dos Remedios. Existía un entroido tradicional con máscaras e traxes típicos ("vellarróns") en Castrelo de Cima e na Veiga do Seixo, aínda que desapareceron hai varias décadas. Actualmente o concello de Riós patrocina a recuperación destes traxes no marco do entroido da comarca de Verín.
Estes traxes de entroido levan unha careta de cartón duro, onde resalta un afiado nariz con bigote e barba feitos de la de ovella de cor negra; cellas mestas; dentadura branca e unhas grandes orellas de papel. O traxe leva unha camisa de algodón con lazos de once cores e un calzón con flocos das mesmas cores. Os complementos son un pano branco, faixa, botas, pololos e un pau.
A diferenza principal entre o traxe de Castrelo de Cima e o da Veiga consiste en que no primeiro caso o traxe levaba tiras de tea mentres que no segundo as tiras eran de papel.
Nos últimos anos en outono celébrase en Riós a "Festa da castaña e do cogomelo" para poñer en valor os produtos gastronómicos da zona.
Hai feira os días 2 e 26 de cada mes en Riós.
Parroquias
[editar | editar a fonte]
Lugares de Riós
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Riós vexa: Lugares de Riós.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nomenclátor de Galicia
- ↑ "O Seminario de Onomástica responde: A cuestión do artigo do topónimo O Riós". Toponimia de Galicia.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 57. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Decreto 207/2000, do 21 de xullo, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Riós (Ourense)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Riós |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lois Foxo, X.: Cancioneiro das Terras do Riós, Vol. I. Deputación Provincial de Ourense, 2007.
- Otero Pedrayo, R.: Historia de Galiza, Ed. Nós, 1962.
- Dasairas Valsa, X.: Crónicas rexiomontanas, Mancomunidade de Concellos da Comarca de Monterrei, 1999.
- Dasairas Valsa, X.: O Entroido en Terras de Monterrrei. Edicións do Cumio, 1990.
- González de Ulloa, P.: Descripción de los Estados de la Casa de Monterrey en Galicia (1777). CEG, anexo IV 1950
- Cabeza Quiles, F.: Os Nomes de Lugar. Ed. Xerais, 1992.